Guía Exterior / nº 019-1/2007 de 19 de febreiro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
África en 2007
 
 

  Cartel de benvida cos retratos de Levy Mwanawasa  e Hu Jintao, clic para aumentar
A recente xira do presidente chinés Hu Jintao o pasado mes de xaneiro por Camerún, Liberia, Sudán, Zambia, Namibia, África do Sur, Mozambique e as Illas Seychelles, a súa primeira visita ao exterior en 2007, reitera a elección chinesa de apostar por novas vías de entendemento e cooperación con África, anteriormente expostas no Cumio de Beijing do Foro de Cooperación China-África, celebrado en novembro pasado. (Foto: Cartel de benvida cos retratos de Levy Mwanawasa, presidente de Zambia, e Hu Jintao, á chegada do mandatario chino a Lusaka o 3 de febreiro de 2007).
 
Introdución

Permanentemente afastado da actualidade internacional, salvo cando reaparecen os seus conflitos internos e o tema da pobreza na axenda global, o continente africano reclama unha oportunidade para ocupar a atención tanto da opinión pública mundial como das principais potencias e institucións globais.

O 2007 anuncia acontecementos relevantes para definir algunhas variables de interese para África e o mundo globalizado. Eleccións decisivas, procesos de pacificación e transición, dinámicas de integración e o drama da pobreza e as súas secuelas (pandemias, emigración, etc), obrigan a incluír a África na axenda prioritaria de gobernos e de organismos internacionais.


Un ano crucial para África

1) Se consolidará a democracia en África?

O 2007 será un ano electoral en África, con procesos de gran importancia para o futuro político do continente.

A máis importante cita electoral, caso de celebrarse, terá lugar en outubro en Côte d´Ivoire, onde uns esperados comicios presidenciais poden consolidar un proceso pacífico de transición de posguerra civil.

Outros países que irán ás urnas son Senegal (presidenciais e lexislativas en febreiro); Benín (lexislativas en marzo); Mauritania (presidenciais en marzo); Nixeria (eleccións presidenciais e lexislativas en abril, así como de gobernadores e membros das asembleas territoriais); Mali (presidenciais en abril); Burkina Faso e Alxeria (lexislativas en maio); Camerún (lexislativas en xuño); Serra Leona (presidenciais en xullo); Marrocos (lexislativas en setembro) e Quenia (presidenciais en decembro).

Estes procesos electorais estarán tamén determinados polos resultados das eleccións presidenciais de abril e maio en Francia, principalmente pola súa influencia na África francófona.

Outros eventos políticos a destacar son os xa celebrados Foro Social Mundial de Nairobi (xaneiro) e o Cumio de xefes de Estado e de goberno da Unión Africana en Etiopía (xaneiro). Nos próximos días e meses se celebrarán o Cumio África-Francia en Cannes (febreiro), o Cumio da Liga Árabe en Exipto (marzo), e a xuntanza semestral da Unión Africana (xullo), onde se elixirá un novo secretario xeral.

A masiva celebración de eleccións explicita unha valiosa aposta pola afirmación democrática no continente, aínda que este proceso requira dunha adecuada vertebración institucional e do decidido apoio exterior.


2) Terán cabida os Obxectivos do Milenio?

En 2005 e 2006, o ex secretario xeral da ONU, o ganés Kofi Annan, tentou impulsar a consecución dos Obxectivos do Milenio para 2015, especialmente no apartado do combate á pobreza e o fortalecemento da democratización en curso.

O esforzo de Annan tivo unha breve continuidade nos foros económicos globais, a traveso da iniciativa do primeiro ministro británico Tony Blair, coa creación da Comisión para África no cumio do G8 en xullo de 2005.

Este legado será xestionado agora polo sucesor de Annan, o surcoreano Ban Ki Moon, e os principais líderes africanos e occidentais comprometidos con estes obxectivos. O combate contra a fame e a pobreza, así como a defensa dos dereitos humanos, cobran cada vez máis relevancia nos foros internacionais e 2007 pode ser un ano decisivo para afrontar o problema cun mínimo de esperanza.

Aínda así, nas axendas políticas occidentais e africanas predominan os factores políticos e económicos, e os conflitos de interese obstaculizan varias iniciativas para o desenvolvemento.

A gravidade da situación social en África merecerá tamén a atención oficial: segundo o FMI e o Banco Mundial, África é o continente onde os indicadores económicos, sanitarios e sociais se degradan con maior constancia. Os 27 países máis pobres do mundo atópanse na África sub-sahariana, así como 33 dos 49 países menos desenvolvidos do planeta.


3) Se aliviará a inmigración ilegal?

Ante a masiva chegada dos “caiucos” ás costas mediterráneas europeas, en 2006 a problemática da inmigración ilegal asentou como un tema de gran relevancia para Europa e os países africanos, ata o punto que Bruxelas situou a inmigración ilegal como tema de debate nos cumios europeos, paralelamente ao reforzamento das relacións bilaterais con países africanos, aínda que principalmente en materia de seguridade.

Líderes europeos como o primeiro ministro británico, Tony Blair, e o presidente español, José Luis Rodríguez Zapatero, así como a candidata socialista francesa, Segolène Royal, deron cabida a África no seu discurso político e o problema da inmigración situouse como elemento de referencia das súas políticas.

Non obstante, os gobernos europeos e africanos semellan máis concentrados na forma de evitar a masiva inmigración africana a Europa ca en atopar solucións concretas aos problemas de desigualdade socioeconómica. Neste sentido, foi significativo o acordo de seguridade marítima entre Francia e Senegal para evitar a masiva inmigración ilegal a Europa.


4) É a SIDA un problema político?

Un total de 24,7 millóns de persoas posúen o virus do HIV na África subsahariana. En consecuencia, o efecto desta enfermidade está afectando dramaticamente ao tecido social e demográfico de moitas das súas sociedades: só un 5% dos nenos orfos provocados polo HIV reciben algún tipo de axuda oficial.

A pesar diso, a problemática da SIDA ingresa timidamente nas axendas políticas dos gobernos africanos, sen constituír unha firme prioridade, salvo en varios países como África do Sur onde se está a conformar unha dinámica rede no seo da sociedade civil, integrada por activistas contra a SIDA, que están influenciando cada vez maiores espazos públicos e propiciando unha interesante revolución democrática en defensa dos dereitos humanos.

O labor destes activistas civís vese recompensado polo incremento da axuda internacional para combater esta enfermidade, cifrada en 6.000 millóns de dólares en 2006.

Non obstante, e ante o temor de golpes militares e o risco de guerra civil, os gobernos africanos seguen a destinar altas sumas ao gasto militar, principalmente por parte de socios como EEUU, Europa occidental e Israel, afectando aos orzamentos para gasto social en alfabetización, sanidade e o combate doutras enfermidades, como a malaria e o paludismo.

Se calcula que un 11% da axuda ao desenvolvemento que recibe África se reconduce inadvertidamente a gastos militares, de tal modo que arredor dun 40% deste gasto está financiado pola axuda ao desenvolvemento.


5) Qué futuro para o Sáhara?

O fracaso do Plan Baker para a celebración dun referendo autonómico no Sáhara Occidental paraliza e empantana a problemática saharauí, toda vez que este problema involucra directamente aos gobernos marroquí, español e francés e á Fronte Polisaria para a Liberación do Sáhara Occidental.

Está en discusión se é posible aplicar outro plan que permita o exercicio de mecanismos democráticos e de consenso para solucionar o problema territorial ou ben que a Fronte Polisaria reactive a loita armada contra Marrocos como única alternativa posible, contando coa probable axuda de países veciños como Alxeria e Mauritania.

A gravidade da situación interna no Sáhara Occidental e o drama dos seus refuxiados en campamentos de países veciños como Alxeria obrigará a Europa e EEUU a centrar a súa atención na búsqueda dunha solución política, sen poder obviar nin esquecer este delicado problema.

O pasado 15 de decembro, durante unha votación na ONU da proposta do representante alxerino para celebrar un referendo de autodeterminación no Sáhara Occidental, a suma de abstencións e votos en contra constituíron un claro triunfo para Marrocos.

Paralelamente, Marrocos é unha peza clave para EEUU e Europa na loita antiterrorista e para a estabilidade política no Magreb ante o posible avance do islamismo. Velaí os recentes acordos de ampliación da cooperación militar con España, EEUU e Francia, con efectos negativos para as demandas do pobo saharauí.


6) A integración rexional e o petróleo: éxito ou fracaso?

No apartado da integración rexional, resulta necesario resaltar o efectivo papel xogado pola Unión Africana, UA, sucesora a partir do 2002 da Organización da Unión Africana, como elemento non só de integración rexional senón con funcións pacificadoras e defensora dos procesos de transición democrática en escenarios conflitivos como Burundi e Darfur (Sudán).

Europa tamén contribúe a esta misión, coa creación dunha Forza de Reacción Rápida para África, amosando unha efectiva cooperación coa Unión Africana.

Isto permite outear unha visión máis autóctona tanto da integración africana como do proceso de globalización, elaborada a partir das claves do propio continente. O efectivo labor da UA permite a institucionalización dun marco de cooperación, baseado en mecanismos democráticos e destinados á pacificación dos conflitos, a promoción da democracia e a protección dos dereitos humanos.

Paralelamente, África comeza a ocupar un espazo esencial na axenda exterior de países emerxentes no escenario internacional, como China, Brasil, India, Irán e Venezuela, no marco da cooperación económica e a activación de axendas políticas paralelas, principalmente destinadas a premer por unha globalización xusta e equitativa, baseada na cooperación Sur-Sur.

Tanto como a activación de mecanismos de integración política e económica, o factor enerxético ocupa un espazo de gran interese nos derradeiros anos, principalmente cara países como Alxeria, Libia, Nixeria, Angola, Sudán e Guinea Ecuatorial, ricos en petróleo e gas natural. Estímase que África posúe un 8% das reservas mundiais de petróleo.

Para acabar co seu illamento internacional, a Libia de Muammar al Gadafi iniciou un amplo proceso de asociación enerxética con empresas europeas e estadounidenses que se ampliará en 2007. Este proceso aperturista vense manifestando tamén en Alxeria, aínda que cunha forte presenza estatal e orientada a converterse nun socio estratéxico europeo de gas natural.

Pola súa banda, parte das tensións internas en Nixeria, principal produtor petroleiro africano (2,4 millóns de b/d), se deben á pugna polo control da industria enerxética. A perigosa mestura de corrupción e poder condiciona tamén a estrutura burocrática do país.

En Angola, segundo produtor petroleiro africano (1 millón de b/d), a masiva presenza das multinacionais estranxeiras condiciona igualmente o tecido político e social, con efectos dispares en canto ao reparto dos beneficios.

Por outra banda, unha explicación da crise humanitaria que se vive en Sudán (Darfour) apunta ás estimacións de que na rexión sureña do río Nilo, existen 2.000 millóns de barrís de cru, e os intereses internos e externos puxan por esas reservas valéndose de todos os medios ao seu alcance.

No caso guineano, o factor enerxético está directamente asociado ao poder presidencial de Theodore Obiang e ás súas negociacións coas multinacionais estranxeiras, con efectos claramente prexudiciais para a oposición política que denuncia o autoritarismo de Obiang e que non atopa o nivel de respaldo internacional que correspondería.


7) Estabilidade ou inestabilidade política?

A atención política do continente estará determinada polo proceso de transición en Côte d´Ivoire, cunhas eleccións presidenciais que están previstas para outubro próximo e que serán decisivas para o futuro do país.

Na axenda política figura tamén a consolidación do proceso de transición cara a democracia en Mauritania, tralo golpe militar de 2005. Outros países que acudirán ás urnas como Gabón, Camerún, Benín e Quenia estarán baixo a lupa da atención rexional e internacional, a fin de determinar os posibles retrocesos e avances democráticos.

Do mesmo xeito, semella garantida a estabilidade política e a apertura económica nos países da África lusófona como Cabo Verde, Angola, Guiné Bissau, São Tomé e Príncipe e Mozambique.

Outros escenarios de atención son Marrocos e Alxeria, dous países con fortes movementos políticos islamitas con capacidade de impacto e vitoria electoral que poderían provocar un terremoto político na actual conxuntura internacional.

Do mesmo xeito, os roces e as presións de Europa e EEUU cara o controvertido autoritarismo dos réximes de Robert Mugabe en Zimbabwe e de Theodore Obiang en Guinea Ecuatorial poden xerar inestabilidade e mesm cambios de goberno, incluso baixo a modalidade de golpes militares ou rebelións sociais. No caso de Mugabe (82 anos), a elección do seu sucesor político pode constituír un factor de inquedanza.

Un apartado merece a xustiza internacional, especialmente ante os procesos instruidos ao ex ditador de Serra Leona, Charles Taylor, polo Tribunal Penal Internacional da Haia; de Thomas Lubanga, principal “señor da guerra” na República Democrática do Congo; e do ex ditador Mengistu Haïlé Mariam, en Etiopía. Cómpre prestar atención a cómo estes procesos xudiciais influirán nas dinámicas de transición de posguerra nestes países.


8) Haberá paz nos principais conflitos?

O ano 2007 porá sobre o tapete africano a actualidade dos principais conflitos armados, algúns aínda activos e outros en proceso de pacificación, principalmente na área setentrional: Somalia, Serra Leona, a República Democrática do Congo, Burundi e Chad.

Un apartado especial merecerá a crise de Darfour en Sudán, considerada pola ONU como “a maior catástrofe humanitaria e de dereitos humanos da posguerra”, con 200.000 mortos e 2,5 millóns de desprazados.

A delicada transición de posguerra en Côte d´Ivoire e Liberia, as tensións inter-étnicas e relixiosas ao norte de Nixeria e a crise alimentaria no Níxer serán outros focos de máximo interese.

Pero o terrorismo “yihadista” global e a posible proliferación de grupos asociados ou non á rede Al Qaeda, devengará tamén a súa importancia no escenario africano.

Tras Afganistán e Iraq, a rexión do Corno de África constitúe o terceiro escenario de importancia para Washington na súa loita contra o terrorismo global. Polo tanto, EEUU, os gobernos occidentais e a ONU dirixirán a súa atención cara esta rexión, a fin de asegurar o seu fráxil equilibrio xeoestratéxico.

Este factor explica porqué unha importante base militar estadounidense acaba de ser trasladada á zona da África occidental, para controlar brotes islamitas en Mali e tamén na rexión de África oriental, próxima ao Golfo Pérsico, especialmente en Somalia, Etiopía-Eritrea, Djibouti, Quenia e Tanzania.

Velaí que os factores de seguridade antiterrorista poden dominar unha boa parte da axenda política africana en 2007, en detrimento da resolución de problemas aínda máis graves como a fame, a pobreza, a escasa escolarización e as desigualdades socioeconómicas.


9) A hora das potencias emerxentes?

Dous países destacan como posibles novos eixes xeopolíticos de poder no continente: África do Sur e Nixeria, esta última considerada a maior democracia africana en termos demográficos.

O caso surafricano estase a constituír nun modelo efectivo de transición e estabilización pacífica, desde o cruel réxime do “apartheid” a unha democracia formal e participativa, cun exemplar proceso de reconciliación racial, étnica e política e de saudable éxito económico.

O efectivo labor político do gobernante Congreso Nacional Africano porase a proba no congreso que debe celebrar en decembro de 2007, e que determinará unha nova dirixencia política de cara aos comicios de 2009, en busca do sucesor do presidente Thabo Mbeki.

Este congreso será importante para avaliar os anos da transición iniciada en 1994 e os efectos dos escándalos de corrupción que salpican a varios dirixentes.

África do Sur avanza tamén con decisión en materia de integración económica tanto no propio continente como nos mercados globais, así como na captación de investimentos estranxeiros.Este papel está consolidado grazas á súa activa participación nos foros económicos globais en defensa dun comercio e unha cooperación máis equitativa.

Neste sentido, África do Sur é concibida como unha das “potencias emerxentes” do século XXI. Velaí que non sexa unha coincidencia que este país resultara elixido como sede do Mundial de Fútbol de 2010, o primeiro campionato a celebrarse en África.

O caso nixeriano posúe síntomas diferentes: a súa potencialidade vese determinada por factores enerxéticos e por unha situación xeográfica estratéxica. Principal produtor petroleiro africano e situado entre os dez primeiros produtores mundiais, a estabilización sociopolítica nixeriana non está completamente asegurada.

Os sucesivos réximes militares deron paso a un período de certa estabilidade, tralo golpe militar de Olusegun Obasanjo en 1999, quen propiciou unha relativa democratización e unha ampla reforma estatal e económica. Do mesmo xeito, o carisma de Obasanjo permitiu incluír a Nixeria nun amplo sistema de integración rexional que colocou ao país nunha posición xeopolítica de gran interese.

O 2007 será un importante ano electoral en Nixeria, onde Obasanjo se postula para un terceiro período no que espera consolidar os cambios e unha democracia tutelada polo estamento militar.


10) China: unha aposta por África?

A recente xira do presidente chinés Hu Jintao o pasado mes de xaneiro por Camerún, Liberia, Sudán, Zambia, Namibia, África do Sur, Mozambique e as Illas Seychelles, a súa primeira visita ao exterior en 2007, reitera a elección chinesa de apostar por novas vías de entendemento e cooperación con África, anteriormente expostas no Cumio de Beijing do Foro de Cooperación China-África, celebrado en novembro pasado.

A aposta chinesa por África se circunscribe, principalmente, cara a imperativos comerciais, cun intercambio que no 2006 ascendeu ata os 55.500 millóns de dólares, cun crecemento anual superior ao 30% por quinto ano consecutivo. Os investimentos chineses en África alcanzan os 6.600 millóns de dólares en 49 países e en sectores como a agricultura, enerxía e telecomunicacións.

China xa constitúe o principal socio comercial para países como Sudán mentres se consolida en África do Sur, Camerún, Namibia, Liberia (con quen reanudou relacións diplomáticas en 2003) e Mozambique.

Non obstante, esta relación tamén aporta unha interesante iniciativa de inclusión da Unión Africana como marco institucional de importancia para a resolución de conflitos e a estabilidade rexional, en colaboración coa ONU.

Os reforzamentos dos vínculos políticos e culturais así como a preocupación polo ambiente tamén ocupan un lugar preponderante na axenda chinesa cara África, unha relación aínda prematura para diagnosticar pero con visos de desenvolverse activamente nos próximos anos.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta