Guía Exterior / nº 034-04/2008 de 19 de xuño Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Tregua en Gaza
 
 

  Mahmud Abbas e Hosni Mubarak; clic para aumentar
Se ben a tregua en Gaza non inclúe ningún tipo de actuación directa para Cisxordania, territorio controlado polo partido Al Fatah baixo a presidencia de Mahmud Abbas (Abu Mazen) na ANP, contando co total apoio de EEUU, Israel e Europa, resulta claro que calquera avance ou retroceso do alto o fogo en Gaza repercutirá directamente na dinámica sociopolítica en Cisxordania, habitada por 2,5 millóns de habitantes. (Foto: Mahmud Abbas e Hosni Mubarak en O Cairo o 9 de xuño de 2008).
 
Introdución

A recente declaración de cese o fogo en Gaza entre o goberno israelí e o partido islamita palestino Hamas, propiciado pola diplomacia exipcia, podería permitir unha activación de mecanismos de negociación destinados a un posible intercambio humanitario de prisioneiros, así como abrir determinadas vías de acordo entre Hamas e o partido palestino Al Fatah, hexemónico en Cisxordania.

Na actual conxuntura existente en Oriente Próximo, a tregua indica a posibilidade de reconsiderar diversas posicións políticas e militares entre Israel e Hamas, se ben permanece a incerteza respecto á durabilidade ou non da tregua.


Análise

1) En que se basea a tregua entre Israel e Hamas?

Tras acordarse o cese o fogo en Gaza o pasado 17 de xuño, posteriormente aceptado polo goberno israelí de Ehud Olmert, impuxéronse tres condicións principais:

a) Cese total das hostilidades entre o Exército israelí e o partido islamita Hamas.

b) Fin do contrabando de armas dende Exipto ata a Franxa de Gaza.

c) Xestións e negociacións para a liberación do soldado israelí Gilad Shalit, capturado por militantes islamitas palestinos en 2006.

O tempo establecido para dar curso ao cese o fogo será a partir das 06:00 horas do 19 de xuño (03:00 GMT).

Hamas viña pedindo desde hai meses unha tregua con Israel tanto en Gaza como en Cisxordania. Paralelamente, esixiu a Israel a liberación de 450 militantes e islamitas dos cárceres israelís a cambio do soldado Shalit.


2) Por que ocorre agora?

Diversos ataques da aviación israelí en Gaza e de milicias armadas de Hamas ao sur de Israel provocaron ducias de mortos nas últimas semanas, especialmente significativas entre a poboación civil palestina. Estes acontecementos influíron na repentina declaración de tregua entre Israel e Hamas.

A grandes trazos, a tregua supón unha alteración no nivel das hostilidades, probablemente destinada a consolidar posicións políticas e militares entre Israel e Hamas e abrir unha posible rolda de negociacións que involucre ao partido Al Fatah e ás demais institucións políticas da Autoridade Nacional Palestina (ANP).

No derradeiro ano, un cento de palestinos en Gaza morreron por ataques militares israelís mentres diversos lanzamentos de cohetes por parte de Hamas causaron vítimas mortais ao sur de Israel.

Neste contexto, a tregua pode vir determinada por factores de necesidade interna tanto para Israel como para Hamas. Neste sentido, cobra especial importancia a crise humanitaria e o padecemento da poboación palestina en Gaza (falta de alimentos, electricidade e servizos básicos), principalmente tralo brutal bloqueo económico instaurado por Israel desde xuño de 2007, que ten practicamente destruída a economía de Gaza.

Por outra banda, compre sopesar a dinámica interna israelí, debido a que o goberno de Olmert esta atenazado por unha prolongada crise política interna.


3) Que papel xogou Exipto?

Lixeiramente desprazado nos últimos tempos como actor político e diplomático de envergadura no relativo á resolución (ao menos parcial) de conflitos en Oriente Próximo, a reactivación de Exipto como actor de peso rexional implica un punto a favor da súa diplomacia e unha saída para minorar os efectos do duro illamento internacional ao que están sometidos un millón e medio de palestinos en Gaza, situación que provoca un masivo éxodo de refuxiados a este país.

Un factor relevante que persuadiu a Exipto para retomar a súa tradicional posición de actor político e diplomático de importancia en Oriente Próximo foi o recente acercamento entre Siria e Israel auspiciado pola diplomacia turca e as repercusións rexionais que suporía un hipotético e histórico acordo entre Damasco e Tel Aviv.

Neste sentido, a proximidade fronteiriza de Exipto con Gaza e as relacións directas entre O Cairo e Hamas permitiron ao goberno de Hosni Mubarak aproveitar a conxuntura a fin de propiciar o marco de negociacións necesario para o cese ao fogo entre Israel e o partido islamita palestino, así como para recuperar as súas credenciais como actor político vital en Oriente Próximo.


4) Como inflúe a tregua no panorama político israelí?

Acosado por escándalos internos de corrupción e as secuelas da derrota militar na breve guerra do sur do Líbano co movemento islamita Hizbulah en xullo de 2006, o goberno de Ehud Olmert acelera un lento proceso de descomposición que, con case total seguridade, dará paso a un adianto electoral en Israel.

A repentina tregua con Hamas detén, momentaneamente, os atentados contra a poboación israelí mentres o atribulado goberno de Olmert afronta a súa peor crise política interna. Así, o cese o fogo con Hamas permitiría a Olmert “vender” un posible triunfo diplomático ante unha opinión pública israelí que esixe a súa renuncia.

Dende diversos sectores premen a Olmert para que renuncie, sendo notable a petición da súa propia ministra de Exteriores Tzipi Livni (con claras ambicións electorais), a do líder laborista, ex primeiro ministro e actual ministro de Defensa Ehud Barak, e do principal candidato dereitista do partido Likud, o ex primeiro ministro Benjamín Netanyahu, un claro favorito electoral.

Un adianto electoral en Israel podería propiciar o regreso ao poder de Netanyahu e de determinados “falcóns” da política israelí, determinados a seguir unha liña dura cara os seus tradicionais inimigos: Hamas, Siria e Irán.

Así, a tregua con Hamas xera un clima de confusión e certa polarización entre as altas esferas do poder político e militar. Neste sentido, a maioría dos israelís consideran que só constitúe unha tregua temporal, con escasas posibilidades de éxito.


5) Existe un plan para Cisxordania?

Se ben a tregua en Gaza non inclúe ningún tipo de actuación directa para Cisxordania, territorio controlado polo partido Al Fatah baixo a presidencia de Mahmud Abbas (Abu Mazen) na ANP, contando co total apoio de EEUU, Israel e Europa, resulta claro que calquera avance ou retroceso do alto o fogo en Gaza repercutirá directamente na dinámica sociopolítica en Cisxordania, habitada por 2,5 millóns de habitantes.

A consolidación de Hamas en Gaza e a súa resistencia ao acoso israelí e o illamento internacional supoñen elementos de perturbación para o poder de Al Fatah e Abu Mazen en Cisxordania, especialmente polas posibles simpatías populares que podería obter o movemento islamita neste territorio ante o descrédito cara o goberno da ANP pola súa supeditación a Israel e EEUU.

Polo tanto, un cese ao fogo firme e duradeiro en Gaza que permita acercar a Hamas nunha negociación con Israel é observado con gran atención por Abu Mazen e Al Fatah, a fin de medir as súas consecuencias non só para posibles negociacións de paz trilaterais con Israel e Hamas senón como elemento de influencia dentro do espectro político palestino.


6) Fortalécese Hamas coa tregua?

Para o partido islamita, principalmente liderado polo defenestrado ex primeiro ministro da ANP Ismael Haniya, o cese das hostilidades supón un inédito e necesario elemento de lexitimidade como interlocutor clave do escenario palestino (e, consecuentemente, rexional), outorgado indirectamente polo goberno israelí a través de Exipto.

Aínda é prematuro considerar que esta tregua supoña un factor de recoñecemento mutuo para Hamas e Israel, pero resulta claro que, na actual conxuntura, imponse un acertado nivel de pragmatismo entre ambos actores, basicamente determinado polas circunstancias.

Se a tregua outorga resultados positivos a mediano prazo, probablemente propiciará un ascenso relevante da imaxe de Hamas como actor político fundamental, colocando nunha complicada posición á cúpula de Al Fatah.


7) Que impacto terá en Oriente Próximo?

A tregua entre Israel e Hamas acontece nunha conxuntura que estivo a piques de propiciar unha histórica e exitosa negociación entre dous inimigos tradicionais: Siria e Israel.

A posibilidade dun acordo sirio-israelí involucraba directamente a Turquía, principal organizador deste acercamento entre Damasco e Tel Aviv. Con estas negociacións aínda non rematadas, a tregua con Hamas e un posible acercamento a Siria influirán tamén na evolución da situación do Líbano, especialmente de cara a deter unha posible renovación da confrontación armada entre o Exército israelí e o movemento islamita xiíta Hizbulah.

Con EEUU e Europa incapaces de reconducir a situación en Oriente Próximo, a atención segue a centrarse en Irán e o seu programa nuclear. Se a tregua logra parcialmente pacificar o escenario palestino-israelí, a atención comezaría a dirixirse cara Teherán e a súa situación xeopolítica.


8) Cal é a posición de EEUU e Europa?

A recente xira de despedida do presidente estadounidense George W. Bush por Oriente Próximo e Europa centrouse mais en tratar as posibles sancións e o illamento internacional de Irán que en propiciar un acordo firme de negociación para Palestina que non sexa o estipulado no cumio de Annapolis de decembro de 2007: un Estado palestino en Cisxordania baixo o goberno de Al Fatah, con Hamas completamente illado en Gaza.

A escasos meses de finalizar o seu mandato e practicamente castigado pola indiferenza política tanto en EEUU como no exterior, Bush non está en condicións de fomentar ningún tipo de estratexia alternativa para Oriente Próximo que non sexa manter os fracasados postulados “neoconservadores”.

No caso europeo, a súa tardía reacción para influír nos acontecementos cuestiona a capacidade de acción diplomática do ex primeiro ministro británico Tony Blair como representante do Cuarteto para Oriente Próximo, completamente supeditado aos acordos anteriormente establecidos entre EEUU e Israel.

EEUU e Europa especularon coa posible caída de Hamas en Gaza a través dun brutal bloqueo económico imposto desde 2007 e que estivo a piques de dar paso a unha crise humanitaria entre a poboación palestina. Fracasada esta estratexia, Washington e Bruxelas vense actualmente na obriga de aplaudir a tregua entre Israel e Hamas.


9) Que perspectivas ofrece Irán?

Como mentor político e loxístico de Hamas e, xunto a Siria, un dos seus principais apoios exteriores, o réxime iraniano vese na obriga de observar con atención a evolución dos acontecementos en Palestina.

Non obstante, o goberno de Mahmud Ahmadíneyad, as forzas e líderes políticos e casta dos aiatolás, en especial o líder supremo Alí Jamenei, están concentrados na política interna, especialmente de cara ás eleccións presidenciais de 2009 e na posibilidade de que o ex negociador nuclear Alí Laríyani, rival de Ahmadíneyad e actual presidente do parlamento iraniano, poida chegar á presidencia, alentando un posible cambio de enfoque nas relacións con Occidente.

Irán observa con atención a situación política israelí, ante a posibilidade de que a caída do goberno de Olmert e o adianto electoral permita a vitoria do “falcón” Netanyahu, reforzando aos sectores que defenden un ataque militar “preventivo” israelí contra Teherán.


10) Será unha tregua duradeira?

Tradicionalmente, os anteriores casos de tregua e cese o fogo entre Israel e Hamas non duraron moito. Polo tanto, non existen suficientes factores de peso para considerar que, no caso actual, esta tregua sexa precisamente duradeira e firme.

O cese o fogo ocorre nun momento de crise política interna en Israel e de alarmante crise humanitaria en Gaza, factores que impulsan esta medida.

Ademais de suspender momentaneamente as accións armadas, o aspecto mais positivo desta tregua está relacionado coa posible anuencia de Israel a propiciar canais de negociación co seu tradicional inimigo Hamas, incluíndo a un interlocutor de importancia como Exipto.

Non obstante, a posibilidade de compromiso político para sentarse a negociar non está inicialmente estipulado nas condicións da tregua, sumamente limitada a factores específicos de carácter militar e económico. A poboación palestina en Gaza necesita con urxencia aliviar o bloqueo mentres Hamas e Israel ocuparán a súa atención no intercambio de prisioneiros.

En conclusión, a tregua podería mais ben significar precisamente un reacomodo de posicións políticas e militares estratéxicas para Israel e Hamas que, ante calquera eventualidade, podería volver a espallar o ciclo de violencia. En Israel, os poderosos “falcóns” instalados na clase política e na casta militar, seguen barallando a posibilidade dunha acción militar directa en Gaza para desaloxar a Hamas.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta