Guía Exterior / nº 036-06/2008 de 7 de novembro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Os retos da próxima presidencia demócrata na Casa Branca
A hora de Obama

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Barack Obama; clic para aumentar
A pesar da crise económica en curso, Obama tentará levar a cabo unha serie de importantes reformas de ámbito social, especialmente no apartado da reforma e ampliación da cobertura sanitaria e das pensións así como o cambio do sistema educativo, eidos afectados por anos de privatización.
 
Introdución

A histórica vitoria de Barack Obama nas eleccións presidenciais en EEUU confirma un xiro político na Casa Branca que levanta tantas expectativas como incertezas. Neste sentido, a contundente vitoria electoral do Partido Demócrata evidencia un cambio significativo tras varios anos de dominio “neoconservador” na política estadounidense e na visión do sistema internacional.

Finalizada a “era Bush”, cunha crise económica global en pleno desenvolvemento, o novo goberno en Washington deberá ofrecer un necesario cambio de perspectiva, tanto no ámbito interno como no escenario internacional, tendente a asumir como prioridade a recuperación da credibilidade exterior de EEUU e a inevitable conformación dun sistema internacional multipolar e multilateral.


Análise: As expectativas en torno a Barack Obama

1) En qué medida cambiará Obama a EEUU?

Resulta palpable que o histórico triunfo electoral de Barack Obama ven explicado pola necesidade de solucionar crónicos problemas dentro da sociedade estadounidense, especialmente centrados na reivindicación dos dereitos civís e políticos das minorías raciais tradicionalmente discriminadas, así como da desigualdade socioeconómica producida polo modelo económico imperante. Así, colocar ambos problemas no centro da súa proposta política permitiu incrementar a popularidade electoral de Obama.

Con Obama agárdase a inauguración dun novo estilo político na Casa Branca, probablemente máis dirixido a “popularizar” a súa acción presidencial cara os sectores máis afectados pola crise económica. Con todo, non cabe agardar que na próxima lexislatura se aborde algún cambio substancial respecto dos piares que rexen o sistema político e electoral estadounidense, unha demanda que cobrou forza tralos comicios de 2000.

A pesar da crise económica en curso, Obama tentará levar a cabo unha serie de importantes reformas de ámbito social, especialmente no apartado da reforma e ampliación da cobertura sanitaria e das pensións así como o cambio do sistema educativo, eidos afectados por anos de privatización. Estímase que estes sectores absorberán un elevado custe orzamentario, calculado en $2.400 millóns.

Non obstante, e a pesar da hexemonía demócrata na Cámara de Representantes, o recurso ao diálogo e á negociación que semella encarnar o novo presidente estarán igualmente determinados pola súa acertada política de manexo dos influentes “lobbies” en Washington, así como doutros factores de poder político, militar e empresarial.


2) Mudou decisivamente o panorama político estadounidense?

Os comicios presidenciais de 2008 transmitiron a sensación de cambio na tradicional configuración sociolóxica do voto electoral no mapa estadounidense, especialmente ao analizar a evolución do voto racial, social e relixioso.

Neste sentido, estados tradicionalmente considerados como “feudos Republicanos” como Florida, Virxinia, Indiana, Novo México, Colorado ou New Hampshire, votaron nesta ocasión polo candidato Demócrata. A mobilización social a favor de Obama tamén afincou a importancia electoral do voto hispano e afroamericano no panorama político, ata o punto de cobraren unha preponderancia capital.

Igualmente, e na perspectiva de analizar o voto da poboación de carácter relixioso, a “dereita cristiá”, que contou cunha importancia hexemónica durante a era Bush, amosou unha sensible caída política.

Este escenario traducirá un mais que probable reacomodo das forzas e liderados políticos no seo do Partido Republicano, tendentes a afastarse do pesado legado encarnado por George W. Bush e a ideoloxía “neoconservadora”.


3) Como afrontará Obama a crise económica?

Ao igual que a perspectiva dun cambio político, outro factor que explica o apoio electoral a Obama radica na percepción popular de considerar o seu estilo político como un elemento vital para solucionar a grave crise financeira iniciada en setembro pasado en Wall Street, especialmente en materia de garantías dos depósitos de aforros, incentivos para o investimento, diminución da presión fiscal cara os sectores mais pobres e incremento dos impostos aos cidadáns con maiores ingresos.

Obama asumirá o goberno o próximo 20 de xaneiro de 2009 cunha pesada carga fiscal, traducida nun déficit orzamentario de $438.000 millóns e un paquete de axuda financeira de $700.000 millóns, aprobado polo Congreso en setembro pasado. Por iso, a estabilidade financeira será probablemente a principal prioridade económica do seu programa de goberno.

Con este panorama, a recuperación da confianza dos estadounidenses de cara ao crecemento económico e os investimentos constituirán retos ineludibles que determinarán, en gran medida, a axenda de prioridades do goberno de Obama. A intervención estatal na economía e a regulación das operacións financeiras tamén serán unha constante na próxima lexislatura, sumamente ocupada na recuperación do crecemento económico.


4) Cabe agardar unha viraxe real na política exterior estadounidense?

Tradicionalmente “internacionalistas” e “multilateralistas” en política exterior, os gobernantes Demócratas tenden a manifestar unha visión “idealista” das relacións internacionais. Non obstante, o panorama internacional post-Bush seguramente obrigará a Obama a plasmar unha posible doutrina exterior de carácter mais realista.

A principal demanda desde o exterior cara o novo goberno estadounidense está resumida na necesidade de aplicar unha visión multilateral que sepulte o unilateralismo agresivo iniciado con Bush en 2001. Se ben EEUU seguirá a manter a súa preponderancia global, Obama semella ofrecer a sensación de visualizar un mundo marcadamente mais multipolar e multilateral, aínda que afrontando a necesidade de constituír bases sólidas para este sistema.

Non obstante, semella pouco probable que con Obama na Casa Branca, EEUU mude radical ou substancialmente os seus imperativos xeopolíticos e os seus sistemas de alianzas. Un estilo de goberno mais aperturista en Washington podería reacomodar as relacións transatlánticas con Europa, pero semella pouco probable á hora de manifestar un cambio de percepción cara Rusia, China ou Irán, por citar algúns exemplos.

Paralelamente, resulta incerta a posible inclinación “militarista” do novo goberno na Casa Branca, especialmente ante temas sensibles para a seguridade internacional como Irán, a proliferación nuclear ou a “guerra global contra o terrorismo”, pesada herdanza da era Bush.

A crise financeira seguramente obrigará a un maior recorte do gasto público militar, así como tamén persuadirá a Obama para concentrar maiores esforzos en atender os asuntos internos en detrimento dos internacionais.


5) Pecharase Guantánamo?

A triste herdanza da era Bush pesará con maior forza no goberno de Obama especialmente en materia de violacións de dereitos humanos e da legalidade internacional.

Así, a ilegalidade da prisión de Guantánamo e a estratexia adoptada na guerra contra o terrorismo, plasmada nas detencións ilegais e os voos ilegais da CIA, serán factores de gran consideración nun goberno aparentemente mais aperturista e observador dos dereitos humanos como sería o de Obama que, en anteriores ocasións, denunciou a ilegalidade destes mecanismos.

Cun Senado e a Cámara de Representantes con maioría demócrata, Obama tería maiores posibilidades de que se aproben varias leis destinadas ao eventual peche de Guantánamo e o fin das detencións e os voos ilegais da CIA. Pero todo isto tamén depende da conxuntura e da presión dos lobbies en Washington, especialmente sensibles ante un posible retorno de atentados de Al Qaeda contra obxectivos estadounidenses, que obrigarían a Obama a manter a estratexia antiterrorista predominante nos últimos anos.


6) Retirarase EEUU de Iraq e Afganistán?

Durante a súa campaña electoral nas primarias do Partido Demócrata, Obama estableceu como prioridade en política exterior o comezo da retirada militar estadounidense de Iraq a partir de 2009.

Firme opositor á guerra de Iraq, Obama semella sentirse inclinado a realizar un paulatino abandono militar do país árabe, a fin tamén de ofrecer unha imaxe de confianza cara as novas autoridades iraquís. Non obstante, a posición final de Obama sobre a retirada de Iraq supón unha incógnita.

Caso sensiblemente contrario resulta Afganistán, onde o retorno da ofensiva dos talibáns obrigou ao propio Obama a afirmar a súa intención de fortalecer o compromiso co mantemento do goberno de Hamid Karzai e a loita antiterrorista.

Dependendo da estratexia a adoptar, poderían presentarse problemas entre Obama o e novo goberno no Paquistán post-Musharraf, que ven aumentando as súas críticas contra Washington pola súa forma de levar a cabo os ataques na fronteira afgano-paquistaní. Así, unha eventual retirada militar estadounidense de Iraq podería dar paso á ampliación da cooperación e o envío de tropas a Afganistán.


7) Retorno ao “atlantismo”?

A vitoria de Obama foi amplamente celebrada en Europa, o cal evidencia as elevadas expectativas existentes en Bruxelas sobre a posible reapertura dos canais transatlánticos co novo goberno estadounidense.

Neste sentido, dous líderes xorden como posibles candidatos a ofrecerse como os aliados de Obama en Europa: José Luis Rodríguez Zapatero e Nicolás Sarkozy. Zapatero desexa imperiosamente abrir unha nova era de relacións con Washington trala crise provocada no 2004 coa retirada militar española de Iraq. Neste sentido, o goberno español adiantou a creación dunha especie de lobby en Washington para atraer a atención de Obama.

Pola súa banda, Sarkozy tentará afincar os seus plans de liderado nunha Europa en reconstitución cara o polémico Tratado de Lisboa, mantendo unha especie de “entente” bilateral con Obama. Este “novo atlantismo”, establecido en réxime de equidade, tentará tamén afincar un eixe entre EEUU e Europa tendente a amortecer o retorno de Rusia como poder xeopolítico no espazo euroasiático.

Precisamente, a inmediata reacción por parte do presidente ruso Dmtri Medveded de ampliar as probas misilísticas rusas no seu enclave europeo de Kaliningrado, supón un toque de atención directamente dirixido a Obama a propósito das demandas rusas ante a ampliación da OTAN e o fomento do escudo antimísiles estadounidense.

Un factor a considerar por Obama serán as eleccións en 2009 en Alemaña, coa presumible reelección da chanceler democristiá Ánxela Merkel, e o mais que probable adianto electoral en Gran Bretaña, que incrementa a posibilidade do fin da era laborista en Downing Street e o retorno dos conservadores tories, con David Cameron á cabeza.


8) Existe América Latina e Asia para Obama?

Con outras prioridades en materia exterior, non semella probable que América Latina constitúa unha peza vital na axenda de política exterior estadounidense de Obama.

O próximo goberno estadounidense seguirá a manter a Brasil e México como principais actores de importancia hemisféricos, mimando igualmente a aliados estadounidenses como Colombia e Perú, xunto aos países centroamericanos incluídos na área do ALCA.

Outra perspectiva pode abrirse con gobernos como os de Venezuela e Bolivia, con relacións bilaterais actualmente paralizadas. Tanto Hugo Chávez como Evo Morales amosaron a súa disposición para inaugurar unha “nova etapa” nas relacións bilaterais con Washington.

Se ben Obama amosou en determinados momentos da campaña electoral a súa intención de dialogar con Chávez e Morales, outros imperativos como a estratexia antinarcóticos, a necesidade de amortecer a expansión dunha esquerda mais militante incluída no ALBA e a diminución da dependencia enerxética cara países considerados por Washington como “turbulentos”, como é o caso de Venezuela, pode espallar momentos de crise bilateral.

Un caso aparte pode constituír Cuba e o seu momento político con Raúl Castro como presidente de goberno. Na Habana existen amplas expectativas de cambio na relación estadounidense cara a illa caribeña. Durante a campaña electoral, Obama amosou a súa disposición por iniciar unha apertura de relacións coa Habana, incluso suxerindo a posibilidade de eliminación do embargo.

Así, e ante a perda de influencia política do tradicional lobby cubano en EEUU e a derrota electoral Republicana, o novo goberno demócrata con maioría no Senado e no Congreso podería atender con maior fluidez as demandas de diversos sectores agrícolas e empresariais estadounidenses, ansiosos de iniciar unha apertura de relacións co goberno cubano, a fin de abrir este mercado aos produtos estadounidenses.

Respecto a Asia, o triunfo de Obama empuxa o relevo en Xapón, en favor do Partido Democrático, o que suporá outro cambio de significación histórica que poderá alentar unha maior autonomía internacional de Tokio. Consolidar o entendemento iniciado con India e asegurar a estabilidade das relacións con China, un dos principais financiadores do seu déficit público, son retos clave para definir unha estratexia en Asia-Pacífico que lle preserve a EEUU un papel clave na rexión económicamente máis dinámica do planeta.


9) Terán prioridade a ecoloxía e a enerxía?

A presumible formulación dunha “nova diplomacia” que poida encarar a solución de problemas urxentes como o quentamento global e a dependencia enerxética, probablemente exercerán importancia na axenda exterior do próximo goberno en Washington. Resta por ver se Obama finalmente será o primeiro presidente estadounidense en outorgar unha importancia capital a estes problemas.

Un elemento a observar é se Obama asumirá o compromiso de incluír a EEUU no Protocolo de Kyoto, constantemente denunciado por Bush e cuxo período de ratificación finaliza no 2012. Paralelamente, será importante considerar se o novo goberno na Casa Branca aceptará ingresar no Tribunal Penal Internacional (TPI), tamén cuestionado pola actual administración republicana.

A independencia enerxética foi un tema recorrente na campaña electoral de Obama, o cal permite intuír unha política tendente a potenciar a produción e uso de enerxías alternativas. Así, e no caso de acelerar as políticas de diminución da dependencia enerxética, Obama pode provocar fortes roces con países tradicionalmente produtores como Venezuela.

Paralelamente, a aposta polo multilateralismo deberá verificarse no caso de que Obama viabilice as súas decisións dentro de marcos de actuación nos organismos internacionais. A súa visión da ONU e doutros organismos de carácter global serán vitais para determinar o sentido da súa política exterior.


10) Entra EEUU nunha nova era?

A percepción dun simbólico cambio político na Casa Branca supón un punto de referencia sumamente significativo, tendente a especular coa idea de que EEUU ingresa nunha nova era.

As constantes comparacións entre a actual situación estadounidense coa acaecida trala depresión económica de 1929 foi unha referencia constante na campaña electoral de Obama. Agora, conseguida a presidencia, aumenta unha ambigua sensación de grandes e necesarias expectativas de cambio con inquietantes interrogantes sobre a súa visión política.

Factores comparativos aparte, Obama transformou a percepción e a opinión pública estadounidense nun momento en que comeza a cuestionarse o liderado global de Washington. A súa mensaxe electoral de cambio está igualmente ligada á necesidade de recuperar a imaxe exterior e a potencialidade global de EEUU como indiscutible líder do mundo do século XXI, cunha nova visión que deixara atrás os excesos e a agresiva visión unilateral da era Bush.

Pero quizais o cambio mais importante tradúcese na política interna. O “fenómeno Obama” probablemente mudará a visión e o estilo de facer política en EEUU, coas súas evidentes repercusións no ámbito global.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/11/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta