| Guía Exterior / nº 038-08/2008
de 29 de decembro |
||||||||
| Retos e perspectivas da presidencia da República Checa A UE no 2009 |
||||||||
|
O próximo 1 de xaneiro de 2009 asumirá a República Checa a presidencia rotativa semestral da Unión Europea, nunha conxuntura determinada polos efectos globais da crise económica internacional e ante a urxente necesidade política da UE de aprobar o Tratado de Lisboa. Paralelamente, o próximo mes de xuño celebraranse uns decisivos comicios para elixir representantes do Parlamento europeo.
1) Cales son as prioridades da presidencia checa na UE? A República Checa asumirá o próximo 1 de xaneiro de 2009 a presidencia semestral da Unión Europea, sendo o segundo país da Europa do Leste que asume este cargo tras Eslovenia, quen xa presidiu a UE entre xaneiro e xuño de 2008. Baixo o lema “Europa sen barreiras” (Europe without barriers), a presidencia checa puntualizará como prioridades a situación económica europea, ante os estragos da recesión; o tema da enerxía, especialmente, o combate ao cambio climático e a adopción de enerxías alternativas; e as relacións exteriores, con marcado énfase na relación coa Europa do Leste. Será esencial o tema da mobilidade e da migración laboral dentro da UE, co propósito de cumprir cos parámetros do Plan de Acción de Mobilidade de Emprego 2007-2010. En política exterior, a presidencia checa coincidirá co novo goberno de Barack Obama en EEUU, que pode dar cabida a unha renovación do “atlantismo”. Durante este primeiro semestre, a UE afrontará o desenlace da actual crise política en Bélxica, practicamente sen goberno de consenso desde 2008; as eleccións presidenciais en Malta (abril 2009) e Eslovaquia (primavera 2009), así como a posibilidade dun tenso adianto electoral presidencial en Ucraína. Igualmente, está previsto no próximo semestre un impulso global para aprobar o Tratado de Lisboa, así como o nomeamento dun novo Alto Representante para a Política Exterior e de Seguridade (PESC) e un novo presidente do Consello Europeo. O remate da presidencia checa na UE en xuño de 2009 coincidirá coa celebración das eleccións ao Parlamento europeo que darán paso, posteriormente, á presidencia de Suecia para o seguinte semestre, de xullo a decembro de 2009. Basicamente dominada polo protagonismo do presidente Nicolás Sarkozy, a presidencia semestral francesa, entre xullo e decembro de 2008, tivo dous acontecementos inesperados que coparon a súa total atención: a crise do Cáucaso en agosto pasado, coa breve guerra entre Rusia e Xeorxia; e a crise económica iniciada en Wall Street en setembro último e que, inmediatamente, expandiuse cara Europa. A enérxica personalidade de Sarkozy permitiu un notorio e inicial éxito diplomático da UE á hora de aplacar os efectos da crise do Cáucaso. Non obstante, a discusión para adoptar un plan común europeo para afrontar a crise económica deu paso a fortes disputas internas na UE no último trimestre de 2008, especialmente entre Sarkozy e a chanceler alemá Ánxela Merkel. Recentemente, Sarkozy chegou a cuestionar a capacidade da República Checa para xestionar a UE en tempos de crise económica, o cal provocou un roce político entre París e Praga. A presidencia checa espera aplicar un Plan de Recuperación Económica Europea e a Estratexia de Lisboa destinada a fortalecer a integración financeira europea, tomando en conta as secuelas da crise económica iniciada en 2008. Un aspecto relevante que coincide coa presidencia checa na UE será a celebración en Londres en abril de 2009 da reunión de ministros de Finanzas do G-20. Para xuño ou xullo de 2009 está igualmente previsto o próximo cumio do G-20, a celebrarse en Italia. Non obstante, e tomando en conta a recente rebelión social en Grecia, en gran medida motivada pola frustración derivada do modelo económico vixente, a UE probablemente deberá conter a mediano prazo unha vaga de descontento social en países como Francia, Italia e mesmo poida que España, en atención ás secuelas do desemprego e a recesión. Segundo estimacións da Comisión Europea e da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento (OCDE) para o próximo ano, Europa sentirá con forza as consecuencias dun elevado aumento na desocupación laboral; a prolongación da recesión económica ata 2010; a posibilidade de “deflación” e a caída no nivel de produción e competitividade; e un incremento maior da inmigración ilegal. A falta de realizarse un segundo referendo en Irlanda, previsto a máis tardar para novembro de 2009, o Tratado de Lisboa aprobado polo Parlamento da UE en decembro de 2007 e que contempla un proceso de reformas das institucións europeas, está evolucionando no marco dun controvertido contexto político e un apático debate social. Precisamente, o presidente checo Vlacav Klaus é un declarado detractor do Tratado de Lisboa, chegando a consideralo “insignificante” e “imposible” de ratificar. A República Checa e Irlanda son os únicos países europeos que aínda non ratificaron este tratado, sendo o caso irlandés o único en rexeitalo en referendo celebrado en xullo de 2008. Sen embargo, está inicialmente previsto que a República Checa tentará dar exemplo de aprobación do Tratado de Lisboa, con total seguridade pola vía lexislativa no primeiro trimestre de 2009. O Tribunal Constitucional checo recen decretou a compatibilidade entre o Tratado de Lisboa e a Constitución da República Checa. Con Montenegro oficializando a súa petición de admisión na UE o pasado 15 de decembro de 2008, os Balcáns Occidentais semellan consolidarse como a prioridade en materia de ampliación da UE para a próxima presidencia checa. Nunha conxuntura de crise económica e urxencia política por aprobar o Tratado de Lisboa, os próximos seis meses amosarán o verdadeiro nivel de prioridade que posúe para Bruxelas a ampliación cara o Leste. O actual nivel de negociación da admisión con Croacia, a ex República Iugoslava de Macedonia e Turquía seguirán o seu curso neste primeiro semestre, incluso coa posible apertura de negociacións con Moldova. Igualmente, a presidencia checa anunciou o desenvolvemento dunha Asociación Oriental (Eastern Partnership) que incluirá a países como Armenia, Acerbaixán, Belarús, Xeorxia, Moldova e Ucraína, a fin de ampliar a cooperación económica, enerxética, cultural e de desenvolvemento rexional. Barallando posibles escenarios a curto prazo, que involucren a posibilidade de presenza obrigada da política exterior da UE na Europa do Leste, a presidencia checa deberá outorgar especial atención á situación política en Ucraína e a mais que probable realización de eleccións presidenciais nese país no primeiro semestre de 2009. Ucraína é un peón estratéxico nas relacións entre Occidente e Rusia, especialmente sensible en temas como a ampliación da OTAN, da UE e do escudo antimísiles estadounidense. Cobra así importancia o pulso político e electoral que levarán a cabo o pro-occidental presidente Viktor Yushenko e unha posible alianza entre a súa ex aliada Iulia Timoshenko e o primeiro ministro prorruso Viktor Yanúkovich. A eventual vitoria desta inédita coalición constituiría un prominente triunfo dos intereses rusos neste país, colocando en serias dificultades ao actual presidente Yushenko e a súa plataforma pro-occidental. Tradicionalmente atlantista e pro-estadounidense, a República Checa amosará unha clara perspectiva destinada a relanzar as relacións transatlánticas entre EEUU e a Unión Europea. A presidencia checa ten amplas e favorables expectativas para concretar novos canais de cooperación co goberno de Barack Obama en Washington, que asumirá o próximo 20 de xaneiro de 2009. A adopción de solucións comúns contra a crise económica e financeira global; a concreción de determinados intereses xeopolíticos na relación “atlantista” con Rusia, especialmente de cara á expansión da OTAN; e a posible configuración dun eixe diplomático mais unificado fronte o programa nuclear iraniano, poden constituír os eidos de maior nivel de cooperación entre Washington e Bruxelas durante o semestre de presidencia checa. Cómpre observar cal será a posición política de determinados líderes europeos, como Sarkozy e Merkel de cara a dar curso a unha nova relación transatlántica con Washington, especialmente tomando en conta que Europa observará con suma atención os primeiros pasos e prioridades da presidencia de Obama. Moi probablemente, nos primeiros meses de 2009, a UE verase na obriga de negociar un novo Acordo de Asociación con Rusia, especialmente á vista dos recentes cambios rexistrados no eido xeopolítico internacional. A independencia de Cosova en marzo de 2008 (que contou co apoio da UE e o rexeite ruso) así como a breve guerra no Cáucaso de agosto de 2008 (coa vitoria militar rusa fronte a Xeorxia e a proclamación das independencias de Osetia do Sur e Abxazia, co apoio de Moscova) foron acontecementos que modificaron as relacións entre a UE e Rusia. Tomando en conta a importancia enerxética de Rusia para a UE, que depende nun 35% do petróleo e gas natural ruso, Bruxelas comezou a modificar determinados eidos da súa relación con Moscova. Recentemente, aceptou a petición rusa de non ter presenza de observadores en Xeorxia mentres está por pecharse un acordo de cooperación enerxética. Non obstante, o proceso de expansión da OTAN cara países do espazo ex soviético como Ucraína e Xeorxia, así como o escudo antimísiles estadounidense, son aspectos que desembocarán nun duro debate entre a UE e Rusia a curto e mediano prazo. As eleccións ao Parlamento europeo, inicialmente programadas entre o 7 e 14 de xuño de 2009, modificarán o perfil político da Eurocámara para os próximos cinco anos (2009-2014), e constituirán o evento electoral e político mais importante para a UE no 2009. A actual composición política da Eurocámara é a seguinte: Partido Popular Europeo-Demócratas Europeos (PPE-DE): 286 escanos; Partido Socialista Europeo (PSE): 215 escanos; Alianza dos Liberais e Demócratas por Europa (ALDE): 98 escanos; Grupos dos Verdes e a Alianza Libre Europea (Verdes/ALE): 43 escanos; Unión pola Europa das Nacións (UEN): 42 escanos; Grupo Confederal da Esquerda Unitaria/Esquerda Verde Nórdica (GUE-NGL): 41 escanos; Grupo Independencia/Democracia (ID): 24 escanos. A UE amosa a súa preocupación polos baixos índices de participación electoral nos comicios parlamentarios que se celebran desde 1979 e que, nas últimas eleccións de 2004, deixaron unha participación do 45,5%. Esta realidade incrementa o nivel de escepticismo, confusión e incluso certa frustración dos cidadáns europeos cara as súas institucións comunitarias, factores que poden espallarse no caso de que a UE non acerte en solucionar os desafíos económicos previstos para o 2009. É por isto que, coa actual crise económica en curso e o aumento da desocupación laboral, está por ver se logrará incrementarse a presenza dos partidos de esquerda e doutras alternativas políticas nas próximas eleccións parlamentarias europeas de 2009. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 27/12/2008 |
||||||||
|
||||||||