Guía Exterior / nº 040-02/2009 de setembro de 2009Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
A integración enerxética da ALBA

Versión para imprimir

 

A ALBA incorpora unha metodoloxía novedosa e experimental de cooperación Sur-Sur, impulsada dende o goberno bolivariano de Venezuela e o seu modelo ideolóxico concibido arredor do Socialismo do Século XXI. Nesta metodoloxía, herdeira das complexidades da sociedade internacional e do propio proceso de construción do Socialismo do Século XXI, o sector enerxético preséntase como unha ferramenta determinante, incluso dende a perspectiva xeopolítica, dentro do esquema de integración continental representado na ALBA.
Alternativas como PETROCARIBE, PETROSUR e PETROANDINA permiten definir unha estratexia hemisférica de integración enerxética en torno á posible configuración no futuro de PETROAMÉRICA. A presente Guía Exterior permite visualizar os alcances e obstáculos que existen en torno á integración enerxética concibida dentro da ALBA.

1) Qué é PETROCARIBE? Creado o 29 de xuño de 2005 en Puerto La Cruz (Venezuela), e actualmente conformado por 19 países centroamericanos e caribeños, PETROCARIBE constitúe unha extensión do Acordo Enerxético de Caracas de 2001, subscrito entre Venezuela e Cuba, que permite financiar unha porción do valor das importacións de cru dende Venezuela, tendo en conta a evolución dos prezos internacionais do petróleo.

Os países membros de PETROCARIBE son: Venezuela, Cuba, República Dominicana, Antiga e Barbuda, Costa Rica, Bahamas, Belice, Dominica, Grenada, Guíana, Honduras, Haití, Xamaica, Surinam, Santa Lucía, Nicaragua, Guatemala, San Cristóbal e Neves e San Vicente e as Granadinas.
É relevante considerar a amplitude e flexibilidade de perspectivas deste organismo, debido a que o ingreso dun país en PETROCARIBE non significa nin compromete o seu eventual ingreso dentro da ALBA.
Non obstante, o golpe de Estado en Honduras o pasado 28 de xuño de 2009 deixou aberta a posibilidade de saída deste país de PETROCARIBE, aínda que o actual goberno de facto en Tegucigalpa non realizou declaración algunha ao respecto.
Sen embargo, esta situación deixou no tapete determinados escenarios relativos ao risco que supón a presunta implicación política e ideolóxica emanada de PETROCARIBE, especificamente pola influencia venezolana.

2) PETROCARIBE e a CARICOM Os mecanismos de financiamento e exportación de cru adoptados por PETROCARIBE beneficiaron a varios países caribeños que forman parte da Comunidade do Caribe (CARICOM), a maioría deles pertencentes á Mancomunidade Británica (Commonwealth).

Eses países membros da Commonwealth e da CARICOM que se benefician dos acordos de PETROCARIBE son: Antiga e Barbuda, San Vicente e as Granadinas, Santa Lucía, Grenada, Bahamas, Dominica, Guíana, Xamaica e Belice.
Paralelamente, Antiga e Barbuda, San Vicente e as Granadinas e Dominica asinaron o 20 de febreiro de 2007, o Memorando de Entendemento co que recoñecían e ingresaban na ALBA.
A perspectiva de países membros do CARICOM dentro da amplitude de PETROCARIBE derivou, en determinados medios, na concreción dun arduo debate político sobre a posible disparidade nos niveis de integración económica e social entre os mecanismos estipulados entre PETROCARIBE, como elemento básico da ALBA, e a CARICOM. Nese sentido, a flexibilidade e amplitude de PETROCARIBE permite considerar que os seus mecanismos de cooperación non estean suxeitos á pertenza á ALBA.
Igualmente, PETROCARIBE non se limita a aspectos unicamente de cooperación e solidariedade enerxética, debido a que neste mecanismo analízanse tamén proxectos para o desenvolvemento do transporte aéreo e marítimo, así como a cooperación en materia de infraestrutura (refinarías) e aproveitamento de fontes enerxéticas alternativas (eólica, solar, etc).
PETROCARIBE insértase igualmente dentro doutros mecanismos de integración na área caribeña, como son os Fondos ALBA Caribe, tamén destinados a obras de desenvolvemento socioeconómico e cultural.

3) En qué consiste PETROSUR? Como organismo irmán de PETROCARIBE concibido para a área sudamericana tralo Acordo Enerxético de Caracas de 2001, PETROSUR asume o compromiso de afondar un nivel de cooperación enerxética solidaria destinado a mellorar as condicións socioeconómicas dos países membros.

Neste sentido, PETROSUR, a través da empresa petroleira estatal venezolana PDVSA, establece unha serie de alianzas coas súas similares Petróleos Brasileiros (PETROBRAS), Energía Argentina S.A (ENARSA) e Administración Nacional de Combustibles, Alcohol y Portland, ANCAP (Uruguai)   
Como mecanismo de actuación, PETROSUR comprométese a minorar os efectos dos custes enerxéticos derivados dos factores especulativos e xeopolíticos e asistindo con financiamento preferente, sobre a base da necesidade de complementar as sinerxías comerciais existentes entre os países membros.
Na páxina web de PDVSA (http://www.pdvsa.com/) asegúrase que PETROSUR constitúe “un habilitador político e comercial promovido pola República Bolivariana de Venezuela”.

4) Qué é PETROANDINA?  Como mecanismo destinado a impulsar a interconexión eléctrica e gasífera, os investimentos conxuntos e a provisión mutua de recursos enerxéticos, os presidentes dos países membros da Comunidade Andina de Nacións (Bolivia, Colombia, Ecuador, Perú e Venezuela) consideraron a posibilidade de crear PETROANDINA, durante o XVI Consello Presidencial Andino celebrado en Lima o 18 de xullo de 2005.

Segundo estipula o documento “Acta Presidencial de Lima. Democracia, Desenvolvemento e Cohesión Social”, PETROANDINA pretende crear unha “alianza estratéxica” entre os entes estatais enerxéticos dos países membros da CAN.
Esta idea estipula que PETROANDINA conforme unha axenda enerxética andina insertada nos mecanismos sudamericanos de integración, que permitan impulsar proxectos de cooperación enerxética tomando en conta o aproveitamento dos recursos petroleiros, gasíferos, de carbón, eléctricos, hidráulicos, eólicos e solares existentes en países como Bolivia, Venezuela, Ecuador e Paraguai.
Non obstante, PETROANDINA aínda semella conformar unha plataforma en plena fase de constitución. O único país ata agora beneficiado por este mecanismo é Ecuador, grazas aos seus acordos de refinamento de cru con Venezuela.     

5) A formación de PETROAMÉRICA Impulsada polo presidente venezolano Hugo Chávez, PETROAMÉRICA viría a constituír a máis completa plataforma continental de integración enerxética, incluindo os mecanismos anteriormente explicados en torno a PETROCARIBE, PETROANDINA e PETROSUR, dentro do contexto de integración plasmado na ALBA e en concordancia con outros mecanismos de integración, como MERCOSUR, CAN, UNASUR, etc.

PETROAMÉRICA foi concibida durante a firma do Acordo de Cooperación Enerxética entre Venezuela e a República Dominicana, subscrito en Santo Domingo en outubro de 2005. Dentro desta estratexia, PETROAMÉRICA orienta as tres iniciativas subrexionais existentes: PETROCARIBE, PETROSUR e PETROANDINA, coa intención de “utilizar os recursos enerxéticos das rexións do Caribe, Centroamérica e Sudamérica como base para o melloramento socioeconómico dos pobos do continente”.
Neste sentido, o obxectivo de PETROAMÉRICA concrétase nunha serie de acordos de cooperación sobre subministro petroleiro, intercambios de bens, servizos e desenvolvemento de infraestruturas, financiamento de proxectos de construción, exploración e explotación conxunta de petróleo e gas, potenciación da enerxía ecolóxica, proxectos petroquímicos e incentivo ás políticas públicas.

6) Cara a PETROALBA O 29 de abril de 2007, os gobernos de Venezuela, Cuba, Nicaragua e Bolivia asinaron na cidade venezolana de Barquisimeto un tratado para conformar unha empresa Gran Nacional do petróleo denominada PETROALBA, cun Consello Enerxético da ALBA que operará con sede en Caracas, para labores de procesamento de cru na Faixa Petrolífera do Orinoco (Venezuela).

O obxectivo principal de PETROALBA será construír unha matriz enerxética dentro da ALBA, capacitada para garantir o subministro petroleiro entre estes países para os próximos 25 anos. Este tratado terá unha vixencia de 10 anos, podendo prorrogarse por períodos consecutivos de cinco anos.
PETROALBA constitúese coa finalidade de “lograr unha alianza estratéxica entre os Estados e pobos de América Latina e o Caribe, baseada nos principios da solidariedade, a complementariedade e o beneficio mutuo”, tendo en conta a “necesidade de adaptarse ás condicións cambiantes dos mercados de hidrocarburos e financeiros”.
Entre outras disposicións, PETROALBA potenciará a asociación para a construción de plantas de licuefacción e regasificación de gas natural, creando unha empresa Gran Nacional de Enerxía, que abarque áreas como o petróleo, o gas natural, a refinación, petroquímica, desenvolvemento de infraestrutura de transporte, aproveitar o uso de enerxía hidroeléctrica e termoeléctrica, así como as enerxías limpas.
O énfase na operatividade na Faixa Petrolífera do Orinoco (56.314 km2) estriba na potencialidade desta área en materia petroleira e de gas natural, onde se estima existen as maiores reservas hemisféricas. Con isto, a ALBA tenta garantir a soberanía sobre este subministro, codiciado principalmente por Washington.

7) Os actores externos: Rusia, China e Irán Dentro da estratexia enerxética iniciada por Chávez a partir de 2000, coa revitalización mundial da OPEP e a recuperación da alza nos prezos do cru, o impulso principal comezou a manifestarse a partir de 2005, coa subscrición de acordos entre a estatal petroleira venezolana PDVSA coas súas similares rusas, chinesas e iranianas, para a explotación conxunta de campos petroleiros en Venezuela.

Washington observa con receo e preocupación esta orientación de Chávez, especificamente cara países que considera rivais no concerto internacional e que comezan a posicionarse con forza no escenario sudamericano.
Rusia e Irán xa acordaron amplos acordos enerxéticos, comerciais e ata militares con países membros da ALBA, como Bolivia, Ecuador e Nicaragua. Desde 2004, China ten unha presenza activa no hemisferio, con Venezuela e Brasil como intereses clave en materia enerxética e comercial, así como Cuba e América Central.

8) Perde EEUU influencia como mercado enerxético? Se ben Venezuela segue a subministrar diariamente millón e medio de barrís ao mercado estadounidense, os pasos realizados polo goberno de Hugo Chávez para diversificar o mercado petroleiro venezolano e, indirectamente, latinoamericano, permite albiscar un choque de intereses enerxéticos entre Caracas e Washington.

A presenza de novos socios enerxéticos como Rusia, China e Irán son factores que preocupan a Washington, tradicional mercado e socio petroleiro venezolano, ao igual que o acelerado proceso de nacionalización da industria petroleira venezolana. A presenza en territorio estadounidense de estacións de servizo petroleiro de PDVSA, a través da súa filial CITGO, denota a directa implicación dos intereses petroleiros venezolanos e estadounidenses, especialmente ante un mercado tan volátil como é o petroleiro.
Se ben en determinadas ocasións, Chávez ameazou a Washington con cortar o seu subministro petroleiro, con claras implicacións políticas nas súas declaracións, resulta esaxerado pensar que Caracas rompa definitivamente os seus tradicionais lazos enerxéticos co mercado estadounidense.
Non obstante, esta perspectiva non limita as estratexias enerxéticas globais de Chávez, deseñadas para a busca de novos socios que “rompan” a absorbente dependencia petroleira venezolana do citado mercado.
Neste sentido, China, Rusia e Irán eríxense como os eixes principais deste proceso de diversificación petroleira impulsado por Chávez, tomando en conta a súa presenza en Venezuela, a través dos holdings enerxéticos acordados con PDVSA na explotación de novos campos petroleiros.

9) Ten Chávez unha “arma enerxética”? Alén das perspectivas sobre a integración latinoamericana e dos mecanismos de solidariedade enerxética impulsados por Chávez, é de salientar que o presidente venezolano utiliza sutilmente o factor petroleiro como un eixe central da súa diplomacia, especificamente dentro da idea de integración plasmada na ALBA.

En clave política e electoral, a “alianza enerxética” de Chávez produciu avances e reveses no escenario hemisférico. Países como Cuba, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Arxentina, O Salvador, Honduras (ata o recente golpe de Estado), Costa Rica, Haití e diversas nacións caribeñas, benefícianse dos acordos e mecanismos impulsados a través de PETROCARIBE, PETROSUR e PETROANDINA.
Pero para outros países como Perú, Colombia e actualmente Honduras, implicaron serios obstáculos para esta integración, expresados esencialmente en razóns políticas para frear o que se considera un “expansionismo” dos intereses exteriores de Chávez, interpretando que detrás dos acordos enerxéticos están presuntos intereses políticos do mandatario venezolano.

10) É posible a integración enerxética latinoamericana? A configuración de PETROCARIBE, PETROSUR e PETROANDINA permite albiscar escenarios de integración enerxética en América Latina, que terán no Gasoduto do Sur (que pasará dende Venezuela ata Brasil e Arxentina),  así como PETROAMÉRICA e PETROALBA como principais eixes catalizadores deste proceso de integración enerxética.

Esta perspectiva amplía decisivamente o radio de actuación de Chávez e da ALBA. Neste sentido, a potencialidade petroleira e gasífera de Venezuela e Bolivia serán factores de importancia capital neste proceso de integración enerxética sudamericana.
Cómpre observar, a medio prazo, cales serán os pasos doutras potencias enerxéticas como Brasil e México, mais proclives cara Washington sen menosprezar, no caso brasileiro, as posibilidades de aproveitar determinadas vantaxes da integración enerxética sudamericana deseñada por Chávez.
Incluso, os recentes xacementos petroleiros atopados na costa atlántica brasileira e a súa declarada “independencia enerxética” poden constituír determinados escenarios de rivalidade con Venezuela que, co máis que probable beneplácito estadounidense, permitan obstaculizar as estratexias de Chávez.

 

IGADI. Setembro de 2009.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/09/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta