Guía Exterior / nº 030-12/2007 de 26 de novembro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Rusia: Eleccións lexislativas 2007
 
 

  Valo publicitario partido Rusia Unida; clic para aumentar
Ademais de asegurar o seu poder político unha vez abandone a presidencia, Putin avanza na consolidación do seu partido Rusia Unida como unha forza política unificada e de carácter estatal, dotada dun proxecto político a longo prazo. Incluso se especula con que Putin tente facer deste partido unha especie de substituto do ex Partido Comunista da Unión Soviética, como motor vital e practicamente exclusivo da política rusa. (Foto: Valo publicitario do partido Rusia Unida en Stávropol).
Seguidores da Fronte Civica Unida de Gary Kaspárov; clic para aumentar
No contexto actual, o principal candidato da coalición de partidos da oposición é o ex campión mundial de xadrez Gary Kaspárov, líder do partido Fronte Cívico Unido e elixido como candidato único pola plataforma independente A Outra Rusia para as próximas eleccións presidenciais. Esta coalición conformada por diversos movementos liberais, esquerdistas, comunistas e humanitarios, non poderá participar nos comicios lexislativos debido a que Putin decretou a abolición da presentación de bloques e coalicións ás eleccións e por non poder rexistrarse a tempo ante a Comisión Electoral. (Foto: Partidarios da Fronte Cívica Unida de Gary Kaspárov son reprimidos pola policía en Moscova o 24 de novembro).
 
Introdución

Rusia acudirá o domingo 2 de decembro a unhas eleccións lexislativas salpicadas pola polémica, ao non contar coa supervisión da Organización para a Seguridade e Cooperación Europea (OSCE), quen denunciou as “continuas restricións impostas polo goberno ruso” a esta misión electoral.

Á marxe desta polémica, os próximos comicios lexislativos amosarán a mais que probable consolidación na Duma (Parlamento) da plataforma política e electoral do presidente Vladimir Putin, e servirán de marco de referencia para as eleccións presidenciais do 9 de marzo de 2008.

Neste sentido, as estratexias de Putin pasan por ser elixido primeiro ministro para tutelar a súa sucesión presidencial no Kremlin, coa finalidade de conservar as súas cotas de poder e, posiblemente, presentar de novo a súa candidatura para as presidenciais de 2012.


Análise

1) Qué se elixe nestes comicios lexislativos?

O domingo 2 de decembro de 2007, Rusia celebrará eleccións lexislativas para renovar a composición actual da Duma, coa elección dos 450 deputados membros da cámara baixa do parlamento ruso. Un total de doce partidos políticos están inscritos para concorrer aos comicios.

A actual composición parlamentaria amosa unha clara hexemonía do partido do presidente Vladímir Putin, Rusia Unida, con 223 deputados. Seguen o Partido Comunista da Federación Rusa con 52 deputados; o Partido Liberal Democrático de Rusia (extrema dereita) con 36 asentos; a coalición “Rodina” con 37 deputados; o Partido dos Pobos da Federación Rusa con 17 asentos; e outros partidos minoritarios, como o Partido Democrático de Rusia, a Unión de Forzas da Dereita e o Partido Agrario de Rusia, que non superan o 5%.

Precisamente, Putin decretou a comezos de 2007 que os partidos que non obteñan un mínimo de 7% de votos non poderán ingresar na Duma. Esta medida afecta seriamente a diversos partidos independentes e minoritarios que dificilmente accederán ao novo Parlamento.


2) Cales son as estimacións electorais?

As diversas enquisas electorais non dubidan en destacar a enorme popularidade do presidente Putin e a mais que segura vitoria electoral do seu partido, que, de confirmarse, aseguraría ao presidente ruso un control case absoluto do panorama político.

Segundo diversas enquisas, a próxima Duma estaría conformada por tres ou catro partidos: Rusia Unida, que obtería entre 257 e 372 deputados; o Partido Comunista, con aproximadamente 81 escanos; a formación Rusia Xusta liderada polo presidente do Senado Serguéi Mironov, con 64 escanos; e o ultranacionalista Partido Liberal Democrático de Vladímir Zhirinovski, con 48 deputados. Incluso algunhas sondaxes especulan coa ausencia de Rusia Xusta na Duma.

Un factor clave para comprender a posible evolución do voto reside no rexurdir dos movementos nacionalistas, da reivindicación oficial do “glorioso pasado da patria rusa” e da idea da fortaleza do Estado, nun espazo social e electoral practicamente dominado polo presidente Putin.


3) Putin: de presidente a primeiro ministro?

O pasado 2 de outubro, o actual presidente Vladimir Putin anunciou que non se presentará como candidato nos comicios presidenciais previstos para o 9 de marzo de 2008 pero que encabezará a lista electoral do seu partido Rusia Unida para os comicios lexislativos de decembro de 2007.

Con este anuncio, Putin outea no panorama a curto prazo a posibilidade real de ser elixido para o cargo de primeiro ministro. Segundo diversas enquisas, o presidente ruso posúe unha popularidade superior ao 70%.

Entre agosto e decembro de 1999, Putin xa ocupara o cargo de primeiro ministro no goberno do recentemente falecido ex presidente Boris Ieltsin. Posteriormente, foi nomeado como presidente provisional (decembro 1999), elixido presidente (marzo de 2000) e reelixido neste cargo nos posteriores comicios presidenciais de marzo de 2004.

Ante a imposibilidade temporal de reformar unha Constitución (e mesmo aparente falta de interese) que só permite unha reelección, Putin promoveu dúas estratexias: unha, atopar un sucesor presidencial; e outra, asegurar o seu futuro político inmediato.

Con esta táctica política, Putin pode non só conservar as súas enormes cotas de poder senón influír decisivamente no goberno do próximo inquilino do Kremlin, tomando en conta que o seu partido seguramente gañará estas eleccións, podendo postularse como candidato presidencial nos comicios de 2012.


4) É Viktor Zubkov o “delfín” de Putin?

O pasado 12 de setembro, Putin nomeou a Viktor Zubkov, de 66 anos, como o seu novo primeiro ministro, en substitución de Mikhaíl Fradkov.

Zubkov é un veterano político moi ligado á carreira de Putin, que ocupaba desde 2004 a dirección do Servizo Federal de Supervisión Financeira, un organismo cebtrado nas actividades anticorrupción. Durante a etapa soviética foi supervisor dos sovjozes, as granxas estatais colectivas, en Leningrado (actual San Petersburgo).

O nomeamento de Zubkov incrementou as especulacións sobre a figura que encarnará a “sucesión política” de Putin no Kremlin. Nesta especie de “troika”, Zubkov está incluído nunha lista que integran outros dous persoeiros de alto peso político e que actualmente ocupan os cargos de viceprimeiros ministros: Serguei Ivanov, ex ministro de Defensa e ex membro dos servizos secretos; e Dimitri Medvedev, un xurista que foi xefe do consello de directores da petroleira estatal Gazprom.

Tanto Zubkov, como Ivanov e Medvedev son oriúndos de San Petersburgo, a cidade natal de Putin, co cal se reforzaría o poderío do chamado “clan petersburgués” no Kremlin moscovita.

Outro posible candidato a suceder a Putin é Dmitri Kozak, ministro de Desenvolvemento Rexional e representante directo de Putin na rexión do Cáucaso. Kozak tivo unha gran responsabilidade administrativa e política no afianzamento do control ruso en Chechenia.

Tamén se menciona ao ex primeiro ministro Mijail Fradkov como posible candidato, debido á súa xestión económica, considerada excelente nalgúns medios, e tamén á experiencia diplomática e política como representante ruso ante a Comisión Europea, cargo que ocupou ata o seu nomeamento como primeiro ministro no 2004.


5) Será “Rusia Unida” o novo partido único?

Ademais de asegurar o seu poder político unha vez abandone a presidencia, Putin avanza na consolidación do seu partido Rusia Unida como unha forza política unificada e de carácter estatal, dotada dun proxecto político a longo prazo.

Incluso se especula con que Putin tente facer deste partido unha especie de substituto do ex Partido Comunista da Unión Soviética, como motor vital e practicamente exclusivo da política rusa.

Rusia Unida posúe 1,6 millóns de membros, e controla sesenta dos 89 gobernadores rexionais do país. Calcado case a imaxe do presidente Putin, o discurso oficial do partido se centra en defender o nacionalismo, a cultura e a soberanía rusas para “salvar a súa civilización da intromisión occidental”. Defende tamén a centralización estatal e o reforzamento da orde pública, probablemente persuadido polo período de inestabilidade na Rusia post-soviética dos anos noventa.

Especialmente significativo é o seu traballo coa mocidade na captación de cadros de futuros dirixentes de RU, a través da organización “Xoven Garda”, que diversos analistas comparan co Komsommol, a Liga das Xuventudes soviética. Á labor política e ideolóxica de captación se engade a preservación dun perfil tecnócrata adaptado ás novas realidades da política rusa actual e do escenario internacional.


6) Cal é a situación da oposición?

Ante o elevado apoio popular con que conta Putin e o seu férreo control político, a oposición atópase debilitada e disgregada, incluso atenazada polo excesivo control estatal e a restrición oficial de determinadas liberdades políticas.

Unha evidencia da situación da oposición radica na súa falta de presenza en espazos públicos como a TV e outros medios de comunicación. Un informe da “Unión de Xornalistas de Rusia” considera que Putin acapara máis do 90% das noticias políticas na TV estatal.

A este panorama se engaden os arrestos de alcaldes opositores e con aspiracións presidenciais e de xornalistas críticos co seu goberno, así como as ameazas e asasinatos políticos aínda non solucionados, como son os casos da escritora Anna Politovskaia e do ex espía Alexander Litvinenko.

No contexto actual, o principal candidato da coalición de partidos da oposición é o ex campión mundial de xadrez Gary Kaspárov, líder do partido Fronte Cívico Unido e elixido como candidato único pola plataforma independente A Outra Rusia para as próximas eleccións presidenciais.

Esta coalición conformada por diversos movementos liberais, esquerdistas, comunistas e humanitarios, non poderá participar nos comicios lexislativos debido a que Putin decretou a abolición da presentación de bloques e coalicións ás eleccións e por non poder rexistrarse a tempo ante a Comisión Electoral.

Co horizonte centrado nas eleccións presidenciais de marzo de 2008, Kaspárov espera propiciar un cambio político en Rusia para acabar coa “era Putin”. Pero as súas esperanzas de vitoria electoral son escasas.

Na oposición existen outros candidatos como o ex primeiro ministro Mikhail Kasiánov, da Unión Popular Democrática; o deputado Nikolai Rizhkov, do proscrito Partido Republicano; Grigori Yavlinski, do bloque liberal Yabloko; e Viktor Guerashenko, ex gobernador do Banco Central. Salvo Yavlinski, os demais amosaron o seu respaldo á candidatura unitaria de Kaspárov.

Xa non dentro da oposición pero si no espectro político ruso, resulta notable a reaparición do ex presidente da URSS, Mijaíl Gorbáchov, no partido Unión de Forzas Socialdemócratas, pero non con fins de presentar a súa candidatura senón para apoiar o proxecto de reforma política que adianta o presidente Putin.


7) Por que a OSCE non estará nos comicios?

A Organización para a Seguridade e a Cooperación Europea (OSCE), principal órgano europeo de supervisión e vixilancia electoral, esperaba enviar 465 observadores a Moscova para velar pola transparencia dos comicios lexislativos, pero só obtivo permiso oficial do goberno ruso para habilitar a 70 deles.

En resposta, o pasado 16 de novembro, a comisión da OSCE declarou que non estará presente nesta cita electoral e que abandonaba a capital rusa por considerar que o goberno de Putin “aumentou as súas restricións e obstáculos” para dificultar o labor desta misión electoral.

O goberno ruso reaccionou negando esta acusación e argumentando que a saída da OSCE obedeceu máis a retrasos de trámites burocráticos.

A decisión da OSCE contou co apoio da Unión Europea e de EEUU, ocasión aproveitada para cuestionar a lexitimidade dos próximos comicios lexislativos rusos.

Sen a presenza da OSCE, diversos sectores políticos e informativos dentro e fóra de Rusia consideran que Putin logrou o seu obxectivo de non contar con testemuñas internacionais para verificar a transparencia dos comicios, aumentando a sensación no exterior de falta de credibilidade e liberdade electoral en Rusia.


8) Se verán afectadas as relacións Rusia-UE?

A pesar da cordialidade que presidiu o derradeiro cumio UE-Rusia celebrado en outubro pasado en Portugal, as relacións ruso-europeas camiñan por sendeiros complicados e difíciles desde que Putin está no poder.

Europa depende nun 40% do subministro enerxético de petróleo e gas natural ruso, e o comercio bilateral ven amosando un aumento do 70% desde o 2002.

Putin coñece á perfección a debilidade enerxética europea e, tal e como sucedera nos invernos de 2005 e 2006, non dubida en utilizar con frecuencia a “arma petroleira” nas súas relacións con Bruxelas, incluíndo tamén neste esquema a países actualmente “pro-occidentais” como Ucraína e Xeorxia.

Outros asuntos da problemática axenda son o “caso Litvinenko”, que provocou unha crise diplomática con Gran Bretaña a mediados de 2007, as críticas europeas pola situación dos dereitos humanos en Rusia e Chechenia, o anuncio de Putin en xullo pasado de retirar a Rusia e invalidar o Tratado sobre Forzas Convencionais en Europa (FACE), asinado en 1990, ou a negativa rusa a recoñecer a independencia de Cosova, cando o proceso independentista conta co apoio europeo e estadounidense.

Con Putin no poder, Europa sabe que terá en Moscova a un socio incómodo e co que será difícil negociar. Putin tenta recuperar o prestixio e influencia global para o seu país, pretensión que dificulta en determinados momentos a turbulenta relación ruso-europea.

Paralelamente, Putin observa con receo a conformación dun novo eixe atlantista pro-estadounidense en Europa, personificado no presidente francés Nicolás Sarkozy e a chanceler alemá Ánxela Merkel, especialmente de cara á nivelación de forzas relativa á crise nuclear con Irán.

No caso europeo, o reforzamento das empresas estatais rusas e do seu poderoso complexo militar e industrial, limita tamén a participación de investimentos estranxeiros en Rusia, principalmente europeos e estadounidenses. Deste xeito, Bruxelas recea da clase de “oligarcas” instalada no Kremlin baixo o amparo de Putin.


9) Existe unha nova “guerra fría” con EEUU?

O anuncio en xullo pasado do presidente estadounidense George W. Bush de instalar o escudo antimísiles da OTAN en Polonia e na República Checa, provocou un aberto conflito con Putin e cos intereses defensivos e militares rusos.

Ademais do anuncio de retirada rusa da FACE, en xullo pasado, a mediados do mes de outubro, Putin ameazou a Washington coa retirada rusa do Tratado de Armas Nucleares de Alcance Medio así como (a mediados de novembro), da posible instalación de mísiles rusos en Bielorrusia, como medida de contención ao escudo antimísiles estadounidense.

Outro aspecto de tensión entre Moscova e Washington está no apoio ruso ao programa nuclear iraniano e a recente conformación en Teherán dun eixe no Mar Caspio con Irán, Acerbaixán, Kazajstán e Turkmenistán, que afecta os intereses estratéxicos occidentais en materia enerxética e de seguridade.

Todo este panorama semella presaxiar importantes tensións estratéxicas entre Moscova e Washington, co territorio europeo novamente incluído como espazo militar para dirimir as súas diferenzas.

Rusia busca atopar un equilibrio de seguridade con respecto a Washington nun momento en que se propicia a expansión da UE e a OTAN no espazo ex soviético.

As próximas eleccións presidencias estadounidenses, previstas para novembro de 2008, determinan un escenario de gran importancia para Putin. O actual presidente ruso, que non estará nese cargo cando asuma o novo presidente na Casa Branca, considera que un triunfo do Partido Demócrata “cambiaría positivamente” o actual estado de relación bilateral co goberno de Bush.

Incluso, Putin considera que con maiores doses de firmeza contra os plans de seguridade estadounidenses en Europa do Leste, podería propiciar unha especie de fisura dentro da OTAN, obrigando a reconsiderar ese plan estratéxico.


10) Inaugura Rusia unha nova era política?

Sexa ou non Putin o próximo primeiro ministro cando abandone a presidencia, os probables resultados destas eleccións lexislativas e o seu inmenso poder, tanto á luz do día como na sombra, reforzan a hipótese do continuismo nas políticas básicas definidas a partir da súa irrupción no escenario ruso en 1999, persuadindo aos rusos da necesidade dun liderado forte, que evite os períodos de inestabilidade e corrupción existentes na Rusia post-soviética do ex presidente Boris Ieltsin nos anos noventa.

Resulta evidente que Putin logrou solidificar no Kremlin e transferir os principais resortes do poder a unha nova clase política e empresarial, moi vinculada aos servizos secretos e de seguridade, así como ao complexo militar-industrial e aos oligarcas empresariais que controlan as principais empresas estatais, como as petroleiras Gazprom e Rosneft, a aeronáutica Aeroflot e a militar Almaz-Antei.

Esta nova “nomenklatura” no Kremlin, fortemente identificada co perfil político de Putin, definirá o escenario político ruso para os próximos anos, podendo alargar a duración da presente etapa por bastante tempo.

Non obstante, esta situación pode tamén propiciar sórdidas loitas internas polo poder e posibles “golpes palacianos” con participación militar, sucesos tan frecuentes na atribulada historia política rusa, que aumentarían a incerteza e a inestabilidade.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta