Guía Exterior / nº 020-2/2007 de 12 de marzo Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Xeopolítica dos conflitos no espazo euroasiático
 
 

  Putin e mapa Euroasia, clic para aumentar
O goberno de Putin (na foto) está a colocar ao Cáucaso e o Mar Caspio como unha especie de “patio traseiro” ruso, similar ao existente entre EEUU e América Latina. A masiva presenza militar rusa nas guerras en Chechenia, Daguestán, Ingushetia e Osetia do Norte, ante o avance do independentismo checheno e o islamismo radical, así como o equilibrio de poder rexional entre Rusia, EEUU, Xeorxia, Irán e Turquía no Cáucaso, facilitaron o retorno de Rusia como actor clave neste espazo.
 
Introdución

O interese polo espazo euroasiático aumenta pola súa importancia estratéxica para actores como Rusia, EEUU, Europa, China, Irán e Turquía, principalmente nos apartados da seguridade, a xeopolítica e os intereses enerxéticos. Polo tanto, no século XXI, as potencias globais semellan reproducir o “gran xogo” xeopolítico no Cáucaso e Asia Central, que xa levaran a cabo Rusia e Gran Bretaña a finais do século XIX.

Os conflitos euroasiáticos, determinados por factores tan diversos como as identidades étnicas, lingüísticas e nacionais, o pulso enerxético e xeopolítico, así como os reclamos de democratización e estabilidade sociopolítica, serán materia de interese para os organismos internacionais. Na mira estarán tamén os procesos electorais a celebrarse principalmente no 2008, os cales confirmarán a definición de espazos de poder en Eurasia.


As claves de interese para Eurasia

1) A qué denominamos “Eurasia”?

Con diversas acepcións en termos xeopolíticos, o espazo euroasiático está historicamente considerado como unha encrucillada de pobos, etnias e relixións dominada polos imperios persa, romano, bizantino, otomán e ruso.

A definición xeográfica mais aceptada consiste en localizar a Eurasia dentro dunha porción territorial que abarca dende o Mar Negro ata o Mar Caspio, constituíndo unha liña divisoria ao longo dos montes do Cáucaso, os estreitos de Dardanelos e do Bósforo, o río Ural e os Montes Urais.

Neste sentido, este espazo engloba as rexións do sur de Rusia, o Cáucaso, a meseta norte de Turquía, o norte de Irán e a parte occidental de Asia Central.

Os países que conforman este espazo son: Rusia, Xeorxia, Armenia, Acerbaixán, Irán, Turquía, Turkmenistán e Kazajstán. Salvo Turquía e Irán, os demais países formaron parte das ex repúblicas soviéticas independizadas en 1991.

Outras definicións amplían este espazo xeopolítico dende os Balcáns e a Europa ex soviética (Ucraína, Moldavia e Belarús) ata Asia Central, limitando con China, Afganistán, Mongolia, India e Paquistán, e incluíndo ás repúblicas ex soviéticas de Uzbekistán, Kirguizistán e Tadxikistán.


2) Identidades, enerxía e terrorismo

As claves do conflito? As riquezas en petróleo e gas natural no Mar Caspio, a inestabilidade política e o problema do recoñecemento das identidades dentro do mosaico de pobos, etnias, linguas e relixións no Cáucaso e a rexión euroasiática, determinan unha serie de conflitos que involucran aos países da rexión, nalgúns casos atrapados dentro dunha imparable espiral de violencia.

Sen obviar a existencia dunha diversidade relixiosa (cristianismo ortodoxo, Islam, xudaísmo), os conflitos reivindicativos das identidades étnicas, nacionais e lingüísticas e a súa influencia na integridade territorial de diversos Estados, constitúen os casos máis delicados de conflito rexional, con repercusións xeopolíticas na disputa entre estes Estados.

Neste sentido, destacan os casos de Chechenia, Daguestán e Ingushetia (Rusia); Osetia do Sur e Abxasia (Xeorxia); o conflito no enclave armenio de Nagorno-Karabakh (Acerbaixán) e o recoñecemento de dereitos lingüísticos e políticos para outros pobos como os laces, moldavos, cherkessios, kalmukos, balkarios, nogais, adyguos, avaros, lezguinos e karatchäis, diseminados en distintas repúblicas.

O conflito checheno aborda dinámicas complexas para os independentistas, toda vez que Rusia e o seu aliado en Chechenia, Ramzan Kadírov, lograron descabezar no 2006 a súa ala política e militar, cos asasinatos de Abduh Halim Saiduláyev e Shamil Basáyev. Recentemente, caeu en mans rusas e dos seus aliados o último bastión independentista no distrito montañoso de Vedeno.

No caso de Osetia do Sur, un referendo non vinculante celebrado en novembro de 2006 determinou a súa separación de Xeorxia.

Na marxe occidental do espazo euroasiático, compre observar o conflito separatista na rexión de Transniestria, de maioría rusa, enclavada entre Moldova, Romanía e Ucraína.

No apartado enerxético, o Mar Caspio constitúe, tras Oriente Medio e América do Norte, unha das principais rexións produtoras de petróleo e gas natural (14,6% do total mundial), de subministro (Rusia, Kazajstán e Acerbaixán subministran o 28,5% do petróleo mundial) e de reservas (un 6,2%).

A pesares de que os medios internacionais esaxeraron o nivel real das súas reservas a longo prazo, tentando colocar ao Mar Caspio como unha alternativa ao inestable Oriente Medio, o pulso polo control político destas reservas involucra a Rusia, EEUU, China, Irán, Turquía e diversas multinacionais estranxeiras.

Dentro desta frenética distribución de oleodutos e gasodutos dende o Mar Caspio, o principal é o Bakú-Tbilisi-Ceyhan, BTC, finalizado no 2006 que constitúe a principal baza enerxética occidental e o seu maior factor de fricción con Rusia.

Tamén está cobrando forza a controversia legal pola delimitación marítima do Mar Caspio, que involucra aos seus cinco países ribeireños (Rusia, Kazajstán, Acerbaixán, Turkmenistán e Irán).

Un factor adicional de conflito está concentrado na aparición dunha modalidade de terrorismo independentista e de cariz islamita radical en Chechenia, Daguestán e Osetia do Norte, principalmente pola preponderancia militar e política rusa.

Velaí que o Cáucaso convertérase nun foco de atracción para movementos “yihadistas” en Chechenia e Osetia do Norte, algúns deles presuntamente vinculados á rede Al Qaeda ou provistos dunha dinámica propia, e nutridos de combatentes internacionais expertos en guerra de guerrillas en Afganistán, Caxemira, Alxeria e Iraq.


3) É Rusia unha potencia en Eurasia?

A desintegración soviética en 1991 restou inicialmente parte da influencia de Moscova na rexión euroasiática, recuperando este terreo dun xeito acelerado a partires de 1999, coa chegada ao poder de Vladímir Putin.

Nesta perspectiva, o goberno de Putin está a colocar ao Cáucaso e o Mar Caspio como unha especie de “patio traseiro” ruso, similar ao existente entre EEUU e América Latina.

A masiva presenza militar rusa nas guerras en Chechenia, Daguestán, Ingushetia e Osetia do Norte, ante o avance do independentismo checheno e o islamismo radical, así como o equilibrio de poder rexional entre Rusia, EEUU, Xeorxia, Irán e Turquía no Cáucaso, facilitaron o retorno de Rusia como actor clave neste espazo.

Pero probablemente sexa o factor enerxético a principal baza de poder ruso no espazo euroasiático, principalmente no relativo á competencia das petroleiras rusas coas multinacionais estranxeiras para proverse das reservas de petróleo e gas natural en Acerbaixán, Kazajstán e Turkmenistán.

Rusia é o segundo produtor mundial de cru tras Arabia Saudita, con máis de oito millóns de barrís, así como tamén o segundo exportador a nivel mundial.

Neste equilibrio de poder, Putin reforzou os lazos enerxéticos con Armenia, o seu aliado tradicional, país onde Moscova posúe bases militares. Asemade, Putin tenta contactos políticos en Acerbaixán, Kazajstán e Turkmenistán, nun intento por resucitar a Confederación de Estados Independentes, CEI, formal sucesora dunha ex URSS sen s países bálticos.

A intención rusa é contrarrestar a crecente presenza occidental no Cáucaso e o Mar Caspio, concretada na estratéxica relación enerxética de Washington e as multinacionais occidentais con Acerbaixán e Turkmenistán como produtores de cru e gas natural, e Xeorxia e Turquía como os seus distribuidores, a traveso da rede de oleodutos e gasodutos.

Non obstante, e a pesares da súa crecente presenza, a influencia diplomática e política rusa non resulta ser un factor tan decisivo como se pretende, complicando en determinados momentos a viabilidade de Moscova como principal potencia euroasiática.


4) Cales son os intereses de EEUU?

As necesidades enerxéticas estadounidenses confirman a vital importancia estratéxica para Washington da rexión euroasiática, paso clave entre os Balcáns, o Mar Mediterráneo, Oriente Medio e Asia Central.

O oleoduto BTC constitúe a principal baza de poder de Washington e os seus aliados rexionais para afincar unha política de contención da influencia rusa e iraniana que ten a Xeorxia e Turquía como peóns clave.

Estes intereses aumentan ante a perspectiva da loita antiterrorista e contra o islamismo radical desde o 11-S, o que permite unha cooperación política e militar mais viable. Washington posúe 2.000 soldados en Xeorxia e Uzbekistán, mentres afinca relacións de poder en Acerbaixán, Kazajstán e Turkmenistán para apoiar a uns presidentes acusados de autoritarios.

No apartado xeopolítico, Washington esperaba que a “revolución das cores” que triunfara en Xeorxia no 2003 e Ucraína no 2004, tivera un efecto expansivo no espazo euroasiático en clave de gobernos pro-occidentais.

Salvo en Kirguizistán no 2005, os demais países non caeron exactamente nesta dinámica de cambios políticos dentro do dominó xeopolítico trazado por Washington e Europa.


5) Xoga Europa un papel clave?

A pesares de non contar cunha presenza rexional tan efectiva como Rusia, EEUU, Turquía e Irán, a Unión Europea xoga as súas cartas nos terreos político e enerxético.

A consolidación de sistemas democráticos e a resolución dos conflitos constitúen unha das maiores prioridades europeas no Cáucaso, especialmente a traveso de fundacións e oficinas do Consello de Europa e a Organización para a Seguridade e Cooperación Europea, OSCE, en Xeorxia e Armenia.

No relativo a eventuais ampliacións da UE no futuro inmediato, no 2007 se evidenciaron os intereses de Xeorxia, Armenia e Acerbaixán por ingresar na UE e a OTAN.

En materia enerxética, as multinacionais petroleiras británicas, francesas, alemás e italianas invisten con firmeza nas reservas do Mar Caspio, pero segue a ser o oleoduto BTC, a principal aposta europea para surtir de petróleo e gas natural a Europa dende o Mar Caspio sen pasar por territorio ruso.


6) Irán e Turquía: potencias menores?

Á sombra da rivalidade de poder entre Rusia e EEUU no Cáucaso e Asia Central, nos derradeiros anos estase a observar unha notoria presenza turca e iraniana na rexión.

Estratéxico eixe de distribución enerxética para Occidente, Turquía posúe lazos históricos e culturais con Acerbaixán e Turkmenistán, pero fortes polémicas históricas con Armenia polo xenocidio de 1915, tema de actualidade en Europa. O descubrimento dun “mundo turco” no espazo euroasiático foi unha aposta esencial de Ankara trala desintegración da URSS en 1991.

Pola súa banda, Irán comezou a entrar con forza nesta rexión desde mediados da década dos noventa, principalmente en materia de acordos enerxéticos con Armenia, Acerbaixán e Turkmenistán. O factor étnico e relixioso tamén xoga a súa influencia, principalmente pola presenza de comunidade xiítas e de orixe persa en Acerbaixán e Turkmenistán.

Non obstante, Teherán espera buscar no espazo caucásico e centroasiático unha plataforma diplomática de apoio que lle permita afastar a presión occidental polo seu programa nuclear.


7) China: novo actor en Asia Central

Dentro da activa diplomacia multilateral que está levando a cabo Beijing, a área de Asia Central constitúe un estratéxico espazo xeopolítico, en gran parte orientado a diminuír a presenza estadounidense na rexión.

O mecanismo principal de integración que China impulsa neste espazo é a Organización de Cooperación de Shanghai, OCS, un foro inaugurado no 2001 e que inclúe a seis países: China, Rusia, Kazakistán, Kirguizistán, Tadyikistán e Uzbekistán.

No cumio celebrado en xuño de 2006, Irán, Mongolia, India e Paquistán ingresaron como membros observadores, o que lle confire a este organismo un carácter integrador cara a rexión de Asia meridional.

O cumio pasado evidenciou a conxunción de intereses entre Beijing e Moscova, que acercan posicións para evitar a influencia de Washington, manifestada a traveso da súa presenza militar en Afganistán e Uzbekistán.

Para Moscova, a alianza con China en Asia Central constitúe un efectivo mecanismo de amortización ante a crecente influencia occidental e da OTAN no Cáucaso. Pola súa banda, os acordos enerxéticos de Rusia, Kazajstán e Uzbekistán con China permiten a Beijing construír un sólido mecanismo de cooperación que inclúe tamén os sectores comercial e de infraestruturas.

No marco da seguridade, a OCS permite a Beijing e os seus socios afianzar mecanismos de cooperación política e militar para afrontar as situacións de crise e inestabilidade na Asia Central, principalmente coa finalidade de evitar o avance rexional do islamismo, o reforzamento de determinados nacionalismos e o avance da influencia estadounidense e europea a traveso das “revolucións de cores”, tal e como ocorrera no 2005 en Kirguizistán.


8) Turkmenistán tras Niyazov

A morte en decembro pasado do presidente Saparmurat Niyazov aos 66 anos abriu unha nova era na república ex soviética. Niyazov gobernou este país nos derradeiros 21 anos, tanto na súa etapa comunista como no momento da independencia en 1991.

Turkmenistán é o cuarto país no mundo en reservas de gas natural, velaí a súa importancia estratéxica para EEUU, Europa Occidental, Turquía e Irán. Considerado por Occidente como un sátrapa e un tirano obsesionado polo culto á personalidade, Niyazov constituía a súa vez o principal garante dos intereses occidentais en Turkmenistán, un país basicamente illado do escenario global.

En febreiro pasado se celebraron eleccións presidenciais que aseguraron a Gurbanguli Berdimujamedov, de 49 anos, como novo mandatario. Ex médico persoal de Niyazov e ex ministro de Sanidade, considérase que Berdimujamedov conservará a mesma estrutura de poder que o seu antecesor, así como os contratos das multinacionais de petróleo.

Como síntoma de cambio, resulta probable que Berdimujamedov inicie unha reforma educativa e sanitaria sen que isto certifique unha apertura política global dentro do sistema unipatidista turkmeno.


9) Xeorxia e Acerbaixán: os peóns de Occidente?

Trala caída de Eduard Shevarnadze en outubro de 2003, produto da revolución política que levou ao poder ao actual presidente Mikhail Saakashvilli, Xeorxia experimentou un cambio de orientación cara Occidente, en detrimento da súa tradicional opción prorrusa.

Este cambio de orientación elevou as tensións entre Xeorxia e Rusia nos derradeiros anos. Saakashvilli amosa a súa disposición de integrar a Xeorxia na UE e a OTAN. Dende Moscova responden alimentando o separatismo nas rexións de Osetia do Sur e Abxasia e aplicando presións enerxéticas e comerciais contra Tbilisi vía corte de subministro de gas natural, como ocorreu en xaneiro de 2006, ampliado tamén á Ukraína pro-occidental de Viktor Yúshenko.

O peón xeorxiano é unha peza clave para Occidente no taboleiro euroasiático. A distribución de oleodutos e gasodutos dende o Mar Caspio ata Europa occidental pasan por territorio xeorxiano como elemento de contención á influencia rusa.

Xunto a Xeorxia, a outra peza clave pro-occidental é o Acerbaixán de Ilham Alíev, principal produtor de petróleo e gas natural na zoa caucásica e matriz da distribución enerxética cara Occidente. A “dinastía Alíev” do falecido Heidar e o seu fillo Ilham, controla o poder no seu país desde1991 e tamén amosa similares intencións de ingresar na UE e a OTAN.

A cooperación enerxética entre Xeorxia e Acerbaixán para conter a Rusia funcionou en decembro pasado, cando Moscova aplicou un embargo ao gas azerí por subministrar enerxía a prezos preferenciais a Tbilisi. Asemade, o oleoduto BTC pasa polas capitais de ambos países.

No marco da cooperación rexional, semella evidente que o Grupo GUAM, creado en 1997 e composto por Xeorxia, Ucraína, Acerbaixán e Moldavia, constitúe un factor de freo á influencia rusa nos asuntos euroasiáticos.


10) O futuro político: democracia, autoritarismo ou islamismo?

No 2008, Rusia, Xeorxia, Armenia e Acerbaixán irán a eleccións que definirán ou reafirmarán o mapa político euroasiático para os próximos anos.

Os procesos electorais mais decisivos serán os de Xeorxia e Acerbaixán, xa que os seus respectivos presidentes, Saakashvilli e Alíev, intentarán consolidar o seu poder, mutuamente dependente dos acordos enerxéticos e os oleodutos e gasodutos con Occidente. Un probable triunfo de Saakashvilli consolidaría a orientación pro-occidental xeorxiana.

Pola súa banda, Putin intentará no 2007 atopar un sucesor clave para preservar o seu poder alén das eleccións de 2008, ante as críticas occidentais pola súa deriva autoritaria. O aparentemente mais indicado “sucesor” sería o actual viceprimeiro ministro Serguei Ivanov.

No 2007 se celebrarán eleccións lexislativas para a renovación da Duma, onde Putin calcula un reforzamento do seu poder.

No caso armenio, as probabilidades de triunfo do actual presidente Robert Kotcharian tanto nas eleccións lexislativas de maio próximo como nas presidenciais do próximo ano, consolidarían a vital relación armenia co seu aliado ruso.

Non obstante, existen presións políticas no espazo euroasiático entre as forzas autoritarias e as demandas democráticas. Os réximes políticos en Acerbaixán, Turkmenistán, Uzbekistán e Kazajstán seguirán conservando a súa natureza autoritaria: un líder único dentro dun sistema fortemente unipartidista, con escasa mobilidade política da sociedade civil e partidos políticos débiles e pouco estruturados.

É notoria a presenza de clans familiares e elites de poder de marcado carácter autoritario, principalmente nas repúblicas ex soviéticas, conectados con magnates e multinacionais tanto rusas como occidentais, a fin de manter cotas de poder que reprimen as manifestacións democráticas.

Tanto como as demandas democráticas, que poden espallarse e provocar tensións en Acerbaixán, se observa un avance do islamismo político en países centroasiáticos como Uzbekistán, Tadxikistán e Kirguizistán, con certa capacidade de influencia na rexión caucásica.

Ideoloxicamente dispersos, os islamitas euroasiáticos debátense entre seguir un modelo autóctono (Uzbekistán), copiar o exemplo iraniano ou observar a opción talibán de Afganistán. Velaí os temores occidentais dunha posible “talibanización” en Asia Central.

Se ben a presenza de movementos islamitas pode contribuír a crear espazos de apertura política nestes países, as elites gobernamentais seguramente reforzarán os mecanismos militares e de seguridade coas potencias externas para eliminar todo vestixio opositor que ameace o seu poder.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/03/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta