Guía Exterior / nº 025-7/2007 de 22 de xuño Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
A crise entre Hamas e Al Fatah e o conflito en Oriente Medio
Palestina dividida
 
 

  Mahmud Abbas, clic para aumentar
Mahmud Abbas poderá dirixir a Al Fatah e a ANP en Cisxordania, desenvolvendo unha estrutura administrativa de poder tendente a acabar coa posible influencia de Hamas e os movementos islamitas. Resulta pouco probable unha “islamización” de Cisxordania, pero as pugnas de poder dentro de Al Fatah e os seus variados grupos armados e de seguridade afectarían a Cisxordania caso de producirse unha crise política a medio prazo.
 
Introdución

Os mortais enfrontamentos entre as milicias de Hamas e Al Fatah, con visos de posible guerra civil, certificaron a marcada división política e territorial en Gaza e Cisxordania, con implicacións directas na viabilidade dun Estado palestino unido e independente, na configuración dun novo mapa xeopolítico en Oriente Medio e nas negociacións de paz con Israel.

Este escenario desarticula o goberno bicéfalo da Autoridade Nacional Palestina entre Hamas e Al Fatah mentres supedita a posición europea aos intereses estratéxicos de EEUU e Israel. Paralelamente, Palestina está afrontando unha crise humanitaria de grandes proporcións, ante a indiferente mirada da comunidade internacional.


A encrucillada decisiva para Palestina

1) Unha guerra civil entre Hamas e Al Fatah?

O diagnóstico máis común nos medios de comunicación internacionais sobre os enfrontamentos entre as milicias armadas de Hamas e Al Fatah en Gaza, permitiu especular co posible espallamento dunha “guerra civil palestina”.

A posibilidade dunha “guerra civil” nos territorios palestinos comezou a configurarse a comezos do presente século, co avance social e político de Hamas e dos seus ataques contra Israel, así como ante a paulatina perda de espazo e lexitimidade por parte de Al Fatah, o partido laico e nacionalista fundado por Yasir Arafat e que tradicionalmente dominaba o espectro político palestino.

Na actual conxuntura, o pulso entre Hamas e Al Fatah semella máis un cálculo xeopolítico de nivelación de forzas que unha “guerra civil” articulada, a fin de manter as súas cotas de espazo territorial: Hamas en Gaza e Al Fatah en Cisxordania.


2) Cal é a responsabilidade da Unión Europea?

Tradicionalmente, Europa constituía para a clase política e a poboación palestina, unha “válvula de escape” e unha alternativa para aliviar a forte presión de EEUU e Israel.

Pero coa actual crise, a Unión Europea definiu a súa posición completamente a favor dos imperativos estratéxicos e de seguridade do eixe conformado por Washington e Tel Aviv, facéndose partícipe do boicot internacional contra o goberno de Hamas e dun embargo financeiro e económico que incrementa as penurias da poboación palestina.

Neste sentido, Bruxelas apoiou a estratexia de “acoso e derrube” aplicada contra Hamas desde xaneiro de 2006, cando o partido islamita alcanzou o poder, por vías democrático-electorais, na Autoridade Nacional Palestina (ANP). O non recoñecemento europeo e occidental do goberno de Hamas e o fomento do seu illamento exterior, contribuíron a aumentar as tensións internas en Palestina.


3) EEUU e Israel: alianza perpetua?

Desde a guerra dos Seis Días de 1967, a alianza estratéxica entre EEUU e Israel converteuse nunha realidade tan absorbente que condiciona unha gran parte dos cambios e da situación que se vive en Oriente Medio.

Para o presidente estadounidense George W. Bush, os dous derradeiros primeiros ministros israelís, Ariel Sharon e Ehud Olmert, significan dous aliados estratéxicos de gran influencia para a política estadounidense en Oriente Medio.

Tanto como a Unión Europea, EEUU adoptou firmemente a posición israelí de non negociar con Hamas ningún acordo de paz, tomando en conta que o movemento islamita é recoñecido internacionalmente como “organización terrorista”. O único acercamento posible se realizaría en tanto Hamas recoñecera ao Estado israelí.

Bush tamén apoia o plan promovido por Olmert de afianzar as “fronteiras históricas e definitivas” de Israel para o 2010, cunha principal baza xeopolítica para Tel Aviv que consiste en asegurar o control en Cisxordania e illar e separar Gaza, mais aínda agora baixo control de Hamas.

Pero moito depende dos prazos temporais e dos próximos interlocutores en Washington e Tel Aviv. A crise política interna en Israel pode acabar co goberno Olmert nos próximos meses, mentres que os laboristas israelís acaban de elixir ao ex primeiro ministro Ehud Barak como líder e futuro candidato.

Pola súa banda, Bush prepara o final do seu mandato, previsto tralas eleccións de novembro de 2008, que poden darlle ao Partido Demócrata o poder na Casa Branca.


4) Qué papel xogan Exipto, Irán e Siria?

A práctica separación política e territorial na ANP, con Gaza baixo control de Hamas e Cisxordania aparentemente controlada por Al Fatah, deseña un novo mapa xeopolítico en Oriente Medio.

Coa dirixencia de Al Fatah no control das estruturas administrativas e de seguridade en Cisxordania, Israel, EEUU e Europa terán un aliado político nunha rexión rica en recursos hidráulicos e localizada no corazón da rexión, con conexións importantes cara Xordania, Siria, Líbano, Iraq e a península arábiga.

Este escenario pode propiciar un maior acercamento do eixe conformado por EEUU, Israel e Xordania, ao cal podería unirse Arabia Saudita, tendente a buscar canais de relación entre Siria e Israel, tal e como se observou nos derradeiros meses a través de mecanismos diplomáticos.

A clave siria pode ser a principal baza de Israel nos próximos meses. Damasco posúe unha gran influencia política sobre Hamas e Al Fatah que Israel tentará de nivelar cara o partido de Mahmoud Abbas. Gañar espazos de diálogo con Siria sería un triunfo político para Israel na súa particular puxa con Hamas.

No caso de Gaza, baixo control de Hamas, o movemento islamita asentaría as súas posicións nun territorio firme, que lle permitiría desenvolver o seu proxecto islamita, incluso con potenciais canais de expansión rexional cara o movemento dos Irmáns Musulmáns en Exipto e Xordania.

Precisamente, o goberno exipcio, aliado estadounidense e israelí, teme unha posible “islamización” de Gaza baixo Hamas e a repercusión que este escenario tería en Exipto a través dos Irmáns Musulmáns, principal partido de oposición, que posúe conexións históricas con Hamas.

No caso iraniano, o control de Hamas en Gaza podería incrementar a súa influencia política neste territorio, a traveso da confluencia de intereses e do apoio loxístico que Teherán brinda a Hamas.

Neste sentido, Israel teme que Hamas asente territorialmente as súas posicións estratéxicas para iniciar unha campaña de ataques contra obxectivos israelís e afinque neste terreo a configuración dun posible eixe cos Irmáns Musulmáns, o Hizbulah libanés, Irán e Siria.


5) Existe relación entre Palestina e a crise libanesa?

Previo aos enfrontamentos entre Hamas e Al Fatah, a crise nos campos de refuxiados palestinos de Naher el Bared, ao norte do Líbano, alertou sobre unha posible “palestinización” rexional.

A aparición do grupo Fatah al Islam, presuntamente vinculado a Al Qaeda, configurou un novo escenario de tensións internas no Líbano, un país cun delicado equilibrio relixioso, étnico e político, que vive constantes crises desde o asasinato do primeiro ministro Rafik Hariri en febreiro de 2005.

No campo de Naher el Bared viven 40.000 refuxiados palestinos desde a guerra de 1948, o cal aumenta o caudal de conflito se o Fatah al Islam incrementa os seus enfrontamentos co Exército libanés.

Tamén está presente a crise política interna entre os partidos libaneses antisirios, as investigacións da ONU sobre a presunta implicación siria no asasinato de Hariri e o papel político e social que conforma o movemento islamita Hizbulah, que causa temores na clase política libanesa, Israel e EEUU.

Outra hipótese a ter en conta consiste no posible espallamento dunha guerra a gran escala en Oriente Medio, comezando no Líbano e Palestina, que podería ampliarse se as tensións no Kurdistán iraquí obrigan a Turquía e Irán a propiciar unha invasión militar ao norte de Iraq.


6) “Hamastán” en Gaza?

A consolidación do poder de Hamas en Gaza deu cabida á adopción dun termo político e territorial para cualificar esta situación: o “Hamastán” en Gaza.

O partido islamita posúe agora un enclave territorial estratéxico para desenvolver con viabilidade o seu proxecto islamita de sociedade. Con 380 km2, Gaza está orientada cara o mar Mediterráneo, fronteirizo con Exipto, pero illada na súa maior parte por Israel e os seus controis militares.

A retirada militar e dos colonos israelís de Gaza no 2005 deulle a Hamas unha importante oportunidade para calibrar o seu dominio neste espazo territorial. Gaza ten tamén unha importancia simbólica para Hamas, debido a que o movemento islamita naceu neste territorio en 1982.

O problema para Hamas e a poboación palestina en Gaza reside na pobreza existente neste territorio. Segundo datos da ONU, un 88% da poboación en Gaza, preto de millón e medio de persoas, vive en situación de pobreza e extrema pobreza. Polo tanto, a crise humanitaria pode manifestarse en calquera momento, ante a indiferenza dos organismos internacionais.

Con ese panorama, o illamento internacional de Gaza, recluíndo a Hamas neste territorio, pode ser unha medida estratéxica a adoptar a medio prazo por parte de Israel, EEUU e Exipto, a fin de afastar a Cisxordania dunha posible influencia islamita e propiciar unha crise económica en Gaza que afecte á operatividade de Hamas.


7) Cisxordania para Al Fatah?

A división de poder político na ANP e a consolidación de Hamas en Gaza, permitiron a Al Fatah concentrar as súas forzas en Cisxordania, un territorio de 5.800 km2, con dous millóns e medio de habitantes.

Cisxordania é unha posición estratéxica importante para os actores que forman parte do conflito palestino. Cun Al Fatah cada vez máis dependente da influencia israelí, a conexión territorial de Cisxordania con Xordania e Siria aumentará a súa importancia estratéxica para Israel.

Outro factor de importancia estratéxica de Cisxordania son as súas reservas hidráulicas, conformadas polo paso do río Xordán, elemento sumamente vital para Israel e a poboación palestina.

Mahmud Abbas poderá dirixir a Al Fatah e a ANP en Cisxordania, desenvolvendo unha estrutura administrativa de poder tendente a acabar coa posible influencia de Hamas e os movementos islamitas. Resulta pouco probable unha “islamización” de Cisxordania, pero as pugnas de poder dentro de Al Fatah e os seus variados grupos armados e de seguridade afectarían a Cisxordania caso de producirse unha crise política a medio prazo.


8) Unha crise humanitaria ás portas?

Segundo estatísticas da ONU, nos derradeiros anos, unha media de 10.000 palestinos abandonan Gaza e Cisxordania para exilarse en países árabes ou en Occidente.

O exilio constitúe unha modalidade cada vez mais recorrente para os palestinos, debido ao escenario de crise social e económica que se vive en Gaza e Cisxordania. Este problema aumenta coa irresolución do problema dos refuxiados palestinos, que suman máis de catro millóns de persoas non só dentro dos territorios palestinos, senón nos países veciños.

O illamento internacional do goberno de Hamas na ANP aumentou a crise financeira e económica traducida no aumento da pobreza e no agravamento das carencias de servizos básicos para a poboación palestina. Con estes elementos, unha crise humanitaria podería superar os seus efectos negativos para a poboación palestina nos próximos meses e anos, superando os enfrontamentos políticos e a ausencia de paz.

Entre o fenómeno dos exilados e dos refuxiados, a desarticulación demográfica en Cisxordania e, eventualmente, en Gaza, podería persuadir a Israel para afincar aínda máis a súa ocupación social e militar, cunha nova “colonización” dos territorios palestinos.

Esta realidade de exilio e desarticulación demográfica palestina, principalmente en Cisxordania, podería cimentar as bases das “fronteiras históricas israelís” contidas no plan de Olmert para o 2010.


9) Mahmud Abbas: o home de Occidente?

Nomeado como sucesor de Arafat na dirixencia de Al Fatah en novembro de 2004 e elixido democraticamente como presidente da ANP en xaneiro de 2005, a figura de Mahmoud Abbas, de 72 anos, resulta un tanto controvertida para os palestinos, para Israel e para Occidente.

En principio, Israel e EEUU manifestaron unha gran reticencia a considerar a Abbas como “interlocutor dos palestinos”, dubidando do seu carácter “moderado e pragmático”. Pero, ante o avance de Hamas e o seu triunfo nas eleccións lexislativas de xaneiro de 2006, Occidente definiu a súa posición de apoio a Abbas.

Incluso nos meses de goberno de Hamas na ANP, Israel e Occidente tentaron influír na crise política palestina, a fin de desacreditar a Hamas, propiciar un adianto electoral con Abbas de presidente e fomentar unha nova dirixencia dentro de Al Fatah que lle permitira volver ao poder na ANP, baixo tutela de Abbas.

Dentro do espectro político e social palestino, Abbas suscita diversas controversias. Uns defenden a súa traxectoria histórica como colaborador de Arafat, pero unha porción considerable dos palestinos considérano como un “peón occidental” e, incluso, como un “traidor”.

A recente guerra dialéctica de Abbas contra Hamas, con cualificativos mutuos de “traidor”, “golpistas” e “asasinos”, así como o decidido apoio recibido por Abbas de Israel, EEUU e Europa, catalogándono como “líder indiscutible” da ANP, cimentan a posición de Abbas como o “home de Occidente” en Palestina, pero podería afectar considerablemente á súa posición política interna en Al Fatah, no caso da renovación dos seus cadros dirixentes, e no seo da propia sociedade palestina.


10) Adeus ao Estado palestino?

A absorbente ocupación israelí, a perspectiva dunha guerra civil palestina, a separación política e territorial de Gaza e Cisxordania, a crise económica e social, a desintegración parcial das estruturas administrativas da ANP e a ausencia de mecanismos equitativos de negociación e diálogo con Israel, dificultan a viabilidade dun Estado palestino unificado e independente para os próximos anos.

Neste sentido, Occidente e Israel perderon unha valiosa oportunidade de axudar á estabilización en Palestina ao non recoñecer a legalidade e lexitimidade do goberno de Hamas na ANP e nivelar o pulso entre os “moderados” e os “radicais”.

Alentando a Al Fatah, Israel, EEUU e Europa esperan tutelar unha dirixencia palestina domesticada e dócil, incluso tentando aplicar algún tipo de autonomía política no caso de que Al Fatah se consolide definitivamente en Cisxordania.

Paralelamente, a posición política dos países árabes cara a causa palestina pode diminuír na medida en que os imperativos xeopolíticos, o ascenso de Irán e a desestabilización en Iraq e no Líbano, oculten o drama palestino.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta