Guía Exterior / nº 035-05/2008 de 14 de agosto Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Consecuencias xeopolíticas do conflito entre Rusia e Xeorxia
Ventos de Guerra no Cáucaso
 
 

  Columna de tanques rusos nos arredores de Gori; clic para aumentar
Dende Pequín, o primeiro ministro ruso, Vladimir Putin, asegurou que Moscova defendería militarmente a Osetia do Sur, en clara advertencia militar contra Xeorxia. O 8 de agosto, tropas rusas invadiron Osetia do Sur e, tras cinco días de combates e bombardeos con saldo aproximado de 2.000 mortos, lograron tomar diversas cidades xeorxianas como Gori, apostándose a 40 km. da capital, Tbilisi. (Foto: Columna de tanques rusos nos arredores de Gori o 14 de agosto de 2008).
 
Introdución

Tras cinco días de combates entre tropas rusas e xeorxianas polo control da república secesionista de Osetia do Sur, encravada no territorio de Xeorxia, o mapa xeopolítico do Cáucaso experimentou unha súbita e considerable alteración, reforzando así as posicións estratéxicas de Rusia.

Resta por descifrar cal será o futuro político do presidente xeorxiano Mijaíl Saakashvili así como das cartas que Occidente xoga na rexión do Cáucaso, estratexicamente importante ante a posible ampliación da OTAN (especialmente no caso xeorxiano) e, principalmente, pola rede de oleodutos e gasodutos que, dende o Mar Caspio, levan petróleo e gas natural a Europa, sendo o máis importante o oleoduto Baku-Tbilisi-Ceyhan (BTC), que precisamente atravesa territorio xeorxiano.


Análise

1) Cal foi a orixe da recente confrontación militar no Cáucaso?

A acción militar levada a cabo polas forzas militares xeorxianas, baixo mandato do seu presidente Mijaíl Saakashvili, o pasado 7 de agosto, contra posicións dos rebeldes secesionistas da rexión de Osetia do Sur, deu paso a unha inmediata reacción militar rusa, avaladora das demandas osetias.

Dende Pequín, o primeiro ministro ruso, Vladimir Putin, asegurou que Moscova defendería militarmente a Osetia do Sur, en clara advertencia militar contra Xeorxia. O 8 de agosto, tropas rusas invadiron Osetia do Sur e, tras cinco días de combates e bombardeos con saldo aproximado de 2.000 mortos, lograron tomar diversas cidades xeorxianas como Gori, apostándose a 40 km. da capital, Tbilisi.

Golpeado militarmente, Saakashvili pediu inmediatamente un alto o fogo rexeitado por Moscova, mentres a Unión Europea, a ONU, a OTAN e EEUU pedían o cese das hostilidades, finalmente decidido o pasado 12 de agosto, en declaración oficial do presidente ruso Dmitri Medveded.


2) É Rusia a principal gañadora do conflito?

A inmediata reacción militar rusa, activando unha especie de “guerra lóstrego” contra Xeorxia, evidenciou dúas variables: a primeira, a determinación de Moscova de reforzar as súas posicións xeopolíticas e militares no espazo contiguo ex soviético, consolidando unha clara advertencia aos intereses occidentais de expansión cara esta rexión, a través da OTAN e a UE.

En segundo lugar, a confrontación militar ruso-xeorxiana modificará substancialmente o mapa xeopolítico do Cáucaso, escenario que pode tamén derivar nun reforzamento do poder ruso a escala global, recuperando espazos de poder na area internacional, especialmente con respecto a EEUU e Europa.

A xestión da crise ruso-xeorxiana permitiu igualmente consolidar a posición política do primeiro ministro Vladimir Putin como verdadeiro factor de poder no Kremlin. Neste sentido, o labor do presidente Medveded foi netamente protocolaria, principalmente supeditada ás decisións de Putin.

Con esta vitoria militar, Putin logrou asestar un golpe punitivo a un dos seus principais rivais, o presidente xeorxiano Saakashvili, e a súa posición abertamente pro-occidental. Washington e Bruxelas aumentaron as denuncias de que Moscova estaba tentando asestar un golpe que acabara con Saakashvili.


3) Se fragmentará Xeorxia?

Tralo anuncio ruso de “liberación de Osetia do Sur” e as actuais tensións na rexión occidental xeorxiana de Abxazia, medran os indicios de que Xeorxia, independente da ex URSS desde 1991, puidera encamiñarse cara unha desintegración territorial de facto nestas dúas rexións, de marcada orientación pro-rusa.

O plan de paz presentado polo presidente francés Nicolás Sarkozy en nome da Unión Europea contempla a discusión internacional do estatuto de Osetia do Sur e Abxasia, aceptando unha demanda rusa que, paralelamente, asesta un duro golpe ás ambicións de Saakashvili.

A imprudente operación militar xeorxiana en Osetia do Sur e a intervención militar rusa comprometen seriamente as posicións políticas do presidente Saakashvili, así como de diversos sectores “duros” da política xeorxiana, que promoveron a acción militar contra os secesionistas osetios.

A pesares de que milleiros de xeorxianos saíron ás rúas de Tbilisi para apoiar ao presidente Saakashvili unha vez que Moscova decretou o fin das hostilidades, a súa situación interna pode complicarse se a oposición logra reagruparse e pedir a súa dimisión, culpándoo da crise rexional.

Desde comezos de 2008, Saakashvili veuse comprometido por diversas crises políticas que estiveron a punto de acabar co seu goberno. Poidae que Saakashvili e os seus aliados políticos concibiran a acción militar contra os osetios en termos de reforzar o nacionalismo xeorxiano e os sentimentos anti-rusos como antídoto para afastar calquera manifestación dunha nova crise política interna.

Non obstante, a desastrosa derrota militar xeorxiana pode constituír un duro revés político que lle custe a Saakashvili a presidencia. A súa situación é ben comprometida se Occidente, o seu principal aliado, se inhibe ante a presión rusa.


4) O plan de paz europeo: Un triunfo para a UE?

A viaxe do presidente francés Nicolás Sarkozy a Tbilisi e Moscova o pasado 11 e 12 de agosto, a fin de propiciar os mecanismos para finalizar unha guerra que ameazaba con incendiar o Cáucaso, é interpretada nalgúns medios como unha notoria vitoria diplomática da UE.

En apariencia, Sarkozy logrou convencer a Saakashvili e Medveded para aceptar un plan de paz que, entre outras disposicións, posibilita unha discusión internacional sobre o estatuto de Osetia do Sur e Abxasia, ofrecendo un marco diplomático que pode constituír unha referencia para outros focos conflitivos, políticos e territoriais, dentro do espazo ex soviético.

Sarkozy e a UE poderían verse tamén motivados para evitar un posible expansionismo militar ruso polo Cáucaso, que afectaría os intereses occidentais nesa rexión, especialmente no eido enerxético.

Non obstante, e a pesar da reacción europea unha vez a confrontación militar avanzaba, a UE viuse sorprendida polo espallamento dunha crise que, a grandes trazos, evidenciou a ineficacia dunha política común por parte dos países europeos para solucionar conflitos, especificamente no caso do Cáucaso.


5) Quedou EEUU afastada da crise?

De visita en Pequín no marco da inauguración dos Xogos Olímpicos, o presidente estadounidense George W. Bush amosou a súa posición pro-xeorxiana, manifestando o seu interese en por fin ás hostilidades, especialmente ante o avance militar ruso. O goberno de Bush, dificilmente “sorprendido” pola crise dado o nivel de entendemento existente co presidente Saakashvili, foi rapidamente superado pola dinámica da crise caucásica, quedando sen capacidade decisiva para reaccionar.

Este illamento de Washington na solución da crise pode evidenciar unha sensible perda de marxe de manobra no escenario internacional, que tamén pode explicarse pola dinámica política interna. O goberno de Bush está nos derradeiros meses de mandato mentres a campaña electoral estadounidense incrementa o seu nivel de polarización, de cara aos comicios presidenciais de novembro.


6) Freo á expansión da OTAN no espazo ex soviético?

Desde o triunfo da denominada “revolución rosa” en 2003, que levou ao poder ao pro-occidental Saakashvili, Xeorxia foise configurando como unha peza estratéxica clave para os intereses occidentais no Cáucaso, especialmente de cara a propiciar a expansión da OTAN nesta rexión.

A recente confrontación militar ruso-xeorxiana pode modificar temporal e substancialmente os plans de expansión da OTAN nesta rexión, incluso dentro do espazo ex soviético. Moscova posúe agora maiores cartas ao seu favor para afastar a presenza da OTAN no seu espazo próximo, a vez que Rusia espera recuperar espazos de influencia.

Tralo ingreso na OTAN das repúblicas bálticas (Lituania, Estonia e Letonia) en 1997, Moscova tratará de impedir unha maior expansión oriental da Alianza Atlántica no espazo ex soviético, un escenario que víase practicamente consolidado hai apenas uns anos. Nese sentido, Xeorxia e Ucraína seguen a constituír os principais países de interese para a OTAN.

Coa incerteza permanente sobre o futuro político de Ucraína, envolvida nun duro pulso político entre o pro-occidental presidente Viktor Yushenko e o pro-ruso primeiro ministro Viktor Yanukovich, a OTAN seguirá tanteando a súa pretensión de incluír a Xeorxia, quizais agora sen unha perspectiva tan inmediata.

Reforzada política e militarmente, Rusia probablemente activará maiores mecanismos de presión para evitar o ingreso xeorxiano na OTAN. No próximo cumio da Alianza Atlántica, a celebrarse en decembro, debíase propiciar o ingreso definitivo de Ucraína e Xeorxia. Non obstante, coa crise actual, é moi posible que este ingreso se retrase indefinidamente.


7) Unha nova xeopolítica no Cáucaso?

Con Rusia decidida a actuar de forma expeditiva, incluso pola vía militar, á hora de defender os seus intereses estratéxicos, resulta evidente a emerxencia dunha nova situación xeopolítica no Cáucaso.

Esta rexión, localizada entre o sur de Rusia, Oriente Medio, o Mar Caspio e o Mar Negro, acapara a atención de diversos actores, principalmente Rusia, EEUU, Europa, Irán e Turquía. Pero o pulso principal está establecido entre Moscova e Washington, ata o punto de que comeza a falarse, probablemente de xeito esaxerado, da volta dunha “nova guerra fría”, agora con epicentro no Cáucaso.

O reforzamento do poder ruso trala invasión militar de Osetia do Sur e Xeorxia permite prestar atención a outros conflitos rexionais, como é o caso anteriormente mencionado de Abxasia, rexión secesionista en Xeorxia. Pola súa banda, os casos de Chechenia, Ingushetia e Daguestán en territorio ruso, así como a actividade do terrorismo islamita, semellan temporalmente en calma.

Nos casos doutros países caucásicos como Armenia e Acerbaixán, Moscova logrou nos últimos anos concretar diversos acordos en materia enerxética que sitúan a estes países, principalmente no caso armenio, baixo a órbita rusa. Como no caso xeorxiano, Acerbaixán ven sendo un estratéxico aliado occidental.

Pola súa banda, Irán e Turquía manteñen unha presenza principalmente centrada en aspectos enerxéticos e de seguridade. No caso turco, este papel increméntase no aspecto cultural ante a existencia de diversas comunidades étnicas de orixe turca en Acerbaixán, Rusia e Xeorxia.


8) Alterarase o pulso enerxético rexional?

Ao igual que o mosaico étnico, político, relixioso e cultural do Cáucaso dimensiona os seus conflitos e condiciona as alianzas xeopolíticas, o asunto estratéxico máis importante que define a confrontación de intereses nesta rexión garda relación co factor enerxético.

Así, cobra importancia a viabilidade do oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhán (BTC), proxecto deseñado por iniciativa estadounidense e europea a partir de 1998 e que comezou a funcionar a partir de 2006.

Con máis de 1.786 km de extensión, o segundo oleoduto máis grande a nivel mundial, o BTC constitúe a peza estratéxica fundamental da presenza occidental no Cáucaso. Estimase que, a curto prazo, este oleoduto terá capacidade para transportar un millón de barrís diario de petróleo do Mar Caspio cara Europa, a través da conexión Bakü (capital azerí), Tbilisi (capital xeorxiana) e Ceyhan (porto mediterráneo turco), involucrando a países considerados estratéxicos para Occidente, como son Acerbaixán, Xeorxia e Turquía.

Para Moscova, resulta evidente que o BTC afecta os seus intereses enerxéticos, especialmente ante o beneficio que outorgará a Occidente en detrimento da perda de influencia rusa na rexión. A fin de contrarrestar este eixe enerxético pro-occidental, Moscova construíu o oleoduto Bakú-Novorossysk, que transporta o petróleo dende o Mar Caspio ata o Mar Negro.

Nos derradeiros anos, o factor enerxético xa constituía un elemento de importancia na xeopolítica do Cáucaso. Argumentando problemas de moratoria financeira, durante os invernos de 2006 e 2007, Rusia suspendeu o subministro de petróleo e gas natural a Xeorxia e Ucraína como ferramenta de presión política cara estes gobernos de corte pro-occidental.

Na recente intervención militar rusa en Xeorxia, dous tramos do BTC foron alcanzados por bombas e proxectís rusos, aínda que sen causar danos de gran consideración. Se ben non semella que Moscova tente destruír o BTC, so pena de afrontar un conflito internacional de gran magnitude, a actual situación no Cáucaso probablemente alterará diversos intereses, políticos e enerxéticos, así como o clima das relacións directas entre Moscova e Occidente, principalmente no marco do posible ingreso ruso na Organización Mundial do Comercio (OMC), as relacións UE-Rusia e no seo do G-8.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/08/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta