Guía Exterior / nº 021-3/2007 de 16 de abril Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Francia elixe nova presidencia
 
 

  Os 12 candidatos/as eleccións presidenciais francesas, clic para aumentar
En total, doce postulantes se presentan para suceder a Jacques Chirac no Palacio do Elíseo. De todos eles, o conservador Nicolás Sarkozy (con apoio de Chirac), a socialista Segolène Royal e o centrista François Bayrou abarcan as principais preferencias electorais e representan unha nova xeración de líderes políticos que poden posibilitar unha viraxe histórica na política francesa.
 
Introdución

Os comicios presidenciais franceses, cunha primeira volta que se celebrará o próximo 22 de abril, marcan o fin dunha época na política gala.

En total, doce postulantes se presentan para suceder a Jacques Chirac no Palacio do Elíseo. De todos eles, o conservador Nicolás Sarkozy (con apoio de Chirac), a socialista Segolène Royal e o centrista François Bayrou abarcan as principais preferencias electorais e representan unha nova xeración de líderes políticos que poden posibilitar unha viraxe histórica na política francesa.


A hora do cambio en Francia?

1) Quen son os principais candidatos?

Un total de doce candidatos definirán a próxima presidencia francesa para o período 2007-2012.

Os principais candidatos son o conservador Nicolás Sarkozy (Unión para un Movemento Popular, UMP) e Segolène Royal (Partido Socialista),. O terceiro na lista é o centrista François Bayrou (Unión pola Democracia Francesa, UDF.

Tamén cobran protagonismo o ultradereitista Jean Marie Le Pen (Fronte Nacional), o líder antiglobalización José Bové (Vía Campesiña) e a “trotkista” Arlette Laguiller (Loita Obreira).

Completan a serie de candidatos Marie-George Buffet (Partido Comunista); Oscar Besancenot (Liga Comunista Revolucionaria); Phillipe de Villiers (Movemento pola Francia); Dominique Voynet (Os Verdes); Gerard Schivardi (Partido dos Traballadores); e Frederic Nihous (Agrupación Caza, Pesca, Natureza e Tradicións).

Resulta significativo que, ademais do cambio xeracional, nestas eleccións 2007 o xénero feminino está representado por catro candidatas ao Palacio do Elíseo: Segoléne, Laguiller, Buffet e Voynet.

Paralelamente, a “excepcionalidade francesa” concrétase tamén na oferta electoral de catro candidatos con distintos enfoques da esquerda.


2) Haberá segunda volta?

A igualdade nas preferencias electorais e o elevado índice de indecisión dos votantes (segundo diversas enquisas, aproximadamente un 42%), probablemente determinarán a celebración dunha segunda volta, prevista para o 6 de maio.

O sistema electoral francés prevé unha segunda volta no caso de que non existe un candidato con maioría absoluta na primeira volta. No segundo tempo electoral, só participarían os dous candidatos máis votados nun período de dúas semanas onde os pactos e alianzas políticas corren paralelos a un frenético proceso de sedución electoral.

As diferentes enquisas coinciden na tendencia a decidir estes comicios nunha segunda volta. A opción Sarkozy móvese entre o 27-30% mentres Segolène mantén díxitos do 26%.

O dato máis significativo está na opción Bayrou, que parte cun 21% e que pode aumentar ata a xornada electoral. Pola súa banda, Le Pen, que con 79 anos acude á súa última convocatoria política, rolda o 13-15%.

Finalmente, as porcentaxes dos oito candidatos restantes oscilan na balanza do 2-5% da preferencia electoral.

É importante sinalar que o sistema republicano semi-presidencialista francés experimentou unha reforma constitucional no 2000 que estipulou a rebaixa do período presidencial de sete a cinco anos, tralas eleccións de 2002.


3) Cómo se desenvolve o debate electoral?

A clase política, a elite económica e os cidadáns franceses asumen que este proceso electoral constitúe un verdadeiro momento decisivo para calibrar o futuro de Francia e o seu lugar no mundo.

Un factor que contribúe a definir esta sensación é a aparición dunha nova xeración de líderes dentro dos principais partidos políticos.

Ante a proliferación nos últimos anos de diversos enfoques sobre a “decadencia francesa”, o debate electoral 2007 afronta con gran enerxía dous temas de gran preocupación social: o asunto da inmigración e a súa influencia na seguridade pública, o aumento da delincuencia e a identidade nacional; e a necesidade dun novo modelo de proxecto de país capaz de afrontar os futuros retos.

Neste sentido, o péndulo oscila entre a opción liberal e meritocrática de Sarkozy e o compromiso social de Segolène Royal, simpatizante do “modelo Zapatero” en España.

Pola súa banda, o centrista Bayrou retoma o tradicionalismo francés dos valores familiares e rurais dentro dun discurso moderado, mentres que Le Pen reforza a idea do “patriotismo francés” incorporando elementos xenófobos e antieuropeístas, similares á opción representada polo aristócrata Phillipe De Villiers, de inspiración monárquica e de extrema dereita.

Sobre a excesiva presenza electoral dos elementos da “identidade” e o “patriotismo” francés, ven sendo notoria a frecuente utilización de bandeiras francesas e incluso o canto da “Marsellesa” nos actos electorais.

Pola súa banda, os diversos candidatos das tendencias máis á esquerda, como a trotskista Laguiller, o líder antiglobalización Bové e os comunistas Besancenot e Schivardi, adaptan o seu discurso ás demandas de cambio radical no modelo económico neoliberal, a frustración social polos seus desaxustes socioeconómicos e unha posición antieuropeísta que, curiosamente, os achega aos candidatos de extrema dereita Le Pen e De Villiers.


4) O “fenómeno Segolène”

A maior expectativa electoral no 2007 está representada na candidatura de Segolène Royal, cunha campaña mediática que unida ao seu atractivo persoal é analizado como unha necesaria dose de “frescura” para unha clase política cualificada como “anquilosada”.

O “fenómeno Segolêne” causou un gran impacto mediático e político tras superar a elección interna no Partido Socialista, amosando un factor de consenso das diferentes familias políticas do socialismo galo que permitiu un inicial comezo esperanzador nas enquisas.

A chave non está só na cuestión do xénero (primeira muller en ter posibilidades reais de chegar á presidencia) senón que diversas análises presentaron a Segolène como a expresión “do triunfo da base do partido” e “dos liderados provinciais” fronte “á elite parisina”.

Segolène propugna unha lei de xénero similar á aplicada en España así como un equilibro entre protección social e iniciativa individual, mais reforzando o sentido paternalista estatal. Tamén está no seu programa o aumento do salario mínimo e unha maior conciencia ecolóxica e nos investimentos en I+D.

Pero a súa proposta central radica na profunda reforma estrutural do Estado, simbolizada na asunción da “Sexta República”, que contemple a “democracia participativa” e un sistema electoral proporcional.

Non obstante, a inicial tendencia triunfal de Segolène comezou a minguar nas enquisas nas derradeiras semanas en favor dun máis combativo Sarkozy. Se lle critica a Segolène non posuír suficientes dotes retóricas e o seu descoñecemento de determinados temas, probablemente amparados pola súa inexperiencia na alta política.


5) Favorece a Sarkozy o apoio de Chirac?

Cualificado como un político ambicioso, Nicolás Sarkozy ven traballando na súa candidatura electoral desde que fora nomeado polo presidente Jacques Chirac como ministro de Interior (en 2005).

Na súa meteórica carreira, Sarkozy enfrontouse a outro “peso pesado” da dereita francesa e presunto “favorito” de Chirac: o ex ministro de Exteriores, Dominique de Villepin.

A despedida formal de Chirac en marzo pasado e o seu posterior apoio público á candidatura de Sarkozy estivo revestido de certa resignación por parte do ex presidente, un factor non exactamente favorable para Sarkozy debido ao desgaste da imaxe pública de Chirac.

Paralelamente, Sarkozy corre o risco de que o electorado lle identifique como un novo “delfín” de Chirac, e que reforce a idea do “continuísmo” político da dereita. Tralo anuncio de apoio de Chirac a Sarkozy, Segolène Royal os cualificou como os representantes da “Francia do pasado”.

Paralelamente, a inesperada oferta de apoio electoral de Jean Marie Le Pen a Sarkozy para formar unha especie de “fronte común” contra a esquerda e o avance da inmigración, pode tamén afectar aos posibles votos centristas que contemplan a Sarkozy como unha alternativa liberal.

Non obstante, unha derradeira enquisa amosou que o 70% dos entrevistados están en contra deste apoio de Le Pen a Sarkozy.

Tamén é necesario considerar que diversos sectores sociais critican as polémicas propostas inmigratorias de Sarkozy e o seu “modelo meritocrático”, especialmente ante a perspectiva de crear unha nova carteira gobernamental, o ministerio de Inmigración e Identidade Nacional, que contempla a “aceptación incondicional dos valores e da cultura nacional francesa”.

Outras propostas de Sarkozy supoñen a paridade laboral de xénero, o recoñecemento de dereitos aos homosexuais pero sen poder casarse ou ter dereito á adopción, a aprobación dunha nova Constitución europea e o seu rexeite ao ingreso de Turquía na UE.


6) Será Bayrou a sorpresa electoral?

Se ben estas eleccións semellaban constituír unha disputa bipolar entre Sarkozy e Segolène, o desencanto e a falta de convencemento que suscita en diversas capas sociais o discurso de ambos candidatos permitiu o sorprendente ascenso do centrista Bayrou.

Neste sentido, François Bayrou semella constituír a “chave” electoral no 2007, cun “efecto sorpresa” parecido ao que ocorrera no 2002 con Le Pen, inesperado rival de Chirac na segunda volta.

Bayrou apela ao sentimentalismo francés na defensa de valores tradicionais nunha campaña marcada pola excesiva defensa da identidade nacional gala e os seus efectos nunha Europa unida e un mundo globalizado.

O esgotamento de Sarkozy e Segolène e a maioría de votantes indecisos que reflicten as enquisas, poden influír en que Bayrou alcance a segunda volta electoral. Nos segmentos do voto centrista, aínda está por ver cara onde se move o péndulo.


7) Cómo cambiará o panorama político francés?

Independentemente de quen sexa o próximo presidente, o panorama político francés experimentará un cambio significativo.

En primeiro lugar, por vez primeira, unhas eleccións francesas non estarán determinadas pola presenza das elites tradicionais dos partidos, tales como Chirac, Lionel Jospin, Dominique Strauss-Khan ou De Villepin. Este factor permitirá un cambio de enfoque na política nacional, aínda que con consecuencias imprevisibles.

Pero existen matices de continuidade. Unha vitoria de Sarkozy podería garantir a hexemonía conservadora e da dereita francesa, plasmada desde 1995, aínda que revestida dun cambio de enfoque e vitalidade.

Un segundo factor sería o retorno da esquerda tralas vitorias da dereita en 1995 e 2002. En caso de gañar Segolène, abriríase unha nova etapa no socialismo francés, condicionada polo período de goberno de François Mitterrand (1981-1995) e os diferentes enfoques dos seus sucesores na dirección do partido.

Por outra banda, non cabe descartar que Bayrou pase á segunda volta. Moitos consideran que é o único capaz de derrotar a Sarkozy, xa que podería recoller os votos da esquerda e do centro, beneficiándose tanto do rexeitamento de Sarkozy como da “falla de preparación” de Segolène. O voto Bayrou pode gañar en aceptación como alternativa ao tándem Segó-Serkó.

Débese advertir tamén a posibilidade dos pactos políticos, principalmente na esquerda, no caso de que ningún dos candidatos obteña a maioría absoluta. A hora da “cohabitación política” pode volver a ser unha realidade no Palacio do Elíseo, tal e como ocorrera en 1995 cun presidente de dereita e unha Asemblea Nacional de maioría de esquerdas.


8) A hora das opcións antisistema?

José Bové, Arlette Laguiller e Oscar Besancenot constitúen as tres principais bazas da esquerda máis combativa que concorren ás eleccións como elementos claramente “antisistema”, defensores dunha reestruturación a fondo do Estado, do cambio radical no sistema económico e a forma de facer política, así como un rexeite frontal ao “europeísmo oficial” e a globalización.

A coincidencia é que estes tres candidatos amosan posicións “trotskistas”. Non obstante, nestas eleccións, estas opcións apenas superan o 5% cando en 2002 estes tres partidos obtiveron un 10%.

Non obstante, e a pesar desta sensación de “momento histórico para as reformas”, as opcións antisistema en Francia presenta exemplos curiosos.

Nas eleccións de 2002, o ultradereitista Jean Marie Le Pen constituíu o principal exemplo de cómo un político antisistema podería chegar mesmo á presidencia francesa. Os triunfos electorais da Fronte Nacional de Le Pen evidenciaron este preocupante ascenso dunha opción claramente xenófoba, con notables raíces na liberal e democrática sociedade francesa.

A Le Pen pode engadirse a outra variante da extrema dereita de Phillipe De Villiers, onde coinciden en varios puntos (antiinmigración e antieuropeísmo) aínda que De Villiers promove o retorno ao Ancien Régime aristocrático, rompendo co moderno sistema republicano francés.

Quizás como factor que certifica a repentina aparición de posturas reformistas, a idea da “Sexta República” exposta por Segolène Royal pode manifestar sintonía con determinadas demandas defendidas por Laguiller e Besancenot.

Tamén está claro que o ascenso político e a consolidación do centrismo representado por François Bayrou constitúe unha alternativa de gran importancia que racharía o bipartidismo tradicional da Quinta República instaurada por Charles De Gaulle en 1958.


9) Qué repercusións terá para Europa?

En paralelo ás análises internas sobre a presunta “decadencia francesa”, diversas publicacións e analistas externos especulan cunha preocupante idea: “É Francia o “home enfermo de Europa”?

Baseándose nos datos macroeconómicos (alta débeda externa e déficit público, perda de competitividade internacional e excesivo paternalismo socioeconómico), a influínte revista británica The Economist analizou a realidade francesa dende a perspectiva da posibilidade de que o cambio político permita iniciar unha “revolución liberal” en París, similar ao ocorrido en Gran Bretaña no período de Margaret Thatcher (1979-1990).

Afastando estas ideas e especulacións, cabe pensar que o futuro goberno francés manifeste un renovado optimismo para iniciar reformas audaces na administración pública e na economía que permitan manter a aposta polo proceso de construción política da Unión Europea, en particular renovando o impulso da Constitución.

Tamén depende cara onde se oriente a viraxe política. Por exemplo, un goberno conservador de Sarkozy achegaría a París ao eixe con Berlín e a chanceler Ánxela Merkel, á espera do que suceda nas eleccións británicas e españolas de 2008 e 2009.

Pola súa banda, o triunfo socialista de Segolène confirmaría o retorno da socialdemocracia europea, coas súas expresións no goberno de Zapatero en Madrid e Romano Prodi en Roma.

Non obstante, resulta difícil medir o impacto europeo se algunha alternativa centrista ou antisistema logra finalmente impoñerse nas eleccións.


10) O legado de Chirac

Aos seus 75 anos, e tras medio século de traxectoria política e administrativa, a emotiva despedida de Jacques Chirac en marzo pasado obriga a realizar unha sucinta análise do seu legado político.

O home que ocupou unha gran atención mundial por liderar a oposición á guerra de Iraq no 2003 deixa sinais ambivalentes na política gala. Sempre á sombra dos históricos líderes Charles De Gaulle e Georges Pompidou, este político, que foi alcalde de París e presidente en dúas ocasións, sempre estivo ligado á elite política parisina, con todas as súas vantaxes e escándalos de corrupción.

As súa baixas cotas de popularidade nos derradeiros anos, ante os fracasos da súa administración á hora de solucionar os problemas sanitarios (crise da canícula no verán de 2003) e sociais (crise dos banlieus parisinos no 2005) marcaron un final político pouco favorable para un dos máis carismáticos representantes de la grandeur de la France.

Neste sentido, na campaña electoral 2007, os franceses identifican o legado de Chirac como unha representación do pasado e unha expresión da “anquilosada” clase política francesa.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta