Guía Exterior / nº 032-02/2008 de 15 de maio Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Líbano: Cara outra guerra civil?
 
 

  Soldados controlan os accesos ao aeroporto de Beirut; clic para aumentar
Os recentes combates entre milicias do movemento islamita Hizbulah, efectivos do Exército libanés e de determinados sectores drusos e sunnitas na capital Beirut e Trípoli semellan repetir o escenario de guerra civil vivido durante a década dos oitenta do século pasado. (Foto: Soldados libaneses controlan os accesos ao aeroporto internacional de Beirut o sete de maio de 2008).
Partidarios de Hizbulah queman neumáticos nunha rúa de Beirut; clic para aumentar
(Foto: Soldados libaneses montan barricadas mentras partidarios de Hizbulah fan cortes de rúa quemando neumáticos, o sete de maio de 2008 en Beirut).
 
Introdución

Máis de oitenta mortos e ducias de feridos deixaron os recentes choques entre as milicias do movemento islamita Hizbulah, efectivos policiais e do exército libanés e simpatizantes do líder druso cristián, Walid Jumblatt. As escenas en Beirut e outras cidades lembraron os tráxicos momentos da guerra civil libanesa librada entre 1975 e 1990.

A peor escalada de violencia desde o final da guerra civil en 1990 augura un duro pulso político e militar entre o Hizbulah e un goberno libanés practicamente paralizado, sen consenso sobre a celebración dunha nova votación para elixir presidente. Así, a inestabilidade libanesa depara directas repercusións no mapa xeopolítico de Oriente Próximo.


Análise

1) É factible outra guerra civil no Líbano?

Os recentes combates entre milicias do movemento islamita Hizbulah, efectivos do Exército libanés e de determinados sectores drusos e sunnitas na capital Beirut e Trípoli semellan repetir o escenario de guerra civil vivido durante a década dos oitenta do século pasado.

O detonante da crise foi a decisión do goberno do primeiro ministro Fuad Siniora de desactivar unha efectiva rede de comunicación do Hizbulah en diversos barrios xiítas de Beirut, así como a remoción do xefe de seguridade do aeroporto, presuntamente vinculado ao partido islamita.

O líder do Hizbulah, o xeque Hassan Nasrala, realizou un inmediato e incendiario chamado aos seus simpatizantes para combater ao goberno e propiciar a desobediencia civil. Os iniciais combates entre Hizbulah e tropas gobernamentais foi escalando ata expandirse cara as milicias do líder druso cristián Walid Jumblatt. Hizbulah logrou apoderarse de diversos barrios occidentais de Beirut, principalmente habitados pola comunidade xiíta.

Ante a escalada da violencia, o Exército e o goberno deron marcha atrás na desactivación da rede comunicativa do Hizbulah.

Desde 2007 víñase anunciando a probable explosión dunha grave crise interna, cando as faccións e partidos políticos non acordaran o nomeamento dun novo presidente. Non existen sesións parlamentarias desde o 2006, cando o Hizbulah retirouse do Parlamento por considerar “ilexítimo” ao actual goberno.

Esta indefinición da elección presidencial, en principio prevista para xullo de 2007, que dirima o substituto do xeneral e presidente Emil Lahoud, considerado pro-sirio e acusado indirectamente do asasinato do ex primeiro ministro Rafik Hariri en 2005, aumenta o caudal de inestabilidade e confusión.

Reforzado militarmente trala breve guerra con Israel en xullo de 2006, o Hizbulah considera oportuno o momento para impoñerse no escenario político libanés. Pero estas perspectivas aínda son complexas. A Liga Árabe activou unha serie de mecanismos diplomáticos para atopar unha solución inmediata mentres diversos sectores da sociedade libanesa acusan ao Hizbulah de “golpista”.


2) Imporase o Hizbulah?

Se ben o Hizbulah posúe unha considerable rede de simpatizantes e militantes armados (aproximadamente 1.200 efectivos), as súas perspectivas de impoñerse como a principal forza política e militar libanesa non son de todo favorables.

Na oposición gobernamental a Hizbulah está o movemento laico sunnita “14 de Marzo” (14M), liderado por Saad Hariri, fillo do asasinado ex primeiro ministro Rafik Hariri que, con maioría parlamentaria, logrou agrupar a outros líderes de peso como o druso Jumblatt ou o cristián maronita Samir Geagea.

Hizbulah segue a manter a súa preponderancia nas comunidades xiíta e aleví, por mor da súa efectiva rede de asistencia social con gran calado popular en momentos críticos. Este factor causa gran preocupación no goberno e nas demais comunidades étnicas e relixiosas.


3) Sobrevivirá o goberno de Siniora?

Con institucións estatais aparentemente débiles para garantir a necesaria orde e o consenso nacional, os constantes retrasos parlamentarios na elección dun novo presidente e o acoso político e militar do Hizbulah colocan ao goberno de Fuad Siniora nunha delicada posición.

Pertencente á comunidade sunnita, Siniora está moi ligado ao partido de Saad Hariri ata o punto de practicamente depender deste movemento para manter a súa lexitimidade. Tamén posúe apoios na comunidade drusa dirixida por Jumblatt, dos maronitas de Samir Geagea e co respaldo tácito da Liga Árabe, de EEUU, Francia e Israel.

Aínda é unha incógnita se o pulso de Hizbulah contra Siniora logra traducirse nun maior incremento da escalada de violencia que permita a caída do seu goberno. Moitas destas claves tamén dependen de se os partidos políticos que forman parte da coalición gobernamental logran elixir un novo presidente para o Líbano.

Neste sentido, semellan aumentar as perspectivas de elección presidencial para Michel Aoun, actualmente aliado do Hizbulah, nunha solución quizais desesperada para desactivar a violencia.


4) Como quedará o equilibrio étnico e relixioso?

O heteroxéneo e delicado mosaico étnico e relixioso libanés determina en gran medida a súa composición política, a través da existencia de diversos movementos e partidos dominados por líderes étnicos e relixiosos neste país de pouco máis de 4 millóns de habitantes e 10.500 km2.

Esta proliferación de liderados políticos, algúns deles provenientes de clans familiares e tribais que buscan apoios exteriores para manter as súas cotas de poder, contribúe a unha marcada atomización do escenario político que, en gran medida, contribúe á confusión e á complexidade.

Neste sentido, o actual espectro político libanés segue a estar dominado por ex señores da guerra e líderes de milicias armadas, como Samir Geagea (Forzas Libanesas) e Pierre Gemayel (partido Katäeb, asasinado en 2006), tamén acusados de perpetrar matanzas durante a guerra civil. Nalgúns casos, a súa participación política semella estar centrada en cobrar “débedas pendentes” dos tempos da guerra civil.

As comunidades xiíta e aleví contan cun maior apoio dos movementos islamitas Hizbulah e Amal. A comunidade sunnita está mais concentrada en torno a Saad Hariri e o movemento 14M, ante o temor de observar no Líbano unha repentina insurxencia xiíta similar á existente na veciña Iraq, comandada por Hizbulah, Siria e Irán.

Entre os sunnitas e xiítas seculares, existen unha representación liderada por Marwan Farès (Partido Socialista Nacionalista Sirio), con claro apoio dende Damasco.

Os drusos cristiáns teñen como principal líder a Walid Jumblatt (Partido Progresista Socialista), mentres os cristiáns maronitas están divididos entre os falanxistas liderados por Geagea, os simpatizantes de Michel Aoun (Corrente Patriótica Libre) e os liderados polos herdeiros políticos de Gemayel.


5) Cal é o perfil da actual situación política?

A conformación dunha plataforma política gobernamental antisiria e anti-Hizbulah, liderada polo movemento “14 de Marzo” (14M), determina tamén unha parte importante da composición política libanesa, e permite a Hariri concretar apoios por parte de Jumblatt, Geagea e outros partidos e movementos seculares e de esquerda.

Pola súa banda, existe outra plataforma, a “8 de Marzo” (8M), liderada polo Hizbulah e os maronitas de Michel Aoun, así como doutros políticos como Michael Murr (líder dos greco-ortodoxos) e Assem Qamso (Ba´ath), que se opoñen ao 14M e á influencia occidental no goberno libanés.

Nos útimos anos, e a tenor dos pactos políticos, véñense dando inéditas coalicións en Líbano, modificando o equilibrio de forzas existentes dende a guerra civil.

Así, os drusos de Jumblatt están agora na mesma plataforma política cos seus “odiados inimigos”, os falanxistas de Geagea. Paralelamente, o tradicionalmente antisirio Michel Aoun está agora incluído nas mesmas filas e intereses que o Hizbulah, quen recibe apoio directo dende Damasco.

Esta alianza entre Aoun e o Hizbulah permitiu que, durante os recentes combates nos barrios de Beirut, as milicias do partido islamita non atacaran aos barrios cristiáns maronitas, concentrando a súa atención cara os sunnitas e os drusos.

En todo caso, a presión interna semella tamén dirixirse a modificar os estatutos do Pacto Nacional de 1943, cara unha nova realidade social, política e confesional.


6) Existe unha implicación de Siria e Irán?

Sinalados tanto no Líbano como en Occidente de ser os apoios exteriores de Hizbulah e Amal, moitas das claves da crise libanesa poden estar manexándose tamén dende Damasco e Teherán.

O asasinato de Hariri en 2005 deu paso a unha presión internacional, vía ONU, para que Siria retirara os seus 15.000 soldados de territorio libanés, presentes alí como garantes dos tratados de paz avaliados pola comunidade internacional en 1989. Non obstante, e aínda que sen presenza militar, os intereses políticos sirios seguen a ser moi influentes no escenario libanés.

Moitos consideran que Siria e Irán están detrás da recente escalada de violencia do Hizbulah. Non obstante, apreciase certa frialdade nas recentes relacións do Hizbulah con Damasco e Teherán. Paralelamente, os gobernos sirio e iraniano semellan tamén amosar outra faciana nos derradeiros tempos, tendente a evitar maiores roces con Occidente.

Pode igualmente considerarse que o Hizbulah tenta consolidarse pola súa conta no escenario libanés a fin de non depender excesivamente do apoio político, financeiro e militar de Siria e Irán.


7) Cales son os intereses de EEUU e Francia?

Washington e París son outros dous actores externos con clara implicación nos asuntos libaneses. Neste sentido, ambos gobernos manifestan un decidido apoio ao primeiro ministro Fuad Siniora e ao líder do 14M, Saad Hariri, a quen observan como a peza política clave para afastar a Siria e Irán dos asuntos libaneses e liderar o Líbano “democrático” pero tutelado dende Occidente.

EEUU e Francia impulsan unha estratexia que busca amortecer a influencia de Hizbulah e Amal, considerados en EEUU e Europa como “movementos terroristas”, con implicacións directas cara Siria e Irán, que forman parte do polémico “eixe do mal” deseñado polo presidente George W. Bush.

Paralelamente, en Washington e París observan con receo e descontento o posible nomeamento presidencial de Michel Aoun e a súa posición anti-occidental.


8) En qué posición está Israel?

Coincidindo con 60º aniversario da súa creación estatal e enmarcada nunha crise política interna por acusacións de corrupción contra o primeiro ministro Ehud Olmert e de neglixencia militar polo fracaso na guerra contra Hizbulah en 2006, Israel amósase concentrada nos seus asuntos internos e, aparentemente, afastada da actual crise libanesa.

O fracaso militar contra o Hizbulah persuadiu a determinados sectores da liña dura, os considerados “falcóns”, comandados polo dereitista líder da oposición Benjamín Netanyahu, a levar a cabo outra intervención militar no sur do Líbano, que debilitara ao movemento islamita xiíta.

Oficialmente, Israel apoia ao goberno de Siniora, facendo causa común con EEUU e Europa na necesidade de afastar a Siria e Irán dos asuntos libaneses e de debilitar internamente ao Hizbulah e Amal.

Pero a crise política interna, que podería propiciar un adianto electoral en Israel, deixa ao goberno de Olmert con poucas fortalezas e cartas políticas a xogar no Líbano.


9) Que papel desempeñan as tropas da ONU?

Desde agosto de 2006, a ONU ten despregada no sur do Líbano a Forza Interina de Nacións Unidas no Líbano (FINUL), con 1.100 “cascos azuis” que se atopan en alerta máxima ante unha posible expansión dos combates acaecidos en Beirut e Trípoli.

Esta presenza militar da ONU inclúe a 28 países entre eles España, Francia, Italia, China, Alemaña, India, Rusia e Turquía.

Parcialmente estable, o sur do Líbano é o feudo social e político tradicional de Hizbulah, situación que podería espallar ataques contra as tropas estranxeiras alí afincadas, reproducindo unha situación similar á de Afganistán e Iraq.


10) Afecta a crise libanesa a Oriente Próximo?

A explosión da violencia libanesa ocorre nun momento en que Oriente Próximo estaba preparándose para un posible momento transcendente.

Auspiciados pola diplomacia turca, Siria e Israel viñan realizando unha serie de acercamentos diplomáticos destinados a subscribir un eventual recoñecemento mutuo. O obxectivo israelí era atraer a Siria para afondar un illamento rexional de Irán.

Non obstante, en abril pasado, as acusacións de Washington cara Siria pola presunta cooperación nuclear de Corea do Norte con ese país (estendendo estas acusacións cara Irán) obstaculizaron este acercamento sirio-israelí.

Do mesmo xeito, e a pesar das negativas oficiais, os mandos militares estadounidenses en Iraq comezaron a especular cunha posible retirada militar a gran escala en Iraq para 2009, cunha nova presidencia na Casa Branca.

As eleccións lexislativas de abril en Irán consolidaron ao sector conservador en mans do aiatolá Alí Jamenei, o cal non necesariamente fortalece as opcións de reelección presidencial para o mandatario Mahmud Ahmadíneyad de cara aos comicios de 2009.

En diversos sectores conservadores xorde un ala política sumamente crítica con Ahmadíneyad, liderada por Alí Lariyani, ex negociador nuclear, cunhas expectativas triunfalistas que aumentan de cara a 2009. Paralelamente, as evidencias de paralización no 2003 do programa nuclear iraniano deron paso a un diminución da presión occidental cara Teherán.

En Palestina, o escenario segue a amosar indefinición. Resulta clara a preferencia israelí e occidental polo presidente Mahmud Abbas e o partido Al Fatah afincados en Cisxordania, propiciando o illamento do partido islamita Hamas en Gaza, con desastrosas consecuencias para a poboación civil palestina.

EEUU, Europa e Israel queren a paz con Abbas sen incluír a Hamas, estratexia fracasada que segue a propiciar a violencia. En abril ocorreron varios ataques entre Hamas e o Exército israelí en Gaza, con decenas de civís asasinados.

Deste xeito, o Líbano semella constituírse no microcosmos dos conflitos en Oriente Próximo e unha especie de “caixa de resonancia” dunha serie de intereses e ambicións exteriores.

Moitos sectores en Beirut e Occidente acusan a Siria e Irán de propiciar a insurxencia de Hizbulah no Líbano, repetindo a mesma estratexia que presuntamente alentaran con Hamas en Gaza no 2006.

Pero a clave pode ser outra: EEUU, Europa e Israel son os artífices dun sonoro fracaso no deseño dunha estratexia de pacificación viable e de consenso, que incluíra a todos os actores existentes en Oriente Próximo. O Líbano semella ser unha evidencia mais desta miopía occidental.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/05/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta