| Guía Exterior / nº 041-03/2009
de novembro de 2009 |
||||||||
| A ALBA e os movementos sociais | ||||||||
|
O énfase no factor social como axente primordial dos cambios en América Latina constitúe unha base de principio fundamental para comprender a esencia da ALBA como alternativa de integración. Baixo esta concepción, a ALBA é o único organismo de integración a nivel mundial que considera como prioridade a inclusión, organizativa e institucional, dos movementos sociais como actores clave deste proceso de cambios. 1. A plataforma social dentro da ALBA A concepción social da ALBA está basicamente recollida no Tratado de Comercio dos Pobos (TCP), documento que expresa a vontade de integración social dos pobos latinoamericanos en contraposición aos modelos de integración económica de carácter neoliberal. Converxen así os movementos sociais indixenistas, sindicais, afrodescendentes, campesiños, organizacións gremiais e xuvenís, produtores cocaleiros, etc, que loitan pola xustiza social, unha redistribución equitativa dos recursos, os valores ecolóxicos e os procesos de democratización e participación popular. 2. O Consello dos Movementos Sociais Durante a celebración do VII Cumio da ALBA entre o 16 e 17 de outubro de 2009 en Cochabamba (Bolivia), representantes sociais de 40 países participaron no Cumio Social da ALBA, onde se impulsou o Consello dos Movementos Sociais como plataforma formal de actuación, en principio para os nove países membros da ALBA. Neste cumio tratáronse temas relativos á economía comunitaria, o cambio climático, a soberanía alimentaria e a crise de valores cívicos. Entre diversas disposicións e obxectivos de actuación, aprobouse que o documento “Os Dez Mandamentos para salvar o Planeta, a Humanidade e a Vida”, proposto polo presidente boliviano Evo Morales, se adoptara como a base dos principios fundamentais entre os movementos sociais existentes na ALBA. 3. A Alianza Social Continental A creación da ALBA en decembro de 2004 impulsou a presenza dos movementos sociais neste marco de integración. Así, unha serie de eventos consolidaron esta visión, recollida na idea de conformar unha Alianza Social Continental, preámbulo do que posteriormente será o antes mencionado Consello dos Movementos Sociais da ALBA. En novembro de 2005, no marco do Foro Social Mundial de Porto Alegre, o presidente venezolano Hugo Chávez reuniuse con diversos movementos sociais para formular a necesidade de crear o Consello de Movementos Sociais da ALBA. 4. Bolivia: cénit dos movementos sociais Fixando a atención nas eleccións presidenciais do próximo 6 de decembro, onde o mandatario Evo Morales afronta un novo reto para elixir os novos poderes públicos emanados trala aprobación do proceso constituínte en xaneiro pasado, cómpre observar a capacidade de influencia e o peso dos movementos sociais, especialmente indixenistas, na consolidación do proceso de cambio iniciado por Morales en 2005. O goberno de Morales defínese como “o goberno dos movementos sociais”, recoñecendo así o peso e o protagonismo destes organismos como axentes clave do cambio político, social e económico boliviano, igualmente explicado ante a crise dos partidos políticos tradicionais. 5. Ecuador: o peso da mobilización social Membro da ALBA desde 2009, Ecuador conta actualmente cun goberno progresista presidido por Rafael Correa, quen conta cun importante apoio de movementos sociais. Ao igual que en Bolivia, os movementos sociais ecuatorianos constituíron auténticos actores de peso nas sucesivas caídas de presidentes impopulares desde 1998. Actores significativos destas mobilizacións populares foron a Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador (CONAIE) e o Movemento Pachakutik. 6. Venezuela: socialismo e revolución Impulsor esencial da ALBA, a revolución bolivariana e socialista de Hugo Chávez afronta o seu papel como vértice principal de orientación cara as novas alternativas de integración en América Latina. O “chavismo” inclúe unha gama plural de movementos sociais que permitiron consolidar a fortaleza electoral e política do Movemento Quinta República (MVR) a partir de 1998 e, posteriormente, co actual Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), como elemento vertebrador da revolución bolivariana e do “Socialismo do Século XXI”. 7. Ampliando a perspectiva exterior A potencialidade enerxética venezolana e o impulso decidido de Chávez orientado a potenciar a ALBA como alternativa de integración e emancipación dos pobos latinoamericanos, definiron un marco de actuación e de simpatías en países como Ecuador, Bolivia e Nicaragua, membros da ALBA, así como posibles núcleos, máis minoritarios, noutros países non membros deste organismo, como Perú, Colombia, Honduras, México, O Salvador, Brasil, Arxentina e Paraguai. A finais de outubro, diversos movementos sociais de Haití, país membro observador da ALBA, agrupados no colectivo REMOSA, anunciaron a súa intención de integrarse na ALBA. Outros colectivos como os paraguaios Partido do Movemento ao Socialismo (PMAS), a Iniciativa Paraguaia de Foro Social das Américas, o Partido Popular Tekojoja e a Fronte Social e Popular, tamén amosaron este interese. 8. A ALBA e o Foro Social Mundial O peso global adoptado polo Foro Social Mundial (FSM) de Porto Alegre (Brasil) a partir de 2001, coa súa ampliación cara varias sedes paralelas en África, América Latina e Asia, permitiu albiscar outra visión da globalización, afincada na potencialidade dos movementos sociais. Non obstante, diversos colectivos comezaron a demandar maiores niveis de actuación política directa destinados a provocar rupturas co modelo económico da globalización neoliberal. Estas demandas afrontan a perspectiva de que, sen actuación política decidida, o FSM corre o risco de diluírse nunha rede de cumios e reunións con cada vez menor impacto político global. 9. Cara a integración social latinoamericana A pléiade de organismos de integración en América Latina (UNASUR, ALBA, MERCOSUR, Mercado Común Centroamericano, Comunidade Andina de Nacións, etc) permite considerar o momento histórico que vive este continente en materia de integración autóctona, plenamente latinoamericana. Tradicionalmente, estes mecanismos de integración afondan en aspectos de carácter económico e comercial, co reto de asegurar os factores de consenso político. Ante este escenario, a ALBA aglutina toda serie de eidos de integración pero cun consenso primordial: alentar a integración social dos pobos latinoamericanos. 10. Medindo o cambio de ciclo político América Latina apréstase a afrontar un novo ciclo electoral entre finais de 2009 e 2011 que pode, tentativamente, modificar a orientación cara a esquerda acaecida nos últimos anos. A dereita calcula alcanzar vitorias electorais en Chile (decembro 2009), Colombia (marzo 2010), Arxentina e Perú (2011), á espera do que poida suceder nas eleccións presidenciais brasileiras de outubro de 2010, onde o gobernante Partido dos Traballadores (PT) afronta a posibilidade dunha derrota electoral ante a centrodereita.
IGADI. Novembro de 2009. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 23/11/2009
|
||||||||
|
||||||||