Guía Exterior / nº 031-01/2008 de 30 de abril Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Bolivia: Camiño da secesión?
 
 

  Santa Cruz, imos pola autonomía; clic para aumentar
O Estatuto divide Bolivia; clic para aumentar
O desafío autonomista provocado por catro das nove provincias administrativas bolivianas ao goberno de Evo Morales Aima, plasmado inicialmente na convocatoria dun referendo para o domingo 4 de maio de 2008 na rexión de Santa Cruz, supón unha variable primordial no delicado pulso político cara a gobernabilidade e a integridade nacional boliviana.
 
Introdución

O desafío autonomista provocado por catro das nove provincias administrativas bolivianas ao goberno de Evo Morales Aima, plasmado inicialmente na convocatoria dun referendo para o domingo 4 de maio de 2008 na rexión de Santa Cruz, supón unha variable primordial no delicado pulso político cara a gobernabilidade e a integridade nacional boliviana.

O presidente Morales convocou para ese mesmo día un referendo sobre a nova Constitución Política da República de Bolivia, aprobada en agosto de 2007 pola Asemblea Nacional Constituínte, contando cun frontal rexeite por parte dos partidos opositores.

A posibilidade de fragmentación territorial en Bolivia propiciaría unha alteración no equilibrio xeopolítico na rexión andina e sudamericana, con amplas repercusións para os intereses de países como EEUU, Brasil e Venezuela, especialmente en materia enerxética e de integración.


Análise

1) Que se votará o 4 de maio en Bolivia?

En xullo de 2006, poucos meses despois da chegada á presidencia de Evo Morales, os departamentos de Santa Cruz, Beni, Pando e Tarija “aprobaron” a súa autonomía do goberno central establecido na capital, La Paz, a través de diversos referendos non vinculantes, considerados como ilegais por parte do goberno.

Posteriormente, en agosto de 2007, tras varios enfrontamentos entre partidarios e opositores, Morales e o seu partido, o Movemento ao Socialismo (MAS), así como diversos movementos indixenistas e de esquerda, aprobaron a convocatoria dunha Asemblea Nacional Constituínte para redactar unha nova Constitución Política do Estado, que sería aprobada vía referendo.

Abertos detractores desta Constitución, os partidos de oposición, encabezados polo Partido Democrático e Social (PODEMOS), así como os líderes políticos, empresariais e sociais dos departamentos autonomistas, iniciaron unha frontal campaña en contra da aprobación da nova Constitución. En decembro de 2007, Santa Cruz, Beni, Pando e Tarija presentaron os seus estatutos autonomistas.

Coa crise en pleno curso e unha forte polarización política, Morales decretou en marzo de 2008 a convocatoria dun referendo sobre a nova Constitución para o próximo domingo 4 de maio de 2008. Así, o departamento de Santa Cruz aproveitou a convocatoria de Morales para facer pública a consulta do referendo autonomista ese mesmo día. O goberno, a través do seu vicepresidente Álvaro García Linera cualificou o referendo de Santa Cruz como “ilegal e non vinculante”.

Pola súa banda, o pasado 8 de marzo, a Corte Nacional Electoral (CNE) suspendeu a convocatoria de todo tipo de referendos que non estean vinculados coa nova Constitución. A Corte Departamental Electoral de Santa Cruz e Beni anunciaron que desacatarían esta orde do organismo electoral, desmarcándose do mesmo.


2) Que actores convocan o referendo de Santa Cruz?

O prefecto de Santa Cruz, Rubén Costas, quen tamén é presidente do Comité Cívico de Santa Cruz (CCSC); o presidente do Comité Cívico Pro Santa Cruz (CCPSC), Branko Marinkovic; Carlos Dabdoub, secretario de Autonomías de Santa Cruz; e a Unión Juvenil Cruceñista (UJC) encabezan a plataforma de apoio ao referendo autonomista.

Paralelamente, a nivel nacional, o referendo autonomista conta co apoio do principal líder da oposición, Jorge “Tuto” Quiroga, do partido PODEMOS.

Dende sectores afectos a Morales se acusa á UJC de ser unha especie de “exército cruceño”, conformado por militantes capaces de organizar actos violentos contra detractores do referendo autonomista. Wilberto Zurita, vicepresidente da UJC, declarou publicamente que esta plataforma constitúe un “exército democrático” destinado a “enfrontarse ao goberno”.

Unha enquisa da empresa Captura Consulting para o diario cruceño “El Deber” aseguraba que o Sí, favorable á autonomía para Santa Cruz, contaba co 80% do apoio popular nesta rexión. A participación estimábase nun 92%.

Non obstante, un 30% dos cruceños amosaron o seu temor a un espallamento da violencia no caso de que o goberno non recoñeza o resultado.


3) Cales son as demandas autonomistas?

Segundo os estatutos presentados ao goberno de Morales en decembro pasado, os sectores autonomistas de Santa Cruz estipulan unha serie de demandas de autogoberno, principalmente centrados en:

a) Administración fiscal e impositiva;

b) Control da explotación dos recursos naturais e territoriais;

c) Xestión educativa e de seguridade.

O mais que probable triunfo da opción autonomista en Santa Cruz podería expandir esta preferencia a outros departamentos como Chuquisaca e Cochabamba, que xa consideraron a posibilidade de realizar esta consulta.

Así, só os departamentos de La Paz, Oruro e Potosí estarían en contra de realizar consultas autonomistas e amosarían o seu apoio oficial á autoridade institucional representada polo presidente Evo Morales.


4) Como afronta a crise Evo Morales?

O mandatario boliviano acelera os pasos para a aprobación dunha nova Constitución Política do Estado que lle permita levar a cabo o seu programa político e electoral de “refundar Bolivia”.

A pesar de contar co apoio maioritario do Congreso, dunha sólida popularidade e do respaldo institucional e das Forzas Armadas, Morales afronta o desafío autonomista con preocupación, tomando en conta a mais que probable vitoria desta opción nun referendo oficialmente considerado como “ilegal, anticonstitucional e non vinculante” e as súas implicacións cara a gobernabilidade estatal.

A Coordinadora de Pobos Étnicos de Santa Cruz e os sectores cocaleiros tamén constitúen un sólido apoio social e político a Morales, cualificando como “elitista” este “referendo separatista”.

Nos últimos meses, Bolivia ven confrontando diversos problemas económicos, tales como un aumento da inflación (20% no primeiro trimestre de 2008), a carencia de produtos da cesta básica alimenticia, diversas inundacións no rural que afectaron as colleitas, e a adopción de medidas de restrición das exportacións de aceite destinada a satisfacer a demanda nacional, o que provocou fortes protestas por parte das autoridades e produtores de Santa Cruz e outras rexións.

O pulso político entre o goberno e a oposición rexional levou a Morales a suspender algunhas atribucións fiscais territoriais a estes departamentos así como a conxelar as contas fiscais de Santa Cruz. A principios de abril, Morales incluso ameazou con levar a xuízo aos responsables deste referendo autonomista.

Non obstante, diversos analistas coinciden na posibilidade de que o triunfo autonomista en Santa Cruz sexa unha medida política para obrigar ao goberno de Morales a negociar un novo estatuto con estas rexións sen implicar necesariamente a súa separación territorial.


5) Cales son os apoios externos de Morales?

Ademais do apoio do seu partido MAS, de diversos movementos indixenistas, rurais e sindicais, o presidente Evo Morales tenta crear unha rede internacional de apoio “á integridade nacional boliviana e á nova Constitución Política do Estado”.

O pasado 23 de abril celebrouse en Caracas un cumio dos países membros da Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), onde os presidentes de Venezuela, Hugo Chávez, e Nicaragua, Daniel Ortega, así como o vicepresidente primeiro cubano, Carlos Lage, amosaron o seu frontal apoio a Morales rexeitando “os plans de desestabilización que buscan vulnerar a paz e a integridade de Bolivia”.

Paralelamente, o ex presidente cubano Fidel Castro amosou publicamente o seu apoio a Morales e á integridade nacional boliviana.


6) Cales son as posicións dos actores rexionais?

A Organización de Estados Americanos (OEA), en boca do seu secretario xeral José Miguel Insulza, nomeou ao seu subsecretario de Asuntos Políticos, Dante Caputo, como mediador na crise boliviana.

A OEA avoga polo diálogo entre o goberno e as autoridades cruceñas para atopar unha solución constitucional. Para solidificar esta posición a nivel rexional, os chanceleres de Arxentina, Jorge Taiana, e Brasil, Celso Amorim, así como o vicechanceler de Colombia, Camilo Reyes, viaxaron a Bolivia para apoiar a misión de Caputo e lograr unha negociación política entre os actores implicados. Nesta misión mediadora contouse coa participación da Igrexa católica boliviana.

Pola súa banda, os gobernos de países veciños de Bolivia, como Chile, Perú, Ecuador, Paraguai e, incluso, Brasil e Arxentina, amosaron un prudente silencio sobre a posibilidade dunha secesión territorial nese país.


7) Por que son importantes estas provincias?

Santa Cruz, Beni, Pando e Tarija posúen o 80% da riqueza petroleira, de gas natural, hidroeléctrica e agricola boliviana, co cal contribúen ao 50% das recadacións fiscais bolivianas, asemade de constituír aproximadamente un 25% dos 9.354.000 habitantes da República de Bolivia.

Santa Cruz alberga a maior planta industrial e agrícola boliviana. Tarija posúe o 80% das reservas de gas natural, mentres Beni e Pando están nas estratéxicas concas hidrográficas do río Amazonas.

Segundo a súa localización xeográfica, Santa Cruz de la Sierra é o maior departamento boliviano (370.621 km2, un 33,45% do territorio nacional), con 2.433.000 habitantes, ocupando a rexión Sudoriental, fronteiriza con Brasil;

Tarija (1.854 km2 e 135.783 habitantes) está ao Sur, fronteiriza con Arxentina;

Pando (63.827 km2 e 38.078 habitantes) está ao Norte, fronteiriza con Brasil e Perú;

Beni (213.564 km2 e 411.399 habitantes) é unha rexión Nororiental, fronteiriza con Brasil e preto de cidades de importancia como a capital, La Paz, e Cochabamba.


8) Como inflúe a crise boliviana no contexto xeopolítico rexional?

A estabilidade boliviana é un dato relevante para garantir un clima político e económico propicio que permita apuntalar o proceso de integración sudamericano, especialmente no marco do Mercado Común do Sur (MERCOSUR), do que Bolivia é membro asociado, así como doutros organismos rexionais, tales como a Comunidade Andina de Nacións (CAN), da Comunidade de Nacións do Sur (CNS) e da proposta da Unión de Nacións do Sur (UNASUR).

Tomando en conta as súas riquezas petroleiras, de gas natural e hidroeléctricas, Bolivia é o epicentro de diversos proxectos de distribución cara países como Brasil, Arxentina e Chile. Igualmente, o proxecto do Gasoduto do Sur impulsado desde 2006 polo presidente venezolano Chávez, contempla a Bolivia como referente primordial para a distribución de gas natural dende Venezuela cara Brasil e Arxentina.

Paralelamente, Bolivia é membro pleno e activo do ALBA, entidade promotora da integración política e social continental impulsada dende Caracas que tenta substituír a integración económica defendida dende Washington co Acordo de Libre Comercio para as Américas (ALCA).

Nesa viraxe electoral cara a esquerda que experimenta América do Sur nos últimos anos, consolidada coa recente vitoria de Fernando Lugo en Paraguai, Evo Morales segue a constituír un elemento de referencia para os partidos e movementos indixenistas e de esquerda na rexión andina e sudamericana.

Bolivia fai causa común con Venezuela, Ecuador e agora Paraguai, na conformación dunha alternativa “social e protagónica” ao libremercado e a democracia representativa tradicional na rexión.


9) Cales son os intereses externos?

En febreiro pasado, Fidel Castro alertou dunha posible “gran traxedia latinoamericana” pola “ameaza de desintegración real de Bolivia”.

Alén destas consideracións catastrofistas, Bolivia é o epicentro dun duro pulso xeopolítico, principalmente determinado polos intereses de países como Brasil, EEUU e Venezuela, destinado a conformar un novo equilibrio estratéxico na rexión andina e sudamericana.

Brasil depende nun 60% do gas boliviano, especialmente da rexión de Santa Cruz, polo que a posible separación territorial desta provincia crearía un novo actor rexional.

Non obstante, a inestabilidade boliviana nos derradeiros anos e os enfrontamentos da estatal brasileira PETROBRAS co goberno de Morales persuadiron a Brasilia da necesidade de atopar novas alternativas enerxéticas, como os seus recentes descubrimentos na conca atlántica, así como acordos con multinacionais como Shell e Suez Energy para completar a súa demanda interna.

Pola súa banda, Washington observa con receo e desconfianza ao goberno de Evo Morales, especialmente ante a súa política de nacionalización dos recursos enerxéticos, razón pola que, indirectamente, podería estar respaldando a autonomía de Santa Cruz.

Desde 2004 funciona na veciña Paraguai unha base militar estadounidense con claras implicacións no control da situación política e enerxética neste país e Bolivia, consolidando os intereses estadounidenses nesta área xeopolítica.

Finalmente, Bolivia constitúe un socio fundamental para Venezuela, tomando en conta a alternativa deseñada por Chávez no ALBA, e a sincronía entre ambos presidentes cara o modelo do “socialismo do século XXI” e ante a realidade de que ambos países posúen as maiores reservas de petróleo e gas natural no hemisferio occidental.

A implicación de Chávez en Bolivia é notoria, non só polo seu respaldo político a Morales senón pola asistencia financeira e económica.


10) Será Santa Cruz un “Cosova andino”?

Durante o recente cumio do ALBA en Caracas, Chávez acusou a EEUU de fomentar a “cosovización” de Bolivia, incluso considerando como clarificador que o embaixador estadounidense neste país, Philip Goldberg, anteriormente prestara servizos diplomáticos en Cosova e Bosnia.

Aínda que concibir un Santa Cruz independente de Bolivia resulta un escenario quizais excesivo na actualidade, a posibilidade de contar cun novo actor sub-estatal na rexión andina supón un claro desafío á concepción tradicional do Estado-nación en América Latina.

O impulso autonomista, ou posiblemente secesionista, en Santa Cruz ven determinado pola configuración de intereses de determinados sectores, principalmente das elites administrativas e empresariais, que amosan a súa confrontación co goberno de Morales. As súas demandas non se concentran en factores de identidade, como a lingua, a etnia ou a nación, senón en consideracións principalmente de tipo económico e político.

Como Santa Cruz, existen poucas referencias paralelas na área andina ou sudamericana. Probablemente, o caso mais parecido estea vinculado ao estado occidental venezolano de Zulia, cunha riqueza petroleira (40% da produción nacional), agroindustrial e gandeira, así como unha marcada identidade rexional, frecuentemente confundida con sentimentos autonomistas.

Caso contrario son as demandas de comunidades indíxenas non só en Bolivia senón en países como Perú, Ecuador, Paraguai, Colombia ou Chile, cunha presión social e política a prol do seu recoñecemento pero sen constituir demandas secesionistas.

Os sectores autonomistas de Santa Cruz realizaron unha ampla campaña exterior para promover os seus intereses, privilexiando especialmente os gobernos de Colombia e México, ambos países con administracións de centro-dereita e moi vinculados a Washington.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/05/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta