Manifesto Exterior

Igadi na Rede

Volver
   
   

Manifesto Exterior


Fernando Pérez-Barreiro Nolla e Xulio Ríos



Pode afirmarse, en termos xerais, que boa parte da sociedade galega comprende a necesidade de abordar a cuestión da presencia exterior de Galicia como unha necesidade inevitable dos tempos que vivimos. Consciente da necesidade de situarse no novo contexto, de impulsar a superación dalgunhas das súas debilidades estructurais aproveitando as portas que se abren, Galicia afronta esta nova situación multiplicando os seus esforzos en numerosos dominios, con boas intencións, como é natural, pero aínda con planificación escasa e medios insuficientes.

En parello, multiplicanse os ámbitos de reflexión nos medios intelectuais e de comunicación, e en todos os foros destaca unha ausencia, para nós, moi significativa. Pese a asumir o carácter cada vez máis global e interdependente da sociedade do noso tempo, do auxe da participación política das entidades subestatais nas relacións internacionais, e mesmo, a pesar de que, por exemplo, no ámbito comunitario, moitas das materias que hoxe son competencia autonómica, exércense nese contexto supranacional, a acción exterior segue a contemplarse como un simple factor condicionante dos distintos campos ou sectores de actividade (turismo, comercio, transportes, medio ambiente, etc), pero non como un área susceptible de diagnóstico con identidade propia.

Urxe unha maior sensibilidade. Nin en todas as Administracións, nin nos medios de comunicación, nin no conxunto dos partidos políticos ou das organización sociais, somos quen de engarzar aínda un mínimo de proxección e de acordo para configurar o exterior como un ámbito de interese estratéxico, como un instrumento fundamental para a modernización da nosa sociedade.

Ben é verdade que sobre todo no ámbito económico, habilitaronse nos últimos anos medidas e programas de apoio á internacionalización das nosas empresas e que algunhas acadaron posicións relevantes. Pero carecemos aínda, como país, dun proxecto global que delimite cal é a posición que Galicia pode e debe ocupar no mundo, que transcenda o mero impulso persoal ou o trasnoitado voluntarismo.

O futuro de Galicia vai depender en boa medida da súa capacidade para dotarse dun marco de operacións que a sitúe no complexo mundo actual a partir das súas propias potencialidades económicas e sociais. Internacionalización e universalismo son as dúas claves xerais que deben impregnar e vertebrar as actuacións concretas a desenvolver en todos os eixes. Para acadar a formulación desa idea de progreso con identidade compriría sellar unha alianza por Galicia no eido exterior, da que poideran ser partícipes todos os poderes e actores de proxección pública e social.

Se somos capaces de abordar simultáneamente actuacións no ámbito político, económico, cultural ou social, co respaldo pleno das diferentes forzas políticas, estaremos en condicións de dar o salto cualitativo que Galicia e os galegos precisamos neste atribulado limiar dun novo século.

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é escritor e funcionario internacional, residente en Londres; Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).


Comentarios e adhesións a: igadi@arrakis.es

Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/05/2000