| Guía Exterior / nº 042-04/2009
de decembro de 2009 |
||||||||
| A nova xeopolítica en América do Sur | ||||||||
|
Cambios políticos, mecanismos alternativos de integración, tensións militares e un maior protagonismo de diversos países (Venezuela, Brasil, Bolivia, etc) a nivel internacional son factores que definen desde 1999 unha nova xeopolítica en América do Sur. Un escenario substancialmente diferente ao acaecido durante os anos da “guerra fría”, e moi diferente tamén ao do sistema internacional inmediatamente posterior, centrado entón nos procesos de reforma económica e nos tratados de integración de carácter neoliberal. O século XXI escríbese con letra diferente na América do Sur. 1. Indixenismo e movementos sociais Dous actores irromperon con forza no escenario político sudamericano da última década: os partidos indixenistas e os movementos sociais, cun decisivo protagonismo político en países como Bolivia e Ecuador, así como en diversas plataformas rexionais, tales como o Foro de São Paulo.Estes movementos lograron constituírse nunha corrente renovadora para a esquerda latinoamericana, incrementando as súas demandas de maior ampliación dos seus dereitos e da democracia social. Cunha activa participación pública e por medios democráticos e electorais, o indixenismo logrou alcanzar un elevado grao de peso político e constitucional a través dos gobernos de Evo Morales en Bolivia e Rafael Correa en Ecuador, así como unha notable presenza e recoñecemento a través dos procesos de cambio liderados por Hugo Chávez en Venezuela e Fernando Lugo en Paraguai. 2. Entre a UNASUR e a ALBA No eido da integración rexional, nos últimos anos dous organismos reafirman o seu peso dentro dos procesos políticos de cambio en América do Sur: a Unión de Nacións do Sur (UNASUR) e a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA).Creada formalmente en 2008, a UNASUR imponse como un efectivo mecanismo de integración rexional, en gran medida determinado polo peso xeopolítico de Brasil, así como un importante foro de resolución de conflitos, como se observou durante a crise política boliviana de setembro de 2008 e, parcialmente, na tensión militar entre Colombia e Venezuela ao longo de 2009. 3. A parálise do MERCOSUR A pléiade de procesos de cambios políticos e de emerxencia de organismos de integración deixa no tapete as anteriores estruturas de integración, como o Mercado Común do Sur (MERCOSUR), creado en 1991 por Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai, e que en 2009 incrementou os procesos de negociación de admisión cara outros países, como Venezuela.Non obstante, o MERCOSUR vive un crítico momento de parálise política para dinamizar os mecanismos de integración e os seus postulados comezan a manifestarse caducos ante as iniciativas de integración rexionais. Igualmente, a petición de ingreso de Venezuela, aprobada polo Senado brasileiro pero aínda incerto no caso paraguaio, revela tamén sinais de polarización política. 4. Socialismo nos Andes Durante a última década, a rexión andina experimentou os máis relevantes cambios de orientación política, con claras implicacións de carácter ideolóxico, político e militar.Países como Venezuela, Ecuador e Bolivia reafirmaron un eixe inspirado nos postulados da revolución bolivariana iniciada por Chávez en 1999 e complementado co referente plasmado no Socialismo do Século XXI. Cun amplo apoio popular e mobilización social, os triunfos electorais de Chávez, Morales e Correa lograron identificar novas hexemonías políticas nos seus respectivos países, afirmando un “eixe revolucionario” na rexión andina. 5. Colombia: o “Israel sudamericano”? Dentro desta complexa conxuntura xeopolítica na rexión andina, é máis ben Colombia o epicentro dunha serie de tensións que, en diversos escenarios, incrementa as tensións militares na rexión sudamericana.Desde 2000, coa activación do Plan Colombia, Bogotá erixiuse como o máis próximo aliado latinoamericano de Washington, especialmente en materia de asistencia militar e económica. Desde 2002, o presidente Álvaro Uribe Vélez afondou esta alianza con Washington, recentemente concretada na loita antiguerrillera contra as FARC, na contención rexional do denominado “eixe chavista” e na implementación de sete bases militares estadounidenses en territorio colombiano, en especial ante a retirada da base militar estadounidense de Manta (Ecuador) en decembro de 2009. 6. Perde influencia Washington? Desde o triunfo electoral de Chávez en 1999 e da revolución bolivariana “antiimperialista e antineoliberal”, apreciase un notorio desprazamento do tradicional peso hexemónico de Washington na rexión sudamericana, fraguado cos postulados do Consenso de Washington instaurado a partir de 1990.Igualmente, o posterior ciclo electoral cara a esquerda a partir de 2002 (Brasil, Arxentina, Uruguai, Bolivia, Chile, Ecuador e Paraguai) evidenciou a falta de visión e capacidade de Washington para fortalecer os seus intereses de integración económica (ALCA) en América do Sur. 7. Novos actores: China, Rusia, Irán e Israel Desde 2004, os respectivos mandatarios de China, Rusia e Irán veñen realizando diversas xiras por América do Sur, coa intención de atopar novos socios xeopolíticos e militares, así como redefinir as bases de asociación cos mercados emerxentes a nivel global, como é o caso de Brasil.O vicepresidente chinés Xi Jinping, os rusos Vladimir Putin e Dmitri Medveded e o iraniano Mahmud Ahmadíneyad, visitaron Venezuela, Brasil, Bolivia, Chile, Arxentina e Ecuador, onde trazaron diversos acordos de cooperación militar e económica, así como alianzas estratéxicas orientadas a reconfigurar o perfil xeopolítico global, en especial de cara á hexemonía estadounidense. Neste sentido, resulta relevante a implicación de Moscova e Teherán en alianzas con Venezuela, Bolivia e Ecuador, destinadas a apostar por cartas xeopolíticas e militares de importancia basicamente dirixidas a minorar a hexemonía de EEUU, un escenario que irrita considerablemente as perspectivas e imperativos de Washington. Así, EEUU tenta contrarrestar estes eixes afondando a súa cooperación con Colombia. Cunha perspectiva similar, Israel recea enormemente da implicación iraniana en América do Sur, onde habitan numerosas comunidades xudeas. Desde 2008 resulta frecuente a visita de altos cargos diplomáticos e militares dos gobernos israelís de Ehud Olmert e Benjamín Netanyahu a países como Arxentina, Brasil e Colombia. Tel Aviv acusa ao goberno de Chávez de fomentar alianzas e “santuarios” rexionais para Teherán e os movementos islamitas libanés Hizbulá e o palestino Hamas. Paralelamente, os temores estadounidenses e israelís están cifrados na presunta posibilidade de cooperación nuclear iraniana a través de Venezuela e Bolivia, países ricos en petróleo, gas natural e reservas de uranio. 8. Brasil: o peso pesado Se un elemento identifica o labor exterior do goberno de Lula da Silva (2002-2010) é a consideración de Brasil como un actor emerxente con cada vez maior peso global.Así, Lula emerxeu como un referente para a nova esquerda latinoamericana, impulsado dende diversos sectores como contraposición cara unha esquerda máis radical, basicamente personificada en Chávez. Así, Lula tentou equilibrar os seus eficaces programas sociais (Fame Cero, Bolsa Familia) coa ortodoxia macroeconómica imperante nos últimos anos. 9. O Cono Sur: Arxentina, Uruguai e Chile Consolidadas as súas respectivas transicións democráticas iniciadas na segunda metade da década de 1980, os tres países do Cono Sur reflicten na actualidade realidades diametralmente distintas.Aínda afectada polas sucesivas crises económicas, a Arxentina anuncia un período de incertezas políticas, tras superar os duros efectos do “corralito” financeiro de 2001 e sumida nas vicisitudes do “kircherismo” no poder desde 2003. A falta de concretar cal será a estratexia electoral do matrimonio Kirchner, as eleccións presidenciais de 2011 poden anunciar o retorno do centrodereita, da man do alcalde bonaerense Mauricio Macri, ou ben un reforzamento doutras candidaturas rexionais dentro do peronismo e da esquerda. 10. Un “golpe hondureño” en Paraguai? En abril de 2008 foi elixido o ex cura Fernando Lugo como novo presidente paraguaio, liderando unha plataforma de partidos e movementos de esquerda e indixenistas, que correspondía coa dinámica de cambios experimentados noutros países da rexión, como Venezuela, Bolivia e Ecuador.Coa vitoria dun candidato alternativo e de esquerdas por vez primeira na súa historia, Paraguai ingresaba así nunha nova era política, rematando parcialmente a tradicional e prolongada hexemonía política bipartidista entre os partidos Colorado e Branco.
IGADI. Decembro de 2009.
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2010
|
||||||||
|
||||||||