| Igadi na Rede / Guía Exterior - A Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA) |
| A Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA) |
A presente guía foi elaborada no marco do Programa de Investigación sobre “Seguridade, Conflitos e Alternativas no Sistema Internacional” do IGADI, que ten no ALBA o seu tema central de investigación. 1) Qué é a ALBA? Creada o 14 de decembro de 2004 polos gobernos de Cuba e Venezuela e impulsada polo presidente venezolano Hugo Chávez baixo o nome de Alternativa Bolivariana para as Américas, este organismo xurdiu como mecanismo de integración continental alternativo aos postulados de integración económica neoliberal impulsados por Washington desde 1994, a través da Alianza de Libre Comercio para as Américas (ALCA). Deste xeito, segundo estipula o Documento Conxunto, a ALBA pretende “crear unha Patria Grande en América Latina, segundo soñaron os heroes das nosas loitas emancipadoras”, recollendo a herdanza ideolóxica do liberador Simón Bolívar, a fin de defender un tipo de integración autóctona plenamente latinoamericana, coa solidariedade e a xustiza social como bases da integración, e a experimentación permanente para a formulación posible. 2) Cales son os países membros da ALBA? Actualmente, a ALBA está conformada por nove países: Venezuela e Cuba (membros desde 2004), Bolivia (2006), Nicaragua (2007), Honduras (2008), Ecuador, Dominica, Antigua e Barbuda e San Vicente e as Granadinas (2009). Estas dúas últimas forman parte tamén da Commonwealth ou Mancomunidade británica. A crise política en Honduras tralo golpe de Estado contra o presidente Manuel Zelaya, abre unha paréntese na alteración dos membros constitutivos da ALBA. En gran medida, a resolución deste conflito condiciona a axenda da ALBA no seu horizonte próximo. 3) Qué obxectivos de integración persigue a ALBA? Coa aspiración de alentar unha integración social, política, económica, cultural e histórica, a ALBA concibe unha multiplicidade de mecanismos de integración, destacando os eixes enerxético, financeiro e económico como elementos centrais dunha integración solidaria. Falamos así dunha integración multidimensional que transcende os economicismos clásicos do libre comercio internacional que representou o denominado “Consenso de Washington” de 1991. 4) En qué consiste o “Socialismo do Século XXI”? A Revolución Bolivariana impulsada en Venezuela a partir de 1999 afianzou o seu carácter ideolóxico coa inclusión, a partir do Foro Social Mundial de 2005, da proposta recollida no Socialismo do Século XXI. Esta idea foi anteriormente desenvolvida por Heinz Dieterich, sociólogo xermano-mexicano e asesor de Chávez, aínda que existe controversia sobre a súa posible autoría, a partir de 1996, por parte do teórico ruso A.V. Buzgalin. 5) De Alternativa a Alianza O VI Cumio Extraordinario da ALBA celebrado en Maracay (Venezuela) o pasado 29 de xuño de 2009, permitiu rebautizar a ALBA, pasando a denominarse a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América. Este cumio, que permitiu o ingreso oficial de Ecuador, deu paso a un impulso de carácter xeopolítico para a ALBA que, coa súa denominación de Alianza, da a entender a necesidade de concretar unha plataforma de integración politicamente máis cohesionada, con maior capacidade de ampliación e actuación en diversos escenarios. 6) A ALBA e os cambios hemisféricos América Latina ven asistindo nos últimos anos a unha serie de cambios políticos, marcados pola chegada ao poder de partidos de esquerda, centroesquerda e indixenistas, que manifestan a vocación de acadar unha integración plenamente latinoamericana, afastándose de anteriores modelos esóxenos de integración. O xiro cara diversas opcións da esquerda en Venezuela, Brasil, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Uruguai, Arxentina, Chile, O Salvador, Guatemala, Honduras (ata o recente golpe de Estado) e Paraguai, permite concretar unha serie de sinerxías e compatibilidades nos mecanismos de integración, algúns deles xa existentes e outros aínda en pleno desenvolvemento: ALBA, UNASUR, MERCOSUR, Comunidade Andina de Nacións (CAN), PETROSUR, PETROCARIBE, Gasoduto do Sur, Organización do Tratado do Atlántico Sur (OTAS), etc. 7) Brasil: un actor clave no futuro? O remate da presidencia de Luís Inácio Lula da Silva a finais de 2010 prognostica un escenario complexo para a política brasileira, por estar Lula imposibilitado constitucionalmente para a reelección. Neste sentido, a esquerda brasileira pode adoptar diversas ópticas de actuación, ante a posibilidade dunha vitoria electoral do centrodereita. O apoio ao “chavismo” e a ALBA por parte de diversos movementos sociais como o Movemento dos Sen Terra (MST) e Vía Campesiña, poden configurar un difícil escenario electoral para o gobernante Partido dos Traballadores (PT) e as candidaturas post-Lula. 8) O pulso ALBA vs ALCA O IV Cumio das Américas de Mar del Plata (Arxentina), celebrado en novembro de 2005, significou o primeiro pulso político de alto nivel entre a ALCA, nese momento defendido polo ex presidente estadounidense George W. Bush, e a ALBA impulsada por Chávez. Bush só logrou afianzar a diversos países centroamericanos e sudamericanos dentro da estratexia orixinal da ALCA, incluso alterando algúns dos seus postulados para adaptalos ás necesidades de países de maior peso como Brasil. 9) A crise hondureña: un revés para a ALBA? O golpe de Estado do pasado 27 de xuño en Honduras contra o presidente lexítimo Manuel Zelaya, evidenciou a primeira reacción política hemisférica contra un presidente aliado de Chávez e un país recen admitido na ALBA. O presidente interino xurdido do golpe, Roberto Michelletti, denunciou inmediatamente a presunta implicación de Chávez e do eixe da ALBA nos asuntos hondureños. Dende entón, o pulso mantido por Michelletti e Zelaya da a entender moitas das variables xeopolíticas coas que se enfronta actualmente a ALBA. 10) Cuba e a ALBA A inclusión cubana nos procesos de integración hemisféricos a través da ALBA permitiu configurar unha xanela de apertura cara o exterior que, inevitablemente, obriga a multiplicar a atención respecto ao escenario cubano nos próximos anos. A diplomacia de Chávez, comprometida co outorgamento a Cuba dunha presenza importante no concerto hemisférico, obtivo unha ampla aceptación noutros países como Bolivia, Brasil, Arxentina, Nicaragua, Chile e Ecuador. Este impulso de Chávez de apertura cara Cuba foi igualmente ampliado cara outros actores externos como Rusia, China, Irán e Vietnam. |
| 24/08/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/guia_exterior/001/039_alba.htm |