Guía Exterior / nº 022-4/2007 de 4 de maio Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Crise política en Turquía
 
 

  Manifestación en Estambul, clic para aumentar
A constante presión sobre Erdogan e as diferentes manifestacións nas rúas entre os partidarios do secularismo e o islamismo, provocan un panorama complexo que pode variar ante os próximos comicios lexislativos e presidenciais. (Foto: Decenas de miles de persoas axitan bandeiras nacionais turcas para opoñerse ao candidato á presidencia do goberno durante un mitin en Estambul o 29 de abril de 2007).
 
Introdución

O pulso entre o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan, o estamento militar e os partidos seculares ante o nomeamento do islamita Abdullah Gül como presidente da República, desatou unha delicada crise política en Turquía que ameaza seriamente a súa estabilidade sociopolítica, a profundización da democracia e as negociacións para a admisión na Unión Europea.

A sombra da experiencia de intervencións militares na política turca planea no panorama no caso de confirmarse a consolidación dos islamitas no goberno. Como inicial elemento de solución, as presións internas obrigaron a Erdogan a aceptar un adianto das eleccións lexislativas para xullo próximo.


As claves da tensión política turca

1) Cal é o carácter da crise?

A necesidade de nomear, a través da Asemblea Nacional, a un novo presidente da República trala finalización en maio do mandato do actual presidente Ahmet Necdet Sezer, desatou unha crise política de alto nivel para o primeiro ministro islamita, Recep Tayyip Erdogan.

En principio, Erdogan especulaba coa súa propia candidatura para posteriormente postular ao seu ministro de Asuntos Exteriores, Abdullah Gül, como candidato presidencial.

A maioría parlamentaria do seu Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, AKP (que posúe 354 dos 550 deputados na AN) permitiu realizar unha votación inicial a favor de Gül na Asemblea, que non tivo o quórum suficiente polo boicot dos partidos de oposición. Posteriormente, o Tribunal Constitucional declarou inválida a votación.

Tras fortes presións e manifestacións na rúa, a favor e en contra de Erdogan, o primeiro ministro propuxo a celebración de eleccións lexislativas anticipadas e a modificación constitucional que permita a elección popular do presidente.


2) Que resultados cabe agardar dunhas eleccións anticipadas?

As eleccións lexislativas turcas estaban previstas para novembro próximo. Erdogan e o AKP aspiraban a revalidar a súa maioría parlamentaria para un novo período de cinco anos, ata o 2012.

Pero a crise política actual obrigou a Erdogan a buscar unha alternativa co adianto dos comicios lexislativos para o 22 de xullo próximo.

A pesar da crise e as presións, os cálculos electorais semellan favorecer a Erdogan e o AKP. Os partidos da oposición, especialmente liderados por Deniz Baykal, do Partido Republicano do Pobo, CHP, non ten capacidade electoral para derrotar a un AKP con sólido apoio, tanto nos sectores populares como na clase media e profesional, segundo as recentes enquisas.

O notable desempeño económico turco e o pragmatismo de Erdogan son factores que posibilitarían unha nova vitoria electoral para o AKP e a consolidación da súa maioría parlamentaria.


3) Cales son as consecuencias do pulso entre Erdogan e os militares?

O principal factor de oposición á elección presidencial de Abdullah Gül proven da poderosa elite militar turca.

O xefe do Estado Maior, Yasar Buyulkanit, advertiu o mesmo día da votación na Asemblea Nacional que o estamento militar “observaba con preocupación” os acontecementos políticos.

Esta inxerencia militar na política turca supón un complicado panorama para Erdogan, xa que os militares (que se consideran a si mesmos como os garantes do secularismo e a unidade nacional) temen que a elección de Gül na presidencia e Erdogan na xefatura de goberno, consoliden o islamismo como o principal factor de poder na Turquía moderna e que os militares se vexan relegados como factor decisorio de poder.

Todo isto sen esquecer que, constitucionalmente, o presidente da República é o xefe das Forzas Armadas e ten a facultade para nomear ao Estado Maior militar.

Polo tanto, os militares turcos observan con suspicacia a Erdogan e Gül, contra quen se argumenta que a súa esposa utilice publicamente o velo islámico. Consideran que ambos líderes islamitas posúen unha “axenda islámica oculta” dirixida a “islamizar radicalmente Turquía” no próximo período de goberno.


4) É posible un golpe militar?

Na Turquía republicana moderna, os militares interviron en catro ocasións na política nacional, a fin de mudar o rumbo no seu favor: 1960, 1971, 1980 e, dun xeito indirecto, en 1997.

O elevado prestixio da casta militar dentro da sociedade turca (unha enquisa de 2003 amosou que o 88% dos turcos consideraban ao Exército como a institución que máis confianza lles inspiraba) reforza a súa posición social e lles outorga unha especie de prerrogativa de intervención lexítima na política interna.

As advertencias do xeneral Buyulkanit contra a designación presidencial de Gül desataron toda serie de temores e especulacións sobre unha nova intervención militar na política turca.

Non obstante, e a diferenza de situacións anteriores, a conxuntura internacional actual non vería favorablemente un novo golpe militar en Turquía. Todo depende do manexo político da crise por parte de Erdogan e as negociacións das demandas con Buyulkanit, a casta militar turca e os partidos da oposición.


5) Modificará a crise o mapa político turco?

A constante presión sobre Erdogan e as diferentes manifestacións nas rúas entre os partidarios do secularismo e o islamismo, provocan un panorama complexo que pode variar ante os próximos comicios lexislativos e presidenciais.

A maioría parlamentaria do AKP e a capacidade de xestionar a crise por parte de Erdogan probablemente aseguren un novo período de goberno para os islamitas, con ou sen Gül no cargo presidencial.

Pero este proceso probablemente resulte dunha negociación e reparto de parcelas de poder entre os islamitas, os partidos seculares e a elite militar.

Detrás da actual crise tamén están os intereses políticos de Baykal e o CHP, así como doutros partidos “kemalistas” e nacionalistas como o MHP, minoritarios na Asemblea Nacional.

Non obstante, a resolución da crise pode provocar un problema interno dentro do AKP, entre os partidarios do pragmatismo de Erdogan e determinados sectores descontentos ante a presumible cesión oficial ante as demandas dos militares e os seculares.


6) Representa o AKP un “islamismo moderado”?

Na Turquía secular moderna, a conformación dun movemento político islamita a partir dos anos setenta foi posible coa creación do Partido do Benestar e a Prosperidade (Refah Partisi), proscrito constitucionalmente en 1998 por “ameazar a integridade secular turca”.

Non obstante, os islamitas turcos distan enormemente de calquera orientación radical, militante ou revolucionaria, en comparación con outros movementos islámicos dentro do mundo musulmán.

O Refah Partisi, antecesor do actual AKP e hoxe tamén incluído no Partido da Felicidade, permitiu conformar baixo o liderado do ex primeiro ministro Necmettin Erbakan (precisamente, desaloxado do poder en 1997 tras un enfrontamento coa casta militar) unha especie de “islamismo de carácter laico”, impulsado por diversas cofradías, pero coidando de respectar os preceptos republicanos contidos na Constitución turca de 1982.

Erdogan e Gül, os sucesores do legado de Erbakan, nivelaron esta orientación islamita moderada cara unha visión tamén europeísta e pro-occidental, aínda que sen obviar ao mundo islámico e túrquico. O pragmatismo do AKP da pe a que diversos analistas consideren a este partido (curiosamente, membro da democracia cristiá europea) como unha especie de partido de centro-dereita, aínda que cun marcado énfase relixioso.

No ámbito internacional, Erdogan dispón dunha interesante posición favorable, principalmente polo seu pragmatismo político e por ser un impulsor da Alianza e o Diálogo de Civilizacións, xunto ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, o ex presidente iraniano Mohammed Khatami, e o ex secretario da ONU, Kofi Annan.


7) Existe a posibilidade dun enfrontamento civil?

A realización de diversas manifestacións pro-seculares e pro-islamitas, a tensión entre o goberno e os militares e os violentos enfrontamentos rexistrados en Istambul durante a celebración do pasado 1 de maio, amosaron os temores, dentro e fóra de Turquía, sobre un posible enfrontamento interno de carácter civil.

Non obstante, que a crise política actual poida derivar nun enfrontamento armado ou unha “guerra civil” resulta unha análise aventurada e esaxerada. Nos derradeiros anos, Turquía logrou cimentar unha estabilidade social e política, con signos claros de recuperación económica trala crise financeira de 2001.

Sen embargo, existen fisuras internas que aumentan os graos de conflitividade. É cada vez maior o auxe político da ultradereita nacionalista, que afecta á convivencia con outras minorías étnicas e relixiosas, así como da renovación da insurxencia kurda a través do Partido dos Traballadores do Kurdistán, PKK.

Precisamente, o xeneral Buyulkanit advertiu, a comezos de abril, da posible invasión militar turca ao Kurdistán iraquí, por considerar esta rexión un “santuario dos separatistas kurdos”.

Paralelamente, as ameazas de morte contra o premio Nobel Orhan Pamuk, por recoñecer o xenocidio armenio; o asasinato do editor armenio Hrant Dink e de tres xornalistas dunha editorial cristiá, e as tensións coa minoría islámica aleví, de orientación xiíta e esquerdista, manifestan os síntomas de posibles conflitos relixiosos e políticos aparcados da atención pública.


8) Qué posición adopta a Unión Europea?

O comisario europeo para a Ampliación, Olli Rehn, declarou no momento de escenificarse a crise política turca, que os actores involucrados “deben respectar as regras da democracia e a decisión da Corte Constitucional”. Ademais, Bruxelas recibiu con beneplácito a oferta de Erdogan de adiantar os comicios parlamentarios.

A posición europea semella dirixir as súas críticas cara a elite militar turca e a posibilidade dunha nova intervención castrense na política dese país, que afectaría aos límites da relación entre o poder civil e militar.

Canalizando os mecanismos de solución cara os preceptos constitucionais e democráticos, Bruxelas tenta preservar os avances cara a democratización formal do país, realizados por Erdogan desde a súa chegada ao poder no 2002.

Para a UE, resulta imperativo garantir a estabilidade dun país emerxente como Turquía, candidato á adhesión e peza estratéxica clave dentro do espazo euroasiático. Polo tanto, o próximo período de goberno 2007-2012 en Turquía constitúe un marco temporal decisivo para as negociacións de admisión iniciadas en decembro de 2005.


9) Afectará a crise á candidatura turca na UE?

Precisamente, a crise política turca ocorre nun momento de certa parálise (Chipre, o xenocidio armenio) do proceso de negociación para unha eventual admisión turca na UE.

Neste sentido, e sen ocorrer crise política de por medio, en Bruxelas contaban cunha contundente vitoria electoral do AKP en 2007 e coa posibilidade de seguir contando con Erdogan e Gül como os seus principais interlocutores na negociación.

No caso de Abdullah Gül, a súa presenza diplomática ven sendo significativa para a UE, xa que probablemente sexa o político turco mellor coñecido en Bruxelas, e considerado ademais con un interlocutor pragmático e favorable ás negociacións turco-europeas.

Pero unha ruptura constitucional en Turquía complicaría as negociacións de admisión coa UE. O xeneral Buyulkanit manifesta unha posición non exactamente europeísta e xa declarara meses atrás que, ante os constantes obstáculos para a admisión de Turquía, o seu país podería variar de orientación xeopolítica, probablemente cara outros socios como Rusia, China, Irán e o mundo turcófono en Asia Central.


10) Qué factores xeopolíticos se manifestan coa crise turca?

Unha desestabilización interna ou a definitiva intervención militar para solucionar a crise política illaría internacionalmente a Turquía, incluso probablemente modificando a súa tradicional orientación prooccidental.

A pacificación e estabilización do espazo euroasiático e de Oriente Medio sinala a Turquía como un factor estratéxico clave para Europa occidental e EEUU.

Esta importancia aumenta ante a necesidade de presentar a Turquía como un modelo político alternativo para o mundo musulmán (simbiose entre Islam e democracia), a través de imperativos político-militares (socio estratéxico da OTAN, a OSCE e o Consello de Europa), e de necesidades enerxéticas (Turquía é a ruta principal de paso para os oleodutos e gasodutos do mar Caspio a Europa, a traverso do mar Mediterráneo).

A diferenza do golpe militar de 1980, avalado por Occidente nun delicado momento conxuntural para os seus intereses (triunfo da revolución islámica en Irán, invasión soviética de Afganistán, pulso de poder entre a OTAN e o Pacto de Varsovia), unha nova intervención militar en Turquía non contaría cun firme apoio exterior.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/05/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta