Noticias do Igadi

Igadi na Rede 

Volver
   
Esta sección recolle informacións relativas á vida interna, evolución, relacións, proxectos ou
iniciativas do Igadi.
   
   

Xuño 2008

  Capa Tempo Exterior 16; clic para aumentar
Capa Tempo Exterior nº 16.
 
Tempo Exterior nº 16
Ambiente, cultura, cooperación, sindicalismo: outras formas de estar no mundo

Tempo Exterior, a revista de análise e estudos internacionais que edita
o igadi e dirixe Xulio Ríos, aborda na súa décimosexta edición, correspondente ao período xaneiro-xuño de 2008, unha serie de reflexións sobre a evolución e o alcance de diversos ámbitos particulares da acción exterior galega.

Así, esta temática permítenos realizar unha aproximación ao pensamento e a presenza internacional do sindicalismo nacionalista galego (Xesús Ramón González Boán) e das relacións exteriores do sindicalismo labrego de Galicia (Lidia Senra). Esta sección compleméntase coa perspectiva dos temas ambientais e o cumprimento dos acordos internacionais (Adela Figueroa Panisse), o alcance do proceso de internacionalización da empresa galega (Fernando Bruna), a situación da cooperación ao desenvolvemento en Galicia (José Luís Quintela Julián) e unha reflexión sobre a riqueza e diversidade do patrimonio inmaterial galego-portugués (Santiago Veloso Troncoso), alentando o seu recoñemento pola UNESCO.

Os recentes acontecementos no Tíbet obrigan a considerar a situación das nacionalidades minoritarias e a súa influencia na política chinesa (Mara Lisa Arizaga), así como das liberdades relixiosas e a promoción das culturais locais dentro do contexto chinés (Roger Casas), facendo énfase no caso particular de Sipsong Panna. Dada a configuración de Asia-Pacífico como novo epicentro económico mundial (Luciano Damián Bolinaga) importa prestar atención a asuntos xeopolíticos, tales como a remilitarización de Xapón (Masashi Oki) e as vicisitudes e dificultades na consolidación da democracia en Paquistán (Roberto Mansilla Blanco), tralo asasinato en decembro pasado da líder opositora Benazir Bhutto.

A recente declaración de independencia de Cosova centra a atención do papel das minorías na actual Constitución nacional serbia (Jairo Dorado Cadilla), tema con que se abre o terceiro bloque deste número. As claves do proceso indixenista e o cambio político en Bolivia (Jesús González Pazos) e unha aproximación aos antecedentes históricos e as reivindicacións do movemento indíxena mapuche en Chile (Víctor Naguil), completan os temas abordados en Tempo Exterior nº 16.



Maio 2008

O Igadi convidado como observador ás eleccións presidenciais dominicanas

O director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Xulio Ríos, formará parte da misión internacional de observación electoral dos comicios que se desenvolverán na República Dominicana o próximo venres 16 de maio de 2008, para elixir presidente e vicepresidente do país.

Na citada misión participan uns 50 convidados procedentes de EEUU, América Latina, Europa e Asia, incluíndo a congresistas, académicos, intelectuais e representantes de diversos partidos políticos.

O convite formulado ao Igadi ven dado pola súa credibilidade na rexión tanto en relación ao profundo coñecemento da situación política centroamericana, caribeña e latinoamericana, así como tamén do seguimento das implicacións en Asia da diplomacia dominicana.



Abril 2008

  Xulio Ríos e Zheng Bingwen; clic para aumentar
Momento da sinatura do Acordo de colaboración entre o Instituto de Estudos de América Latina (Academia de China de Ciencias Sociais) e o Igadi. (Na foto, de esquerda a dereita, Xulio Ríos e Zheng Bingwen. ©igadi.org 28/04/2008).
 
O Igadi convértese na primeira institución española en asinar un Convenio de colaboración co Instituto de América Latina de China
Galicia, ponte entre América Latina e China

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional e o Instituto de América Latina da Academia de Ciencias Sociais de China asinaron o luns 28 de abril de 2008 en Beijing un Convenio de colaboración académica para afortalar os vínculos entre ambas entidades e promover liñas comúns de investigación, nomeadamente en relación ás transicións políticas en América Latina, as respectivas presenzas diaspóricas e a triangulación China-España-América Latina.

Zheng Bingwen, director do Instituto chinés, destacou a importancia deste acordo, o primeiro desta institución cunha entidade investigadora española, salientando a coincidencia de intereses nos ámbitos de estudo, reforzados polo coñecemento que no Igadi existe da política exterior chinesa en relación a esta rexión, circunstancia que fai do centro galego, dixo, un caso moi singular e excepcional.

Pola súa banda, Xulio Ríos, director do Igadi, agradeceu a confianza dunha institución tan importante como a Academia de Ciencias de China para levar adiante este acordo que se concretará proximamente nun plano de actividades que incluirá intercambio de investigadores, participación en simposios e proxectos de investigación conxunta.

Do citado convenio asináronse exemplares en chinés, español e galego, conferindo aos tres idéntico valor oficial.



Xaneiro 2008

  Capa Tempo Exterior 15; clic para aumentar
Capa Tempo Exterior nº 15.
 
Tempo exterior nº 15 afonda na acción exterior de Galicia
A hora da paradiplomacia galega

Aproveitando a apertura en Bos Aires da primeira delegación exterior da Xunta, “Tempo Exterior”, a revista de análise e estudos internacionais que edita o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI, www.igadi.org) e dirixe Xulio Ríos, aborda na súa entrega correspondente ao período xullo-decembro de 2007, unha reflexión sobre o momento actual da acción exterior de Galicia.

Neste décimoquinto número de Tempo Exterior, o ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, descifra as principais claves e liñas estratéxicas que deben dirixir a acción exterior de Galicia para os próximos anos. A súa visión ven completada coa análise sobre a influencia dos centros galegos do exterior na concreción da paradiplomacia (Craig Patterson) e das potencialidades que posúe a cultura galega no mundo (Ángelo Gonçalves Vicente). Este bloque principal de Tempo Exterior complétase co percorrido trazado por Euzkadi na súa notable experiencia en acción exterior, cun artigo elaborado polo seu director de Relacións Exteriores, Mikel Burzako.

Como segundo tema central efectúase unha aproximación á realidade da actual política exterior de Rusia dentro dun cambiante sistema internacional, especificamente no que atinxe ás súas delicadas relacións con EEUU (Mariano Aguirre), a Unión Europea (Francisco Herranz), os seus “irmáns eslavos” Bielorrusia e Ucraína (Alexis B. Romanov) e Polonia (Mercedes Herrero de la Fuente). Rusia afronta unha conxuntura particularmente importante tralas eleccións lexislativas do pasado 2 de decembro e á espera dos próximos comicios presidenciais previstos para marzo de 2008.

No terceiro bloque se inclúen dúas perspectivas do fenómeno terrorista salafista no norte de África, personificado no grupo al-Qaida no Magreb Islámico (David Alvarado) e tamén nun contexto global, cunha aproximación histórica á formación da organización creada por Osama ben Laden (Pedro Brieger).

Virando cara Asia, a crise política xaponesa (Salvador Rodríguez Artacho) permite aproximarnos aos dilemas de futuro deste país tralo final da “era Koizumi” e despois da turbulenta xestión do ex primeiro ministro Shizo Abe. Finalmente, Xulio Ríos completa este número de Tempo exterior cun artigo sobre o significado do XVII Congreso do Partido Comunista chinés, celebrado en outubro último.



Decembro 2007

  Zheng Bingwen e Xulio Ríos; clic para aumentar
Reunión Igadi - Instituto de América Latina (Academia de Ciencias Sociais de China). (Na foto, de esquerda a dereita, Zheng Bingwen e Xulio Ríos. ©igadi.org).
 
Galicia no Diálogo Académico Estratéxico con China sobre América Latina

Nun encontro mantido en Pequín entre os directores do Instituto de América Latina da Academia de Ciencias Sociais de China e do Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), Zheng Bingwen e Xulio Ríos, respectivamente, acordouse fomentar a colaboración conxunta en materias relacionadas coa evolución política en América Latina, a presencia das respectivas diásporas no citado continente e as oportunidades de triangulación das relacións, especialmente no eido empresarial.

Ambos centros, que asinarán en breve un protocolo formal para institucionalizar a súa cooperación, proxectan establecer no decurso do ano próximo un “Diálogo Académico Estratéxico” sobre América Latina coa participación de representantes chinos, latinoamericanos e especialistas galegos.

O Instituto de América Latina da Academia de Ciencias Sociais de China é a maior e máis relevante institución académica do xigante oriental para o estudo dos problemas latinoamericanos e foi fundado hai máis de cinco décadas. Zheng Bingwen amosouse moi interesado na calidade dos traballos e as iniciativas desenvolvidas polo IGADI en relación a América Latina.

Na Conferencia Anual sobre as tendencias en América Latina que cada ano convoca este Centro, a celebrar no próximo mes de febreiro, haberá, por primeira vez, participación galega.



Setembro 2007

  Encontro ANUE - asociacións colaboradoras do Estado español, clic para aumentar
Encontro de ANUE coas asociacións colaboradoras do Estado español. (Na foto, de dereita a esquerda, Angels Mataró, directora de ANUE; Josep María Canyelles, especialista en responsabilidade social; Virxinia Romero, vicedirectora do Igadi; Xavier Pons, de ANUE; e dous colaboradores de ANUE. ©igadi.org).
 
Encontro de entidades colaboradoras con ANUE en Barcelona

Os pasados 17 e 18 de setembro de 2007 celebrouse en Barcelona un encontro que, organizado pola Asociación para as Nacións Unidas en España (ANUE), reuniu a representantes do Igadi, o Centro Unesco de Euskal Herria (Unesco Etxea) e da Asociación Deporte, Desarrollo y Paz. En esta ocasión, o Igadi, que desde febreiro do 2003 se encarga de difundir os contidos propios de ANUE en Galicia, foi representado pola súa vicedirectora, Virxinia Romero.

A xuntanza serviu para comezar a deseñar as liñas mestras de actuación para o vindeiro exercicio, ademais de para coñecer as principais actividades que ANUE vai desenvolver en 2008, entre as que sobresaen as relativas á celebración do 60 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos.

Destaca tamén a presenza no encontro de Josep María Canyelles, especialista en materia de RS (Responsabilidade Social) e máis concretamente no campo da Responsabilidade Social dos Territorios (TSR) tema de interese común que se traballará conxuntamente nun futuro próximo.



Agosto 2007

Máis lazos académicos entre Galicia e Arxentina

O Igadi e o Centro de Estudios Internacionales para el Desarrollo (CEID) asinaron recentemente un convenio de colaboración co propósito común de afondar na análise das relacións internacionais contemporáneas facilitando o intercambio académico e investigador sobre cuestións globais, a educación e o desenvolvemento.

Segundo Marcelo Javier de los Reyes, presidente do CEID, a iniciativa enmárcase na necesidade de “establecer sinerxías que permitan estimular o interese polos procesos relacionados co desenvolvemento, poñendo en contacto a institucións e especialistas en diferentes campos”.

Pola súa banda, Xulio Ríos, director da entidade galega, anunciou que representantes do Igadi participarán en simposios internacionais organizados polo CEID sobre a problemática do Magreb e de África en xeral nos próximos meses de setembro e novembro.

O CEID agrupa a profesionais, diplomáticos, docentes e investigadores de Universidades públicas e privadas de Arxentina. O Igadi xa mantén relacións institucionalizadas de colaboración co Centro Argentino de Estudios Internacionales, que incorporou ao director do Igadi como membro do seu Comité Honorífico.

A colaboración co CEID podería ampliarse próximamente mediante a integración do IGADI no proxecto RIAS (Rede de Intercambio do Atlántico Sur), que procura estreitar os lazos culturais, comerciais e económicos entre Iberoamérica e toda África tomando ao Atlántico Sur como unha ponte de dúas direccións entre ambos continentes.



Xullo 2007

O Igadi coorganiza en China unha Conferencia Internacional sobre as autonomías

A Academia de Ciencias Sociais de China e o Igadi coorganizarán a celebración dunha Conferencia Internacional sobre “Nacionalidades minoritarias e autonomías, problemas prácticos e tendencias”. Segundo o acordado recentemente en Beijing por ambas partes, o evento celebrarase entre o 15 e 23 de xullo de 2008 en Kunming, capital da provincia de Yunnan.

A Conferencia Internacional, que estará presidida polos profesores Zhu Lun e Xulio Ríos, reunirá a investigadores de todo o mundo para reflexionar sobre as autonomías como resposta á problemática dos estados plurinacionais.

Entre os temas propostos para a discusión figuran: a forma e contido das autonomías das nacionalidades minoritarias; as garantías políticas e legais da autonomía; os recursos económicos e financeiros dos gobernos autonómicos; os dereitos individuais e colectivos das nacionalidades minoritarias; autonomía, estrutura política e política democrática; formas de participación das nacionalidades minoritarias na vida política estatal; tendencias de desenvolvemento en materia de autonomías.

A iniciativa enmárcase no programa de intercambio de experiencias en materia de autonomías, subscrito por ambas entidades o pasado 14 de febreiro.



Xuño 2007

Tempo Exterior nº 14
Unha reflexión sobre Europa

Tempo Exterior, a revista de análise e estudos internacionais que edita o Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e dirixe Xulio Ríos, aborda na súa décimocuarta entrega, correspondente ao período xaneiro-xuño de 2007, unha ampla reflexión sobre a idea de Europa, a súa aparente parálise política interna e as súas relacións internacionais.

Neste sentido, concede especial atención á complexa ampliación da Unión Europea, principalmente cara Europa do Leste (Celso Cancela Outeda), ás debilidades e retos globais da política exterior europea (Benjamín Kienzle) e o impacto do proceso de integración europeo para América Latina, plasmado desde unha perspectiva latinoamericana (María Elisa Gentile, Eliana Dam e Úrsula Eyherabide).

Este tema central adicado a Europa compleméntase coas reflexións persoais sobre o particular momento político que vive a Unión Europea, a través da visión que desde Bruxelas ofrecen tres eurodeputados: Daniel Varela (PPdG), Rosa Miguélez (PSOE) e Ana Miranda (BNG).

Aínda que sen formar parte íntegra da temática central, pero dentro da dinámica de conceder especial atención aos temas europeos, atópase unha completa análise sobre as recentes eleccións presidenciais francesas (Enrique Sáez Ponte) e da actualidade de Lituania, membro da UE desde o 2004, así como a súa relación con Galicia. Neste apartado, compre mencionar o aporte realizado por Rafael José R. de Espona, cónsul lituano en Galicia, e de Pablo Penas, economista español actualmente destinado na embaixada española en Vilnius.

Como artigos complementarios desta edición nº 14 de Tempo Exterior, exponse a influencia de Internet e os seus riscos na configuración dunha sociedade democrática plural e global (Luís Pousa) e unha crítica reflexión histórica sobre o intervencionismo estadounidense en América Latina (Xoán Anllo), manifestada por un membro do Tribunal Russell II, organismo inicialmente creado para denunciar os crimes estadounidenses na guerra de Vietnam e que se ampliou cara a denuncia das violacións dos dereitos humanos realizadas por Washington en América Latina, a partires da década dos setenta.


O Igadi acolle en xullo un novo grupo de estudantes en prácticas

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) comeza este mes de xullo unha nova edición do seu programa de prácticas para estudantes de segundo e terceiro ciclo universitario.

Desde o seu nacemento en 1997, o Igadi leva acollidos na súa sede de Baiona a 35 alumnos en prácticas procedentes tanto de universidades galegas e estatais como de centros de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, Irlanda e os Estados Unidos. Este ano, o programa contará ademáis coa presenza dun estudante procedente dun centro universitario do Xapón.

As prácticas do Igadi teñen o recoñecemento oficial das universidades galegas como créditos de libre configuración, e través delas os estudantes intégranse na estrutura investigadora do Igadi, onde realizan actividades relacionadas co análise da actualidade e das políticas internacionais e co tratamento de conflitos.

Ademais das prácticas para estudantes universitarios, Igadi conta con outro programa de acollida para investigadores de distintas disciplinas. Esta experiencia comezou no 2005 coa presenza do profesor Zhu Lun, investigador e membro da Academia de Ciencias Sociais da China e terá continuidade no 2008, cando unha investigadora chinesa tome o relevo do profesor Zhu Lun. Hai que destacar que o Igadi é o único centro en Galicia das súas características que acolle alumnos e investigadores neste tipo de réxime.

Da importancia deste programa de prácticas da fe o feito de que moitos dos alumnos que fixeron prácticas no Igadi estén hoxe a desempeñar postos de alta responsabilidade en gobernos, institucións comunitarias e universidades. Precisamente coa finalidade de estreitar os lazos coa xa extensa comunidade de ex-alumnos, o Consello Asesor acordou na súa última xuntanza a creación dunha Asociación de Alumnos que Realizaron Prácticas no Igadi.



Maio 2007

Virxinia Romero, vicedirectora do Igadi

Despois de licenciarse en CC Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela, e tras finalizar o Mestrado en Cooperación Internacional ao Desenvolvemento pola Universidade Carlos III de Madrid, complementou o seu percorrido traballando sobre o terreo en diferentes países de América Latina.

Con experiencia en diversas Organizacións Non Gubernamentais -ONGDs- e no marco da Cooperación Oficial, decide voltar no ano 2004 co obxectivo de traballar polo desenvolvemento dende Galicia.

Tres anos máis tarde, finalizada a súa etapa no eido da consultoría e o desenvolvemento incorpórase como vicedirectora do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).


Saída do suplemento Altermundo

O suplemento Altermundo sairá o 20 de maio, domingo, co xornal Galicia Hoxe e cada terceiro venres de mes estará na rúa, como unha fiestra para a análise e a reflexión sobre os movementos e as políticas sociais alternativas, os efectos perniciosos do neoliberalismo no mundo e as propostas para a construción doutro mundo posible.

O suplemento está coordinado por Manoel Santos. O Igadi presta o seu apoio a esta iniciativa e transmite os seus parabéns aos promotores da idea. O director do Igadi, Xulio Ríos, forma parte do seu Consello Asesor.



Febreiro 2007

China fixase en Galicia para reformar as súas autonomías

O xigante asiático, a gran potencia emerxente do século XXI, fixase no caso galego para reformar o seu modelo autonómico. En China habitan un total de 55 nacionalidades minoritarias, que representan o 92 por cento da súa multitudinaria poboación. O goberno chinés, que dende 1949 postula a autonomía como fórmula de autogoberno para estes 104 millóns de persoas, promove a elaboración de códigos legais que establezan un marco de relacións estables co poder central e delimiten os respectivos ámbitos competenciais.

Nos últimos anos, dende 2004, a colaboración entre o Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e a Academia de Ciencias Sociais de China, permitiu que os maiores especialistas deste país en temas autonómicos visitasen diferentes autonomías españolas para afondar no seu coñecemento da nosa realidade plurinacional, traducindo ao chinés diferentes Estatutos de Autonomía e outros textos, a fin de calibrar a idoneidade da experiencia española. Despois de visitar Catalunya, Madrid, País Vasco e Galicia, a Academia decantouse por esta última como experiencia piloto para centrar os seus estudos e propor reformas políticas á Asemblea Popular Nacional e ás autoridades chinesas.

En consecuencia, o 14 de febreiro, en Beijing, Hao Shiyuan, director do Instituto responsable destes temas na Academia de Ciencias Sociais e Xulio Ríos, director do IGADI, asinaron un acordo de colaboración que contempla un programa a catro anos para o intercambio de experiencias en autogoberno, e inclúe a realización de intercambios políticos e académicos e outras iniciativas (seminarios bilaterais, elaboración de publicacións, estudos, informes e artigos) para afondar no coñecemento mutuo da experiencia autonómica e fomentar o autogoberno como mecanismo de mellora da xestión dos asuntos públicos, impulsando tanto a reflexión como a innovación transformadora.

A elección de Galicia viuse facilitada pola traxectoria de estudo da transición chinesa no IGADI, entidade que actualmente dirixe o Observatorio español da Política Chinesa, co apoio de Casa Asia, e coordina a Rede Iberoamericana de Sinoloxía.

Máis información en: info@igadi.org.



Xaneiro 2007

Convenio entre observatorios chineses

O “Observatorio de la Economía y la Sociedad de China”, impulsado dende a capital arxentina, e o OPCh, asinaron recentemente un convenio que regulamenta as súas relacións co propósito de afortalar a dimensión dos estudos chineses no ámbito iberoamericano. Igualmente, Xulio Ríos, director do Igadi, foi convidado a formar parte do Comité Científico da publicación que edita o Observatorio bonaerense.


Máis visitantes á web do Igadi

En decembro pasado, a páxina web do Igadi bateu un novo récord de visitas, chegando ata as 101.899, acumulando máis de 2 millóns desde xaneiro de 2003. Máis da metade das visitas proceden de fóra do Estado español. Actualmente, ademais doutras informacións de interese, a web do Igadi publica máis de 2.000 análises sobre diferentes temas de actualidade internacional e de interese para Galicia.



Decembro 2006

Decimoterceira entrega da revista semestral do Igadi
Tempo Exterior afonda nos problemas globais e na actualidade internacional

Tempo Exterior, a revista de análise e estudos internacionais que edita o Igadi e dirixe Xulio Ríos, analiza, na súa décimoterceira entrega, algúns dos problemas globais de maior calado do momento presente, concedendo unha especial atención ao problema da seguridade-soberanía alimentaria (Lara Barros, Gerardo Iglesias e Carlos Amorín), así como aos dereitos humanos (Yolanda Román), a educación (Manuel Dios) ou o futuro da débeda externa (Alberto Acosta e Óscar Ugarteche). O espazo intermedio deste número inclúe outros tres temas: unha radiografía do movemento altermundista (Manoel Santos), a visión do mar como espazo de conflito (Gonzalo Parente) e unha aproximación á diáspora armenia (Hacob Symonian), continuando coa evocación comparativa deste fenómeno universal e que xa, en números anteriores, permitiu achegamentos a problemáticas similares de Irlanda, México, Israel, Portugal, Italia, Cabo Verde, Moravia ou Lituania. A atención aos asuntos de maior actualidade inclúe referencias á nuclearización da península coreana (Eduardo Daniel Oviedo), ás perspectivas da cooperación Sur-Sur (Henrique Altemani de Oliveira) ou o balance da era de Tony Blair (Fernando Pérez-Barreiro), próxima a concluír. O número remata cunha reflexión teórica sobre modernidade periférica e mestizaxe diferencial en América Latina, da man de Mario Roberto Morales. Os problemas globais obxecto de atención neste número constitúen un primeiro achegamento a asuntos que conforman boa parte da axenda universal e que reclaman unha atención específica tanto dos organismos internacionais como da propia sociedade civil. Non se trata de problemas novos, senón de vellos desafíos que afondan o contraste entre as posibilidades que brinda o actual desenvolvemento global e a escasa atención prestada a doenzas crónicas que din ben pouco da nobreza da condición humana.



Outubro 2006

Máxima puntuación para Tese sobre medio ambiente en China

Annunziata Acanfora, estudante da Universitá degli Studi di Napoli “Federico II” que desenvolveu unha estadía e colaboración no Observatorio da Política Chinesa, na sede do Igadi, obtivo a máxima puntuación do tribunal cualificador da súa tese sobre a situación medioambiental en China. A tese leva por titulo: “La sostenibilità ambientale in Cina:garanzia di un equilibrio globale” e foi defendida na materia “Política medioambiental”.


O Observatorio da China (Portugal) e o Igadi promoven os estudos chineses

Presentado recentemente en Lisboa, o Observatorio da China, que preside Dora Martins, estableceu co Igadi un Protocolo de Parcería para desenvolver en parcería diversas actividades orientadas á promoción dos estudos chineses na Península Ibérica. “O Igadi foi identificado como um parceiro ideal e estratégico para a organização conjunta de eventos, devido ao elevado padrão de qualidade do trabalho que tem desenvolvido ao longo dos anos de actividade, o que poderá ser facilmente testemunhado tanto a nível nacional como internacional”, lese no texto do acordo, cunha vixencia de cinco anos renovábeis.



Setembro 2006

www.politica-china.org

O Observatorio da Política Chinesa, un proxecto xestionado por Casa Asia e Igadi, xa dispón dunha web propia. Os interesados nesta materia poderán atopar nela información de actualidade, documentos, análises, estudos, links, especiais informativos, etc, relacionados coas problemáticas obxecto de estudo do Observatorio: evolución política interna, política exterior, dereitos humanos, unificación, estado de dereito, etc.



Agosto 2006

Día Internacional da Tradución para Lois Tobío

A Xunta de Galicia decidiu dedicarlle o Día Internacional da Tradución deste ano (o primeiro que se celebra) a Lois Tobío, coincidindo co seu centenario. Os actos de conmemoración celebraranse o día 30 de setembro. Membro do Consello Asesor do Igadi, Tobío desenvolveu unha loable actividade tradutora que lle valeu varios recoñecementos, entre eles o Premio de Tradución Plácido Castro pola súa versión galega do Fausto, de Goethe.



Xullo 2006

Xulio Ríos no Comité Honorífico do CAEI

O director do Igadi é un dos integrantes do Comité Honorífico do Centro Argentino de Estudios Internacionales. O Comité Honorífico presta apoio académico e profesional ao CAEI. A función principal dos membros do Comité Honorífico é o asesoramento ás actividades do CAEI. O Centro Argentino de Estudios Internacionales é unha institución que reúne a estudiosos e interesados na política nacional e internacional dedicados a afondar no coñecemento dos tópicos internacionais dende unha perspectiva analítica y sistemática.



Xuño 2006

igadi.org, medio millón de visitas en medio ano

A páxina web do Igadi ten recibido desde xaneiro de 2006 unha media de 79.000 visitas ao mes, cun total de 474.091 en todo o período. Estes datos consolidan unha tendencia crecente no interese dos/as internautas polos contidos de igadi.org, situando a media de visitas diarias na nada desdeñábel cifra de 2.634. Destas, o 52,4%, proceden de fóra de España, fundamentalmente, México, Brasil, EEUU, Arxentina, Portugal e Venezuela. Entre as 100 webs galegas máis visitadas, www.igadi.org ocupa a posición 54.


Rede Iberoamericana de Sinoloxía

O Igadi e o Colexio de México coordinarán a Rede Iberoamericana de Sinoloxía, un proxecto que xurde da iniciativa do Observatorio da Política China, co propósito de coordinar os esforzos de investigación nesta área xeopolítica. A rede conta coa participación de países como Brasil, Chile, México, Portugal, España, Venezuela, Colombia, Cuba, Arxentina e Perú.


Récord de visitas na web do Igadi

O pasado 8 de xuño, a web do Igadi bateu un novo récord de visitas diarias: 6.550. A consecución desta cifra, que vai ser difícil superar, estivo moi relacionada coa noticia da morte de Al-Zarqawi, e máis concretamente cun artigo do analista Roberto Mansilla Blanco, Iraq: unha loita entre Zarqawi e Ben Laden?, publicado en outubro de 2004 que recibiu nada menos que 2.736 visitas. O récord anterior fora o 20 de marzo de 2006 con 4.034 visitas.


Tempo Exterior conta cun Consello Académico

Os integrantes do Consello Académico de Tempo Exterior son os seguintes: Ángel Israel Rivera Ortiz (Universidad de Puerto Rico), Natan Lerner (Tel Aviv University), Eduardo Daniel Oviedo (Universidad Nacional de Rosario-Argentina), Henrique Altemani de Oliveira (Universidade de São Paulo), Martín Pérez Le Fort (Universidad de Chile), Mónica Cortina (Universidad de La Habana), Susana Ruíz Seisdedos (Universidad de Jaén), Romer Cornejo (Colegio de México), Luís Filipe Lobo-Fernandes (Universidade de Braga), Álvaro Xosé López Mira (Universidade de Vigo), José Manuel Pureza (Universidade de Coimbra), Klaus Dirscherl (Universidade de Passau-Alemaña), Zhu Lun (Academia de Ciencias Sociais de China), Caterina García (Universitat Pompeu Fabra), Francisco Veiga (Universitat Autónoma de Barcelona), Enrique Peruzzotti (Universidad Torcuato di Tella-Argentina), Bichara Khader (Université Catholique de Louvain), Rosa Riquelme Cortado (Universidad de Murcia), Ana Paula Beja Horta (Universidade Aberta de Lisboa), Joseph M. Rostinsky (Tokai University, Tokio), Rafael García Pérez (Universidade de Santiago de Compostela), Fred Halliday (London School of Economics), Patrick O’Sullivan (Bradford University), Ricardo Antunes (UNICAMP-Brasil), Fernando González Laxe (Universidade de A Coruña), Luciano Concheiro Bórquez (Universidad Autónoma Metropolitana-México), Felipe Burbano de Lara (FLACSO-Ecuador), José María Tortosa (Universidad de Alacante), Carmen Pereira-Muro (Miami University), Saul Landau (California State Polythecnic University), José Gilberto Scandiucci Filho (Instituto Rio Branco, Brasilia), Stéphane Paquin (Université du Québec), Ismael Cejas (Universidad de Los Andes-Venezuela), Jared D. Larson (Emporia State University, Kansas), Robert Matthews (New York University).


Nova entrega de Tempo Exterior, revista de análise e estudos internacionais

A reflexión sobre o papel da lingua como elemento de acción exterior permite analizar en qué medida Galicia está inmersa no escenario global. Esta necesaria reflexión entre lingua e acción exterior é un dos temas principais da revista Tempo Exterior nº 12, que edita o Igadi e dirixe Xulio Ríos. Con esta entrega, no seu 15 aniversario, o Igadi segue a apostar pola reflexión internacional dende unha perspectiva galega, a través das páxinas de Tempo Exterior.

Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/07/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta