Un observatorio exterior para Galicia

Igadi na Rede 

Volver a TitularesVolver a Acción exterior
   
   

Introducción

Desde numerosos ámbitos se coincide ó sinalar que as expectativas de futuro da economía galega dependen, en grande medida, dunha eficaz inserción nos mercados exteriores. Sen embargo, por condicionantes diversos, desa consideración non se derivaron ata hoxe máis que puntuais e dispersas actuacións, predominando as de carácter defensivo, sectorial e/ou localista, principal e case única resposta ás reiteradas situacións de crise.

Nos últimos anos, o crecemento das exportacións galegas moderouse considerablemente (14,5% en 1994 fronte a un 54% en 1993). Por outra banda, nada indica que estén en vía de superación as súas principais condicionantes estructurais e crónicas (escasa significación no conxunto do Estado; alto grado de especialización da oferta exportadora; gran concentración na área xeográfica de destino). Permanece pois a delicadeza e dependencia da estructura do sector exterior da economía de Galicia. Diríase máis: fronte á constatación dalgúns elementos de esperanza, numerosos factores apuntan á exacerbación desas características.

Certo que, ultimamente, multiplicaronse as iniciativas. O ICEX, as Cámaras de Comercio, o IGAPE, todos estableceron programas de apoio á internacionalización ós que se adican importantes recursos. Con relativo éxito e desigual seguemento, sucédense as convocatorias para dar a coñecer novos mercados exteriores.

Pero con independencia da mais ou menos afortunada coordenación, programación ou preparación destas actividades, compre sinalar que unha política sostida de inserción nos mercados exteriores non pode artellarse dende unha perspectiva exclusivamente económica; debe ter en conta necesariamente outras variables. Por iso resulta indispensable arbitrar mecanismos institucionais que permitan obter e configurar unha visión de conxunto, unha visión de país. As carencias neste sentido son tan evidentes como dramáticas.

O estoupido do "conflicto do fletán", por exemplo,  evidenciou, entre outras moitas, as seguintes carencias: en primeiro lugar, o gran descoñecemento da sociedade canadiana, da súa evolución e configuración económica, política e social; en segundo lugar, a inexistencia de pontes, de contactos e vencellos que nos permitisen exercer algún tipo de diálogo directo e mesmo presión, con un maior peso específico; e final e consecuentemente tamén, a imperiosa necesidade dunha profunda modernización e actualización de certas prácticas empresariais e políticas para poder afrontar determinados conflictos con mellores expectativas e mesmo evitalos.

Desafortunadamente esas carencias son moi xeneralizadas: ¿que grado de conocemento teñen os nosos empresarios, poñamos por caso, sobre a maior parte dos países e mercados nos que actúan? ¿Portugal, Taiwán, Xapón, Namibia, Marrocos, etc? ¿de qué espacios dispoñen para conocer e contrastar outras impresións e para transversabilizar información?. Dende o punto de vista institucional o desequilibrio é notorio: por outra banda, escasamente se ten producido un acompañamento suficiente das orientacións económicas; e, por outra banda, a dimensión económica expresase como secundaria en iniciativas orixinaria e basicamente institucionais. ¿En que medida podemos estar satisfeitos da rendabilidade de proxectos supranacionais coma o Eixe ou o Arco Atlántico? ¿Contamos con claves suficientemente identificadas e obxectivadas como para que isas iniciativas, determinantes en moitos aspectos do noso futuro, podan ser plenamente proxectadas?.

Certo é que a maior parte do comercio exterior de Galicia desenvolvese no contexto comunitario (78.94% en 1994), máis presente e próximo. Ademáis, practicamente unha soa empresa (Citroen) desempeña un papel extremadamente decisivo, tanto dende o punto de vista cuantitativo (40.74% do total das exportacións efectuadas en 1994) coma cualitativo. A nosa vulnerabilidade neste aspecto é certamente dramática. Aminorar esa dependencia é un obxectivo estratéxico fundamental incuestionable, pero ademais deberiamos considerar as necesidades exteriores doutras empresas e sectores básicos da nosa estructura productiva, aínda que porcentualmente a súa significación actual sexa comparativamente menor.


Dinámicas de información e estratexias de internacionalización

Dispoñer de información é fundamental e a falta de información (peneirada e ultimada en función dos intereses estratéxico-decisivos da nosa colectividade ou dalgún sector concreto) constitúe unha gravísima tara que pesará cada vez máis sobre o noso futuro. Unha información que asemade debería orientarse noutra dirección, na de dilucidar qué imaxe de nós mesmos desexamos promover nun determinado contexto exterior. Trataríase polo tanto non só de ser consumidor/tratador de información, senón igualmente axente activo, parte integrante dese mundo dinámico.

A maiores, a inevitable mundialización da economía, a necesidade de internacionalizar a nosa empresa, a búsqueda en definitiva de novos mercados, esixe desenvolver con carácter permanente actuacións como:

a) A definición daqueles países que deben ser obxecto de especial seguimento en función da importancia estratéxica dos seus mercados (dimensión potencial) ou dos vencellos económicos que actualmente nos liguen a eles (dimensión real),  determinados sempre a partir das propias dimensións dos nosos sectores productivos. Debemos crear "Antenas" de observación que realicen unha avaliación permanente destas cuestións.

A nivel de Estado realizanse estudios e análises de grande interese e calidade pero non sempre idóneos para satisfacer a plenitude os intereses da economía galega. E, parellamente, é inevitable que algunhas cuestións, menores para o conxunto pero mais decisivas para esta periferia, pasen desapercibidas como consecuencia da amplitude dese enfoque. Compre por iso estimular seriamente unha política de estudios e a realización de programas de investigación que combinen a iniciativa de parte e a iniciativa "de oficio". Desta maneira conseguiremos facilitar a consecución de dous obxectivos básicos: 1) mellorar substancialmente a visibilidade do entorno exterior; 2) facilitar a adopción de decisións a tódolos axentes sociais e políticos.

b) O desenvolvemento de liñas de actuación (tácticas e estratéxicas) diversas e plurais (institucionais, empresariais, culturais e educativas, sindicais, asociativas, etc) que permitan a formación de amplos tecidos de relacións e mesmo "lobbys" respecto dos principais centros de poder. No ámbito estrictamente económico implicaría tamén aproveitar e orientar as potencialidades diversas da nosa economía e coordenalas cara un mesmo obxectivo.

Un exemplo: se efectivamente Galicia exporta a Taiwán un 40.6% do total de granito en bruto ou un 31.5% de fletán (cifras correspondentes ó exercicio de 1994), ¿por qué non realizar estudios de complementariedade das nosas economías para viabilizar outros intercambios tanto con ise país como a nivel de conxunto da área xeográfica -extremadamente dinámica- de que forma parte?.

É doadamente comprensible a sensatez e oportunidade de semellante orientación. Pero esa política de promoción non debería limitarse ó ámbito exclusivo da economía. Novamente, actuando sobre o caso concreto citado, compriría advertir duas dimensións complementarias:

  • unha de cara adentro: ¿somos os galegos coñecedores e conscientes da importancia de Taiwán para un sector capital como é o granito?. Os medios de comunicación implantados en Galicia deben estar á altura das esixencias que este reto plantexa.

  • vocacionadas cara o exterior, multiples son as preguntas a respostar: ¿algunha universidade de Galicia mantén relacións coa Universidade de Taipei?, ¿teñen os sindicatos galegos relacións cos sindicatos de Taiwán?, ¿que vencellos existen no mundo asociativo e cultural? ¿cal é o nivel de aproximación político-institucional que se ten verificado?.

Trátase de elementos indispensables para a configuración de sólidas mallas de cooperación que non deberían quedar ó arbitrio de loables iniciativas individuais ou colectivas, senón integrados nunha estratexia de aposta global vocacionada a desterrar o voluntarismo, a inercia e/ou o seguidismo respecto doutras partes do Estado ou de Europa. Temos que impulsar estas iniciativas pensándoas desde aquí.

c) A realización dun labor de prospectiva que nos permita prever escenarios, identificar variables e definir as políticas axeitadas para a realización dos nosos obxectivos no ámbito exterior.

Seguindo co caso concreto de Taiwán e do granito, semella evidente que en poucos anos, Galicia podería perder ise mercado. A China continental dispón de amplas e abundantes reservas graniteiras por explotar. Non pasará moito tempo antes de que o faga coa capacidade suficiente para abastecer deste producto a maior parte do mercado asiático (Singapur, Xapón e o propio Taiwán). As carencias tecnolóxicas e a insuficiencia de recursos financeiros atopanse en vías de superación. Outros países están investindo en China. ¿Galicia? ¡quedalle lonxe!...

d) O fornecemento de información ós sectores económicos e sociais básicos da nosa colectividade.

 Basicamente, dous son os tipos de información a elaborar: unha inmediata, pensada para o día a día, o seguemento e a toma de decisións concretas dos axentes económicos e sociais; outra, a estratéxica, aquela que sirva para fundamentar opcións de futuro. Compre neste censo, incorporar diversificadamente todas as potencialidades que as novas tecnoloxías nos brindan, sen descuidar os recursos tradicionais de contrastado efecto positivo.

e) A promoción do compromiso activo dos sectores empresariais nunha dinámica diferente: concienciación sobre a importancia da información, novos horizontes de cultura empresarial, etc. Seguindo co caso do granito, é ben ilustrativo que algunhas empresas ou entidades asociadas do sector, que dispoñen de efectiva constancia das circunstancias descritas, non teñan a sensibilidade suficiente como para adicar un mínimo esforzo ó estudio das posibilidades de investimento en China.

f) Unha nova perspectiva para o consenso social, para a converxencia cidadá na defensa das nosas potencialidades productivas de cara ó exterior.

As propostas estratéxicas xurdidas do Observatorio Exterior disporían dun valor adicional importantísimo: o de crear múltiples espacios de encontro, plurais e diversos, baseadosa todos na defensa e promoción da supervivencia económica do país.

Por e para todo isto sería indispensable a creación dun Observatorio Exterior en Galicia. Un proxecto no que deberían participar, desde o seu comezo, axentes ben diversos (Administración autonómica, Universidades, organizacións empresariais e sindicais). Non se trata de crear unha grande estructura; mais ben debería poñerse en marcha como un laboratorio de ideas, flexible, que coordinada e permanentemente sexa capaz de optimizar recursos sen fagocitalos ata o absurdo, marcar liñas de compromiso, instrumentar medios e vertebrar políticas.

   
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2000
Fernando Pol


Subir