Guía Exterior / nº 037-07/2008 de 19 de novembro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Un novo pulso político para a revolución de Hugo Chávez
Eleccións municipais en Venezuela

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Propaganda electoral do PSUV; clic para aumentar
O panorama electoral resultante permitirá descifrar a posible consolidación do gobernamental Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), medir o impacto político das recentes disidencias dentro do “chavismo” e dilucidar a posibilidade de reforzamento de determinados liderados opositores, coa súa respectiva influencia a nivel nacional. [Foto: Propaganda electoral do PSUV en Maracaibo].
 
Introdución

O próximo domingo 23 de novembro, 17 millóns de venezolanos están facultados para elixir a 22 gobernadores e 328 alcaldías, nunhas eleccións locais que, con toda probabilidade, modificarán o mapa político e territorial venezolano para os próximos catro anos.

Este novo pulso político e electoral entre o goberno de Hugo Chávez e a multiforme plataforma que agrupa a oposición supón un reto de gran envergadura para o futuro da revolución “bolivariana e socialista” así como para as opcións da oposición.

Deste modo, o panorama electoral resultante permitirá descifrar a posible consolidación do gobernamental Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), medir o impacto político das recentes disidencias dentro do “chavismo” e dilucidar a posibilidade de reforzamento de determinados liderados opositores, coa súa respectiva influencia a nivel nacional.


Análise: Novo pulso electoral na polarizada Venezuela

1) Que se elixe en Venezuela o próximo 23/N?

Un total de 17 millóns de venezolanos dos 28 millóns de habitantes do país están facultados para votar nas próximas eleccións de alcaldes e gobernadores, onde se elixirán os representantes de 22 gobernacións e 328 alcaldías das 335 existentes a nivel nacional, así como 233 lexisladores rexionais.

Nas eleccións municipais de outubro de 2004, a plataforma electoral do presidente Hugo Chávez, constituída cos partidos Movemento Quinta República (MVR), PODEMOS, PPT e PCV, entre outros, obtivo 20 gobernacións e 298 alcaldías.


2) Cales son as opcións electorais do “chavismo”?

Como estratexia tendente a garantir o triunfo electoral, a maratoniana implicación do presidente Chávez na campaña electoral dos seus candidatos, especialmente en estados clave como Carabobo e Zulia, da a entender en qué medida o goberno considera estas eleccións municipais unha prioridade de alto nivel.

Deste modo, para Chávez estes comicios supoñen un reto de gran envergadura para medir a capacidade loxística e de mobilización electoral do recén constituído Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), especialmente trala derrota sufrida polo “chavismo” no referendo de reforma constitucional ocorrido en decembro de 2007, onde tres millóns de votos “chavistas” non acudiron ás urnas.

Precisamente, a escasa participación de Chávez nos actos electorais oficialistas no referendo de 2007 foi un dos factores que influíron na posterior derrota electoral. Velaí a forte implicación de Chávez nos actos electorais do PSUV. O seu discurso personifica en gran medida a “batalla electoral” do próximo 23/N, incluso opacando aos seus propios candidatos.

Tendo en conta a aparición de diversos focos disidentes e desercións políticas dentro do “chavismo”, resultará sumamente complicado para o PSUV repetir o excelente resultado obtido por Chávez nas eleccións municipais de 2004.

Neste sentido, diversas enquisas de empresas de opinión consideran que o “chavismo” gañaría entre 12 e 13 gobernacións, perdendo entre 5 e 7, resultado que se ben amosaría un determinado nivel de fratura no “chavismo” seguiría a deixar ao PSUV como partido hexemónico no mapa político nacional, afirmando así a pretensión de Chávez de modificar “a xeometría do poder nacional”.


3) Se fortalecerá o PSUV?

Trala derrota electoral de decembro pasado, a primeira do “chavismo” tras dez triunfos electorais consecutivos desde 1998 e na que o PSUV comezaba a súa andaina, os próximos comicios para alcaldes e gobernadores constitúen un reto ineludible de alto nivel para medir a fortaleza e capacidade política e electoral do PSUV.

Chávez espera consolidar ao PSUV como o gran movemento político que lidere a marcha cara o “Socialismo do Século XXI”. Deste modo, este partido detenta a maior parte da maquinaria electoral e oficial do “chavismo”, coa súa notable capacidade de mobilización social, así como o pleno impulso persoal do presidente.

Non obstante, a conformación do PSUV no 2007 xerou fortes disidencias internas, principalmente cos partidos PODEMOS, o Patria Para Todos (PPT) e o Partido Comunista de Venezuela (PCV), receosos da posibilidade de que o PSUV se transforme nun partido “vertical, personalista e burocrático”.

A actual ruptura de Chávez co PPT, PODEMOS e PCV dificulta aínda máis a identificación dos actores dentro do panorama político venezolano.

En canto ás candidaturas máis importantes do PSUV, destacan a do polémico comunicador Mario Silva para a gobernación do industrial estado de Carabobo; Adán Chávez, irmán do presidente, que concorre para a gobernación de Barinas, estado natal presidencial; Giancarlo di Martino, para a estratéxica gobernación do Zulia, estado que achega o 40% da produción petroleira venezolana; e Tarek William Saab, para a gobernación do oriental estado de Anzoátegui.

Compre observar que a maior parte da base electoral “chavista” conformada arredor do PSUV recea considerablemente da nova clase empresarial dependente do goberno, despectivamente denominada a “boliburguesía”, epíteto de “burguesía bolivariana”, así como de diversos liderados elixidos verticalmente pola cúpula do partido, nalgúns casos considerados como “oportunistas” e “persoeiros” do goberno.

Ironicamente, existe certa sincronía entre a base “chavista” e a oposición na pretensión de acusar a varios “boliburgueses” de corrupción, nepotismo e ineptitude no manexo das arcas públicas. Así, e dependendo do resultado electoral do 23/N, no caso específico dunha derrota sensible, non sería erróneo considerar unha posible purga interna no PSUV e no “chavismo”, dentro dun reacomodo que reafirmaría aos liderados fieis co proceso revolucionario.


4) Remontará o voo a oposición?

Moralmente fortalecida pola súa vitoria electoral no referendo de reforma constitucional de decembro de 2007, así como ante a manifestación de disidencias e divisións políticas dentro do “chavismo”, a oposición política libra toda unha serie de cartas electorais nestes comicios, coa intención expresa de restar alcaldías e gobernacións ao PSUV, a fin de calcular con maior nitidez futuras estratexias políticas e electorais.

Actualmente, a oposición controla só dúas gobernacións (Zulia e Nueva Esparta) e 30 alcaldías. Non obstante, en cinco gobernacións, candidatos anteriormente pertencentes ao “chavismo” e agora no bando dos “disidentes” están presentándose con candidaturas independentes ou ben apoiados por partidos opositores.

Esta relativa fragmentación interna do “chavismo” é interpretado favorablemente pola oposición que, a pesar de todo, segue a manifestar unha clara división interna, principalmente en torno a candidaturas e partidos que a conforman, o cal dificulta a vertebración de estratexias conxuntas e un programa político nacional coherente e unificado. Un caso evidente é o municipio capitalino de Chacao, onde concorren ata tres candidatos opositores.

A plataforma opositora ven significada pola preponderancia de partidos como Un Nuevo Tiempo (UNT), liderado por Manuel Rosales, gobernador do estado Zulia que busca a reelección e foi rival electoral presidencial de Chávez no 2006; Primero Justicia (PJ), dos que os seus mais coñecidos líderes son políticos mozos como Henrique Capriles Radonsky e Leopoldo López, este último inhabilitado electoralmente; e PODEMOS, partido disidente do “chavismo” que conta co liderado de Ismael García. Paralelamente, persisten os outrora partidos hexemónicos do sistema político venezolano, como Acción Democrática (AD) e o movemento social cristiá, COPEI.

Xunto a estes, a oposición cifra as súas esperanzas nos liderados estudantís que ascenderon ao escenario público no 2007 e foron un factor considerable no rexeite á reforma constitucional. Neste sentido, son comúns as aparicións públicas de Jon Goicoechea, Freddy Guevara e Stalin González, este último candidato por UNT para a alcaldía capitalina do Municipio Libertador.

As enquisas ligadas aos sectores opositores consideran factible que o “chavismo” perda entre 6 e 9 gobernacións, un dato quizais excesivo.

Tanto o “chavismo” como a oposición deben tomar en conta o factor da abstención como referente que pode incluso inclinar a balanza ante determinadas candidaturas. Nas eleccións de 2004, a abstención calculouse en 45%.


5) Como influirán as disidencias no “chavismo”?

Existe un escenario que o goberno de Chávez toma en conta con suma atención: en varias alcaldías e estados venezolanos, o PPT, o PCV e outros grupos aliados anteriormente ao “chavismo” apoian a candidatos diferentes do PSUV, incluso con opción de triunfo ou ben con capacidade de dividir ao votante “chavista”, favorecendo así as diversas opcións da oposición política.

Paralelamente, PODEMOS, escisión do Movemento ao Socialismo (MAS) e de tendencia socialdemócrata, semella estar consolidado dentro da plataforma opositora.

Durante un acto de campaña en outubro pasado, Chávez oficializou a súa ruptura co PPT e o PCV, cualificándoos de “mentireiros, traidores e contrarrevolucionarios” e prometendo encargarse persoalmente de que “desaparezan do mapa político venezolano”. Por tanto, albiscase un futuro escenario de elevada conflitividade entre o PSUV, o PPT e o PCV.

PPT e PCV suman 10 dos 167 deputados que conforman a Asemblea Nacional do Poder Popular, onde o PSUV conta con 140 escanos, evidenciando un fraco peso político dentro do “chavismo”. Pero as súas candidaturas en gobernacións e alcaldías poden restar votos ao PSUV, establecendo plataformas paralelas coa oposición que, a curto prazo, suporían unha confrontación directa co goberno central.

Neste escenario, non sería igualmente descartable que Chávez inicie un proceso de negociación co PPT e o PCV, a fin de renovar as súas alianzas dentro dunha nova plataforma partidaria.


6) En que medida cambiará o mapa político cara futuras eleccións?

Existen diversas prazas importantes para as eleccións do 23/N: gobernacións como Miranda, Carabobo, Zulia, Barinas, Bolívar, Aragua, Guárico e Anzoátegui e, especificamente, nas alcaldías que forman parte do Distrito Capital, é dicir, o Municipio Libertador, Chacao, Baruta e Sucre.

Neste sentido, o mapa político venezolano experimentará unha sensible variación, especialmente de cara á celebración das próximas eleccións.

Para decembro de 2010 están previstas as eleccións lexislativas para a Asemblea Nacional do Poder Popular e, a finais de 2012, realizaranse as próximas eleccións municipais e os comicios presidenciais, aos que Chávez non podería presentarse por razóns constitucionais.

Se o PSUV logra unha contundente vitoria electoral o 23/N, ademais de consolidar a súa hexemonía política, impulsaría como prioridade a curto e mediano prazo a celebración dun referendo popular para a reelección indefinida, a fin de que Chávez poida presentarse como candidato presidencial no 2012 para un novo período que duraría ata o 2018.

Este referendo de reelección podería celebrarse entre 2009 e 2010, co cal augúrase unha nova e arriscada confrontación política e electoral para Chávez e a oposición. Tampouco se descartan posibles reformas constitucionais, vía lexislativa, na pretensión oficialista de consolidar o “Socialismo do Século XXI”.

Por contra, a oposición cifra as súas esperanzas o 23/N en restar espazos políticos ao PSUV e o “chavismo”, de cara a conformar ou fortalecer eventuais candidaturas unificadas para as eleccións lexislativas de 2010 e as municipais e presidenciais de 2012.

En caso de lograr arrebatar varias alcaldías e gobernacións ao “chavismo”, podería estarse orixinando un proceso de erosión e desgaste entre os simpatizantes e aliados de Chávez, con claras implicacións políticas a curto prazo.


7) Aumentará a polarización sociopolítica?

Durante a campaña electoral, foi constante unha agresiva retórica por parte do presidente Chávez cara determinadas candidaturas opositoras, especialmente no caso de que estas non recoñezan os resultados electorais, incluso ameazando con utilizar a forza pública e militar.

Neste sentido, a campaña electoral amosou unha violenta confrontación retórica entre Chávez e o candidato opositor Manuel Rosales, ambos rivais electorais nos comicios presidenciais de 2006. Chávez incluso ameazou con enviar ao cárcere a Rosales por presuntos casos de corrupción.

En determinados aspectos, a reacción opositora tamén foi igualmente agresiva e provocadora, denunciando nalgúns momentos presuntos casos de amedrentamento.

Paralelamente, e desde hai meses, Chávez ven advertindo aos seus simpatizantes de que unha eventual vitoria da oposición o 23/N dará paso a que, no 2009, “veñan a por min”, en clara alusión aos riscos que pode enfrontarse o proceso revolucionario e o propio Chávez de cara aos próximos anos. Unha semana antes das eleccións, Chávez considerou que “o 23/N xógase o meu destino e o de Venezuela”, equiparando claramente o seu futuro político e o da revolución a estes comicios, concibidos así como un “plebiscito” sobre a súa xestión.

Todas estas declaracións son claras evidencias de que a polarización política que vive Venezuela desde 1999 segue a ser unha constante no seu escenario político, con visos de incrementarse de cara a futuros compromisos electorais.


8) Influirá a baixa dos prezos do petróleo?

En determinados momentos da campaña electoral, Chávez afrontou publicamente os riscos que supón para a economía venezolana a sensible baixa do prezo do petróleo, cotizando actualmente en $50 o cru venezolano nos mercados internacionais.

Nun país extremadamente dependente desta materia prima, que representa o 90% das súas exportacións e mais do 50% dos seus ingresos, a evolución exterior dos prezos do petróleo inflúe considerablemente no clima político do país. Isto resulta evidente tamén no caso de Chávez. En materia de gasto social e militar, así como na súa política exterior, cifrada na expansión da revolución socialista e bolivariana e na concreción de alianzas xeopolíticas estratéxicas, Chávez depende substancialmente da evolución dos ingresos petroleiros.

Se ben o mandatario venezolano argumenta que, con reservas internacionais superiores aos $40.000 millóns, o seu goberno está en capacidade de amortecer os efectos da crise económica global e da baixa dos prezos do petróleo, o 2009 preséntase complicado en materia de orzamento gobernamental, cun prezo do petróleo calculado en $90 o barril.


9) Inflúe o escenario internacional?

A recente alianza política, militar e enerxética de Chávez con Rusia, xunto á vitoria electoral de Barack Obama en EEUU, condicionan un escenario internacional que coloca a Venezuela dentro dun estratéxico pulso xeopolítico.

A próxima semana, o presidente ruso Dmtri Medveded visitará Venezuela, dentro dunha xira que tamén o levará a Cuba. Paralelamente, a flota rusa achegarase ás costas venezolanas no Mar Caribe, para realizar exercicios conxuntos coa armada venezolana.

Con Rusia, Irán e China como novos aliados estratéxicos de Chávez, queda claro que o goberno venezolano está pendente de cales serán os pasos a realizar por parte do próximo presidente estadounidense Barack Obama na Casa Branca, especialmente no apartado do futuro da relación bilateral entre EEUU e Venezuela, actualmente “conxeladas” trala expulsión conxunta en setembro pasado dos respectivos embaixadores en Caracas e Washington. Neste sentido, Chávez enviou unha mensaxe de concordia cara Obama trala súa vitoria, coa intención de reunirse con el.

Consolidando internamente ao PSUV como referente político, Chávez tentará seguir fomentando en América Latina o modelo do “Socialismo do Século XXI” e a Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA) como marco de integración rexional, e reforzando as súas alianzas con Rusia, Irán e China. Neste sentido, cómpre observar cómo se analizará esta perspectiva desde Washington e se as futuras relacións entre EEUU e Venezuela serán tan retóricas e diplomaticamente turbulentas.


10) Consolidarase o “Socialismo do Século XXI”?

Nun país en pleno proceso de transformación, calquera evento electoral ou político supón un reto imprescindible á hora de descifrar a súa evolución a mediano prazo.

O caso venezolano non deixa de ser significativo. O modelo “socialista e bolivariano” de Chávez, reformulado a partir de 2005 na controvertida idea do “Socialismo do Século XXI”, sométese a unha nova proba electoral, enmarcado nun pulso político que leva unha década polarizando o país.

A derrota no referendo de reforma constitucional en decembro de 2007 paralizou momentaneamente a pretensión de Chávez de construír constitucionalmente o modelo socialista para Venezuela. Posteriormente, e a través dos decretos presidenciais previstos na Lei Habilitante existente entre febreiro de 2007 e xullo de 2008, Chávez implementou determinados artigos da reforma constitucional rexeitada polo voto popular.

Non obstante, o reto de Chávez non só se limita á consolidación do PSUV como referente político do modelo socialista senón á necesidade de ampliar os marcos de participación política do seu electorado, así como a medir o impacto das misións sociais. “Popularizar” a revolución supón así un reto fundamental.

Pero o problema radica en que o seu preponderante protagonismo como impulsor da revolución dificulta interpretar se Chávez conta con algún sucesor con garantías ou se o proceso revolucionario depende excesivamente da súa persoa.

Se o PSUV termina culminando nun proceso vertical e burocrático de adhesións e elección da súa cúpula dirixente, limitando a autonomía e pluralidade tradicionalmente existente no seo do “chavismo”, mentres a caída dos ingresos petroleiros restrinxe considerablemente o gasto público social, Chávez probablemente comezará a atopar serios problemas políticos internos que complicarán a súa presidencia ata o 2012.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta