Guía Exterior / nº 018-11/2006 de 14 de decembro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Balance 2006 e perspectivas 2007
 
 

  Rafael Correa, clic para aumentar
Un novo triunfo para esquerda tivo lugar en Ecuador, coa vitoria de Rafael Correa, mentres en Venezuela, Hugo Chávez revalidou a súa presidencia cun novo período no goberno ata 2013. (Foto: Rafael Correa celebra en Quito o triunfo nas presidenciais de Ecuador o 26 de novembro de 2006).
 
Introdución

Realizar un balance da política internacional en 2006 supón descifrar algunhas claves que permitan intuír a evolución e o desenvolvemento das relacións internacionais para o 2007. Neste sentido, o 2006 amosou un cambio significativo na percepción unilateral de Washington, ante os evidentes fracasos da súa política exterior e o desencanto da propia sociedade norteamericana.

Con escenarios conflitivos moi marcados (Oriente Medio, Afganistán, Cáucaso, Corea do Norte, terrorismo internacional), o 2006 permitiu a consolidación de novos actores globais (China e India), outros que descobren as súas novas potencialidades (Irán, Brasil, África do Sur) e outros máis que aspiran a retornar á area internacional (Rusia, Xapón).

O 2007 confirmará se estas tendencias e conflitos seguen a constituír factores de poder relevantes na concreción dun novo sistema internacional, máis multipolar e multilateral, redefinindo o centro de poder cara a rexión de Asia-Pacífico.


Os temas que dominaron 2006

1) O final dos neoconservadores en EEUU

A perda do control da Cámara de Representantes e o Senado en favor do partido Demócrata nas últimas eleccións lexislativas estadounidenses, e a posterior dimisión do polémico secretario de Defensa, Donald Rumsfeld (principal arquitecto das guerras de Afganistán e Iraq), prognostican un final de etapa na presidencia de George W. Bush e da mentalidade “neocon” instalada na Casa Branca desde o 2001.

A presidencia de Bush se atopa nos seus momentos de máis baixa popularidade, complicando as posibilidades de reelección do partido Republicano nos comicios presidenciais de 2008. Precisamente, en 2007 deberá centrar a súa maior atención na concreción das candidaturas presidenciais.

Sen Rumsfeld no gabinete, resulta necesario para Bush realizar un xiro imprevisto na súa unilateral política exterior e nos mecanismos da “guerra preventiva”, postulados claves na ideoloxía “neoconservadora”. Non obstante, iso dependerá tamén da actitude que poidan adoptar os demócratas, cunha maioría insuficiente para superar o veto presidencial.

O mundo de 2006 confirmou tamén para Washington o errático enfoque de analizar a maioría dos conflitos internacionais baixo a óptica exclusiva da “guerra contra o terrorismo”.


2) Iraq, Afganistán e Oriente Medio

A caótica posguerra iraquí e o audaz retorno da ofensiva talibán en Afganistán, evidenciaron as dificultades do goberno Bush para trazar sendas estratexias coerentes de pacificación nestes dous países, tralas rápidas vitorias militares de novembro-decembro de 2001 en Afganistán, e abril de 2003 en Iraq.

A morte sen tregua de soldados norteamericanos e aliados en Iraq (superan os 3.000) e de civís (un informe da John Hopkins University estima en máis de 600.000 os mortos desde o fin da guerra) complican un fráxil proceso de transición que ameaza cunha guerra civil de tintes relixiosos en Iraq e unha consolidación dos talibáns en varias rexións afganas.

En Oriente Medio, o polémico plan de democratización impulsado por Bush en 2004, tamén amosou un notorio fracaso. Neste sentido, o espectacular triunfo do movemento islamita Hamas, en xaneiro de 2006, pechou unha era histórica en Palestina, cunha posición fragmentada do bloque económico occidental e israelí ante o goberno de Hamas.

Os enfrontamentos internos entre milicias de Hamas e Al Fatah tamén fixeron temer por un escenario de guerra civil mentres a política israelí de illar a Hamas e provocar a súa caída pechou os canais de negociación e pacificación coa Autoridade Nacional Palestina.

Outro factor de importancia foi a breve guerra no Líbano en agosto pasado, que reafirmou a potencialidade do movemento islamita Hizbulah e provocou unha humillante derrota ao Exército israelí.

Paralelamente, Israel ven afondando na súa política unilateral e ilegal de ataques selectivos en Palestina e o sur libanés, con elevadas vítimas civís, e de acoso contra a dirixencia e a poboación palestina.

No conflito libanés, o apoio de Siria a Hizbulah permitiu tamén crear unha xanela exterior importante para Damasco, a fin de amortecer o seu illamento internacional, principalmente comandado dende EEUU e Israel.

Países como Venezuela, Rusia, China, Cuba e Belarús, movementos políticos como Hizbulah e Hamas, diplomáticos como o ex secretario de Estado norteamericano James Baker e, incluso, a recente proposta británica de incluír a Siria nunha “estratexia global” para Oriente Medio, permiten intuír unha leve apertura exterior para Damasco.


3) Irán, Corea do Norte e a proliferación nuclear

A poxa entre Teherán e a comunidade internacional polo seu programa nuclear (baseado en lexítimos preceptos de seguridade) e o cada vez maior ascenso xeopolítico iraniano dende Oriente Medio ata Asia Central, ocupou practicamente toda a atención no relativo á seguridade internacional no 2006.

Non obstante, a proba nuclear de Corea do Norte en outubro pasado desprazou a atención pública internacional cara a posibilidade dunha renovación no temido proceso da proliferación nuclear.

Neste sentido, Corea do Norte alcanzaba un status nuclear non desexado polos seus rivais EEUU, Corea do Sur e Xapón, suceso que obriga a un reequilibrio militar na zona de Asia Pacífico, tamén marcado polo ascenso das tendencias armamentistas en Xapón.

Esta proba nuclear norcoreana e os avances nucleares iranianos confirman a errática política de Bush de illar ao seu particular “eixe do mal” e aumenta as preocupacións sobre un posible e incontrolable proceso de proliferación nuclear.


4) A xeopolítica de China e India

Consolidado o ascenso de China na escena internacional, coa súa decidida presenza en América Latina, África e Asia Central, o 2006 permitiu tamén observar un aumento da posición de India na escena internacional.

O acordo nuclear e comercial asinado en abril pasado entre a India e EEUU confirmou a Nova Delhi como un actor internacional de gran importancia para Washington, principalmente orientado a conter a potencialidade chinesa.

Ambas potencias asiáticas son os países con maior poboación e crecemento económico internacional (con taxas estimadas que roldan o 10%), polo que a súa evolución xera un importante impacto na economía global (alto consumo enerxético, elevadas exportacións e posible recalentamento da economía global).

Tanto en Beijing como en Nova Delhi aumenta a aspiración de converter esta potencialidade económica en maior influencia política e militar a nivel global. Pero ese anhelo non está exento de litixios e dilemas conflitivos: India desexa un posto no Consello de Seguridade, algo que China observa con receo. Ademais dos problemas fronteirizos, Tíbet, Taiwán, Caxemira e as relacións con Xapón e EEUU, separan a ambos xigantes.

A recente visita do presidente chinés Hu Jintao a Nova Delhi confirma esta visión da consolidación de Asia como polo de poder alternativo no mundo globalizado do século XXI.


5) Transicións en América Latina

O 2006 foi un ano de cambios electorais en América Latina (dez eleccións consecutivas) que permitiron redefinir determinados bloques xeopolíticos cunha clara perda de influencia rexional de EEUU.

Neste sentido, amosouse unha clara confrontación entre Washington e Caracas, dentro dos modelos de integración rexional do ALCA estadounidense e do ALBA de Hugo Chávez, e no reparto de áreas de influencia. É previsible un aumento desta confrontación nos próximos anos.

Washington celebrou como claros triunfos as reeleccións de Lula en Brasil e, sobre todo, de Uribe en Colombia, o polémico triunfo de Felipe Calderón en México (un país con graves conflitos internos en Oaxaca e Chiapas) e a de Alan García en Perú.

Pola súa banda, a consolidación de Evo Morales en Bolivia (con non menos conflitos internos en materia enerxética e de ordenamento constitucional) e, agora, o retorno do sandinismo con Daniel Ortega en Nicaragua, foron celebrados como vitorias xeopolíticas para Chávez.

Un novo triunfo para esquerda tivo lugar en Ecuador, coa vitoria de Rafael Correa, mentres en Venezuela, Hugo Chávez revalidou a súa presidencia cun novo período no goberno ata 2013.

Outro apartado de gran importancia corresponde a Cuba. A decisión, en xullo pasado, do presidente Fidel Castro de delegar, por razóns de saúde, os poderes estatais no seu irmán Raúl, confirmou as especulacións sobre un inédito proceso de sucesión-transición na illa, con directas repercusións en América Latina e EEUU.


6) África no abandono

O 2006 seguiu a confirmar o esquecemento da atención mundial sobre os asuntos de África, salvo problemas puntuais (xenocidio e crise humanitaria en Darfur, guerras internas e convulsión política en Congo, Somalia, Etiopía-Eritrea, Serra Leona, Côte d´Ivoire) ou a ocasional atención ofrecida polos líderes mundiais na consecución dos Obxectivos do Milenio da ONU, fixados para 2015.

Para Occidente, África segue a definirse en termos negativos: o problema da pobreza, a fame e a desnutrición, a constante inmigración ilegal a Europa (crise dos caiucos), o drama sanitario (SIDA, tuberculose), o maior nivel de mortalidade materno-infantil en tres décadas, segundo un derradeiro informe da OMS, ou a corrupción e o atraso socioeconómico. Todo isto sen esquecer a irresolución de antigos problemas como o status do Sáhara Occidental ou a necesidade de democratización no Magreb.

Non obstante, 2006 amosou noticias positivas no terreo político. Liberia, un país que viviu recentemente unha guerra civil, converteuse no primeiro país africano en elixir a unha muller, Ellen Johnson-Sirleaf, como presidenta. Tamén se notaron avances no proceso de reconciliación en Ruanda e na consolidación democrática en África do Sur.

Outro aspecto positivo ten que ver co inicial interese diplomático de países asiáticos e latinoamericanos cara África e as súas potencialidades, plasmadas nas xiras realizadas polos líderes deses países. Estes exemplos foron evidentes en potencias emerxentes como China e India e defensores da diplomacia multilateral como Brasil, Turquía e Venezuela.


Os escenarios para 2007

7) Nova etapa na ONU

O 1 de xaneiro de 2007, o surcoreano Bam Ki Moon asumirá a secretaría xeral das Nacións Unidas, en substitución do ganés Kofi Annan, no cargo desde 1997.

Este cambio se produce nunha conxuntura vital para a ONU, inmersa nun proceso de reforma e reestruturación interna para adaptar a principal organización transnacional aos desafíos e necesidades do mundo do século XXI.

A xestión de Annan foi sumamente criticada dende Washington debido á súa oposición á guerra de Iraq. O goberno de Bush observou con simpatía a designación de Ki Moon. Os retos do novo secretario xeral serán afondar o proceso de reforma interna e lidar con crises internacionais, principalmente nucleares, como as de Corea do Norte e Irán.


8) Haberá guerra contra Irán?

Segundo as reportaxes do influínte xornalista estadounidense Seymour Martin Hersh, tanto EEUU como Israel poderían estar preparando unha ofensiva contra as instalacións nucleares iranianas, operación prevista “probablemente, para marzo de 2007”.

A derradeira reunión en Washington entre Bush e o primeiro ministro israelí Ehud Olmert, analizou ata qué punto é posible un ataque aéreo conxunto contra as instalacións iranianas, similar aos realizados contras os reactores iraquís en 1981. Recentes informes militares israelís aseguran preparar un eventual ataque “entre abril e agosto de 2007”.

Para Israel, resulta evidente que, trala caída de Sadam Husein en Iraq, o réxime iraniano estase a converter no seu principal inimigo territorial. Teherán está aumentando a súa influencia xeopolítica en Iraq, Líbano, Siria e Palestina.

Este escenario augura que Irán seguirá a presentarse como un dos principais asuntos de política e seguridade internacional para Washington no 2007 e ata o final da presidencia de Bush. Ao mesmo tempo, Teherán seguirá adiante no seu programa nuclear, probablemente mantendo a Rusia e China como principais aliados e socios para amortecer a presión occidental e israelí.

Pero cun Oriente Medio convulsionado e un Iraq deslizándose cara unha posible guerra civil e a desintegración territorial, e un Bush debilitado politicamente, non están claras as posibilidades dun ataque aéreo e militar contra Teherán. As recomendacións do Grupo do Estudo sobre Iraq apostan por aliviar as tensións e buscar un espazo para o entendemento.


9) Se retirarán as tropas de Iraq?

A dura derrota electoral republicana en Washington persuadiu a Bush de que Iraq constitúe o seu principal problema, non só en política exterior senón tamén a nivel de política interna.

Fortalecido electoralmente, o partido Demócrata preme a Bush para iniciar unha retirada gradual ou total das tropas estadounidenses en Iraq para dentro de seis meses.

O informe do Iraq Study Group, co-dirixido polo ex secretario de Estado republicano James Baker, está a exercer unha gran influencia na administración Bush, tal e como se evidenciou coa xuntanza entre Bush e Baker días despois das eleccións lexislativas. Baker avoga por un cambio de estratexia en Iraq e unha posible retirada de tropas.

Non obstante, resulta pouco probable unha rápida retirada a curto prazo, non así a medio termo, coincidindo coas eleccións presidenciais de 2008. Bush segue a enfocar a crise iraquí baixo os seus parámetros triunfalistas de “vitoria total contra o terrorismo”, que oculta calquera iniciativa multilateral. Unha retirada é analizada por Bush como unha derrota.

Queda por ver se Bush é quen de promover en 2007 unha inédita política de achegamento a Irán para propiciar unha estabilización en Iraq, a traveso da influencia iraniana na poderosa comunidade xiíta do país veciño.


10) Definicións en Europa

O 1 de xaneiro de 2007, Romanía e Bulgaria ingresarán na UE, nunha nova fase da ampliación que está a xerar disconformidades e críticas en Europa Occidental.

Este ambiente crítico cara as ampliacións provocaron un estancamento nas negociacións con Turquía (obstáculos como Chipre, o xenocidio armenio, os dereitos humanos) e roces con Serbia (o estatuto de Cosova), mentres segue a avanzarse lentamente con Croacia, Bosnia-Hercegovina e a recén independente Montenegro.

Xunto á nova ampliación, estando tamén pendente as negociacións de ingreso na OTAN de Ucraína e Xeorxia e as súas implicacións nas relacións con Rusia, o 2007 alentará en Bruxelas un intento de renovación das negociacións políticas sobre a Constitución europea, tralo seu evidente fracaso da ratificación en varios países comunitarios en 2005.

Paralelamente, as eleccións francesas, previstas para abril próximo, marcarán tamén un novo rumbo nas políticas europeas. O péndulo debátese entre a socialista Segolène Royal e o dereitista Nicolás Sarkozy.


11) Putin e o novo papel de Rusia

As crises de curte do subministro de gas ruso a Ucraína e Xeorxia en xaneiro de 2006 e as tensións entre a Unión Europea e Rusia en materia enerxética e de dereitos humanos, confirma que a Rusia de Putin está tratando de consolidar a súa posición internacional en termos de poder enerxético.

Europa depende, en gran medida, do subministro petroleiro e gasífero de Moscova. A concreción dun gasoduto no mar Báltico, proxecto impulsado por Alemaña e Rusia, espera converterse no principal surtidor de enerxía a Europa occidental para o 2011. Pero países como Polonia e Ucraína temen unha perda de influencia con este proxecto.

A nivel interno, Putin tratará de reforzar o poder da estatal Gazprom e o seu propio poder político, coa posible designación dun sucesor para as eleccións presidenciais de 2008.

En Europa seguirase a criticar o cada vez máis absoluto poder de Putin e as violacións de dereitos humanos, tal e como se evidenciaron trala morte da xornalista Anna Politovskaia, o drama checheno ou o envelenamento do ex espía Litivinenko.

Pero resulta unha certeza que, incómodo ou non, Putin e Rusia resultan ser socios de conveniencia para unha Europa que deberá trazar novos liñamentos de relación con Moscova. Factores como a ampliación da OTAN ao espazo ex soviético (Ucraína, Xeorxia) e o factor enerxético, serán os temas de maior prioridade.


12) O “outro mundo” da alterglobalización

Os movementos sociais están avanzando na concreción de espazos de debate e análise da situación internacional (Foros Sociais Mundiais, ATTAC, Foro Mundial das Alternativas) e na articulación das demandas dos países pobres e en desenvolvemento, a prol dun multilateralismo respectuoso coas diferenzas étnicas, raciais, políticas e relixiosas.

Como nos derradeiros anos, o 2006 foi un referente activo destes foros mundiais, como os realizados en Caracas, Porto Alegre, Bamako, Karachi e Bombai, así como a nivel oficial estatal, no intento por revitalizar o Movemento dos Non Aliñados no cumio de La Habana.

No discurso alterglobalización está presente a sensibilidade ante problemas agudos para a sociedade global como a desigualdade socioeconómica, a loita contra a pobreza, o desemprego e a precariedade laboral, a defensa ecolóxica, o cambio climático, a equitativa utilización dos recursos naturais, a necesidade dun novo modelo económico, o imparable fluxo migratorio, a tiranía dos grandes medios de comunicación e a necesidade de medios alternativos ou a inseguridade no sistema de protección social.

Para os movementos alterglobalización, esta tendencia a crecer non só numericamente senón cualitativamente, confirmarase nas súas xuntanzas mundiais durante o ano 2007.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/12/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta