Guía Exterior / nº 023-5/2007 de 24 de maio Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
A Europa de Merkel e Sarkozy
 
 

  Ánxela Merkel e Nicolás Sarkozy, clic para aumentar
As esperanzas de Bruxelas de reflotar o entusiasmo europeísta está en función da posibilidade de conformar un novo eixe franco-alemán, esta vez da man de Ánxela Merkel e Nicolás Sarkozy. (Foto: Ánxela Merkel e Nicolás Sarkozy en Berlín o 16 de maio de 2007).
 
Introdución

O impacto da presidencia rotativa alemá na Unión Europea, cun remate previsto para xuño de 2007, e a asunción de Nicolás Sarkozy na presidencia francesa, auguran posibles novos escenarios a curto e mediano prazo orientados a renovar o impulso do malogrado Tratado Constitucional europeo.

As esperanzas de Bruxelas de reflotar o entusiasmo europeísta está en función da posibilidade de conformar un novo eixe franco-alemán, esta vez da man de Ánxela Merkel e Nicolás Sarkozy. A este posible novo eixe se lle engaden outros acontecementos políticos de importancia en Europa, como o final da “era Blair” e a sucesión no laborismo británico, a crise política turca, as tensións arredor da memoria histórica en Polonia e Estonia e as delicadas relacións entre Rusia e a Unión Europea, así como as intencións estadounidenses de instalar en solo europeo un dispositivo anti-mísiles.


A UE nun momento político decisivo

1) Haberá Constitución Europea?

Apenas asumiu a presidencia rotativa da UE en xaneiro pasado, a chanceler alemá Ánxela Merkel anunciou como a súa prioridade renovar os esforzos para impulsar o proxecto constitucional europeo, aprobado pola UE no 2004 e paralizado desde o 2005, tralo seu rexeite nos referendos francés e holandés.

No retórico e nas súas declaracións de intereses, Merkel e o novo presidente francés, Nicolás Sarkozy, expoñen a vontade de colocar o proxecto constitucional europeo, menos ambicioso respecto da formulación inicial, no centro das prioridades políticas da UE para os próximos dous anos.

Non obstante, o problema pode situarse nos métodos de ratificación. Merkel e os líderes europeos temen que a reacción popular, vía referendos, novamente compliquen a aprobación do proxecto constitucional, aínda con reforma e adaptación. Probablemente, e para evitar riscos, en Bruxelas decidan non someter o tratado a referendo popular.

En consecuencia, é mais probable que o mecanismo de adopción deste tratado sexa a súa lexitimación vía parlamentaria, sen participación popular, nun polémico mecanismo que afondaría as críticas ao déficit democrático en Bruxelas. Paralelamente, países como Polonia, República Checa, Holanda e Gran Bretaña seguen a amosar as súas reticencias e molestias respecto da preservación de certos aspectos do actual tratado constitucional europeo.


2) Está a formarse un novo eixe franco-alemán?

Tras asumir o seu mandato o pasado 16 de maio, o presidente francés Nicolás Sarkozy dirixiuse inmediatamente a Berlín, nun xesto que debía servir para concretar con Merkel os pasos políticos e temporais necesarios para resituar a Constitución europea na axenda política prioritaria da UE.

Nesta conxuntura, en Bruxelas ansían unha renovación do tradicional eixe franco-alemán como motor decisivo da integración europea, colocando a Merkel e Sarkozy como unha renovación do legado instaurado por Konrad Adenaüer e Charles De Gaulle ou François Mitterrand e Helmut Kohl.

Entre os eurócratas e os europeístas considerase que a enerxía e determinación de Merkel e Sarkozy son os elementos necesarios para sacar a Unión da súa actual parálise política, co cal estaríase afincando un novo eixe franco-alemán dentro da UE.


3) Cal será o impacto de Sarkozy?

A presentación dun gabinete plural, tanto no ideolóxico como en materia étnica e de xénero, é observado como un inicial esforzo do novo presidente francés, Nicolás Sarkzoy, por amosar unha imaxe de renovación política interna e de firme convicción de cambio de enfoque a nivel europeo e nas relacións exteriores.

Sarkozy tentará reforzar a súa vitoria electoral cun resultado favorable nos próximos comicios lexislativos previstos para xuño. Con isto, espera contaxiar a Europa dalgunhas pinceladas do seu ideario político, tales como a meritocracia, a eficiencia e a autoridade, todo isto enmarcado nun discurso europeísta que pode, pese a todo, presentar certas ambigüidades.

Neste sentido, existe unha idea preconcibida en determinados sectores da opinión pública europea en sinalar a Sarkozy como o líder necesario para “resucitar” a UE. Outros sectores consideran que o seu impacto será decisivo para ofrecer unha visión de pragmatismo dentro da UE.

Non obstante, a opción Sarkozy e o seu impacto en Europa plasma diversas sensacións contraditorias. No seu programa político, o actual presidente francés defende con determinación algúns valores simbólicos para os franceses como a “patria” e a “identidade nacional” que poden dar lugar a visións proteccionistas e nacionalistas. Un escenario que pode complicar as relacións de Sarkozy con Bruxelas.


4) Cal é o balance da era Blair en Gran Bretaña?

Anunciando que deixará a xefatura de goberno o próximo 27 de xuño, Tony Blair pecha a década do “novo laborismo” no poder cun amargo balance final.

A guerra de Iraq, o fracaso da súa tese da “Terceira Vía” e a polémica pola venda de títulos nobiliarios provocaron un progresivo desgaste da súa imaxe e credibilidade pública, parcialmente compensado pola paz en Irlanda do Norte, a reforma federal en Gran Bretaña e o crecemento económico.

Gordon Brown, o seu sucesor en Downing Street e na xefatura do laborismo, tentará capear o efecto pernicioso da era Blair tanto no seu partido como no goberno, a fin de preparar as eleccións xerais do 2009.

Pero a súa tarefa será sumamente complicada. As recentes derrotas do laborismo nas eleccións locais en Escocia e Gales e o avance do Partido Conservador, da man do seu líder David Cameron, ameazan o continuísmo laborista.

Neste sentido, as recentes enquisas amosan unha vantaxe de dez puntos de Cameron sobre Brown, probablemente provocado polo cansazo social cara o laborismo e o legado de Blair.

No entanto, a Tony Blair se lle presenta un novo panorama, tentado a probar sorte no exterior, como candidato a suceder ao polémico Paul Wolfowitz como presidente do Banco Mundial ou ben presentando a súa candidatura para a presidencia da Comisión Europea, cando remate a xestión do actual presidente, José Manuel Durão Barroso.


5) Xira Europa politicamente á dereita?

Con Sarkozy en París, se confirma unha viraxe política á dereita dentro da UE, que implicará posibles cambios de enfoque no económico e na política social.

Sexa en coalicións mixtas cos socialdemócratas, o centro-dereita e, incluso, a extrema dereita, os partidos conservadores gobernan en Alemaña, Francia, Austria, Polonia, Dinamarca, Finlandia, Bélxica, Eslovaquia e Holanda. A curto e mediano prazo, o péndulo político pode modificarse a favor dos partidos de dereita nas eleccións xerais de España no 2008 e Gran Bretaña no 2009.

Outro escenario a tomar en conta é Hungría, onde a dereita liberal na oposición pode tomar vantaxe ante as dificultades para gobernar do primeiro ministro socialista Ferenc Gyurcsany.


6) É a memoria histórica un problema en Europa do Leste?

Nalgúns países de Europa do Leste, admitidos na UE trala ampliación de 2004, existen diversas modalidades de “revisionismo histórico” cara a memoria mais recente, que suscita tamén un forte debate político a nivel europeo.

O caso mais significativo é a polémica “lei de depuración” aplicada en Polonia polo goberno dos irmáns Kaczinsky, que implica unha persecución contra os presuntos “colaboradores co antigo réxime comunista”.

Esta lei provocou un forte enfrontamento entre o tribunal constitucional europeo, o goberno dos Kaczinsky e o eurodeputado polaco Bronislaw Geremek, quen se negara a asinar unha declaración de “non colaboración” co réxime comunista en Polonia e que avoga pola celebración de referendos en Europa para lexitimar o texto constitucional.

Nos derradeiros días, a polémica histórica enfronta diplomaticamente a un país báltico, Estonia, con Rusia, pola preservación de símbolos soviéticos, provocando unha firme resposta dende Moscova, molesto tamén pola discriminación das minorías rusas nas repúblicas bálticas.

Polonia, así como outras repúblicas ex socialistas e ex soviéticas como Lituania e Estonia, son países actualmente membros de organismos occidentais como a UE e a OTAN, e amosan oficialmente unha política revisionista destinada a afastar a pegada rusa das súas respectivas historias nacionais. Este escenario complica tamén o futuro das estratéxicas relacións entre Rusia e a UE.


7) Unha guerra fría entre Rusia e Europa?

O recente cumio entre Rusia e a UE celebrado en Samara revelou as tensas e delicadas relacións entre Moscova e Bruxelas, que se amplían tamén dende unha nova perspectiva Este-Oeste, incluíndo a EEUU.

A decisiva dependencia enerxética europea de Rusia condiciona unha axenda política bilateral onde predominan os asuntos críticos: as denuncias de presunto autoritarismo de Vladimir Putin; a nova política exterior rusa cara Europa do Leste; o deterioro da situación dos dereitos humanos en Rusia; a polémica pola ampliación europea e da OTAN cara o espazo ex soviético; a concreción dun escudo antimisís que Washington espera despregar en Polonia e República Checa; as tropas rusas estacionadas en Xeorxia e Moldova, países que desenvolven negociacións de admisión con Bruxelas; o comercio agrícola entre Rusia e Polonia; e, finalmente, o estatuto final para Cosova, avogando Europa pola independencia mentres Rusia rexeita esta posibilidade.

Non obstante, a necesidade dun entendemento mutuo, principalmente ante os imperativos enerxéticos, pesa con determinación nas axendas de Putin e os líderes europeos. O Consorcio do Mar do Norte, mecanismo enerxético xestionado por Rusia e Alemaña e destinado a distribuír o petróleo e gas ruso cara Europa, inclúe as repúblicas bálticas, Polonia, Belarús e Ucraína, constituíndo un marco de negociación clave para Bruxelas e Moscova.

O problema semella estar, segundo algúns, en que Rusia tentou meter baza entre os países de Europa do Leste e a UE, utilizando a súa fortaleza enerxética, a fin de balancear a expansión da UE e a OTAN ao antigo espazo ex soviético. Unha consecuencia desta estratexia é que os países bálticos acusan a Bruxelas de escasa solidariedade ante o empuxe enerxético ruso cara estas repúblicas, mentres outros consideran que as súas decisións, en máis dun caso unilaterais, serven a unha política, a estadounidense, que non coincide ao milimetro cos intereses propiamente europeos.

Co reforzamento político interno de Putin, un factor a tomar en conta, a curto e mediano prazo, nas relacións da UE con Rusia, será a necesidade do titular do Kremlin de atopar un firme sucesor de cara ás eleccións presidenciais rusas de marzo de 2008.


8) Renace o atlantismo?

Tanto Sarkozy como Merkel amosan publicamente a súa predisposición para recompoñer as relacións entre a UE e EEUU, superando a crise transatlántica instaurada trala guerra de Iraq no 2003.

A satisfacción expresada en Washington pola vitoria de Sarkozy confirma que un novo atlantismo pode estar configurándose entre París e Berlín, tomando en conta que a presidencia da Comisión Europea segue en mans do portugués José Manuel Durão Barroso, firme partidario da invasión de Iraq e da preservación do atlantismo.

Este novo atlantismo entre Washington, París e Berlín probablemente coordinará políticas conxuntas en asuntos claves como o programa nuclear iraniano, a crise en Oriente Medio, o escudo antimísiles ou a contención económica de China e India como actores emerxentes.

En Washington, así como por parte do presumible eixe París-Berlín, observarán con atención a celebración das eleccións xerais en España no 2008 e en Gran Bretaña no 2009, a fin de coñecer se esta renovación do atlantismo tamén se confirmará en Madrid e Londres.


9) Afectará a crise turca á UE?

A celebración de eleccións presidenciais en Turquía o próximo 22 de xullo, por vez primeira a través do sufraxio directo e non pola Asemblea Nacional, supón un inicial esforzo do primeiro ministro islamita Recep Tayyip Erdogan por solucionar a crise política interna desatada ante o intento gobernamental (finalmente desbotado) de nomear ao islamita Abdulla Gül para o cargo presidencial.

Tanto estas eleccións como os comicios lexislativos inicialmente previstos para novembro próximo, e que anuncian unha posible vitoria islamita do partido de Erdogan, serán analizados con sumo coidado en Europa, xa que influirán decisivamente nas negociacións de admisión.

A tensión dos militares turcos co goberno islamita de Erdogan foi tamén aproveitado por diversos sectores laicos en Turquía para amosar o seu descontento e frustración polas negativas europeas de admisión turca, especulando con aplicar unha inédita viraxe na orientación xeopolítica deste país.

Outro factor de importancia para medir o impacto da crise turca en Europa fai referencia á confirmación de que o eixe Sarkozy-Merkel rexeita a admisión de Turquía na UE, avogando polo establecemento dunha relación estratéxica. Esta perspectiva pode complicar seriamente a tradicional orientación pro-occidental da Turquía republicana.


10) Cales serán os retos da próxima presidencia portuguesa?

O próximo 1 de xullo, Portugal asumirá a presidencia rotativa semestral da UE, en substitución de Alemaña.

A grosso modo, a presidencia portuguesa dificilmente variará a proposta alemá de reactivar o debate constitucional, instituíndo un posible novo calendario de ratificación do texto nos diversos parlamentos europeos. Neste apartado, pode presentarse un dos elementos de fricción interna ante os mecanismos de adopción, vía parlamentaria ou vía referendos, destinados a modificar e ratificar o texto constitucional.

Paralelamente, a UE terá unha dobre cabeza portuguesa na súa dirección semestral: a presidencia rotativa do goberno socialista de José Sócrates e a presidencia na Comisión Europea de José Manuel Durão Barroso, cun mandato garantido ata outubro de 2009.

Finalmente, o próximo semestre deberá descifrar ata qué punto é factible o empuxe “europeísta” ou presuntamente “atlantista” do eixe Sarkozy-Merkel, especialmente ante o posible relanzamento de crises como o programa nuclear iraniano, un posible gran atentado terrorista global ou a aplicación das medidas europeas sobre a inmigración ilegal, especialmente proveniente de África.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/05/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta