Guía Exterior / nº 039-01/2009 de agosto de 2009Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
A Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA)

Versión para imprimir

 

A presente guía foi elaborada no marco do Programa de Investigación sobre “Seguridade, Conflitos e Alternativas no Sistema Internacional” do IGADI, que ten no ALBA o seu tema central de investigación.

1) Qué é a ALBA?

Creada o 14 de decembro de 2004 polos gobernos de Cuba e Venezuela e impulsada polo presidente venezolano Hugo Chávez baixo o nome de Alternativa Bolivariana para as Américas, este organismo xurdiu como mecanismo de integración continental alternativo aos postulados de integración económica neoliberal impulsados por Washington desde 1994, a través da Alianza de Libre Comercio para as Américas (ALCA).

Deste xeito, segundo estipula o Documento Conxunto, a ALBA pretende “crear unha Patria Grande en América Latina, segundo soñaron os heroes das nosas loitas emancipadoras”, recollendo a herdanza ideolóxica do liberador Simón Bolívar, a fin de defender un tipo de integración autóctona plenamente latinoamericana, coa solidariedade e a xustiza social como bases da integración, e a experimentación permanente para a formulación posible.
Máis non só a herdanza de Bolívar produce historicamente a ALBA, senón a “liña vermella”, antimperialista e de discurso continental, que representan figuras e movementos coma os encabezados por Velazco Alvarado en Perú, Salvador Allende en Chile, Augusto César Sandino en Nicaragua ou o propio Fidel Castro en Cuba.
Oficialmente, a ALBA denominase ALBA-Tratado de Comercio dos Pobos (ALBA-TCP).


2) Cales son os países membros da ALBA?

Actualmente, a ALBA está conformada por nove países: Venezuela e Cuba (membros desde 2004), Bolivia (2006), Nicaragua (2007), Honduras (2008), Ecuador, Dominica, Antigua e Barbuda e San Vicente e as Granadinas (2009). Estas dúas últimas forman parte tamén da Commonwealth ou Mancomunidade británica.

A crise política en Honduras tralo golpe de Estado contra o presidente Manuel Zelaya, abre unha paréntese na alteración dos membros constitutivos da ALBA. En gran medida, a resolución deste conflito condiciona a axenda da ALBA no seu horizonte próximo.


3) Qué obxectivos de integración persigue a ALBA?  

Coa aspiración de alentar unha integración social, política, económica, cultural e histórica, a ALBA concibe unha multiplicidade de mecanismos de integración, destacando os eixes enerxético, financeiro e económico como elementos centrais dunha integración solidaria.

Falamos así dunha integración multidimensional que transcende os economicismos clásicos do libre comercio internacional que representou o denominado “Consenso de Washington” de 1991.
Así, a ALBA exhibe mecanismos de integración financeira como o Banco do ALBA, o Banco do Sur e o Sistema Único de Compensación Rexional (SUCRE); de cooperación enerxética a través de PETROCARIBE, PETROANDINA, PETROSUR e a Empresa Grannacional de Enerxía, Petróleo e Gas S.A; de cooperación alimentaria a través de ALBA Alimentos, no marco de PETROCARIBE; de integración cultural, deportiva e científica, a través do Fondo Cultural da ALBA, o Consello Ministerial da Muller, os Xogos Deportivos da ALBA, a Universidade da ALBA (UNIALBA), así como proxectos de Turismo social e integración educativa, a través dos programas gratuítos de alfabetización.


4) En qué consiste o “Socialismo do Século XXI”?

A Revolución Bolivariana impulsada en Venezuela a partir de 1999 afianzou o seu carácter ideolóxico coa inclusión, a partir do Foro Social Mundial de 2005, da proposta recollida no Socialismo do Século XXI.

Esta idea foi anteriormente desenvolvida por Heinz Dieterich, sociólogo xermano-mexicano e asesor de Chávez, aínda que existe controversia sobre a súa posible autoría, a partir de 1996, por parte do teórico ruso A.V. Buzgalin.
Máis alá do debate nominal sobre a etiqueta ideolóxica a empregar polos bolivarianos, o Socialismo do S.XXI representa a “liña vermella” actual institucionalizada (máis ou menos formalizada) na América Latina pola ALBA, como representante do tradicional combate ideolóxico nos séculos ilustrados entre os posicionamentos liberais e comunitaristas.
Aínda que os seus imperativos seguen presentando un carácter innovador e de experimentación permanente, o Socialismo do Século XXI reivindica o pensamento marxista, bolivariano e indixenista, afastándose do “socialismo de carácter soviético”, buscando sintetizar un sistema soberano onde o igualitarismo, a solidariedade e a xustiza social conforman a súa base de actuación. Negar as categorías pechadas sería unha das características diferenciadoras do Socialismo do SXXI sobre os primeiros modelos de socialismo científico.
Polo momento, os gobernos de Evo Morales en Bolivia e Rafael Correa en Ecuador, así como diversos movementos sociais latinoamericanos e mundiais, manifestan a súa simpatía co “socialismo bolivariano”.


5) De Alternativa a Alianza

O VI Cumio Extraordinario da ALBA celebrado en Maracay (Venezuela) o pasado 29 de xuño de 2009, permitiu rebautizar a ALBA, pasando a denominarse a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América.

Este cumio, que permitiu o ingreso oficial de Ecuador, deu paso a un impulso de carácter xeopolítico para a ALBA que, coa súa denominación de Alianza, da a entender a necesidade de concretar unha plataforma de integración politicamente máis cohesionada, con maior capacidade de ampliación e actuación en diversos escenarios.


6) A ALBA e os cambios hemisféricos

América Latina ven asistindo nos últimos anos a unha serie de cambios políticos, marcados pola chegada ao poder de partidos de esquerda, centroesquerda e indixenistas, que manifestan a vocación de acadar unha integración plenamente latinoamericana, afastándose de anteriores modelos esóxenos de integración.

O xiro cara diversas opcións da esquerda en Venezuela, Brasil, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Uruguai, Arxentina, Chile, O Salvador, Guatemala, Honduras (ata o recente golpe de Estado) e Paraguai, permite concretar unha serie de sinerxías e compatibilidades nos mecanismos de integración, algúns deles xa existentes e outros aínda en pleno desenvolvemento: ALBA, UNASUR, MERCOSUR, Comunidade Andina de Nacións (CAN), PETROSUR, PETROCARIBE, Gasoduto do Sur, Organización do Tratado do Atlántico Sur (OTAS), etc.
Igualmente, a necesidade de impulsar a América Latina como un actor de peso no sistema internacional permitiu a configuración de diversos mecanismos diplomáticos de integración global, con Venezuela e Brasil como principais actores e impulsores. Exemplos son os cumios entre América do Sur e o Mundo Árabe, así como a implicación no contexto latinoamericano de China, Rusia e Irán, este último como membro observador da ALBA.
Pódese así dicir que a ALBA é filla do seu tempo, afrontando a multipolaridade e a complexidade do actual sistema internacional.


7) Brasil: un actor clave no futuro?

O remate da presidencia de Luís Inácio Lula da Silva a finais de 2010 prognostica un escenario complexo para a política brasileira, por estar Lula imposibilitado constitucionalmente para a reelección.

Neste sentido, a esquerda brasileira pode adoptar diversas ópticas de actuación, ante a posibilidade dunha vitoria electoral do centrodereita. O apoio ao “chavismo” e a ALBA por parte de diversos movementos sociais como o Movemento dos Sen Terra (MST) e Vía Campesiña, poden configurar un difícil escenario electoral para o gobernante Partido dos Traballadores (PT) e as candidaturas post-Lula.
Un caso recente que pode evidenciar e agravar as fracturas internas no PT é o abandono desta formación por parte da ex ministra de Ambiente Marina Silva e o posible lanzamento da súa candidatura presidencial polo ecoloxista Partido Verde.
Aínda que resulte prematuro considerar unha aproximación brasileira ao ALBA con pretensións de ser incluído no mesmo, para Chávez un hipotético ingreso brasileiro neste organismo suporía un avance xeopolítico transcendental. Non obstante, e a pesar dos acordos de cooperación, actualmente apreciase un sórdido pulso xeopolítico entre Venezuela e Brasil por modelar os modelos de integración no contexto sudamericano e a súa diplomacia global.


8) O pulso ALBA vs ALCA

O IV Cumio das Américas de Mar del Plata (Arxentina), celebrado en novembro de 2005, significou o primeiro pulso político de alto nivel entre a ALCA, nese momento defendido polo ex presidente estadounidense George W. Bush, e a ALBA impulsada por Chávez.

Bush só logrou afianzar a diversos países centroamericanos e sudamericanos dentro da estratexia orixinal da ALCA, incluso alterando algúns dos seus postulados para adaptalos ás necesidades de países de maior peso como Brasil.
Pola súa banda, a presenza paralela de Chávez en Mar del Plata dentro do III Cumio dos Pobos de América, xunto a diversos movementos sociais latinoamericanos, permitiu monopolizar con éxito gran parte da atención pública, precisamente como mecanismo para condenar ao ALCA e defender outro tipo de integración.
O contexto actual, con Barack Obama na Casa Branca, denota poucos escenarios de cambio neste pulso ALBA vs ALCA. Aínda que Obama non semella tan entusiasmado en defender a ALCA orixinal, como os seus antecesores Bill Clinton e Bush, Washington segue a apostar por outros mecanismos de integración diferentes da ALBA, a fin de debilitar a posición xeopolítica de Chávez.


9) A crise hondureña: un revés para a ALBA?

O golpe de Estado do pasado 27 de xuño en Honduras contra o presidente lexítimo Manuel Zelaya, evidenciou a primeira reacción política hemisférica contra un presidente aliado de Chávez e un país recen admitido na ALBA.

O presidente interino xurdido do golpe, Roberto Michelletti, denunciou inmediatamente a presunta implicación de Chávez e do eixe da ALBA nos asuntos hondureños. Dende entón, o pulso mantido por Michelletti e Zelaya da a entender moitas das variables xeopolíticas coas que se enfronta actualmente a ALBA.
De consolidarse o golpe en Honduras, diversos sectores reaccionarios e inimigos de Chávez e a ALBA poden promover convulsións similares en países membros deste organismo, como poden ser os casos de Nicaragua, Ecuador ou Bolivia.
Igualmente, aínda que os países da ALBA condenaron o golpe e, incluso, tensaron a corda con Michelletti e os golpistas, apreciase unha falta de acción coordinada deste organismo para reaccionar e influír de modo significativo na evolución da crise ocorrida nun país membro.


10) Cuba e a ALBA

A inclusión cubana nos procesos de integración hemisféricos a través da ALBA permitiu configurar unha xanela de apertura cara o exterior que, inevitablemente, obriga a multiplicar a atención respecto ao escenario cubano nos próximos anos.

A diplomacia de Chávez, comprometida co outorgamento a Cuba dunha presenza importante no concerto hemisférico, obtivo unha ampla aceptación noutros países como Bolivia, Brasil, Arxentina, Nicaragua, Chile e Ecuador. Este impulso de Chávez de apertura cara Cuba foi igualmente ampliado cara outros actores externos como Rusia, China, Irán e Vietnam.
O actual goberno de Raúl Castro reforza os mecanismos de cooperación existentes entre Cuba e Venezuela a partir de 2000, especialmente en materia enerxética e comercial, que deron paso a unha maior receptividade latinoamericana ao reingreso de Cuba na OEA, trala súa expulsión en 1962.
Resta considerar se a apertura establecida por Obama en abril pasado significará unha variación substantiva da política hemisférica cara a illa caribeña e se tamén o futuro de Cuba podería estar suxeito a un pulso entre Caracas e Washington por posicionarse como actores externos de influencia.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/08/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta