|
Non se pode ser solidario só de palabra, hai que contribuír abonando as cotas Aproveitamos que acaba o ano para lembrarlle a aqueles socios que aínda non abonaron a cota correspondente ao 2006, que teñen este mes para facelo. As cotas son o compromiso mínimo que asumen as nosas entidades asociadas, e sen elas non poderiamos levar adiante os proxectos que ano a ano van creando lazos de cooperación e solidariedade con outras comunidades do Sur. Pórse ao día no pago das cotas é, polo tanto, fundamental para o bo funcionamento da nosa cooperación.
Co comezo do último mes deste ano, chegou ao seu fin a campaña de sensibilización que protagonizou o Plan de Sensibilización 2006. Con voces de aquí e de alá, o Fondo Galego, leva meses esforzándose para que os Obxectivos do Milenio conten cada día con máis voces que reclamen o seu necesario cumprimento, e, deste xeito, sumar o mundo local galego ás correntes internacionais que puxan por un desenvolvemento humano xusto, xeneralizado e sostible. A Reviravolta polo Desenvolvemento Como Obriga Común, que tivo lugar o pasado venres 1 de decembro no Concello de Vigo, veu a pór o punto final ás sucesivas actividades que este ano xiraron ao redor de cada un dos Obxectivos do Milenio, abordando o último deles, que á súa vez é requisito indispensable para o cumprimento dos anteriores: fomentar unha alianza mundial polo desenvolvemento. Guiado polas preguntas de Jesús Portela, subdirector do Faro de Vigo, Rafael Grasa, experto en cooperación ao desenvolvemento, explicounos como o empobrecemento ten causas estruturais que se deben afrontar globalmente. A axuda ao desenvolvemento é iso, axuda, pero pouco resolve senón vai acompañada de reformas estruturais en temas clave como son o comercio, o mercado internacional, a xestión das finanzas internacionais… e o noso propio modelo de consumo, que ten moito de insostible. O acto contou coa presenza do Concello de Vigo, a través de Marta Iglesias, concelleira de Benestar e Participación Cidadá, que tomou a palabra para inaugurar a charla.
Por terceiro ano consecutivo, o Fondo Galego, en colaboración coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior, convocou as III Xornadas Anuais de Cooperación, baixo o título “Un modelo para a cooperación galega”. En Santiago, o día 22 de novembro, tiveron lugar as tres mesas que vertebraron as xornadas: unha sobre desenvolvemento rural, outra sobre desenvolvemento pesqueiro, e unha terceira sobre a xestión do medio ambiente e as implicacións da sostenibilidade. Representantes de distintos sectores, institucións, sindicatos, ONGDs, universidades… abordaron os tres temas cun enfoque plural e variado, aínda que sempre coincidindo na importancia estratéxica que teñen ditos sectores á hora de falar de desenvolvemento. As conclusións das III Xornadas de Cooperación poden lerse na páxina web www.igadi.org.
O Servizo de Orientación en Solidariedade Internacional comeza a dar os seus froitos seis meses despois de botar a andar. A través de múltiples encontros o SOSI serviu para incrementar o número de apoios do Fondo Galego de cooperación e Solidariedade á ombreira dos 100 socios. Entre outros concellos, está previsto que, en breve, presenten formalmente a adhesión: Malpica, Carnota, Dumbría, Teo, Camariñas, Vedra, Vilaboa, Lalín, Silleda, e As Neves, así como a Mancomunidade de Celanova no seu conxunto.
Tatiana Rubio, representante da ONGD peruana Tierra de Niños e responsable do proxecto de turismo solidario que financia o Fondo Galego na convocatoria 2006, visita Galicia do 4 ao 15 de decembro. Durante ese tempo, contaremos coa súa presenza nalgunhas actividades e visitas a concellos socios. Con estas visitas, queremos coñecer de primeira man as realidades do Sur, así como as intervencións en materia de desenvolvemento nas que participa o Fondo Galego. Baixo o lema: “Un neno, un mozo, un proxecto de vida…”, Tierra de Niños ten por obxectivo promover e fortalecer a autonomía e o protagonismo social dende e cos nenos, nenas e mozos en relación a outros actores sociais, para artellar procesos de empoderamento local que inflúan nas políticas públicas a favor da infancia e a xuventude das poboacións máis pobres de Perú. O proxecto, financiado polo Fondo Galego na convocatoria do 2006, ten as seguintes características: Proxecto: Turismo solidario, un xeito innovador e creativo de promover o emprego xuvenil e a identidade local. ONGD: Tierra de Niños. Orzamento: 41.687,85 euros. Cantidade solicitada ao Fondo: 41.688. Cantidade aportada polo Fondo: 31.688. Resumo: Artellar os procesos educativos locais para o fortalecemento da identidade cultural dos/as nenas/os e dos/as mozos/as dos distritos. Valorar a historia e a orixe das comunidades integrantes do circuíto turístico, afortalar as organizacións locais, agrupacións xuvenís, artesáns… nos mecanismos de xeración de emprego e xestión turística. Sector: Capacitación-Educación e Cultura. Necesidades estratéxicas.
• María López Avendaño, educadora social do Concello de Neda, técnica da Rede Municipalista Solidaria, participa o día 11 de decembro nas Xornadas sobre Voluntariado e Cooperación no IES de Carral. • O Fondo Galego participa na mesa redonda “Mirando ao mundo”, incluída na semana Vedra Solidaria, que terá lugar o próximo 29 de decembro ás 20:00 horas no Concello de Vedra. Vedra Solidaria contará tamén coa exposición do Fondo Galego sobre os Obxectivos do Milenio. • Exposición Afogados no deserto. Para denunciar a situación do pobo saharauí, a Coordinadora Galega de ONGDs conta con esta exposición que percorrerá varias cidades galegas:
• Xornadas de (e)inmigración e comunicación. No Club Internacional de Prensa os vindeiros días 12, 13 e 14 de decembro. • Actos Conmemorativos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. No salón de actos do IES Rosalía de Castro en Santiago o 12, 13 e 14 de decembro. Organiza a Iniciativa polos Dereitos Humanos.
|
||||||||
|
|
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 09/12/2006 |
||||||||
|
||||||||