Vivimos no tempo da globalización, un momento histórico
apasionante, un cambio de época que presenta enormes desafíos, grandes retos e oportunidades, e que
esixe unha renovación progresiva das mentalidades acorde coas interdependencias propias dun universo que
hoxe máis que nunca é un só.
O futuro de Galicia vai depender en boa medida da súa capacidade
de adaptación a ese mundo actual, en vertixinoso proceso de transformación. Por iso cómprenos
impulsar accións decisivas, adoptar políticas rigurosas que faciliten a nosa integración na
nova complexidade a partir das propias potencialidades económicas e sociais, e dotarnos de instrumentos
como esta Guía de Recursos que nos permitan aplicalas doadamente.
Unha acción exterior como a desenvolvida ata agora pola Xunta
de Galicia, tan intensa como xenerosa e acertada, persevera nese camiño e permitiranos sen dúbida
positivizar ese inevitable proceso de internacionalización de Galicia como opción estratéxica.
Por tradición, a nosa é unha sociedade aberta ó
mundo. Galicia é e foi sempre universal. Pero nunca tivo mellor oportunidade que a presente para despregar
toda a súa iniciativa a fin de formar parte desa complexa rede que constitúe a nova “era mundial”.