Guía Exterior / nº 026-8/2007 de 4 de xullo Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Modelos de integración, conflitos e actores principais
A nova xeopolítica de América do Sur
 
 

  Gasolinas, clic para aumentar
Con mecanismos distintos, Venezuela e Brasil son os principais propulsores da integración enerxética sudamericana, a través das súas respectivas industrias estatais de petróleo: PDVSA e Petrobras.
 
Introdución

América do Sur axiliza unha serie de mecanismos de integración, non limitados unicamente ao aspecto económico, destinados a afirmar un maior peso da rexión nos foros internacionais.

Non entanto, a ampliación da axenda integracionista deixa aflorar claras diverxencias nos modelos de integración. Uns están determinados por organismos xa consolidados (MERCOSUR e Comunidade Andina), mentres outros apostan por novas alternativas (ALBA). Todo isto sen esquecer a influencia hemisférica dende a perspectiva estadounidense (ALCA, Plan Colombia). En gran medida, estes modelos están determinados pola diplomacia persoal e directa de líderes como Hugo Chávez, George W. Bush e Lula da Silva.


Un espazo suramericano para o escenario global

1) A integración: unha sopa de letras?

Unha das principais características do proceso actual de integración en América do Sur ven determinado pola proliferación de organismos rexionais de diversa índole que, en certos casos, dificulta a comprensión e o alcance deste proceso.

Desde 1991, co final da “guerra fría” e a consolidación da transición democrática en América Latina, apareceron unha serie de organismos que exemplificaban a dinámica desta integración rexional, algunhas delas como alternativas e outras como substitutas de organismos anteriores.

Neste sentido, os dous principais organismos son o Mercado Común do Sur (MERCOSUR, creado en 1991) e a Comunidade Andina de Nacións (CAN, 2004, substituta do Pacto Andino), tanto como persisten organismos de alcance hemisférico como a Asociación Latinoamericana de Integración (ALADI).

Pero o avance integracionista se consolida coa creación, ou ben a proposta de creación, de organismos como a Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA, 2005), a Comunidade Sudamericana de Nacións (CSN, 2004), a Unión de Nacións do Sur (UNASUR, 2007), PETROSUR e TELESUR (2005), PETROAMÉRICA (2006), Organización de Países Produtores e Exportadores de Gas de Sudamérica (OPPEGASUR, 2007), o Banco do Sur (2007), a Organización do Tratado do Atlántico Sur (OTAS, 2006) e a Infraestrutura Rexional Sudamericana, IIRSA (2007). Todo isto sen esquecer a presenza e influencia do Acordo de Libre Comercio para as Américas (ALCA, 1994), reconvertido actualmente en Tratado de Libre Comercio (TLC).

Estes mecanismos amosan unha variada estrutura de integración que abarca, principalmente, toda unha gama de sectores: económico, enerxético, político, cultural, comunicacional e de infraestruturas.

A pesar desta variedade, existe unha percepción de persistencia de certa parálise na efectividade dos mecanismos de integración (como son os casos actuais do MERCOSUR e da CAN) mais non das alternativas e propostas que están en discusión e aplicación.


2) MERCOSUR vs ALBA?

No actual pulso xeopolítico suramericano, dous países (Brasil e Venezuela) e os seus dous mandatarios (Lula da Silva e Hugo Chávez), personifican os dous modelos de integración con maior capacidade de convocatoria rexional.

O ALBA é unha plataforma actualmente conformada por Venezuela, Cuba, Bolivia e Nicaragua, con Ecuador e Haití como membros observadores. O MERCOSUR ten como membros a Brasil, Arxentina, Uruguai, Paraguai e Venezuela, con Bolivia, Chile e Perú como membros asociados e observadores.

Venezuela ingresou como membro observador do MERCOSUR en 2006, impregnando este organismo dun vital socio enerxético, a falta de concretar a súa admisión definitiva e formal.

Pero a diplomacia impulsada por Chávez a través do ALBA, concibido mais como un proceso de integración política dos pobos, provocou diversos roces cos demais membros do MERCOSUR, especialmente con Brasil e Paraguai. Constantemente, Chávez denuncia que o esquema actual do MERCOSUR está “caduco” e critica a “falta de vontade para o cambio”.

O presidente brasileiro Lula da Silva, así como o seu similar paraguaio Nicanor Duarte, recean dos acordos enerxéticos e financeiros acordados por Chávez e o mandatario arxentino Néstor Kirchner. A proposta do Banco do Sur lanzada por Chávez no cumio enerxético de Margarita o pasado mes de abril, só obtivo o apoio de Arxentina e Ecuador, sendo Brasil o principal detractor desta idea.

En Brasilia comezan a considerar a influencia de Chávez como un “elemento pernicioso” para os intereses de Brasil non só dentro do MERCOSUR senón na súa política interna. Chávez manifesta un frontal apoio ao Movemento dos Sen Terra, MST, organización que lidera unha forte política de oposición a Lula pola súa política económica “neoliberal”.

Outra expresión característica deste pulso Lula-Chávez foi o recibimento ofrecido polo mandatario brasileiro a George W. Bush durante a xira do mandatario estadounidense en marzo pasado, e a “contraxira” organizada por Chávez a Arxentina e Bolivia.

A este escenario cómpre engadir o pulso directo entre Venezuela e EEUU cos seus respectivos modelos, o ALBA e o TLC. Brasil, Uruguai e Paraguai amosan unha maior predisposición a negociar os acordos de libre comercio con Washington, mentres Chávez e Kirchner tentan afirmar unha posición contraria aos TLC.


3) Unha “balcanización” nos Andes?

Un informe do “think tank” estadounidense Council of Foreign Relations (2004), prognosticou que, para o 2020, a rexión andina suporía o espazo hemisférico mais inestable.

Os países andinos amosan posicións diverxentes sobre os seus modelos de integración. Os actuais membros da Comunidade Andina de Nacións, CAN, son Colombia, Perú, Ecuador e Bolivia, retirándose Venezuela no 2006, contrariada pola política de Perú, Colombia e Ecuador de negociar o TLC con Washington. Chile negocia actualmente o seu reingreso na CAN.

En maio pasado, os mandatarios colombiano Álvaro Uribe Vélez e peruano Alan García, principais aliados rexionais estadounidenses, estiveron en Washington para pedir ao Congreso estadounidense a aceleración dos mecanismos de aprobación do TLC con Bogotá e Lima. Non obstante, problemas de cláusulas sindicais e ambientais complican actualmente este panorama a curto prazo.

Uribe, acosado polo escándalo interno da “parapolítica” (vínculos entre deputados do seu goberno e líderes paramilitares) e a loita interna coa guerrilla das FARC, negocia con Washington unha ampliación andina do Plan Colombia, cunha segunda fase que expira no 2010.

A Bolivia de Evo Morales forma parte do ALBA de Chávez, sendo estes países os de maiores reservas de petróleo e gas natural no hemisferio occidental. Os programas de nacionalización enerxética impulsados por Chávez e Morales a partir de 2006 tamén provocaron fricións rexionais.

O Ecuador de Rafael Correa manifesta a súas simpatías polo modelo “chavista” e o ALBA , en clara contradición coa orientación máis “pro-estadounidense” de gobernos anteriores en Quito. Pero Correa non acaba de formalizar a súa adscrición ao ALBA mentres vese obrigado a negociar un TLC con Washington.

As diversas crises políticas que sacudiron Ecuador desde 1997 (once presidentes en dez anos) deixan ás claras que este país pode ser o principal foco de inestabilidade rexional.

O elevado gasto militar en países como Venezuela, Colombia e Perú, a expansión cada vez máis rexional do Plan Colombia auspiciado por Washington, a presenza do narcotráfico e da loita antidrogas, o ascendente factor indixenista e as súas demandas históricas, as dificultades socioeconómicas, a expansión dun presunto “efecto Chávez” na rexión e a inestabilidade crónica en Ecuador e Bolivia, son factores que amosan unha especie de “balcanización” andina, con directas repercusións en materia xeopolítica e de seguridade para os seus veciños sudamericanos.


4) Chávez: integracionista ou antagonista?

Consolidado internamente coa súa reelección presidencial de 2006, Chávez orienta a súa estratexia exterior cara as áreas andina e sudamericana, constituíndose no principal actor de influencia rexional.

Impulsando a idea hemisférica do ALBA como principal alternativa “endóxena” ao “imperialismo estadounidense” e o ALCA, Chávez axiliza toda unha serie de mecanismos e iniciativas que producen un dobre efecto integrador e polarizador.

O impulso da integración enerxética proposta por Chávez se complementa cunha vertente ideolóxica baseada na súa alternativa do “socialismo do século XXI”.

Integrándose no MERCOSUR e propulsando outros mecanismos como PETROSUR, TELESUR, UNASUR, o Gasoduto do Sur, a OPPEGASUR, as interaccións enerxéticas e de libre comercio con Colombia, e unha ambiciosa rede de infraestruturas dende Caracas ata a Patagonia, Chávez semella ser o principal activo integracionista na área sudamericana.

Non obstante, o presidente venezolano postula diversas reaccións antagónicas, como a súa decisión de retirar a Venezuela da CAN no 2006, as súas críticas ao actual “modelo caduco” dentro do MERCOSUR (provocando roces con Lula), que minan a súa capacidade de influencia e acción rexional, pois en determinados aspectos son sumamente directas e susceptibles de ser consideradas inxerencias nos asuntos dos seus países veciños.

Paralelamente, as medidas gobernamentais no plano interno neste 2007 están provocando diversas inquietudes no exterior, principalmente ante o peche en maio pasado da canle de televisión RCTV, o anuncio do “afondamento da revolución socialista bolivariana” e unha posible e controvertida deriva política autoritaria, ante a conformación do Partido Socialista Unificado de Venezuela, PSUV. Algúns mandatarios como Lula e Tabaré Vázquez comezan a observar a Chávez como un “aliado incómodo”.


5) Lula: progresista ou neoliberal?

A visita a Brasil do presidente estadounidense George W. Bush en marzo pasado e a estratexia de fomentar o etanol como elemento enerxético alternativo ao petróleo, permitiu deseñar un eixe hemisférico entre Washington e Brasilia, que coloca ao mandatario brasileiro Lula da Silva nunha situación particularmente comprometida.

Chávez e diversos movementos sociais de esquerda en América Latina acusaron a Lula de “venderse ao Imperio”. A “guerra do etanol” supón para Venezuela e Bolivia un golpe directo á súa preponderancia enerxética, que ten en Brasil un mercado de gran importancia.

Aliñándose con Washington, Lula deixou entrever a posibilidade de apoiar un “ALCA light”, en clara contraposición ao ALBA. A notoria presenza de Lula nos foros internacionais das grandes potencias, como o recen celebrado G-8 en Alemaña, permiten intuír este cambio de orientación en Lula cara unha vertente socialdemócrata con amplas miras “neoliberais” en materia de política económica.

O problema para Lula son os movementos políticos alternativos e de esquerda que apoiaron a súa reelección en outubro de 2006 e que actualmente amosan o seu descontento con este cambio de orientación. Un escenario que pode complicar a mediano prazo a súa gobernabilidade ata o 2011.


6) Unha “dinastía Kirchner” na Arxentina?

O recente anuncio da candidatura presidencial de Cristina Fernández de Kirchner, esposa do actual presidente Néstor Kirchner, para as eleccións presidenciais arxentinas previstas para o próximo 28 de outubro, permiten intuír certos visos de conformación dunha especie de “dinastía política” neste país.

Diversos analistas arxentinos consideran que “os Kirchner” barallan un plan de alternancia presidencial a longo prazo. Postulando a Cristina Fernández para o período 2007-2011, o actual presidente Kirchner sería o principal “poder na sombra” que lle permitiría pensar nunha futura candidatura no 2012, con posible reelección no 2016.

Aos Kirchner lles favorecen diversas enquisas, cun caudal de popularidade aínda superior no caso do actual presidente con respecto á súa esposa. Outro factor favorable é a recuperación económica arxentina trala crise financeira do “corralito” no 2001, así como a confianza e estabilidade gobernamental.

Non obstante, as dúas derrotas do peronismo nas eleccións provinciais celebradas en Terra do Fogo e Neuquén e o importante triunfo da oposición de centrodereita da man de Mauricio Macri na elección en Bos Aires, poderían complicar os cálculos políticos do matrimonio Kirchner.

Paralelamente, ao presidente arxentino se lle critica un talante autoritario na relación cos medios de comunicación e na resolución de problemas sociais na provincia (Santa Cruz, 2007), mentres persisten os efectos dos escándalos de corrupción administrativa nos casos da empresa enerxética estatal ENARGAS (cortes de electricidade incluído) e da empresa construtora sueca Skanska.

No obstante, a curto prazo, o panorama segue a favorecer á “fórmula Kirchner”. A oposición acude con catro candidaturas diferentes aos comicios presidenciais de outubro próximo, escenario que podería garantir unha vitoria en segunda volta para Cristina Fernández de Kirchner.


7) Persisten os litixios fronteirizos?

A resolución no Tribunal da Haia da “guerra diplomática” entre Arxentina e Uruguai no 2006, derivada da construción da papeleira da empresa española ENCE na fronteira entre ambos países, permite considerar os litixios fronteirizos como un elemento de importancia dentro da actual configuración xeopolítica sudamericana.

América do Sur posúe diversas controversias fronteirizas que se poden reactivar en calquera momento, incluso tomando en conta a discusión pola distribución de infraestruturas enerxéticas de integración.

Os casos máis significativos destes litixios fronteirizos son os de Perú, Bolivia e Chile pola demarcación da rexión de Arica e a saída boliviana ao océano Pacífico (Santiago e La Paz non manteñen relacións diplomáticas desde 1978); Ecuador e Perú pola Cordilleira do Cóndor (que levou a unha breve guerra en 1997); Colombia e Venezuela pola reclamación do “Golfo de Venezuela” ou “Golfo de Coquivacoa”, como reclaman en Bogotá; e Venezuela e Guíana pola demarcación do territorio de Esequibo.

Estes conflitos fronteirizos poden espallarse ante a discusión pola distribución territorial de gasodutos e infraestrutura hidráulica, principalmente entre Arxentina, Bolivia, Paraguai, Brasil e Chile.


8) Existe unha carreira de armamentos rexional?

Tanto como o risco de espallamento de conflitos fronteirizos, resulta sumamente notorio o elevado gasto militar en América do Sur, que pode dar cabida a unha carreira de armamentos entre diversos países veciños.

Segundo datos da ONU, América Latina é a rexión do mundo que menos recursos destina ao gasto militar, cun 1,4% do PIB total. A caída das ditaduras militares na década dos oitenta do século pasado e a posterior consolidación democrática permitiron diminuír esta variable.

Non obstante, a aplicación no ano 2000 do Plan Colombia supuxo a principal variante estratéxica militar e de seguridade rexional nos últimos anos, conformando unha estreita alianza militar e política entre Bogotá e Washington que permite a Colombia ser, en volume, o terceiro país no mundo en recibir asistencia militar estadounidense, con máis de 3.000 millóns de dólares anuais.

A partir do 2005 é a Venezuela de Chávez o principal país en aumentar o gasto militar na rexión sudamericana. Este escenario incrementa as preocupacións de Colombia, EEUU e Brasil dunha posible conformación dun rival militar estratéxico en Venezuela.

Chávez leva adiante un ambicioso proceso de modernización das súas forzas armadas, coa compra de armamento terrestre e de aviación a países como Rusia e Irán. Incluso, unha serie de compras de armamento a Rusia e navais a España, provocaron fortes presións por parte de Washington, tomando en conta a presenza de concesionarias estadounidenses nestas operacións.

Venezuela ven gastando máis de $3.000 millóns no seu proceso de modernización militar, que pode incrementarse aos $30.000 millóns nos próximos seis anos, segundo consultoras internacionais. Isto inclúe tamén a posible pretensión venezolana de construír un reactor nuclear, a tenor da súa alianza con Irán, feito que aumenta a preocupación estadounidense en relación a Chávez.

Obviamente, para o presidente venezolano, a ampliación do Plan Colombia supón un evidente elemento de incerteza que lle obriga a aumentar o gasto militar, especialmente tendo en conta a fricción permanente entre os gobernos de Caracas, Bogotá e Washington.

Outro factor de importancia reside na base militar que EEUU inaugurou no 2005 en Paraguai, cuns efectos xeopolíticos que estarían destinados a controlar os recursos enerxéticos e hidroeléctricos, así como a presunta presenza de grupos islamitas na rexión.

Pero non é Venezuela o único en aumentar o gasto militar suramericano. Chile gastou máis de 2.500 millóns de dólares en compras militares e modernización a longo prazo, provocando un proceso similar no seu veciño, Perú.

Brasil, a principal potencia militar rexional, aumenta as súas pretensións de afincar un programa nuclear de enriquecemento de uranio e a súa inclusión no proceso de ampliación do Consello de Seguridade da ONU.

O goberno de Lula está embarcado nun amplo programa defensivo, principalmente para repeler a posible penetración de guerrilleiros das FARC e narcotraficantes dende a fronteira colombo-brasileira.

Ao igual que Chávez, Lula tamén postula unha especie de integración militar sudamericana similar á OTAN, pero que reafirme definitivamente a supremacía militar brasileira. Este escenario levantou inquietudes en Arxentina, que mantén similares pretensións.

Segundo a lista que elabora a publicación Military Power Review, para o período 2005-2006, Brasil, Perú, Arxentina, Chile, Colombia e Venezuela son os principais compradores de armamento militar na rexión. Tamén é notorio o incremento da presenza de militares suramericanos nas misións de paz da ONU.

Non obstante, os recentes gastos militares en diversos países evidencia a existencia dun amplo proceso de rearme rexional.


9) A enerxía: motor da integración ou propulsor de conflitos?

Con toda probabilidade, a clave que permite descifrar actualmente cara onde camiñan os diversos procesos de integración suramericanos está contida na construción de varios eixes enerxéticos de petróleo e gas natural, ampliado ao hidráulico.

Esta ambiciosa rede de infraestruturas enerxéticas semella tamén outorgar un poderoso carácter de efectividade e alcance a este procedemento, dos que aparentemente carecen outros mecanismos de integración rexionais, amparados pola sensación de parálise e conflitos internos.

Con mecanismos distintos, Venezuela e Brasil son os principais propulsores da integración enerxética sudamericana, a través das súas respectivas industrias estatais de petróleo: PDVSA e Petrobras.

Caracas celebrou entre o 16-17 de abril de 2007 o cumio enerxético de Margarita, coa intención de deseñar unha integración enerxética e global “como ferramenta para promover o desenvolvemento social, económico e a erradicación da pobreza”.

Neste cumio, que creou o Consello Enerxético de Sudamérica, participaron Venezuela, Arxentina, Brasil, Ecuador, Colombia, Bolivia, Uruguai, Guíana e Surinam. Aquí se falou dun Tratado Enerxético Suramericano e da ampliación do plan venezolano de consolidación de Petroamérica.

Venezuela e Colombia avanzaron na construción dun gasoduto bilateral entre Ballenas e Maracaibo, que conducirá gas colombiano a Venezuela, e que podería ampliarse cara Panamá e América Central.

Paralelamente, entre 2006 e 2007, PDVSA concretou diversos convenios de cooperación enerxética con Petroecuador, YPFB (Bolivia), Petrobras, Ecopetrol (Colombia), Petropar (Paraguai) e Ancap (Uruguai).

No entanto, e a pesar da mecánica de integración, o eido enerxético tamén está a provocar diversos problemas entre países veciños.

Desde 2006, Venezuela, Arxentina e Brasil veñen promovendo o Gasoduto do Sur, aínda que no cumio de Margarita este proxecto foi motivo de controversia entre Caracas e Brasilia.

Paralelamente, Brasil, Colombia e Perú opuxéronse á creación da Organización de Países Produtores e Exportadores de Gas de Sudamérica, OPPEGASUR, un eixe conformado por Venezuela, Bolivia e Arxentina.

No caso do etanol, Ecuador amosou o seu interese en cooperar con Brasil nesta materia, afastándose momentaneamente da pretensión de Chávez de constituír un bloque rexional “antietanol”.

No posterior cumio do ALBA en Caracas, celebrado a finais de abril de 2007, Chávez impulsou a creación do Consello Enerxético do ALBA, como posible mecanismo de contención do acordo do etanol entre Brasil e EEUU.

Un caso particular foron as disputas polo gas boliviano entre os presidentes Evo Morales e Lula da Silva, trala nacionalización decretada polo goberno boliviano a principios do 2006. O enfrontamento diplomático entre Brasilia e La Paz tivo un cariz político aplicado aos enormes investimentos de Petrobras neste país andino.

Paraguai ven reclamando a Brasil a realización de diversos cambios nos contratos de venda de enerxía hidráulica e eléctrica dende a represa de Itaipú, que comparten ambos países. A comezos de 2007, Arxentina reiniciou as suspensións intermitentes de exportacións de gas natural a Chile.

Do mesmo xeito, Chávez acordou con Kirchner a venda de gas natural venezolano a Arxentina, a fin de diminuír a excesiva dependencia arxentina do gas brasileiro.

No espazo MERCOSUR, existe unha ampla rede de interconexión de electricidade e gas natural entre Arxentina, Brasil, Bolivia, Chile, Uruguai e Paraguai, pero aínda non unha plataforma enerxética común para estes países.


10) É China a alternativa a EEUU?

Cobrando forza a súa condición de potencia emerxente global, a presenza chinesa en América do Sur ven sendo notoria desde o 2004, a través de investimentos económicos e cooperación enerxética.

O interese chinés pola rexión latinoamericana ven reforzado pola existencia en Beijing do maior centro mundial de estudos e investigación sobre América Latina.

A viraxe cara a esquerda en Brasil, Venezuela, Arxentina, Chile, Uruguai, Bolivia e Ecuador, e a perda de influencia de Washington na rexión, especialmente baixo a actual presidencia de George W. Bush, permitiron a Beijing posicionarse con forza na rexión sudamericana, principalmente a través dunha política multilateral de cooperación enerxética.

Este escenario permite outear a China como un interesante, anque feble polo momento, contrapeso á tradicional presenza hemisférica de Washington. Unha das claves desta presenza chinesa é a súa relación directa con Brasil e o seu interese na área de MERCOSUR, pero nos derradeiros anos, Arxentina, Chile e Venezuela ampliaron estes eixes de actuación de Beijing na área sudamericana.

China é o segundo socio comercial para Perú, o segundo para Brasil, o terceiro para Chile e o cuarto para Arxentina e Uruguai. Esta activa presenza chinesa permitiu a reinserción dos países andinos e suramericanos no escenario económico global.

A partir do 2004, China asinou 39 convenios comerciais con países suramericanos, mentres o seu volume de comercio con Arxentina, Brasil, Venezuela e Chile alcanzou os $20.000 millóns. Se espera que este volume aumente aos $100.000 millóns para o 2010.

No caso de Venezuela, Beijing acordou un importante convenio de explotación petroleira na Plataforma do Delta do Río Orinoco, onde se estima existen as maiores reservas futuras do hemisferio occidental.

Para Beijing, outro factor importante de inserción ten que ver coa súa numerosa diáspora na rexión, estimada en aproximadamente 300.000 persoas, especialmente presentes nos sectores económico, comercial e cultural.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/07/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta