Guía Exterior / nº 024-6/2007 de 8 de xuño Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Rusia e Occidente: volve a Guerra Fría?
 
 

  Lanzamento proxectil balístico intercontinental ruso, clic para aumentar
O pasado 29 de maio, Rusia anunciou o lanzamento na península oriental de Kamchatka, no Mar de Xapón, dun novo mísil balístico intercontinental, o RS-24, substituto dos caducados RS-18 e RS-20, capaz de burlar calquera radar de intercepción do escudo antimísiles. O RS-24 ten capacidade para transportar 10 cabezas nucleares, un alcance de 6.500 km e estará operativo entre o 2011 e 2013. A súa presenza supón un arma de gran precisión que incrementa a seguridade militar rusa.
 
Introdución

A advertencia realizada polo presidente Vladímir Putin de dirixir novamente os mísiles rusos cara obxectivos europeos no caso de que EEUU amplíe cara Europa do Leste o seu escudo antimísiles, deixa entrever un escenario internacional cos parámetros propios da “guerra fría”, activando unha crise directa nas relacións entre Rusia e Occidente, con fortes repercusións na configuración xeopolítica para os próximos anos.

Enmarcada en imperativos de seguridade nacional e interese xeopolítico, a opción de Putin e a estratexia de Washington implican unha clara modificación do equilibrio estratéxico en Europa e da balanza de poder global en termos de seguridade internacional, con amplas repercusións cara outras potencias militares como China, Corea do Norte e Irán.


A “guerra das galaxias”
do século XXI?

1) En qué consiste o escudo antimísiles?

O comunmente denominado “escudo antimísiles” é considerado como o “o herdeiro da Guerra das Galaxias”, o programa de Iniciativa de Defensa Estratéxica, IDE, elaborado a partires de 1982 durante a presidencia de Ronald Reagan en Washington.

O seu verdadeiro nome é “Programa Nacional de Defensa de Mísiles” e foi concibido como unha ampliación do IDE. Washington acelerou a súa concreción trala súa unilateral retirada do Tratado de Mísiles Antibalísticos, ABM, en xuño de 2002.

Este plan consiste nunha aplicación de interceptores nos sistemas de radar e telecomunicacións asentados en territorio estadounidense, coa capacidade de destruír mísiles ofensivos, así como no desprazamento dun sistema de mísiles defensivos de curto alcance.

O goberno de George W. Bush espera amplialo a un sistema de defensa multinacional que involucre a cantos países desexen asinar este plan, polo que os seus retos de defensa estratéxica aumentarían considerablemente, especialmente en Europa.


2) Qué países están involucrados?

En xaneiro pasado, Washington anunciou a apertura de negociacións con Polonia e a República Checa, para instalar un radar e 10 interceptores de mísiles de longa distancia.

O plan semella incluír a estación de radar en territorio checo e os mísiles en Polonia. En febreiro pasado, Mirek Topolanek e Jaroslaw Kaczynski, respectivamente primeiros ministros checo e polaco, anunciaron a súa intención de acollerse ao escudo antimísiles estadounidense.

Este paraugas defensivo conta tamén coa benevolencia da OTAN e da Organización para aa Seguridade e a Cooperación en Europa, OSCE, actualmente dirixida por España.


3) Cal é o obxectivo da estratexia de Washington?

Segundo considera a Acta de Defensa Nacional de Mísiles de 1999, a política defensiva estadounidense concibe “o desprazamento, tan pronto como tecnoloxicamente sexa posible, dun Sistema Nacional de Defensa Misilística, capaz de defender o territorio de EEUU contra ataques de mísiles balísticos, sexan accidentais, autorizados ou deliberados”.

Alén das implicacións defensivas, a estratexia de Washington é absolutamente de carácter xeopolítico. Supón unha avanzada firme da expansión da Alianza Atlántica e da OTAN cara Europa do Leste e o antigo espazo ex soviético, especialmente Ucraína e Moldova, unha estratexia que provoca irritación en Moscova.

Neste sentido, Washington propiciou desde abril pasado unha xira diplomática por Europa, da súa secretaria de Estado, Condoleeza Rice e do seu secretario de Defensa, Robert Gates, e que incluíu a Moscova como punto esencial, para gañar adeptos europeos ao seu plan e tranquilizar e disuadir a Rusia ante a eventual ampliación do escudo.

Previo á realización do cumio do Grupo dos Oito en Alemaña, o presidente George W. Bush estivo en Praga e Varsovia, a fin de fortalecer a alianza atlántica con estes países.


4) Cal é a estratexia de Rusia?

A ampliación do escudo antimísiles cara Europa do Leste, preto das fronteiras rusas, ven provocando unha forte reacción contraria por parte do goberno de Vladímir Putin e o estamento militar ruso.

A principios de xuño, en entrevistas con medios europeos, o presidente Putin anunciou que, no caso de que o escudo antimísiles se amplíe cara Polonia e República Checa, “os mísiles rusos volverían a apuntar a Europa”.

Esta declaración modifica os compromisos anteriores adoptados por Washington e Moscova, destinados a diminuír os seus arsenais militares e nucleares, tales como o tratado ABM trala retirada estadounidense, e o tratado Start III, subscrito en 1993 entre Moscova e Washington.

Putin observa que o escudo antimísiles ameaza a seguridade militar rusa, ampliando as opcións occidentais cara as súas fronteiras en Europa do Leste e os países bálticos. Velaí que Moscova ven despregando unha dobre estratexia diplomática e militar para conter a avanzada estadounidense.

A estratexia diplomática está destinada dividir aos países europeos sobre a expansión do escudo antimísiles. A finais de maio, Putin estivo en Austria (membro da UE, mais non da OTAN) e Luxemburgo, un membro tanto da UE como da OTAN cunha política que busca moderar a estratexia occidental cara Rusia.

Pero é no aspecto militar onde Putin está avanzando con maior rapidez e efectividade. O pasado 29 de maio, Rusia anunciou o lanzamento na península oriental de Kamchatka, no Mar de Xapón, dun novo mísil balístico intercontinental, o RS-24, substituto dos caducados RS-18 e RS-20, capaz de burlar calquera radar de intercepción do escudo antimísiles.

O RS-24 ten capacidade para transportar 10 cabezas nucleares, un alcance de 6.500 km e estará operativo entre o 2011 e 2013. A súa presenza supón un arma de gran precisión que incrementa a seguridade militar rusa.

O lanzamento do RS-24 colleu por sorpresa a Occidente, aínda que Putin ven anunciando desde o 2005 a ampliación e modernización do arsenal misilístico ruso “porque os nosos veciños ao sur e ao oeste se están equipando con mísiles de curto e mediano alcance, que constitúen unha verdadeira ameaza para nós”. Putin non precisou a qué veciños se refería.

Para completar a nova estratexia militar, o pasado 23 de maio o primeiro ministro Sergei Ivanov declarou oficialmente a moratoria rusa sobre o Tratado de Forzas Convencionais en Europa, marco de cooperación esencial nas relacións ruso-occidentais.

Ivanov considerou que Rusia “non só cesará de informar aos seus socios occidentais sobre os seus movementos militares, senón que non permitirá a presenza de inspectores estranxeiros en Rusia”.


5) Regresa a retórica da “guerra fría”?

Nos derradeiros meses, o presidente Vladímir Putin ven criticando o “imperialismo estadounidense” no tratamento dos asuntos políticos e de seguridade internacional, e cualificando de “inaceptable” un mundo unipolar dominado por Washington.

Putin argumentou ante medios europeos que “nas relacións internacionais (...) algúns cren que as súas ideas son valores absolutos que teñen que impoñerse”, en clara alusión ao goberno estadounidense. Previo ao cumio do G-8 en Alemaña, o presidente ruso acusou a EEUU de impedir un acercamento de Rusia con Europa.

Pola contra, dende Washington e tamén nalgúns países de Europa occidental, vense criticando a “falta de democracia” en Rusia e o “autoritarismo” de Putin.

Este inédito regreso da retórica de “guerra fría” entre Moscova e Washington semella, segundo especulan algúns analistas, unha renovación de determinadas órbitas de influencia global por parte de ambos países, unha conxuntura similar á ocorrida coa “crise dos mísiles” de 1962.

Neste sentido, Putin negou que o seu país estea a utilizar a Cuba e Venezuela como destinos da instalación dos mísiles rusos, aínda que ve con desagrado que Washington realice o propio preto das fronteiras rusas, en Romanía, Bulgaria, Polonia e República Checa.

Todo apunta a unha renovación das tensións entre Rusia e EEUU e os seus aliados occidentais, que dilucidan non só factores de seguridade militar e interese xeopolítico senón tamén de carácter enerxético, tomando en conta a preponderancia rusa en petróleo e gas natural e os seus derradeiros movementos estratéxicos no Mar Caspio.

En todo caso, a presunta “radicalización” da posición de Putin evidencia o anuncio de que Rusia volve en posición de forza a xogar un papel relevante no escenario internacional, superando a “debilidade” e a supeditación da política exterior rusa aos intereses occidentais, propia dos anos de goberno do recentemente falecido ex presidente Boris Ieltsin.

Outros factores engadidos ao actual momento de tensión entre Rusia e Occidente son as investigacións sobre a morte en Londres do ex espía ruso Litivinenko e a negativa de Moscova a extraditar a Gran Bretaña ao axente ruso Andrei Lugovoi, así como a posición sobre a eventual independencia de Cosova, rexeitada por Moscova e apoiada por EEUU e a UE.

Non obstante, aínda non se pode medir con exactitude o alcance temporal deste escenario de presunta “guerra fría”, tomando en conta que no 2008, Putin e Bush afrontarán o seu último ano de mandato presidencial.


6) Cal é a posición de Europa, a OTAN e a OSCE?

O recente cumio entre Rusia e a Unión Europea evidenciou que existen tensas relacións bilaterais pero tamén unha clara división en Europa sobre o trato a dar ás relacións con Moscova, principal socio enerxético europeo.

De xeito oficial, Europa observa con preocupación o pulso armamentístico entre Rusia e EEUU, que afecta ao equilibrio estratéxico e volve situar a Europa como centro territorial da confrontación.

A chanceler alemá Ánxela Merkel, xunto a Gran Bretaña, Francia e os países do Leste, amosan unha posición máis “atlantista” e crítica con Putin.

Idéntico tratamento se observa tanto na OTAN como na OSCE, que recentemente declararon como “inoportuna e pouco útil” as advertencias de Putin sobre que os mísiles rusos volverán a apuntar cara Europa.

Non obstante, existen voces discordantes. O líder do partido socialdemócrata alemán, Kurt Beck, manifestou a súa oposición á instalación do escudo antimísiles en Polonia e República Checa. Pola súa banda, o primeiro ministro portugués José Sócrates, que presidirá a UE a partires de xullo nos próximos seis meses, tamén é crítico coa política estadounidense cara Europa e a ampliación do escudo antimísiles.

A pesares do apoio dos seus gobernos ao escudo, os polacos e os checos non amosan grandes simpatías por esta estratexia defensiva. Recentes enquisas informan que un 57% dos polacos e dous terzos dos checos opoñénse ao escudo antimísiles.


7) Qué papel desempeñan Irán e Corea do Norte?

Nas declaracións de xustificación realizadas por Washington para ampliar o escudo antimísiles a Polonia e República Checa, faise fincapé nun “mecanismo efectivo de defensa contra posibles ataques por parte de países con programas misilísticos máis limitados, como Irán e Corea do Norte”.

A inclusión de Teherán e Pyongyang nesta ecuación defensiva estadounidense pretende colocar a problemática do programa nuclear iraniano e a capacidade nuclear norcoreana, evidenciada coas súas probas militares a finais de 2006, como elemento de disuasión para Rusia e China, principais aliados exteriores de Irán e Corea do Norte.

Non obstante, Putin deixou entrever como inaceptable que Washington observe a Irán como unha ameaza directa en Europa. E declarou que o goberno estadounidense “dinos que o escudo antimísiles é para defenderse dos mísiles iranianos, pero non existen mísiles iranianos con ese alcance. Polo tanto, é evidente que nos afecta aos rusos”.


8) É China o obxectivo indirecto?

Nos centros de análise estratéxica política e militar en Occidente, se considera que o lanzamento do mísil ruso RS-24 non só supón unha advertencia de Moscova cara EEUU senón tamén cara China.

Este cálculo debe tamén apreciarse, aínda que cun impacto aparentemente indirecto, na ampliación do escudo antimísiles estadounidense cara Europa do Leste.

A advertencia rusa a China é moito mais sutil e disuasiva a mediano e longo prazo, tomando en conta que Putin ven renovando os mecanismos de cooperación rexional entre Moscova e Beijing, principalmente en Asia Central, a fin de fortalecer un eixe alternativo á política unilateral de Washington.

Non obstante, o lanzamento por parte chinesa dun satélite militar en xaneiro pasado e outras iniciativas posteriores en materia de defensa poden augurar unha carreira espacial entre Rusia, EEUU e China, que persuada a Moscova na tarefa de fortalecer a súa potencialidade militar. Neste sentido, pode verse alterada a tradicional superioridade espacial rusa sobre China.

Moscova anunciou que o RS-24 ten capacidade para alcanzar calquera cidade chinesa. Paralelamente, China e Rusia están embarcadas nunha carreira por acceder a armamento de alta tecnoloxía.

Tampouco é casualidade que o lanzamento do RS-24 se realizara dende un punto no noroeste ruso cara a península oriental de Kamchatka, no mar de Xapón, e preto de China, Corea do Norte e a costa oeste de EEUU.


9) Cómoafectou este asunto ao cumio do G-8?

O escudo antimísiles estadounidense e a resposta militar de Putin foron os temas de maior relevancia na axenda previa do cumio do Grupo dos Oito, celebrado entre o 6 e o 8 de xuño na localidade alemá de Heiligendamm.

Neste sentido, cobrou especial importancia o encontro directo entre Vladímir Putin e George W. Bush, quen compartiron unha linguaxe distendida que non ocultou as reservas mutuas cara os seus respectivos programas militares.

A anfitriona, a chanceler alemá Ánxela Merkel, debeu conducir unha situación complicada. Merkel manifesta unha marcada política pro-estadounidense, que tenta nivelar polas críticas no seu país contra o goberno de Bush e a súa irritación persoal cara a situación dos dereitos humanos en Rusia.

Neste sentido, Putin amosou a súa desconformidade coas reunións anteriores de Merkel con membros da oposición política en Rusia.

Tanto como o pulso militar ruso-estadounidense, outros temas de frición entre Moscova e Occidente no cumio do G-8 foron as discrepancias nas políticas ambientais para impedir o cambio climático e a adopción dun status definitivo para Cosova.


10) Máis proliferación nuclear e nova carreira de armamentos?

Con este escenario definido de frición militar entre EEUU e Rusia, as consecuencias para a seguridade internacional poden presentar riscos de consideración, fuxindo dos mecanismos de negociación e cooperación.

O primeiro cambio significativo vai apreciarse en Europa, con modificacións no seu equilibrio militar que obrigarán a unha redefinición dos sistemas de defensa e un posible retorno dos enfoques “realistas”, propios da “guerra fría”.

Un tema esencial na actualidade internacional son as discrepancias globais ante a crise presentada polo programa nuclear iraniano, que involucra a EEUU, Europa, Rusia, China e a ONU.

Cunha carreira de armamentos en marcha entre Occidente e Rusia e as referencias directas cara Teherán do escudo antimísiles, o réxime iraniano xustificará o avance, con maior decisión e rapidez, cara a culminación do seu programa nuclear como principal elemento de seguridade internacional.

Este escenario pode provocar tamén un incremento nos orzamentos militares en Oriente Medio, América Latina e Asia.

Presentarase entón un panorama de maior reforzamento da alianza militar e política estadounidense cara Israel e países árabes aliados como Arabia Saudita, Exipto e Xordania, a fin de conter unha posible implicación de Rusia, mediante un maior acercamento político e militar cara Siria, Irán e, hipoteticamente, Turquía, tradicional aliado occidental e membro da OTAN.

No caso latinoamericano, que observa un sorprendente incremento nos orzamentos militares de determinados países nos derradeiros anos, cabe salientarb que Venezuela converteuse en 2005 no principal comprador de armamento ruso no hemisferio occidental, provocando maiores tensións por parte de Washington cara os gobernos de Putin e Hugo Chávez.

A alianza nuclear entre India e EEUU, fraguada no 2006, é un síntoma significativo dunha relativa aceptación da proliferación nuclear, especialmente cara países como Paquistán, que vive unha delicada crise política que ameaza ao pro-occidental réxime do xeneral Pervez Musharraf.

Co escudo antimísiles en marcha, Washington senta un precedente cara outros países, ao tempo que tentará afondar na súa alianza militar con India e algúns países de Asia Central, a fin de conter e disuadir a China, Paquistán e Rusia, apuntalar a presenza occidental en Afganistán e ameazar a Irán.

Unha eventual redefinición de alianzas dentro do novo equilibrio militar en Asia tamén involucra a China, Rusia, a península coreana e un Xapón empeñado en dar un volco aos seus orzamentos e pretensións militares.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta