Guía Exterior / nº 027-9/2007 de 29 de agosto Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
A aposta mediterránea europea e os imperativos enerxéticos e políticos
Europa e o Magreb
 
 

  Nicolás Sarkozy e Abdelaziz Bouteflika; clic para aumentar
A primeira viaxe fóra da Unión Europea do presidente francés Nicolás Sarkozy foi a Alxeria, o pasado 10 de xullo, confirmando a importancia deste país, especialmente en materia enerxética e de investimentos económicos. (Foto: Nicolás Sarkozy e Abdelaziz Bouteflika en Alxer o 10 de xullo de 2007).
 
Introdución

A finais de xullo, o presidente francés Nicolás Sarkozy realizou unha xira polo Magreb a fin de presentar unha nova política mediterránea da Unión Europea centrada en tres eixes principais: enerxía, inmigración e loita antiterrorista.

Este interese europeo polo Magreb permite intuír a consolidación dunha apertura nas relacións mediterráneas, que deberá completarse cos cambios políticos e sociais dentro dos países do norte de África e as súas implicacións para a Unión Europea, o seu principal socio enerxético e comercial.


O Magreb: novo “espazo vital” europeo?

1) En qué consiste o plan mediterráneo de Sarkozy?

A primeira viaxe fóra da Unión Europea do presidente francés Nicolás Sarkozy foi a Alxeria, o pasado 10 de xullo, confirmando a importancia deste país, especialmente en materia enerxética e de investimentos económicos.

Esta visita a Alxer, estendida posteriormente a Tunisia e Libia, permitiu a Sarkozy presentar un plan europeo de actuación no Mediterráneo e no Magreb, unha iniciativa denominada a Unión Mediterránea (UM). Este marco de cooperación, integrado por 27 países, posúe determinadas implicacións nos eidos enerxético, de política migratoria e de loita antiterrorista.

Este novo mapa estratéxico europeo e a ecuación enerxética de Sarkozy permiten involucrar a Alxeria e Libia como dúas pezas esencias para paliar as necesidades europeas de petróleo e gas natural, pero tamén para afincar determinados contratos militares, especialmente con Libia.

Neste sentido, Sarkozy rescatou un antigo proxecto de fusión empresarial e enerxética entre a empresa Gaz de France e a estatal alxerina Sonatrach, a maior empresa petroleira africana, cunha facturación que representa o 43% do PIB alxerino.

A “moeda de cambio” de Sarkozy a Alxeria e Libia está materializada na colaboración con estes países en materia de enerxía nuclear, unha xanela de apertura ao exterior sumamente importante, principalmente para o réxime libio de Muammar al Gadafi.


2) Alxeria: a potencia enerxética?

O gas alxerino está sendo observado en Europa como a alternativa mais próxima e, probablemente, mais fiable, para asegurar o seu consumo enerxético, tomando en conta a excesiva dependencia enerxética europea de Rusia e das crises de subministro do petróleo ruso manifestadas desde 2006.

Esta utilización do petróleo e o gas natural como “arma política” por parte do goberno de Vladímir Putin persuade á UE para transformar a países como Alxeria e Libia en socios enerxéticos vitais.

Precisamente, e para nivelar esta ecuación, Rusia ven acercándose a Alxeria con acordos de cooperación enerxética e militar. Tamén China e India xa comezan a posicionarse con forza no mercado alxerino.

Esta facultade de socio enerxético para Europa lle outorga a Alxeria unha dimensión estratéxica clave, que se amplía aos sectores político e de loita antiterrorista, especialmente ante os atentados ocorridos en abril pasado en Alxer e Casablanca (Marrocos) e o presumible ascenso do terrorismo islamita no Magreb.

En cifras do 2006, Alxeria constituía o terceiro socio europeo de gas natural (tras Rusia e Noruega), cun 18% do subministro para o seu consumo. A UE é o principal socio comercial de Sonatrach, a estatal alxerina. As reservas de gas alxerino superan ás de Libia e Exipto, con 4,5 billóns de metros cúbicos e 1,5 billóns aínda por descubrir.

Se estima que, para o 2030, a UE aumente a un 90% as súas necesidades de gas natural, polo que Bruxelas espera converter a Alxeria nun pivote mediterráneo esencial para involucrar aos demais países do Magreb e da África subsahariana nunha asociación enerxética estratéxica para Europa.

En canto á continuidade política do actual presidente Abdelaziz Bouteflika e do gobernante Fronte de Liberación Nacional (FLN), as eleccións lexislativas de maio pasado e as presidenciais previstas para finais de 2007 confirman a hexemonía política deste partido, aínda que a súa presenza parlamentaria diminuíra e a abstención electoral e a frustración social cara a elite gobernante provoquen algunhas incertezas políticas.


3) Al-Qaeda: unha ameaza real?

A súbita aparición do grupo “Al-Qaeda do Magreb Islámico” (nova denominación do anterior Grupo Salafista para a Predicación e o Combate, SGPC) tralos atentados en Alxer e Casablanca de abril pasado, situaron a esta rede terrorista como un actor de importancia na reactivación do terrorismo “yihadista” no Magreb.

Neste sentido, Europa configurou inmediatamente o asunto da seguridade nesta rexión como unha prioridade esencial, a fin de evitar que o Magreb se constitúa nunha “cabeza de ponte” estratéxica para atentados terroristas no continente europeo.

Se ben o terrorismo en Alxeria posúe dinámicas políticas e sociais particulares (orixinadas coa guerra civil de 1992-1999), a posibilidade dunha Al-Qaeda reforzada en materia loxística e de militantes no Magreb, persuadiu aos gobernos de Alxeria, Marrocos e Tunisia na coordinación dun marco común de políticas antiterroristas, a fin de desmantelar calquera rede rexional de captación e formación de “yihadistas”.

A estratexia de “Al-Qaeda no Magreb Islámico” se circunscribe na explotación do factor islamita, do nacionalismo local, da frustración socioeconómica e política cara o “autoritarismo” e a “supeditación” dos gobernos magrebís aos intereses occidentais, conformando un caldo de cultivo importante non só para a formación de militantes “yihadistas” senón para o ascenso de partidos islamitas, sexan estes radicais ou non.


4) É o islamismo a alternativa?

Se a actividade de Al- Qaeda pode espallar os temores europeos e occidentais cara un Magreb “islamizado” ou “talibanizado”, o ascenso dos partidos islamitas en países como Exipto, Alxeria, Tunisia e Marrocos podería permitir unha necesaria apertura política democrática nestes países, aínda que Occidente observe negativamente este hipotético ascenso.

A frustración social coas elites políticas dirixentes no Magreb e a súa consecuente corrupción permite a milleiros de cidadáns destes países virar a súa atención e eventual preferencia política cara partidos islamitas, cun labor de solidariedade e asistencia social que substitúe, en varios casos, á presenza estatal.

Os partidos islamitas máis significativos no Magreb son, por unha banda, o partido dos Irmáns Musulmáns en Exipto, privado de actuación política e cun triunfo lexislativo en setembro de 2005 que foi descoñecido e reprimido polo goberno de Hosni Mubarak, contando co apoio occidental. Neste país existe outro partido islamita con presenza parlamentaria, o Al Wassat.

Outro caso importante foi a Fronte Islámica de Salvación (FIS), varias veces ilegalizada polo goberno alxerino e acusada de fomentar o terrorismo do aparentemente extinto Grupo Islámico de Salvación (GIA).

Parcialmente beneficiado polo proceso de amnistía iniciado polo actual presidente Abdelaziz Bouteflika, o FIS logrou reagruparse en torno ao Movemento do Renacemento Nacional (MRN el-Islah), cunha capacidade electoral aínda por medir.

En Marrocos, o islamita Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (PJD), cun nome similar ao gobernante actualmente en Turquía, pode obter un importante triunfo electoral nos comicios lexislativos do próximo 7 de setembro.

Tralo 11-S, as prioridades de seguridade antiterrorista no Magreb, propiciadas por EEUU e Europa, dedicáronse a minar o ascenso destes partidos islamitas. Non obstante, a posible consolidación do “modelo turco” de convivencia entre o Islam, o laicismo e a democracia, plasmado no goberno do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP) en Ankara, podería influír na expansión deste modelo a escala do Magreb, substituíndo a vertentes máis radicais.


5) Marrocos: que “apertura democrática”?

O pasado 30 de xullo, e con motivo do oitavo aniversario do seu ascenso ao trono alauita en Marrocos, o Rei Mohammed VI cualificou ao seu réxime de “monarquía cidadán”, mentres avanzaba na consolidación dun novo marco de “asociación e cooperación estratéxica” e dun “estatuto avanzado” coa Unión Europea.

En realidade, as palabras de Mohammed VI agochan a intención de constituír unha monarquía sen control xudicial ou parlamentario, aínda que abandeirada da “modernización” socioeconómica.

Polo tanto, o proceso de “apertura democrática” prometido por Mohammed VI en 1999 segue a ser un factor irreal e secundario, centrando os seus esforzos nun tímido cambio que manteña a actual estrutura de poder.

O poder ilimitado da elite política e económica marroquí púxose en evidencia ante o recente descubrimento do maior enramado de corrupción bancaria e do sector da construción nese país, realizado entre 1985 e 1994, e que salpica tamén ao propio monarca marroquí.

Este suceso pode influír nunha posible variante política nas próximas eleccións lexislativas, cunhas estimacións que dan a vitoria aos islamitas do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (PJD) e coa posible conformación dun goberno de cohabitación.

Outra crise política ten que ver coa renuncia, a mediados de agosto, do ministro delegado de Interior, Fuad Alí El Himma, considerado o home de confianza do rei Mohammed VI.

Paralelamente, aumentan as críticas contra o goberno marroquí propiciadas pola súa represión e o peche xudicial dos medios de información críticos co réxime, tales como El Watan al An, Nichane e Tel Quel, así como a detención dun grupo de xornalistas, acusados polo goberno de querer “desestabilizar o país” e de “espiar para un país veciño”, en clara alusión a Alxeria.

Diversas esperanzas de modelar esta apertura política en Marrocos están nas mans do seu primeiro ministro Driss Jetou, un pragmático tecnócrata do partido conservador Istiqlal, cunha capacidade de actuación que debe garantir que as próximas eleccións lexislativas sexan, efectivamente, “libres e transparentes”, tal e como prometera o propio Jetou.


6) Libia: Gadafi xa non é o inimigo?

A resolución vía diplomática entre Francia e Libia do caso das enfermeiras búlgaras condenadas en Trípoli por infectar con SIDA a nenos palestinos, e a posterior visita de Nicolás Sarkozy a Muammar al Gadafi, previos acordos enerxéticos e militares, obrigan a considerar que Libia está a superar case definitivamente o seu prolongado illamento internacional.

En paralelo a esta “apertura exterior” libia, principalmente centrada en imperativos enerxéticos, en Trípoli está experimentándose un silencioso traspaso de poder por parte de Gadafi (de 65 anos) cara o seu fillo Saif al Islam, de 35 anos, que pode propiciar unha interesante apertura política e social a mediano prazo.

Saif al Islam, graduado na London School of Economics, mediador clave na liberación das enfermeiras búlgaras, está levando a cabo unha lenta reforma estatal, considerando a necesidade de concretar un “novo contrato social” e constitucional, que contemple a conformación dun poder xudicial e un banco central independentes, liberdade de prensa e énfase no Islam como “principal fonte de lexislación”.

As reformas impulsadas por Saif al Islam semellan estar destinadas a suavizar o poder absoluto da elite revolucionaria e conservadora, así como a abortar calquera tentativa de ascenso dun movemento islamita radical ou dun movemento de masas opositor. Non obstante, Libia pode estar experimentando un duro e silencioso pulso político entre os “reformadores” e os “conservadores”.

EEUU tamén observa con interese esta “apertura” de Libia, especialmente de cara a beneficiarse da explotación dos seus recursos petroleiros. Incluso, e para dar a entender o inicio dunha nova etapa e facilitar a cooperación occidental, Gadafi outorgou a EEUU información sobre as actividades terroristas de Al-Qaeda.

Washington prepara a curto prazo unha viaxe da súa secretaria de Estado, Condoleeza Rice, a Trípoli, unha visita histórica que poría punto e final á tradicional inimizade entre ambos países.


7) “Monarquías republicanas” en Exipto e Tunisia?

Zine el-Abidine Ben Ali, no poder en Tunisia desde 1987, e Hosni Mubarak, presidente en Exipto desde 1981, conforman unha especie de “dinastía políticas republicanas” en ambos países, que transitarán cara unha sucesión política con relativas reformas sociais e económicas.

No caso tunesino, a sucesión xa se materializara coa substitución do presidente Habib Bourguiba en 1987 polo xeneral Zine el-Abidine Ben Alí. As celebracións en xullo do cincuentenario da independencia de Tunisia e, en novembro próximo, do seu vixésimo aniversario no poder permiten a Ben Alí (de 71 anos, reelixido no 2004) adiantar algunhas reformas liberais nos campos social e económico, pero con escasa continuidade no apartado político.

Segundo datos do Foro Económico Mundial, Tunisia está no primeiro lugar dos países africanos e do mundo árabe en termos de competitividade económica. Ben Alí ven realizando algúns xestos de suavización do seu autoritario poder: en xullo liberou ao activista de dereitos humanos Mohammeb Abbou, e acelera unha política de certo apaciguamento cara partidos opositores, que modere a hexemonía da gobernante Reunión Constitucional Democrática (RCD), no poder en Tunisia desde a independencia deste país en 1957.

No caso exipcio, a sucesión no poder presidencial de Mubarak (79 anos) está case garantida nas mans do seu fillo Gamal (de 44 anos), así como a consolidación da estrutura de poder do gobernante Partido Nacional Democrático (PND), apoiado pola elite militar e comercial.

Exipto avanza desde o 2004 cun amplo plan de liberalización económica auspiciado polo FMI, que busca superar o modelo socialista instaurado por Gamal Abdel Nasser e que lle reporta determinados niveis de crecemento económico.

Pero a apertura política non é unha prioridade senón un problema: arrestos en decembro pasado de 140 membros dos Irmáns Musulmáns (500 dos seus membros están en prisión), do líder opositor Aywan Nour (rival presidencial de Mubarak, reelixido no 2005 para cinco anos máis no poder), e de diversos xornalistas e activistas sociais.

Mentres avanza certa frustración social e mantense a crise económica, o Exipto de Mubarak constitúe un aliado estratéxico para EEUU e Israel, principalmente na loita antiterrorista.

No derradeiro plan de Washington para Oriente Medio, Exipto recibirá 13.000 millóns de dólares en asistencia militar ata o 2018, un incremento do 25% que o convirte nun dos que máis axuda militar recibe de Washington.

Deste xeito, EEUU fortalece o poder dos Mubarak e da elite dirixente en detrimento dos mecanismos democráticos e da oposición sociopolítica.

As recentes reformas constitucionais de Mubarak, cualificadas pola oposición de “golpe de Estado constitucional”, permitirán ás autoridades os arrestos sen mandato xudicial e as escoitas ilegais, en aras de preservar a lexislación antiterrorista.


8) Un Magreb unido ou desunido?

Cando Sarkozy colocou a Alxeria como primeira parada da súa xira polo Magreb, o goberno marroquí amosou o seu descontento polo que considerou un “inusual desprazamento” en menoscabo do seu país, suspendéndose a visita de Sarkozy a Rabat.

Paralelamente, os recentes acercamentos entre o goberno español de Zapatero e da UE con Marrocos, principalmente para acordos pesqueiros, comerciais e de combate á inmigración ilegal, deron paso a unha dura reacción por parte do goberno alxerino cara España e Europa, principalmente polo seu “interesado esquecemento” do estatuto de independencia do Sáhara Occidental.

Estas controversias diplomáticas e políticas permiten intuír as dificultades que ten o Magreb para constituírse nun bloque de integración viable. A Unión do Magreb Árabe (UMA), organismo creado en 1989, vese constantemente obstaculizada pola controversia política entre Alxeria e Marrocos sobre o estatuto definitivo do Sáhara Occidental.

Paralelamente, o comercio entre os países magrebís apenas alcanza o 2,5% dos intercambios comerciais na zona. Países como Alxeria, Marrocos e Libia obteñen maiores beneficios económicos negociando por separado con Europa, EEUU, Rusia, China e outros países africanos que conformando un bloque de integración económica rexional.

A pesar das ambiciosas reformas económicas e fiscais nos países magrebís, aspectos como a pobreza, o desemprego, a falta de efectivos servizos públicos, o excesivo crecemento demográfico e a dubidosa vontade dos líderes políticos para levar a cabo as reformas en momentos de inestabilidade política interna, condicionan un panorama de crítica incerteza e desaceleración integracionista.

Non obstante, a distribución xeográfica das ambiciosas infraestruturas gasíferas e petroleiras de Alxeria a Europa, que tamén pasan por Marrocos, permitiron un acercamento entre Alxer e Rabat.

No apartado da interrelación entre Europa e o Magreb, atópase o contacto das diásporas magrebís dende países como Francia, España e Italia, as relacións sociais e económicas (remesas de emigrantes) e de comunicacións (telefonía móbil, radio e televisión, boom dos voos de baixo custe, etc), a creación en febreiro pasado da Unión Magrebí de Empregados (UME) e dunha iniciativa de librecambio e integración rexional, o Proceso de Agadir, que involucra a Marrocos, Exipto, Tunisia e Xordania.

Outro apartado ten que ver coa efectiva cooperación antiterrorista e de seguridade entre Alxeria, Marrocos e Tunisia, principalmente tralos atentados de abril pasado en Alxer e Casablanca e o avance do “yihadismo salafista” alentado por Al-Qaeda no Magreb.

En paralelo a este proceso, o ascenso dunha nova xeración dirixente e política no Magreb (Mohammed VI en Marrocos, Saif el Islam en Libia, Gamal Mubarak en Exipto), pode posibilitar, aínda que moderadamente e sen certezas, un determinado cambio de percepción nos aspectos da apertura política e a integración rexional.


9) O Sáhara sen independencia?

A rolda de negociacións iniciada a partir de xuño entre Marrocos e a Fronte Polisario, baixo o auspicio da ONU, en Manhasset (Nova York), permitiron afrontar unha nova etapa para a consecución dun novo estatuto para o Sáhara Occidental.

A resolución 1.574 da ONU, aprobada en abril, permitiu a creación do Grupo de Amigos do Sáhara, destinado a fomentar un encontro entre Marrocos e o Polisario “sen condicións previas”, contactos directos interrompidos dende hai dez anos.

Non obstante, o representante ante a ONU do Polisario e da República Árabe Saharauí Democrática (RASC), Ahmed Bujari, considerou como “fráxil e difícil” a posibilidade de alcanzar un acordo. O definitivo fracaso no 2006 do “Plan Baker” e a intransixencia marroquí, deron paso a unha posible reactivación da loita armada por parte do Polisario que, nestes momentos, segue a ser unha preocupante realidade.

Marrocos presentou no 2007 un plan para as “Rexións do Sur” (tal e como denomina ao Sáhara Occidental), na que alentaba unha moderada autonomía económica e política, con nulas esperanzas de prover a autodeterminación saharauí.

O actual aliñamento de España, Francia e EEUU a favor de Marrocos, principalmente en aspectos de loita antiterrorista, acordos económicos e de inmigración, desestimaron as peticións saharauís de solucionar o seu estatuto.

Marrocos teme a internacionalización do conflito saharauí e a posibilidade de que o terrorismo “salafista yihadista” utilice a causa saharauí como referente. Velaí a súa simetría cos intereses occidentais.

Pola súa banda, a Fronte Polisaria e a RASD vense acurralados e con escasas opcións de apoio exterior, salvo a solidariedade de países como Alxeria e de diversas ONGs. A pesar das negociacións, non existen esperanzas tanxibles a curto e mediano prazo para alcanzar un estatuto independente para o Sáhara Occidental.


10) Mauritania: democracia tras golpe militar?

Normalmente afastado da atención política e dos medios de comunicación, así como tradicionalmente ausente dos asuntos magrebís, Mauritania experimenta un proceso de rápida transición democráticas despois de tres decenios de gobernos e golpes militares.

A caída da ditadura militar de Maaouiya Ould Taya en agosto de 2005, tras un golpe militar levado a cabo polo coronel Ely Mohammed Ould Vall, deu paso a unha serie de cambios políticos de gran importancia para Mauritania.

Un Consello Militar pola Xustiza e a Democracia tomou o poder para iniciar un traspaso a un civil e fomentar a transición estable e pacífica cara un sistema democrático.

Mauritania celebrou un referendo constitucional en xuño de 2006 (que permitiu recortar o mandato presidencial a cinco anos), unhas eleccións lexislativas en decembro de 2006 e outras presidenciais de marzo de 2007, onde a Coalición de Forzas do Cambio Democrático (CFCD), principal partido opositor e maioritario no Parlamento, obtivo a vitoria da man de Sidi Ould Cheikh Abdallahi, converténdose este no actual presidente.

O único “punto escuro” deste cambio foi a exclusión dos partidos islamitas en ambos procesos electorais.

Á par do cambio político, que tamén permitiu unha amnistía dos presos políticos e o retorno dos exiliados políticos durante a ditadura militar, Mauritania está experimentando un beneficioso boom petroleiro, que lle permite ao seu goberno solucionar determinadas controversias con multinacionais estranxeiras (a australiana Woodside Petroleum).

O FMI anunciou a cancelación da débeda total mauritana (49 millóns de dólares) mentres se aplicaba un programa de reformas macroeconómicas.

Por contra, Mauritana non é allea ao conflito saharauí, debido a que posúe varios campos de refuxiados e manifesta certas simpatías pola causa saharauí, provocando no pasado algúns roces diplomáticos con Marrocos.

Pero existen problemas crónicos como a extrema pobreza (Mauritania ten un dos máis baixos índices de desenvolvemento humano), o tráfico de persoas e a inmigración ilegal subsahariana cara Europa, un aumento preocupante do tráfico de drogas (reforzado ante a aparente carencia da seguridade estatal) e, incluso, residuos de escravitude contra minorías étnicas e raciais.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/08/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta