|
Parabéns a todos e todas! O 2007 preséntasenos como un ano especial, proxectado cun dobre propósito: a celebración e a renovación. Dez son xa os anos do noso labor solidario, ao que cada vez se foron sumando máis Concellos ata chegar aos noventa e cinco actuais. Moitos foron os proxectos tanto de cooperación como de sensibilización nos que nos embarcamos, e moitos máis son os que temos aínda por diante, polo que é imprescindible renovar folgos e ideas, revisar o traballo feito e reafirmar o noso compromiso solidario. Polo tanto, temos moito que celebrar neste X Aniversario, pero sen acomodarnos no xa feito senón coa vista posta en todas aquelas portas que aínda temos sen abrir. O proceso do desenvolvemento é un proceso lento e complexo, e a constancia do compromiso e a adicación son a chave do éxito, dos bos resultados, só perceptibles a longo prazo. Con este convencemento de fondo, este ano queremos felicitar, pero tamén seguir tirando do fío solidario do noso tecido asociativo (Concellos e Deputacións, cargos políticos e persoal técnico), para incrementar a súa implicación e que esta se traduza en participación real no devir do Fondo Galego. Coa vontade de que a sensibilización en materia de cooperación e solidariedade estea cada día máis integrada nas políticas municipais, dende o Fondo Galego relanzamos un novo ano de ideas e proxectos. A sensibilización é outra forma de facer cooperación, dende o próximo, dende o noso, asumindo a responsabilidade que temos no empobrecemento doutras sociedades como primeiro paso, e exercendo o compromiso por cambialo, como segundo. Para este ano, queremos afondar naquelas iniciativas que mellor recollen as especificidades da cooperación municipalista, como son o programa de Vacacións con Traballo, ampliando o número de prazas e destinos, e a Rede Municipalista Solidaria, á que queremos dar un merecido recoñecemento mediante unhas xornadas de celebración e debate. Os dez anos compartidos, serán tamén obxecto de traballo, a través dunha exposición fotográfica sobre os proxectos de cooperación nos que leva colaborando o Fondo Galego ao longo do tempo, O Fondo Galego: unha década con proxectos. Tamén será o eixo central das IV Xornadas Anuais, que desta volta se encargarán de analizar o papel dos entes locais en cooperación ao desenvolvemento; e para avaliar o seu grao de inserción en Galicia, queremos iniciar unha investigación sobre o alcance e as características da cooperación que se leva a cabo dende as nosas corporacións locais, tanto dende dentro como dende fóra do Fondo Galego. Noutra orde de cousas, a mellora da comunicación e a visibilidade do noso traballo cara o mundo local, o noso espazo natural de actuación, son dous aspectos clave á hora de afondar nas políticas de cooperación municipal. Este ano queremos darlle un novo pulo ao Servizo de Orientación para a Solidariedade Internacional, posto en marcha no 2006, para afianzar a relación cos Concellos socios e estender o noso proxecto a novos Concellos, co obxectivo de que canalicen as súas vontades solidarias a través do Fondo Galego, en aras dunha mellor coordinación e, polo tanto, calidade. E como sempre, contaremos coa visita dos nosos parceiros do Sur, con programas de colaboración con ONGDs galegas como é o do Bo Café, e coas exposicións xa coñecidas como A Paz Cuestión de Fondo e os Obxectivos do Milenio, ámbalas dúas interesantes como apoio de actividades dirixidas á comunidade educativa. Os proxectos de cooperación son a expresión práctica do noso compromiso co desenvolvemento humano, plasmando en accións concretas e puntuais, unha vontade máis ampla de transformación e xustiza social. Como cada ano, abrimos unha convocatoria para o financiamento de proxectos nos países empobrecidos, á cal se poden presentar ONGDs con presenza real en Galicia, outras entidades vencellas ao ámbito da cooperación ao desenvolvemento, e ONGDs do Sur que conten cun interlocutor válido e recoñecido ante o Fondo Galego. As bases da convocatoria foron presentadas no Consello Municipalista da Cooperación, órgano de participación sectorial e carácter consultivo no que están representadas as ONGDs que así o solicitaron, e que foi convocado o pasado oito de febreiro. Nel estiveron presentes, ademais a Coordinadora Galega de ONGDs e as ONGDs Médicos do Mundo, Intermón-Oxfam, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Jóvenes del Tercer Mundo, UNICEF, Amigos da Terra e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A convocatoria de proxectos manterase aberta ata o 31 de marzo. Ao ser o 2007 un ano singular, marcado polas eleccións municipais e a renovación de cargos e representantes, a convocatoria será resolta entre finais do mes de xullo e principios de setembro, dependendo das datas de constitución das novas corporacións. En relación á cooperación directa, que non se vertebra a través da convocatoria senón de convenios con outras entidades (concellos, deputacións, Xunta), nesta ano daremos continuidade ao traballo iniciado o ano pasado en Cabo Verde mediante o Plan Operativo 2006-2007, no que colabora a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, así como tamén abriremos novos escenarios de acción en Cuba, Palestina e Nicaragua. • Plan Anual 2007 O borrador do Plan Anual de Cooperación Galega 2007, elaborado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior, foi presentado nunha reunión cos órganos de asesoramento e coordinación da cooperación galega, o Consello Galego de Cooperación (CONGACODE) e a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE), nos que está representado o Fondo Galego. Para este ano planéase un incremento dun 40% dos fondos destinados á cooperación, subida que é benvida dende o Fondo Galego, aínda que segue apremando ao seu progresivo aumento xa que, Galicia aínda non chega nin ao 0,1% dos orzamentos totais adicados á cooperación. Se temos en conta que a meta fixada para a actual lexislatura é do 0,4% (xa superada por algunhas Comunidades Autónomas como Castela A Mancha, Baleares, o País Vasco ou Navarra), faise longo aínda o camiño por percorrer. • Programa Municipia O Fondo Galego participou na xuntanza de presentación do Programa de Cooperación Municipal Municipia, impulsado pola Axencia Española de Cooperación Internacional. Nel participarán o Ministerio de Administracións Públicas, a Federación Española de Municipios e Provincias, e a Confederación de Fondos de Cooperación. O programa permitirá a realización de accións conxuntas para mellorar as capacidades institucionais, políticas, sociais e económicas do ámbito municipal nos países empobrecidos. Os Fondos de Cooperación aportarán a súa experiencia acumulada e os seus coñecementos técnicos en materia de cooperación municipalista. • Que é a Compra Pública Ética? A compra Pública Ética fai referencia á introdución nos contratos públicos de obras, servizos e subministros, de criterios sociais, éticos e medio ambientais. O gasto das administracións públicas equivale a un 18% do PIB da Unión Europea, o que lles outorga unha destacada responsabilidade á hora de promover unhas relacións económicas máis xustas Norte-Sur, e un modelo de consumo máis sostible. Os contratos públicos con criterios de sostenibilidade poden abarcar, por exemplo, dende a promoción do control do gasto enerxético e a utilización de enerxías limpas, ata a compra de produtos ecolóxicos e/ou aqueles distribuídos polas redes de comercio xusto (café, textís, etc), que garantan unhas condicións laborais e humanas dignas, e fomenten o desenvolvementos humano, en contrapartida ás relacións de explotación que dominan o comercio mundial a día de hoxe. O reto da sostenibilidade demanda a todos os axentes da sociedade un esforzo de compromiso importante, que debe traducirse en iniciativas que promovan cambios de comportamento e consumo, e as administracións locais poden cumprir un importante papel á hora de achegar os debates sobre a sostenibilidade e o consumo responsable a súa cidadanía. Días 23-24 de febreiro: Encontro Internacional-ART-Gold Mozambique en Roma, na que participa o Fondo Galego. Días 3-4 de marzo: Xornadas “A Cooperación galega e portuguesa en Mozambique”, no Concello de Oleiros, Castelo de S. Antón. Organiza: Axuda en Acción. Día 9 de marzo: Comisión Executiva en Santiago. Día 29 de marzo: Asemblea Xeral do Fondo Galego en Santiago, na sede da FEGAMP. Día 11 de abril: Asemblea Xeral da Confederación de Fondos.
|
||||||||
|
|
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/03/2007 |
||||||||
|
||||||||