Guía Exterior / nº 028-10/2007 de 27 de setembro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Protesta, represión militar e factores xeopolíticos
Rebelión en Myanmar
 
 

  Manifestación pacífica en Yangon; clic para aumentar
Ducias de milleiros de monxes budistas realizaron amplas manifestacións pacíficas en Rangún e outras cidades demandando cambios democráticos.
Represión militar en Myanmar; clic para aumentar
Tras nove días de protestas, os militares decidiron actuar con maior represión, especialmente ante a concentración dos monxes budistas na pagode de Shwedagon, o altar máis sagrado e venerado polos budistas birmanos.
 
Introdución

Unha protesta pacífica de centos de monxes budistas, apoiados por grupos opositores, demandando a preeminencia da fe relixiosa e reformas democráticas, foi brutalmente reprimida polo goberno militar birmano, cun saldo preliminar de cinco relixiosos mortos e centos de detidos.

Myanmar, que vive un conflito interno dende hai máis de catro décadas, cunha xunta militar de goberno que está no poder desde 1989, é considerado un país con pésimos estándares en materia de dereitos humanos, así como importantes reservas en petróleo e gas natural e patria da activista política e premio Nobel da Paz, Aung Sa Suu Kyi.


Unha “balcanización” no sudeste asiático?

1) Burma, Birmania ou Myanmar?

A ditadura militar birmana que tomou o poder en 1989 mudou o nome orixinal de Burma a Unión de Myanmar, non recoñecido nin pola oposición política birmana nin polos EEUU. A ONU e a maioría dos países do mundo, aceptaron o cambio nominativo aínda que tamén utilizan o de Burma de xeito oficioso.

Colonizada polos británicos no século XIX e separada da India en 1923, o seu primeiro nome foi Birmania pero coa independencia, en 1948, pasou a chamarse Unión de Burma, adoptando o nome de República Socialista da Unión de Burma durante a viraxe socialista dos anos cincuenta e sesenta do século pasado.

O actual cambio a Myanmar, propiciado pola xunta militar por decreto e sen aprobación parlamentaria, tentaba establecer un nome que non creara fricións entre as etnias non burmesas.


2) Cal é a súa configuración étnica e relixiosa?

Con 54 millóns de habitantes, segundo cifras do Banco de Desenvolvemento Asiático, Myanmar é considerado como un dos países con maior diversidade étnica e lingüística do mundo, con 135 grupos oficialmente recoñecidos.

Para xustificar un control que evite unha “desmembración nacional”, o actual goberno militar constantemente se refire ao país como a “Iugoslavia de Asia”.

Os Burmeses (bamar) constitúen o grupo étnico maioritario (68% do total). A súa lingua é o burmés. As principais minorías son os Shan (10%) e os Karen (7%), estes últimos cunha variedade de linguas tibetano-burmanas. Os Rakhine, tamén coñecidos como arakaneses, son un 4% e pertencen á etnia burmesa pero son de relixión musulmana. Existen outras etnias como os chineses, mon, hindús, kachin, chin, naga e wa.

Tanto os chineses como os hindús non posúen status de cidadáns, por considerarse etnias estranxeiras. Existe unha comunidade anglo-burmesa, de aproximadamente 8% da poboación, que forma parte da elite administrativa e cunha diáspora calculada en millón e medio de persoas. Tamén existe unha importante comunidade de rohingya ou traballadores bengalís, emigrantes a este país durante a década de 1930.

No eido relixioso, un 89% profesa a fe budista, mentres un 4% son cristiáns (3% baptistas e 1% católicos), 4% de musulmáns e 1% de animistas. O factor social e político do budismo estriba na súa conformación como referente da unidade relixiosa por riba da diversidade étnica, importante na creación do Estado birmano.

Un factor importante é o relativo á distribución xeográfica das etnias e culturas. Os burmeses ocupan a planicie central, coa capital Rangún, exercendo un férreo control das institucións administrativas herdadas da colonización británica, a fe budista e as entidades locais. Nas áreas fronteirizas do interior habitan maioritariamente as minorías étnicas e relixiosas, cunha estrutura sociopolítica máis local e tradicional.


3) Qué factores orixinaron a actual crise política?

O pasado 15 de agosto, o goberno militar decidiu aumentar os prezos do combustible, provocando unha rápida duplicación no seu valor, dando paso a que aproximadamente 100.000 activistas pro-democráticos, estudantes e traballadores, realizaran diversas manifestacións na capital Rangún e no interior do país, con ducias de detencións.

A represión militar contra unha concentración pacífica na cidade de Pakokku a comezos de setembro deu paso a que os monxes budistas participaran tamén nas manifestacións dos activistas pro-democracia. Tras ferir a tres monxes, os budistas tomaron a oficiais gobernamentais como reféns e pediron ao goberno unha desculpa pública, non aceptada.

En consecuencia, ducias de milleiros de monxes budistas realizaron amplas manifestacións pacíficas en Rangún e outras cidades demandando cambios democráticos. Tras nove días de protestas, os militares decidiron actuar con maior represión, especialmente ante a concentración dos monxes budistas na pagode de Shwedagon, o altar máis sagrado e venerado polos budistas birmanos.

É de resaltar que Myanmar vive desde 1962 un importante conflito interno de corte político, étnico e relixioso, con diversos golpes militares, a existencia de doce grupos insurxentes (os máis importantes son o Exército de Liberación Nacional Karen e o Exército do Sur do Estado de Shan) e tensións entre as comunidades étnicas e relixiosas.

O golpe militar de 1989 e a represión política contra activistas democráticos aumenta este escenario de conflitividade. En 1990, a Liga Nacional pola Democracia (LND), principal movemento de oposición liderado por Aung Sa Suu Kyi, gañou unhas eleccións lexislativas non recoñecidas pola xunta militar de goberno.

As actuais protestas son as máis numerosas no país desde que en 1988 unha serie de manifestacións terminaran cunha violenta represión que deixou máis de 3.000 mortos.


4) En qué consiste a “revolución de azafrán”?

A conformación dunha Alianza para Todos os Monxes Budistas Burmeses (ATMBB) como movemento político que aglutinou as protestas dos monxes budistas, deu paso á posible conformación dunha especie de “revolución silenciosa”, rapidamente denominada “revolución de azafrán”, nun epíteto similar coas rebelións ocorridas en Xeorxia no 2003 e Ucraína no 2004.

A represión militar e a profanación do altar budista deron paso a unha radicalización das demandas dos monxes, que levaron a coordinar as protestas a partir do 24 de setembro. Así, a ATMBB enviou duras declaracións describindo ao goberno militar como “inimigo do pobo” e instando a continuar “a loita pacifica contra a demoníaca ditadura militar” ata “varrela do territorio de Burma”, nunha clara referencia á “excomulgación” da xunta militar.

Esta participación política dos monxes budistas posúe un elevado significado simbólico debido ao tradicional carácter devoto e relixioso da poboación e ao factor reverencial cara a comunidade monacal, elemento coidadosamente tomado en conta ata agora polo goberno militar.

Diversos analistas consideran que a represión militar contra os monxes desarmados sería interpretado pola poboación como unha agresión á súa tradición relixiosa que pode levar a un violento levantamento nacional.


5) En qué posición está o goberno militar?

Tentando inicialmente de disuadir aos manifestantes por medio dunha concentración de tropas, o goberno militar encabezado polo xeneral Than Shwe, xefe do Exército e do Estado desde 1992, deu paso a unha radicalización represiva, argumentando que os monxes budistas e os manifestantes están “manipulados dende o exterior” e amosan “celos polo desenvolvemento e a estabilidade nacional”.

Aínda que aparente o control da situación, o goberno militar de Shwe atópase nunha situación delicada no plano interno e pendente das reaccións da súa acción represiva no exterior. Burma é considerado un dos países con peores estatísticas de violacións de dereitos humanos. A súa recente cooperación económica, política e enerxética con Corea do Norte semella incluíla na particular lista de “estados parias” elaborada por Washington.


6) Qué papel desempeñan China e India?

A importancia xeopolítica dos gobernos de Beijing e Nova Delhi, así como da Asociación de Nacións do Sudeste Asiático (ANSEA), débese a que poden exercer algún tipo de influencia exterior sobre o réxime militar birmano.

Pero os factores de influencia chinés e indio sobre o goberno militar en Burma están mais condicionados polos imperativos enerxéticos.

Trala apertura aos investimentos estranxeiros en 1988 e, especialmente, coas medidas tomadas nos derradeiros anos tendentes a acelerar estes investimentos, o goberno de Rangún asinou con China unha serie de acordos de explotación dos seus recursos petrolíferos e de minerais, que fan de Beijing un socio comercial e político esencial para o goberno militar birmano.

En consecuencia, China vetou na ONU unha votación sobre as violacións de dereitos humanos en Burma que permite intuír a Beijing como un aliado político e unha xanela ao exterior, especialmente dentro do concerto da ANSEA.

Paralelamente, China ven desprazando á India como o principal inversor enerxético dende que o goberno retirou á compañía india GAIL, a comezos de setembro, unha concesión de explotación de gas natural na Baía de Bengala, a favor de PetroChina. Beijing tamén concertou diversos oleodutos con Burma no estreito de Malacca.

Nova Delhi coordina con Rangún a construción dun estratéxico oleoduto dende a rexión burmesa de Arakán ata as provincias indias de Assam e Mizoram, evidenciando un claro incremento da cooperación militar e económica entre ambos países.


7) Están libres de culpa os países occidentais?

O primeiro socio comercial da Xunta Militar é a petroleira francesa Total, coa inestimable colaboración da estadounidense Chevron Texaco, vía ex-Unocal. París é hoxe un dos principais apoios do goberno de Rangún e o seu propio ministro de asuntos exteriores, Robert Kouchner, ten cualificado de “fantasías” as acusacións de traballo forzado que algunhas ONGDs verqueron sobre Total. Esta multinacional aporta o 7% do orzamento gobernamental, en pago da explotación en exclusiva dun xacemento en alta mar e do gasoduto de Yadana, que leva ata Tailandia. Total e Unocal construiron ese gasoduto. Yadana, co xacemento de Yetagun, son as principais fontes de poder da Xunta militar, sostida coas concesións de Total, Chevron, a PTTEP de Tailandia, a malaia Petronas e a xaponesa Nippon Oil.


8) Qué influencia ten a ASEAN?

A gravidade da situación levou á discusión da crise birmana no Consello de Seguridade das Nacións Unidas e a unha reunión urxente da ASEAN.

Burma foi admitido en 2006 como membro da ASEAN. A finais de 2007, a ASEAN celebrará o seu 40 aniversario, polo que espera non ter que asistir a un incómodo escenario cunha xunta militar acosada polas acusacións de represión sanguenta da rebelión social e dos monxes budistas.

A ASEAN ven criticando ao goberno militar en Burma pola lentitude nos mecanismos de reconciliación nacional coa oposición política, en especial coa LND e diversos partidos étnicos e minoritarios. Incluso, dentro da ASEAN e a ONU, existe unha puxa directa entre China e India polo control de espazos xeopolíticos no sudeste asiático e que ten en Burma un capítulo máis.


9) Existen factores económicos trala crise?

O incremento nos prezos do combustible en agosto pasado, que espallou as posteriores protestas e manifestacións, coloca a Burma no epicentro dun pulso de diversos intereses económicos externos polos seus recursos petroleiros, de gas natural e, incluso, da súa estratéxica posición dentro do cualificado “triángulo de ouro” da produción de opio e heroina, xunto a Tailandia e Laos.

A pesar dos seus recursos enerxéticos, Burma importa petróleo e derivados, tanto como a metade do que consume, mentres ocupa o posto número 10 a nivel mundial en reservas de gas natural. En Asia, China, India, Indonesia e Tailandia son os seus principais socios enerxéticos, así como doutros produtos como xoias, cobre e agricultura. Estes factores fan deste país un elevado dependente dos prezos das materias primas nos mercados internacionais.

Se ben Burma conta con 3.200 millóns de barrís de cru en plataforma acuática e terrea, o goberno militar apenas investiu na produción de combustibles e na distribución enerxética. Incluso, unha incipiente elite empresarial vinculada ao goberno militar tenta manter estes investimentos estranxeiros, principalmente en materia enerxética, como o seu principal factor de enriquecemento.

A pesar dos 60.000 millóns de euros de PIB, a mala xestión económica e a corrupción da elite militar e administrativa provocan unha elevada inflación e gasto público nacional, que se incrementa cos plans oficiais de construír unha nova capital en Naypydaw e unha capital tecnolóxica en Yadanabon.

A rebelión social da conta tamén dun acelerado nivel de empobrecemento da poboación, que tamén sofren os monxes budistas, o cal lles obriga actualmente a actuar en sintonía coas demandas populares. A crise bancaria e financeira de 2003 segue a afectar á poboación.

Burma tamén sofre unha dramática crise social debido aos elevados niveis de HIV/SIDA (45.000 infectados segundo a Organización Mundial da Saúde), o fluxo de refuxiados e desprazados polo conflito interno, a persistencia do traballo forzado como castigo político, a presenza de nenos soldados en filas insurxentes e a proliferación de minas antipersoas no territorio nacional.


10) Cal é a situación da activista Aung Sa Suu Kyi?

Baixo arresto domiciliario desde 1991, a Premio Nobel da Paz Aung Sa Suu Kyi volve a estar no centro da atención política debido a que segue a constituír o principal referente na loita pola democracia e o respecto aos dereitos humanos nese país.

Diversos manifestantes e monxes budistas concentráronse nas inmediacións da residencia de Suu Kyi, provocando unha elevada presenza policial e militar e un reforzamento do seu illamento exterior.

Para frear a presión exterior polo seu arresto domiciliario, o goberno militar liberou entre 2004 e 2005 a 10.000 activistas pro-democracia e 250 prisioneiros políticos. Pero a crise económica e social así como a lentitude oficial, determinaron o fracaso dos procesos de reconciliación política nacional.

Tamén existen certas diferenzas entre os principais partidos políticos da oposición sobre a necesidade de continuar as negociacións co goberno militar. Este movemento opositor está especialmente reunido no Consello Nacional da Unión de Burma (CSUB), conformado pola LND, a Liga Nacional Democrática Shan, a Liga Arakan para a Democracia e o Partido da Unidade Nacional.

Influído pola loita democrática de Suu Kyi, formouse no 2003 o Proceso de Bangkok, organizado polo goberno tailandés, para conformar un Forum Internacional de Apoio á Reconciliación Nacional en Myanmar, que reuniu a China, India, Xapón, Australia, Singapur, Austria, Italia, Alemaña, Francia, a ONU, Suíza e Noruega. Pero os seus avances apenas influíron na política do goberno militar, incluso con tímidas presións dentro da ONU.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/09/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta