Guía Exterior / nº 029-11/2007 de 19 de outubro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Implicacións xeopolíticas para Oriente Próximo
Guerra no Curdistán?
 
 

  Patrulla de soldados turcos en Sirnak; clic para aumentar
Erdogan cedeu ante a presión política dos militares, aceptando a presentación na Gran Asemblea Nacional dunha moción que permita ao Exército turco a invasión militar no norte de Iraq... (Foto: Patrulla de soldados turcos en Sirnak, provincia fronteiriza con Iraq, o 19 de outubro de 2007).
Protesta de seguidores curdos en Dahuk; clic para aumentar
... Esta moción foi finalmente aprobada o 17 de outubro pola maioría parlamentaria do partido gobernante islamita Partido da Xustiza e o Desenvolvemento AKP con 509 votos a favor e 19 en contra. (Foto: Seguidores curdos protestan en Dahuk o 18 de outubro pola decisión do Parlamento turco de autorizar unha invasión militar no norte de Iraq).
 
Introdución

A decisión do goberno turco do islamita Recep Tayyip Erdogan de apoiar unha incursión militar no Curdistán iraquí para acabar coa operatividade do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK), establece un delicado foco de conflito para Oriente Próximo que podería afectar substancialmente ao seu equilibrio xeopolítico.

Consecuentemente, a situación dos curdos volve diluírse nunha complexa encrucillada para as súas ansias independentistas, situación que involucra principalmente a actores externos como Turquía, Iraq, EEUU e Europa.


Un momento decisivo para o Curdistán

1) Qué é o Curdistán?

A pesar das dificultades emanadas das estatísticas oficiais, que non recoñecen a súa existencia como pobo, estimase que existen uns 30 millóns de curdos, constituíndo o maior pobo do mundo sen posuír un Estado independente.

De orixe indoeuropea, a lingua curda está emparentada co persa, o pashtún afgano e o oseta, con diversas variantes dialectais. Utilizan tres alfabetos: cirílico (en Xeorxia e Armenia); latino (Turquía) e árabe-persa (Iraq, Irán, Siria).

A súa estrutura tribal e nómade permite configurar unha sociedade de alto contido tribal dividida en clans familiares, baseando a súa economía na agricultura, salvo a considerable poboación curda urbanizada que se dedica á actividade comercial.

Os curdos habitan nunha rexión dominada polo macizo montañoso da Anatolia turca e dos Montes Zagros, sen acceso ao mar, que abarca unha superficie aproximada de 550.000 km2. Diversas fontes históricas alcumaron aos curdos como “o pobo das montañas”.

A patria histórica curda está localizada na rexión do sueste de Turquía, con epicentro no histórico Lago de Van, na plataforma anatólica, que durante séculos tamén fora ocupada polo pobo armenio ata o polémico xenocidio de 1915. Actualmente, este espazo territorial alberga entre 12 e 15 millóns de curdos.

A súa extensión abarca tamén as rexións do norte de Iraq, Irán e Siria, conformando un escenario xeográfico que abarca o occidente de Asia, o norte de Oriente Medio e o sur da Transcaucasia.

En termos xeográficos, a composición demográfica se divide en:

Curdistán noroccidental (Turquía): 15-20 millóns de habitantes.

Curdistán Oriental (Irán): 7 millóns.

Curdistán Meridional (Iraq): 4 millóns.

Curdistán Suroccidental (Siria, Líbano): millón e medio de habitantes.

Un dato importante, que certifica a sensibilización exterior da causa curda o constitúe a súa numerosa diáspora en Europa, distribuída en países como Alemaña, Francia, Bélxica, Noruega, Reino Unido, Suecia, Suíza, Finlandia, Dinamarca, Grecia, Austria e Italia, con aproximadamente un millón de persoas.

Outros países que albergan á diáspora curda son EEUU, Canadá e Australia, así como varios países do Cáucaso e Asia Central como Armenia, Acerbaixán, Xeorxia, Turkmenistán, Kirguizistán, Afganistán e Kazajstán.

No seu compoñente relixioso, o Islam sunnita é maioritario entre os curdos, profesado polo 80% da súa poboación, pero tamén existen comunidades islámicas xiítas. Tamén están os alevís (credo sincrético mazdeísta, con adaptacións xiítas e cristiáns), os mazdeistas (relixión persa, principalmente localizados en Irán), xudeus, cristiás ortodoxos de rito caldeo e asirio, e os Iezidis, unha relixión sincrética de credos mazdeístas, cristiáns e islámicos que é considerada a relixión curda autóctona.


2) Cal é a súa importancia estratéxica?

Situado no epicentro e “corazón” de Oriente Próximo, o Curdistán posúe unha estratéxica posición para países veciños como Turquía, Irán e Iraq, así como, indirectamente, para Europa e EEUU.

A súa importancia estriba en que o Curdistán posúe a maioría das reservas petrolíferas de Iraq e Irán, así como a case totalidade do petróleo sirio. Neste sentido, tan só a rexión de Kirkuk, no Curdistán iraquí, satisfai o 50% dos 2,2 millóns de b/d que produce Iraq, e alberga o 30% dos 111.000 millóns de barrís en reservas probadas.

Tamén son importantes as vías territoriais de acceso e paso dos oleodutos e gasodutos dende o Mar Caspio, principalmente para Turquía, e as importantes reservas hidráulicas conformadas polo río Tigres.

Velaí que resulta importante coñecer ata qué punto será influínte o impacto socioeconómico do petróleo nun hipotético Curdistán independente ao norte de Iraq.


3) Existe un goberno curdo de facto?

O Goberno Rexional Curdo (GRC) funciona como ente autónomo ao norte de Iraq desde 1991, trala primeira guerra internacional contra o réxime de Saddam Hussein. A posguerra deu lugar á división do país en dous paralelos ao norte e sur.

Non obstante, a Constitución iraquí de 1974 xa garantía os dereitos de autonomía para o Curdistán iraquí.

Dende entón, o GRC foi consolidándose como un goberno autónomo semi-independente e o Curdistán iraquí gozou dun amplo período de estabilidade, pacificación e crecemento económico.

A guerra de 2003 e o case total apoio dos partidos curdos á invasión militar anglo-estadounidense permitiu consolidar esta condición e albergar a posibilidade de celebración dun referendo popular que dera paso á proclamación dun Estado curdo independente.

Para afianzar a súa autonomía, en agosto pasado, o GRC promulgou unha lei que permitía subscribir contratos de exploración e explotación petroleira con multinacionais estranxeiras, desafiando ao goberno central de Bagdad, quen declarou ilegal este procedemento.

Tras promulgar esta lei, o GRC subscribiu convenios coa estadounidense Hunt Oil de Texas, propiedade de Ray Hunt, asesor do comité de intelixencia estranxeira na Casa Branca, así como coa canadense Heritage Oil e a francesa Peranco, con convenios valorados en 500 millóns de dólares.

Para finais de 2007 estaba prevista a celebración dun referendo autonomista en Kirkuk, destinado a potenciar o control das súas reservas petroleiras baixo a legalidade do GRC e non de Bagdad.

Non obstante, a tradicional división étnica, sectaria e política das faccións políticas curdas dificulta en varios aspectos a operatividade do GRC no Curdistán iraquí e a súa posible proclamación como Estado independente.

A estrutura tribal e de clans familiares inflúe nun mosaico social que identifica a diversos clans políticos, como os Barzani e os Talabani, e as súas respectivas milicias de peshmergas, que exercen influencia no GRC e provocan determinadas tensións con outras comunidades étnicas e relixiosas como os sunnitas, alevís, asirios e iezidis.

Dentro deste mosaico político curdo, existen partidos dentro e fóra desa rexión xeográfica como a Unión Patriótica do Kurdistán, UPK (Iraq), o Partido Democrático do Kurdistán , PKD (Iraq, Líbano e Siria), o Partido dos Traballadores do Kurdistán PKK (Turquía), o Partido Democrático do Kurdistán BAKUR (Turquía), o Partido Nacionalista Curdo DEHAP (Turquía), o Partido da Sociedade Democrática DTP (Turquía), o Komala (Irán), a Unión Islámica do Kurdistán, o Partido Socialdemócrata do Kurdistán (Turquía), o Partido Democrático Curdo ALPARTY, (Siria) e o Partido Comunista Curdo de Iraq.

Incluso, o GRC declarou publicamente non apoiar as presuntas accións guerrilleiras do PKK dende o Curdistán iraquí cara o territorio turco. Esta decisión é analizada como unha medida do GRC para preservar a súa autonomía e evitar a inxerencia turca nos seus asuntos.


4) Cales son as razóns da intervención turca?

Desde abril de 2007,o xefe do Estado Maior militar turco, o xeneral Yasir Buyükanit, viña advertindo da posible invasión militar turca ao Curdistán iraquí, a fin de atacar e repeler as bases do PKK nesa rexión, que posibilitaba os seus ataques en territorio turco.

Neste aspecto, e como elemento xustificativo da intervención militar, Ankara acusa ao PKK da matanza de 13 soldados turcos en setembro pasado.

A crise política acaecida entre maio e xullo de 2007, derivada do pulso entre o establecemento militar e o goberno islamita de Recep Tayyip Erdogan, parcialmente superada pola vitoria electoral de Erdogan nas eleccións lexislativas do 27 de xullo, aparcou momentaneamente a posibilidade dunha intervención militar turca no norte de Iraq.

Diversas hipóteses aseguran que o alto mando militar turco espera utilizar o asunto curdo para recuperar a súa influencia política non só dentro de Turquía senón, incluso, en Iraq e Oriente Medio. Neste sentido, o obxectivo de Ankara é evitar a independencia do Curdistán iraquí para que non sirva de referencia para fomentar os sentimentos autonomistas e separatistas dos 20 millóns de curdos que habitan en Turquía.

Consecuentemente, o dominio turco do Curdistán iraquí permitiría tamén o control e ampliación das rutas de oleodutos e gasodutos turcos dende o Mar Caspio ata o Mar Mediterráneo, cun eixe central para Occidente determinado polo oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhán (BTC), dende a capital azerí cara Xeorxia e Turquía. Este proxecto iniciouse oficialmente en 2005.

Nesta perspectiva está o gasoduto Bakú-Tabriz-Ceyhán, que pasa de Acerbaixán e Irán por Turquía ata o Mar Mediterráneo, e unha serie de redes de oleodutos e gasodutos dentro de Turquía cara Iraq, que pasan polas poboacións curdas de Diyarbakir, en territorio turco, ata Kirkuk, e que poden ser obxectivo de ataques por parte das milicias do PKK.


5) Existe consenso entre Erdogan e os militares?

Desde a súa chegada ao goberno en novembro de 2002, o primeiro ministro Erdogan amosou unha maior receptividade cara as demandas de recoñecemento da lingua e da cultura curdas, con aprobacións parlamentarias de leis que permitían a súa utilización pública.

Esta posición de Erdogan permitiulle gañar o apoio dos partidos curdos recoñecidos dentro de Turquía, como o DEHAP e outros movementos que acaban de ingresar no Parlamento, como o pro-curdo e independentista Partido da Sociedade Democrática (DTP).

A cuestión curda tamén foi motivo de confrontación entre Buyükanit e Erdogan desde o 2002. Non obstante, o recente pulso político entre o goberno islamita e os militares serviu para negociar e balancear unha situación mais proclive a acercar posicións.

Trala súa contundente vitoria electoral en xullo pasado, Erdogan comezou a aplicar unha maior receptividade ás demandas dos militares para “castigar” ao PKK, incluso amosando un moderado apoio para invadir o Curdistán iraquí, a fin de evitar maiores friccións co Alto Mando militar.

Actualmente existe unha pública e aparente sintonía entre Erdogan e os militares, ao cal se unen diversos partidos nacionalistas, laicos e republicanos de esquerda e dereita no parlamento turco, disuadidos por tratarse dun asunto de “máxima seguridade nacional”.

Neste apartado, Erdogan cedeu ante a presión política dos militares, aceptando a presentación na Gran Asemblea Nacional dunha moción que permita ao Exército turco a invasión militar no norte de Iraq.

Esta moción foi finalmente aprobada o 17 de outubro pola maioría parlamentaria do partido gobernante islamita Partido da Xustiza e o Desenvolvemento AKP con 509 votos a favor e 19 en contra. Precisamente, o pro-curdo DTP, teórico aliado do AKP, foi o único partido en votar en contra.

No entanto, Erdogan declarou que a pesar da aprobación parlamentaria, a invasión “non sería inminente”.

Outra razón de posible sintonía entre Erdogan e os militares estriba en que Turquía irá a un referendo popular o próximo domingo 21 de outubro, para aprobar reformas constitucionais. A estabilidade nacional en torno ao referendo resulta tamén un imperativo político para Erdogan e o establecemento militar.


6) Apoian Europa e EEUU esta intervención?

Dende que se espallaron os rumores de posible intervención militar no Curdistán iraquí, tanto a Unión Europea como EEUU veñen rexeitando e instando ao goberno e alto mando militar turcos a non realizar esta invasión militar.

Tralos bombardeos a posicións do PKK no Curdistán iraquí, Bruxelas instou a Ankara a manter unha “máxima contención” militar para preservar a integridade territorial de Iraq, que podería iniciar un novo conflito en Oriente Próximo.

Non obstante, esta declaración oficial da UE amosou unha ambigua posición ao considerar “o lexítimo dereito do goberno turco en combater aos terroristas”, tomando en conta que a UE recoñece ao PKK como un “grupo terrorista”.

Ao igual que a UE, o goberno de George W. Bush tenta por todos os medios de conter a posible invasión militar turca ao Curdistán iraquí, considerando que complicaría aínda mais o delicado panorama neste país.

A semana pasada, unha votación na Comisión de Exteriores da Cámara de Representantes no Congreso dos EEUU aprobou inicialmente unha moción que recoñecía como xenocidio as matanzas contra a poboación armenia ocorridas entre 1915 e 1917, en tempos do Imperio otomán. Turquía protestou inmediatamente esta decisión, que se presentou dous días despois de iniciar os bombardeos contra o PKK.

Ante esta airada reacción turca, a Casa Branca tenta bloquear a discusión do xenocidio armenio no Congreso para non provocar maiores friccións con Ankara e poder disuadir calquera tentativa de invasión militar que, segundo Washington, “desestabilizaría toda a rexión”.

O presidente Bush criticou abertamente tanto a decisión do comité lexislativo do seu país como o apoio parlamentario en Turquía para a invasión militar. Mentres, congresistas demócratas e republicanos acercan posicións para non irritar a Turquía e non afectar os intereses estadounidenses en Oriente Próximo.

A diferenza de Europa e EEUU, os gobernos de Siria e Irán amosaron o seu respaldo á acción militar turca contra o PKK e, incluso, a posible invasión do Curdistán iraquí.


7) Cales son os temores de Iraq?

A pesar de que o presidente do actual goberno iraquí é o histórico líder curdo Jalal Talabani, o principal temor do goberno de Bagdad, actualmente baixo o primeiro ministro xiíta Nourri Al Maliki, consiste en que a posible proclamación dun Curdistán independente e a consecuente intervención militar turca no norte de Iraq, evidenciaría a fragmentación territorial do Estado iraquí, con posibles repercusións no delicado equilibrio étnico e relixioso nese país e na transición de posguerra.

Cun Curdistán independente, Bagdad perdería o control dos importantes recursos petroleiros da rexión de Kirkuk, así como da riqueza hidráulica do río Tigres, no seu paso polo territorio curdo.

Velaí que en agosto pasado, al Maliki visitara a Erdogan en Ankara para apoiar calquera acción militar turca contra os “terroristas” e “guerrilleiros” do PKK.

Non obstante, tras materializarse os bombardeos turcos contra posicións do PKK, o goberno de Al Maliki veuse na necesidade de convocar un gabinete de crise para tentar moderar unha posible intervención militar turca, considerando como “ilegal” a acción militar turca.

Neste sentido, tanto Talabani como Al Maliki tentan mediar ante Erdogan para evitar a invasión militar e se aferran a que a diplomacia europea e estadounidense logre persuadir a Turquía.

O vicepresidente iraquí Tariq Al Hashimi viaxou con urxencia a Ankara a fin de disuadir ao goberno turco de non continuar cos ataques e evitar a intervención militar.


8) Está variando a xeopolítica turca?

Aínda que o asunto curdo constitúe un tema tabú e un caso de “máxima seguridade nacional” para Turquía, os acontecementos actuais permiten outear posibles cambios de orientación na xeopolítica turca, tomando en conta que Ankara comeza a observarse como un actor emerxente nos asuntos rexionais.

A pesar do carácter europeísta do goberno de Erdogan, medra na sociedade turca un sentimento de frustración cara a Unión Europea e de insatisfacción coas políticas de EEUU en Oriente Próximo.

Este sentimento ven sendo capitalizado polo establecemento militar e os seus aliados partidos laicos para buscar outras alternativas xeopolíticas e, así, premer a Erdogan a aceptar cambios.

Modificando parcialmente a súa tradicional orientación pro-occidental, dende comezos de 2007 son notorios os contactos políticos e militares turcos con Rusia e Irán, a fin de constituír unha especie de “entente” que amortice a excesiva presenza de Washington e os seus aliados en Oriente Próximo.

A estratéxica situación turca de paso de oleodutos e gasodutos do Mar Caspio, así como a cuestión curda, permiten tamén a Ankara abrir unha xanela proclive a integrarse nos asuntos de Oriente Próximo, o Cáucaso e Asia Central, nestas dúas últimas rexións con poboacións de orixe turca en Acerbaixán, Turkmenistán e Uzbekistán.

Tanto como con Rusia e Irán, Turquía ven adiantando unha serie de negociacións con países árabes como Siria, Líbano e Libia, que permitirían ampliar esta perspectiva xeopolítica de Ankara.

Non se debe esquecer que a estratéxica alianza militar entre Turquía e Israel ven sufrindo determinados altibaixos, á vista da situación nos territorios palestinos e do posible ataque militar de EEUU e Israel contra Irán.


9) Como se observa o panorama rexional?

A intervención turca no Curdistán coincidiu coa visita do presidente ruso Vladímir Putin a Irán, o incremento das tensións entre Occidente e Teherán polo programa nuclear, así como a tensa situación entre Siria e Israel, tras un recente e secreto raid aéreo israelí.

A visita de Putin a Teherán realizouse no marco do cumio cos países do Mar Caspio (Acerbaixán, Kazajstán, Turkmenistán), na que se reafirmou o apoio ao programa nuclear civil iraniano e o rexeite de utilizar os territorios destes países para realizar ataques contra calquera deles.

Esta visita rusa non só supón unha clara advertencia a Washington e os seus plans de posibles ataques a Irán (o goberno de Bush tenta introducir maiores sancións da ONU contra Teherán), senón que altera substancialmente o equilibrio estratéxico rexional, manifestando a posible sincronización dun eixe Moscova-Teherán.

Neste sentido, Putin e o presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad pasaron de largo as tentativas turcas de invadir militarmente o Curdistán iraquí e as demandas occidentais en contra, probablemente ofrecendo unha tácita aceptación dos plans de Ankara.

Outro asunto que condiciona un panorama preocupante é o caso da incursión secreta da aviación israelí violando o espazo aéreo sirio en setembro pasado. Esta incursión israelí tiña como obxectivo atacar presuntas instalacións de tecnoloxía nuclear ao norte de Siria, produto dunha recente cooperación entre o goberno sirio e Corea do Norte.

Este caso provocou un incremento das tensións entre Damasco e Tel Aviv, cunhas relacións indirectas que viñan avanzando desde 2004 cara un posible recoñecemento mutuo. Paralelamente, a tensión sirio-israelí complica unha conxuntura delicada tralo recente asasinato dun deputado antisirio no Líbano, da grave situación humanitaria no territorio palestino de Gaza baixo control do Hamas, e a iniciativa de Washington de celebrar, en novembro próximo, un cumio de paz rexional.


10) É posible un Curdistán independente?

Como en anteriores ocasións, os curdos volven a atoparse nunha delicada e decisiva conxuntura política cando, curiosamente, aumentaba a posibilidade de concretar oficialmente a creación dun Estado independente no Curdistán iraquí.

A estabilización de Iraq, que pasa en gran medida pola preservación da súa integridade territorial, e o feito de que Turquía constitúe un estratéxico aliado militar para Occidente, son factores que dificultan a materialización das aspiracións curdas de independencia.

Como ven sendo característico na atribulada historia contemporánea dos curdos, os líderes do GRC semellan depositar as súas esperanzas en que a diplomacia europea e estadounidense logren frear a case inminente invasión militar turca.

Isto volve a colocar o futuro do Curdistán nas mans occidentais, un factor que tradicionalmente xogou en contra das aspiracións curdas. Se a tensión se incrementa, resultaría probable unha rápida proclamación de independencia por parte do GRC ou unha activación maior da loita independentista por parte do PKK e outros partidos curdos.

Tanto a proclamación dun Estado curdo independente ao norte de Iraq como unha ocupación militar turca neste territorio, suporían sendas alteracións do equilibro estratéxico rexional, con consecuencias aínda pouco predicibles.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/10/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta