Diario Exterior / xullo de 2008

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

31/07/2008
China
Santiago cara a Expo de Xangai
Durante a reunión do Consello da Capitalidade, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o alcalde santiagués, Xosé Sánchez Bugallo, acordaron o apoio oficial do goberno galego á presencia de Compostela como representación galega no marco da Expo Mundial 2010 a celebrarse na cidade chinesa de Xangai. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Normativa contra a polución
O responsable comunitario de Medio Ambiente, Stavros Dimas, solicitou información ás autoridades españolas sobre os programas de redución de polución ambiental, especialmente ante os constantes vertidos xerados nas rías de A Coruña e O Burgo. Bruxelas advertiu sobre a existencia dunha normativa vixente desde 2001 para controlar estes vertidos. (Fonte: El Correo Gallego).
30/07/2008
Venezuela
Asasinado emigrante galego
Segundo revelacións dun dos seus secuestradores capturado polas autoridades policiais venezolanas, o emigrante ourensán Raimundo Reinoso, de 67 anos, e que fora secuestrado en marzo pasado, foi asasinado a tiros polos seus raptores uns dez días despois de ultimar o secuestro. As autoridades policiais venezolanas buscan o cadavre de Reinoso, a fin de verificar a autenticidade desta revelación. Con este suman xa catro os emigrantes galegos asasinados en Venezuela. (Fonte: Faro de Vigo).

Inmigración
Os andinos, os máis integrados
Segundo dúas publicacións sobre a inmigración en Galicia, realizadas pola USC, un 60% dos inmigrantes que habitan na nosa Comunidade considéranse “ben integrados e tratados”, sendo os índices máis elevados os estranxeiros procedentes de países andinos (49%), tales como Ecuador, Colombia e Perú, e os de Europa do Leste (60%). O colectivo asiático (46%) son os que se amosan menos identificados con Galicia. Por sexo, as mulleres (52%), especialmente procedentes dos países andinos, declararon sentirse ben adaptadas a Galicia. Segundo estes estudos, o perfil do inmigrante en Galicia corresponde principalmente a un home, cun nivel cultural medio e universitario, procedente dun medio urbano e idade media entre 25 e 35 anos. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Voto electrónico para os emigrantes
Anxo Quintana, voceiro nacional do BNG, asegurou que o goberno estatal de Zapatero ten unha “oportunidade estupenda” para “rectificar” a súa actitude sobre o voto emigrante, coa comparecencia parlamentaria da vicepresidenta María Teresa Fernández De la Vega, a petición do BNG. Quintana premeu pola modificación da Lei Electoral a fin de regular o voto emigrante e anunciou que espera que o goberno realice este cambio para o próximo mes de setembro. Pola súa banda, De la Vega defendeu o voto electrónico para a diáspora, tomando en conta as dificultades técnicas para exercer o voto en urna nas oficinas consulares. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
29/07/2008
Galicia
Escaso coñecemento de linguas estranxeiras
Un estudo da Fundación das Caixas de Aforros (FUNCAS) estima que un 47,4% dos galegos non coñece ningunha lingua estranxeira, situando a Galicia por debaixo da media estatal, que está en 49,7%. (Fonte: El Correo Gallego).

México
Promoción gastronómica galega
Unha delegación presidida polo director xeral de Turismo, Rubén Lois, visitou México a fin de promover a gastronomía de Galicia e o Camiño de Santiago, na localidade mexicana de Santiago de Tuxtla, que acolle encontros gastronómicos organizados polo Centro Superior de Hostalería de Galicia. Paralelamente, na localidade ourensá de Avión, que conta cunha nutrida emigración galega a México, celebraranse as festas en honor a México e as súas tradicións. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/07/2008
Inmigración
Galicia acolleu a 200 subsaharianos
Desde 2006, a nosa Comunidade acolleu a uns 216 inmigrantes subsaharianos que chegaron ás costas de Canarias en caiucos e pateiras. Sesenta destes inmigrantes eran menores de idade. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Medra o alumnado estranxeiro
Estatísticas do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte estima que un total de 13.442 estudantes estranxeiros acoden ás escolas galegas, un incremento calculado nun 15,8% con respecto ao curso 2007-2008. (Fonte: El Correo Gallego).
27/07/2008
Inmigración
Aumentan os autónomos estranxeiros
A Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (FNATA) informou que un total de 4.934 estranxeiros traballan como autónomos en Galicia, sinalando un incremento do 4,2% (197 altas) con respecto ao 2007. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Cara os 4.000 estranxeiros
Desde comezos de 2008, a taxa de crecemento dos residentes estranxeiros en Santiago incrementábase nun 12,1%, cun total de 3.824 persoas. Brasil, Arxentina, Portugal e Colombia lideran os países de orixe destes inmigrantes, onde tamén deben incluírse países outros como Irán, Armenia, Xordania, Filipinas ou Lituania. (Fonte: La Voz de Galicia).
26/07/2008
EEUU
Interese pola marca Ribeira Sacra
A firma Eric Solomon Selections visitará as instalacións da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, debido ao seu potencial vitivinícola para o mercado estadounidense. Eric Solomon é a segunda empresa de distribución de marcas españolas en EEUU. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
Día da Patria Galega
Radio Obradoiro e a emisora Cadena Uno realizaron un programa conxunto entre Compostela e Bos Aires para celebrar o Día da Patria Galega e transmitir a cerimonia de declaración do Camiño de Santiago como de Interese Cultural para o Goberno da capital arxentina. (Fonte: El Correo Gallego).
25/07/2008
Portugal
Lista a AECT
A Xunta aprobou os estatutos da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) entre Galicia e o Norte de Portugal, que terá a súa sede en Vigo cun orzamento anual de 200.000 euros. O goberno estatal e o seu homónimo portugués xa aprobaran a constitución desta AECT, que será a primeira da península ibérica e a terceira europea, con autonomía para contratar e xestionar proxectos. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Irmanamento aéreo con Asís
Unha nova liña aérea conectará a Compostela coa cidade italiana de Asís a finais de 2008, trala xuntanza mantida polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo e o seu homólogo italiano Claudio Ricci. Ambas cidades manteñen un convenio de irmanamento cultural e relixioso.
(Fonte: El Correo Gallego).
24/07/2008
Galicia
Alumnos portugueses na USC
As solicitudes de estudantes portugueses para acceder á Facultade de Medicina superan o centenar dos 260 preinscritos para a matrícula 2008-2009, segundo estimacións da propia Facultade. O incremento do alumnado luso provocou problemas entre os demandantes galegos que quedaron fora, os cales esixiron maiores requisitos para os seus similares portugueses, como un exame de lingua. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Reciben a nenos palestinos
A Fundación Araguaney, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a Dirección Xeral de Turismo, acollerá ata mediados de agosto a uns dez nenos palestinos provenientes de campos de refuxiados. (Fonte: El Correo Gallego).
23/07/2008
Uruguai
Doazón para a Unión de Sociedades Gallegas
A secretaría xeral de Emigración doará 18.000 euros para a Unión de Sociedades Gallegas de Uruguai (USGU), para a oficina de información e asesoramento sobre os programas e accións levadas a cabo pola secretaría. A USGU funciona desde 1984 e leva a cabo unha serie de actividades culturais, sociais e asistencias para os emigrantes galegos neste país sudamericano. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Compostela cos nenos saharauís
O alcalde santiagués Xosé Sánchez Bugallo recibiu no pazo de Raxoi aos dez nenos saharauís do campamento de refuxiados de Tinduf (Alxeria), que pasarán as súas vacacións na capital galega, no marco do programa “Vacacións en Paz”, organizado pola Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Saharauí. (Fonte: El Correo Gallego).
22/07/2008
Galicia
Verán no estranxeiro
Un total de 2.400 alumnos de ESO e bacharelato da nosa Comunidade decidiron pasar o seu verán no estranxeiro, aprendendo novas linguas, dentro do Plan de Linguas xestionado pola Consellería de Educación. Reino Unido, Irlanda, Francia e Canadá foron os destinos preferidos polos mozos galegos para aprender inglés e francés. (Fonte: La Voz de Galicia).

Francia
Vigo afonda a súa promoción
Tras Londres e Córdoba, a capital francesa converteuse no centro de atención do concello vigués e a Xunta para a promoción do aeroporto de Peinador como conexión aérea para potenciar o turismo da cidade. A Xunta investirá un total de 160.000 euros na promoción viguesa en París. (Fonte: Atlántico Diario).
21/07/2008
Arxentina
Fondos para o hospital
A conselleira de Sanidade e presidenta da Fundación Galicia Saúde, María José Rubio Vidal, anunciou na capital arxentina un crédito de 1,2 millóns de euros para financiar a nova sede do Hospital do Centro Gallego de Bos Aires. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Financiamento para as empresas galegas
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, reuniuse co vicepresidente do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Carlos da Silva Costa, co obxectivo de impulsar unha liña de financiamento para as empresas galegas, así como da iniciativa europea “Jeremie” (Joint European Resources for Micro-to-Medium Enterprises) para Galicia, e outros proxectos de investimento da Xunta de Galicia no ámbito da investigación e desenvolvemento tecnolóxico e o das infraestruturas produtivas. (Fonte: Xornal.com)

Unión Europea-Galicia
As estratexias pesqueiras para Galicia
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño salientou que coa inauguración da Axencia Comunitaria de Control da Pesca, Galicia cambia “o seu concepto histórico de rexión periférica por un de futuro de territorio estratéxico, cun peso cada vez máis definido e valorado”. Touriño remarcou este feito durante o acto de presentación oficial e de sinatura do acordo de constitución da nova sede da Axencia Comunitaria de Control da Pesca (ACCP) entre a ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, e o director do organismo comunitario, Harm Koster. (Fonte: Xornal.com)
20/07/2008
Inmigración
Brasil lidera as expulsións
Segundo datos da Fiscalía de Pontevedra, Brasil liderou no 2007 o número total de cidadáns estranxeiros expulsados, con 112 casos, seguido de Bolivia e Romanía con 73 cada un, e Portugal con 62. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Danza boliviana en Vigo
A comunidade boliviana en Vigo, composta por 600 persoas empadroadas nesta cidade, deu a coñecer o seu baile típico “tinku”, en honor á Pachamama ou Nai Natureza, nun espectáculo público realizado nunha céntrica praza viguesa. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Diminúen os retornados
No 2007 foron 6.203 os galegos residentes no estranxeiro que volveron á nosa Comunidade, unha leve diminución con respecto ao 2006, que foron 6.343. Suíza lidera o país con maior número de galegos retornados (2.366), seguido de Venezuela con 795 retornados, país co incremento máis espectacular, xa que en 2006 contaba con 69 retornados. (Fonte: La Voz de Galicia).
19/07/2008
Unión Europea-Pesca
Reforzamento da Axencia Pesqueira
Durante unha xuntanza en Vigo, a ministra de Pesca, Elena Espinosa, e o director executivo da Axencia Comunitaria de Control da Pesca, Harm Köster, acordaron concretar os pasos para a ampliación das súas competencias e da súa capacidade de control. Ambos responsables de pesca asinaron o acordo internacional para constituír en Vigo a sede permanente da Axencia. (Fonte: El Correo Gallego).

Acción Exterior
Estudos galegos en Lisboa e California
Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, explicou que a Universidade Santa Bárbara de California e a Univesidade Clásica de Lisboa contarán con dous novos centros de estudos galegos para o curso 2008-2009. López reuniuse en Santiago cos 40 directores de centros que conforman a rede de proxección da lingua e cultura galegas en 21 países. (Fonte: El Correo Gallego).
18/07/2008
China
Preparando a Expo 2010
Técnicos composteláns participaron nunha reunión na Expo Zaragoza 2008 a fin de preparar a asistencia do concello de Santiago á Feira Universal Xangai 2010. (Fonte: El Correo Gallego).
17/07/2008
Portugal
Exportación conxunta das pemes
A consellería de Industria, a Confederación de Empresarios de Pontevedra e Caixanova impulsarán o Centro de Cooperación Transfronteiriza CECOTRAN, a fin de potenciar as facilidades de exportación e mercados no exterior para as pemes de Galicia e o Norte de Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
Día de Galicia en Brest
No marco da Festa Marítima Internacional de Brest (Francia), da que Galicia é convidada de honor, e con motivo da Festa da Virxe do Carme, celebrouse nesta localidade francesa o Día de Galicia, coa exposición da cultura marítima e musical galega. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/07/2008
Diáspora
Reforma antes de setembro
O BNG instou a próxima comparecencia da Vicepresidenta Primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, en sesión extraordinaria para que informe da posición do Goberno ante a necesaria e urxente modificación da lexislación electoral para que os emigrantes voten en urna. Esta solicitude do BNG foi aprobada por unanimidade na Deputación Permanente, con 52 votos a favor. Neste sentido, a representación nacionalista galega esixiu ao goberno central a adopción da proposición de lei para antes do 15 de setembro de 2008. (Fonte: xornal.com e Faro de Vigo).

Galicia
A lingua no exterior
Un total de 40 responsables das cátedras e dos centros de estudos galegos de universidades de fóra de Galicia, procedentes de 21 países diferentes, participarán nunha xuntanza organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística na USC. A xornada estará coordinada por John Rutherford, responsable do Centro de Estudos Galegos no Queen’s College de Oxford e o decano dos directores destes centros. (Fonte: Xornal.com)

Portugal
A mocidade galaico-portuguesa en rede
A Vicepresidencia da Xunta, da man da Dirección Xeral de Xuventude dirixida por Rubén Cela, acordou co director rexional da zona norte do Instituto Portugués de Juventude, Vítor Días, a creación dunha rede de contactos culturais entre a mocidade de Galicia e Portugal. (Fonte: Vieiros).
15/07/2008
Diáspora
Aprobado o voto en urna
Tras 14 meses de discusións e polémicas por mor das denuncias de fraude en procesos electorais anteriores, o Parlamento galego aprobou unanimemente un texto que reivindica a implantación do voto en urna para os 326.000 galegos residentes no estranxeiro. Restan por decidir os prazos previstos para a súa aplicación. (Fonte: La Voz de Galicia).
14/07/2008
Diáspora
Retorno de médicos galegos
Un total de 550 médicos galegos que exerceron no exterior retornarán a Galicia entre 2008 e 2009, principalmente de países como Francia, Portugal e Gran Bretaña, segundo constata a consultora médica da empresa Adecco. Este éxodo que comezou a finais dos anos noventa comeza a evidenciar unha tendencia ao estancamento. (Fonte: El Correo Gallego).
13/07/2008
Arxentina
Revitalizarán o Hospital do Centro Galego
A conselleira de Sanidade, María José Rubio, viaxou ao país sudamericano a fin de explorar diversos campos de intervención no Hospital do Centro Galego de Bos Aires, dentro dunha visita institucional que permitirá a entrevista coa ministra de Sanidade, Graciela Ocaña, e a Superintendencia de Servizos da Saúde. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/07/2008
Unión Europea-Pesca
Polémica polo recorte da flota galega
Durante un pleno do Consello Galego da Pesca, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, anunciou que a Xunta podería asumir unha segmentación selectiva -por segmentos de flota, por portos ou outras formas que se están estudando- da flota galega, pero nunca o 30% de redución global que puxo sobre a mesa a Comisión Europea, e que afectaría a 1.500 embarcacións. A finais de xullo se someterá un texto definitivo en Bruxelas, durante a reunión do Consello de Ministros de Pesca. (Fonte: Galiza Nación).
11/07/2008
Lusofonía
Galicia como observadora
Luis Fonseca, secretario executivo da Comunidade de Países en Lingua Portuguesa (CPLP), argumentou que Galicia debe achegar ao goberno español a súa solicitude de observador asociado neste organismo, a fin de evitar “conflitos diplomáticos” cos demais países membros. Neste sentido, Fonseca informou que Galicia tería un status similar aos das antigas colonias portuguesas como Goa (India), Macao (China) e Malaca (Malaisia). (Fonte: La Voz de Galicia).

Sáhara
Chegaron os primeiros nenos saharauís
No marco do programa “Vacacións en Paz” organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, chegaron a Santiago o primeiro grupo dos 846 nenos saharauís residentes nos campos de refuxiados de Tinduf (Alxeria). Galicia acollerá no verán case a décima parte dos 10.000 nenos que integran este programa internacional. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Programas de inserción laboral
O Presidente da Fundación Galicia Emigración e Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez González e o Director Comercial de Caixanova en A Coruña e Lugo, Gabriel González Eiroa, asinaron un convenio de colaboración para fomentar o desenvolvemento de programas de apoio á inserción socio laboral e o fomento do emprego entre os emigrantes galegos do exterior e os emigrantes retornados a Galicia. (Fonte: xornal.com).

Solidariedade
Contra a pobreza na India
A ONG “Implicadas no Desenvolvemento” realizou en Ferrol unha subhasta para recadar fondos destinados a axudar a 32.000 persoas residentes en campamentos nas localidades indias de Tiruchy, Thanjavur e Karaikal. (Fonte: El Correo Gallego).
10/07/2008
Galicia
Guías en xaponés e chinés
Coa finalidade de atraer a turistas do mercado asiático, o Hostal dos Reis Católicos presentou sendas guías turísticas en chinés e xaponés. As guías realizan unha explicación da historia e os principais monumentos culturais de Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Contra Brasil e Rusia
A selección galega de Fútbol Sala feminino enfrontarase en setembro no Mundial a celebrarse en Reus (Cataluña), no Grupo A contra Brasil e Rusia. Este Mundial é organizado pola Asociación Mundial de Fútbol Sala. (Fonte: El Correo Gallego).
09/07/2008
Afganistán
Formación de axentes de seguridade
O pontevedrés Xoaquín Cortizo Caamaño, adscrito ao subsector de Tráfico de Pontevedra como cabo primeiro da Garda Civil pertencente á Brilat e membro da EUPOL, ao amparo da ONU, será o encargado da formación de axentes de seguridade na provincia afgana de Badghis, a 150 quilómetros de Cabul. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Visita da ministra de Cultura marroquí
No marco da edición da Bienal de Pontevedra dedicada aos países do Magreb, a ministra de Cultura de Marrocos e o seu embaixador en España realizarán unha visita, acompañando aos seus homólogos de Alxeria e Tunicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Satisfacción polo nome dunha rúa en Negreira
A xunta directiva da Unión Barcalesa de La Habana amosou a súa satisfacción pola decisión do Concello de Negreira de dedicar unha rúa a esta asociación. (Fonte: La Voz de Galicia).
08/07/2008
Palestina
De prácticas en Galicia
Seis estudantes de hostalería da localidade palestina de Belén foron acollidos en hoteis de primeira categoría de Santiago, como parte dunha iniciativa da Fundación Araguaney-Puente de Culturas. Neste sentido, o seu presidente Ghaleb Jaber Ibrahim, considerou necesaria unha visita institucional de alto nivel dos representantes de Turismo da Autoridade Nacional Palestina (ANP), a fin de reforzar estes convenios de cooperación. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Obstáculos en Mauritania
Se prevé que no próximo consello europeo de ministros de Pesca, a celebrarse en Bruxelas a mediados de agosto, a UE recorte cinco das 29 licencias galegas para pescar nas augas de Mauritania, especialmente nas referentes ás capturas de cefalópodos. (Fonte: El Correo Gallego).

Venezuela
Detidos tres secuestradores
As autoridades policiais venezolanas detiveron a tres dos secuestradores do empresario galego Jesús Ovidio Domínguez Otero, en paradoiro descoñecido desde marzo pasado. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Case 10.000 legalizados en Lugo
Segundo datos da Deputación lucense, os inmigrantes legalizados nesta comunidade acadaron as 9.616 persoas, un incremento do 23,6% con respecto ao 2007. Portugal é o país con maior número de residentes, seguido de Colombia, Romanía, Marrocos e República Dominicana. Outros países con notable presenza emigrante en Lugo son Cabo Verde, Arxentina, Brasil, Perú e China. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Colaboración coa lusofonía
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a presidenta da Asociación Internacional de Lusitanistas (AIL), Regina Zilberman, asinaron un protocolo de colaboración cultural polo que a Consellaría apoiará o labor desta institución con presenza en 32 países, e que ten por obxecto fomentar os estudos das linguas portuguesas, entre elas o galego. O protocolo asinado pretende establecer liñas de traballo conxunto entre a AIL e a Consellaría a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. (Fonte: Galiza Nación).

Francia
Galicia na feira marítima de Brest
Un total de 25 embarcacións tradicionais galegas representarán a nosa Comunidade na Festa Marítima Internacional de Brest na Bretaña francesa,a celebrar a mediados de xullo. Coas nosas tradicións mariñeiras, en Brest estará presente a cultura, a musica e gastronomía galegas. (Fonte: Galiza Nación).
07/07/2008
Unión Europea-Galicia
O desuso do galego
Desde que se abrira o Correo do Cidadán en xullo de 2006, como mecanismo para dirixir as peticións e suxestións dos cidadáns europeos, a Comisión Europea só recibiu unha carta en galego, por ningunha do éuscaro e 40 en catalán. Este servizo activouse como petición do goberno español para dotar de certo status de cooficialidade ás linguas do Estado español na Eurocámara. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/07/2008
Perú
Cooperación pesqueira galega
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está levando a cabo un proxecto de colaboración co Goberno de Perú co que se pretende fortalecer o labor pesqueiro, así como mellorar o desenvolvemento da pesca artesanal do país suramericano. Esta actuación, posta en marcha en febreiro de 2008, prolongarase ata o mes de marzo de 2009. Entre os días 1 e 9 de xullo, unha delegación peruana, encabezada polo director xeral de Pesca Artesanal do Ministerio de la Producción, Fernando Richter, participará na “Visita Técnica do Servizo de Extensión Pesqueira peruano a Galicia”. (Fonte: xornal.com).

Cooperación
Programas sociais en Guatemala
Alumnos do Colexio Maior La Estila viaxaron a Guatemala para levar a cabo labores de cooperación en reforzo escolar, saúde, hixiene pública e reparacións de escolas. Estas labores forman parte do Programa de Formación de Líderes Solidarios do Colexio La Estila. (Fonte: El Correo Gallego).
05/07/2008
Diáspora
Pospoñen aprobación do voto emigrante
O Consello da Xunta decidiu pospoñer a aprobación do proxecto lexislativo destinado a modificar a Lei de Eleccións do Parlamento de Galicia, no referente ao reconto de votos emigrantes. Esta decisión dificulta a pretensión de aprobar a reforma do voto emigrante no mes de xullo de 2008. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/07/2008
Solidariedade
As Pontes con Calcuta
O concello lucense de As Pontes colaborou coa ONG Mundo Cooperante para celebrar a festa solidaria Barha Party, na que se recolleron fondos para desenvolver un dos barrios máis pobres da cidade india de Calcuta. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
A AECT nacerá en setembro
Será en setembro de 2008 cando a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal avance na súa constitución como Agrupación Europea de Cooperación Territorial Transfronteiriza (AECT), trala xuntanza celebrada en Santiago entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o responsable da Comisión para o Desenvolvemento do Norte de Portugal, Carlos Lage. Esta será a primeira AECT que se constituirá na península ibérica, e a terceira a nivel europeo, xunto coas agrupacións Francia-Bélxica e Hungría-Eslovaquia. (Fonte: Vieiros).
03/07/2008
Cuba
O PPdG denuncia irregularidades
Dous deputados do PPdG acusaron ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de ser “cómplice” das irregularidades sobre o gasto efectuado pola consellería de Cultura durante a participación de Galicia na Feira do Libro de La Habana en febreiro pasado, ao impedir o acceso á documentación do Consello da Xunta que validaron as facturas da viaxe institucional á illa caribeña. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Turismo sostible internacional
O concello de Sanxenxo participará nun proxecto de turismo sostible coas localidades francesas de Audelo e Cap Atlántique, a irlandesa South West Regional Authority e a británica South Devon, dentro dunha iniciativa europea que pretende crear unha rede de cidades atlánticas mariñas orientada á cooperación turística e a promoción do patrimonio cultural e natural. (Fonte: La Voz de Galicia).
02/07/2008
Portugal
Na busca da coordinación territorial
Reunidos en Santiago, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o responsable da Comisión para o Desenvolvemento do Norte de Portugal, Carlos Lage, acordaron a adopción dun “enfoque conxunto” nas directrices de ordenación territorial, que serán presentadas ao pleno da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal a celebrar en setembro. O obxectivo é crear a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT), que terá a súa sede permanente en Vigo e que estará encargada de xestionar os 100 millóns de euros en fondos europeos para 130 proxectos de cooperación transfronteiriza. (Fonte: El Correo Gallego).

Italia
Explicando o hábitat galego
A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, participou en Turín nun congreso internacional de arquitectos, onde explicou a normativa existente para o hábitat galego, especialmente en materia de vivenda protexida e rehabilitación. Táboas participou nun foro que reuniu a 570 arquitectos e 10.000 profesionais provenientes de diversos países do mundo. (Fonte: El Correo Gallego).

Sahara
Medicamentos para refuxiados
A ONG “Cáritas Interparroquial” de Pontevedra está a desenvolver unha campaña, en colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para enviar medicamentos aos refuxiados nos campamentos de Tindouf (Alxeria). (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Campamentos de verán en Galicia
Un total de 336 mozos descendentes de emigrantes galegos, principalmente de Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela e Cuba, chegaron a nosa Comunidade para participar nos campamentos de verán organizados pola Secretaría Xeral de Emigración. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Vigo organizará a Marcha Mundial das Mulleres
Vigo foi a cidade elixida pola Marcha Mundial das Mulleres para celebrar o seu VII Encontro Internacional, entre o 14 e o 21 de outubro, no que participarán delegadas de 40 países dos cinco continentes. Vigo convértese así na primeira cidade europea en acoller este evento, que foi presentado pola secretaría xeral de Igualdade e a Concellería da Muller do Concello de Vigo. (Fonte: Faro de Vigo e Vieiros).

Inmigración
Linguas para a integración
Expertos lingüísticos da Universidade de Vigo adiantan un programa de investigación para o estudo das linguas dalgunhas rexións de países africanos como Senegal e Etiopía, que posúen comunidades de emigrantes en Galicia. O obxectivo é propiciar o contacto cultural e a integración destes emigrantes en Galicia así como facilitar a comunicación das familias galegas con nenos adoptados destes países. Neste sentido, este grupo centra a súa prioridade no coñecemento da lingua wolof de Senegal e o amarico de Etiopía. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Integración en Ordes
Profesionais das ramas educativa, social e xurídica da comarca de Ordes participaron en xuño nunha serie de xornadas sobre intervención social co colectivo de inmigrantes, organizadas polo concello e a ONG Ecos do Sur. (Fonte: La Voz de Galicia).
01/07/2008
Unión Europea-Pesca
Inaugurada a Axencia Pesqueira de Vigo
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director executivo da oficina comunitaria, o holandés Harm Koster, reuníronse en Vigo para programar a apertura oficial da Axencia Europea para o Control da Pesca. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Congreso sobre Emilia Pardo Bazán
Un total de 70 especialistas de Europa e EEUU reuníronse en A Coruña para celebrar un congreso internacional sobre a obra da escritora galega Emilia Pardo Bazán. Neste congreso resalta a presenza de 20 investigadores estadounidenses. (Fonte: La Voz de Galicia).

Arxentina
Celebrarán o Mes do Apóstolo
Por terceiro ano consecutivo, a colectividade galega en Arxentina organizará unha serie de actos culturais, deportivos, sociais e relixiosos para celebrar o Mes do Apóstolo, coa participación de centros galegos de localidades do interior do país, como Puerto Madyn, Río Gallegos, Azul e La Plata. (Fonte: La Voz de Galicia).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Diario Nova +, El Correo Gallego, El Exportador, El País, El Progreso, Empresa y Finanzas, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, Galiza Nación, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2008: xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2007: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2006: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2005: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2004: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2003: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2002: dec | nov | out | set | ago | xul | 30xuñ | 14xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/08/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta