Guía Exterior / nº 017-10/2006 de 27 de outubro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Eleccións lexislativas en EEUU
 
 

  Construción muro Arizona-México, clic para aumentar
A recente aprobación presidencial sobre a lexitimidade do muro fronteirizo con México e o endurecemento das leis que criminalizan aos inmigrantes ilegais, provocaron fortes protestas entre a influínte comunidade hispana e latina en EEUU, calculada en 44 millóns de persoas, cousa que pode representar un duro golpe electoral para os republicanos, concentrados nos derradeiros anos en tratar de atraer ao electorado latino. (Foto: Traballos de construción dun muro entre Arizona e México en xuño de 2006).
 
Introdución

O próximo martes 7 de novembro, o Congreso estadounidense renovará a súa total composición, así como un terzo do Senado, nunhas decisivas eleccións lexislativas para a presidencia de George W. Bush.

O gobernante Partido Republicano acude á cita electoral nunha delicada situación, plasmada na baixa popularidade do seu presidente, os escándalos políticos internos e a interminable crise da posguerra iraquí.

Tanto para Bush como para o Partido Demócrata, estes comicios supoñen un test determinante para deseñar estratexias de cara ás presidenciais de 2008.


Un novo Congreso en EEUU

1) Que se elixirá nas lexislativas en EEUU?

Segundo a tradición constitucional establecida en 1787, “o primeiro martes despois do primeiro luns de novembro” deben celebrarse, cada dous anos, eleccións lexislativas e cada catro anos, eleccións presidenciais.

Nesta oportunidade, o martes 7 de novembro se realizarán os populares “comicios de metade de mandato” (mid-term elections) onde se elixirán á totalidade dos 435 membros da Cámara de Representantes e a 33 dos 100 membros do Senado.

Paralelamente, se someterán a elección de gobernadores en 36 dos 50 estados da Unión: os republicanos defenden 22 estados e os demócratas, 14.

O Partido Republicano posúe 231 asentos na Cámara de Representantes por 201 do Partido Demócrata, así como un independente e dous escanos vacantes. No Senado, a relación é de 55 escanos para os republicanos, 44 para os demócratas, e un independente.

En termos políticos, os “mid-term elections” son considerados un referendo contra o presidente de quenda, a fin de medir electoralmente as súas fortalezas e debilidades gobernamentais.


2) 1994: unha referencia para o 2006?

Estes comicios de 2006 están provocando unha constante comparación histórica nos medios estadounidenses cos realizados en 1994, durante a presidencia do demócrata Bill Clinton, xa que nesa oportunidade os republicanos cimentaron a súa actual hexemonía en ambas cámaras.

Os Demócratas esperan que, nesta oportunidade, se repita a historia pero á inversa: unha maioría lexislativa demócrata dentro dunha administración republicana, a dous anos das eleccións presidenciais.


3) Cales son as opcións dos republicanos?

Nunha incesante carreira contra reloxo, o goberno de George W. Bush e o Partido Republicano intentan pechar filas e amosar unha unidade, que para moitos resulta ficticia, a fin de evitar o que varios analistas políticos estadounidenses prognostican como un “descalabro electoral” o próximo 7 de novembro.

Pero as sondaxes non están ao seu favor: a máis recente radiografía de Reuters, Zogby, Gallup, The Washington Post e a televisión ABC, sobre o estado de ánimo do electorado, a mediados de outubro, considera que un 44% dos entrevistados votaría aos demócratas por un 33% aos republicanos. Hai un mes, esta relación era de nove puntos a favor dos demócratas.

O factor máis determinante destes díxitos negativos para os republicanos é a impopularidade de Bush, calculada nun 54%, o peor índice desde a súa chegada á presidencia no 2001. Un 37% dos estadounidenses aproba o labor presidencial e un 24% o do actual Congreso dominado polos republicanos. Dous terzos dos estadounidenses consideran que “as cousas van mal” nos EEUU.

O desencanto e pesimismo de varios sectores do partido e o electorado republicano pode provocar un reforzamento dos indecisos (actualmente contabilizados ao redor do 20%) e os independentes cara as opcións dos demócratas.


4) Poderán os demócratas obter a maioría lexislativa?

Sen esquecer ata qué punto pode influír a tradicional e elevada abstención electoral estadounidense, o partido Demócrata tenta capitalizar a sensación social de necesidade de cambio político: segundo as anteriores enquisas, o 57% dos estadounidenses consideran que o país “non avanza na dirección correcta”.

Esta sólida vantaxe demócrata de once puntos está determinada pola aceptación cara as opcións demócratas en todos os temas candentes da campaña electoral, como a Iraq, a economía, a política antiterrorista, a seguridade social ou a acción política gobernamental.

Neste sentido, todo semella indicar unha cómoda vitoria para os demócratas o 7 de setembro, velaí o marcado optimismo e entusiasmo imprimido polos demócratas aos votantes na campaña electoral.


5) Iraq: o tema estrela

O caos da posguerra iraquí, as críticas dende determinados sectores militares e o informe presentado a mediados de outubro polo John Hopkins Hospital, sobre o deceso de 600.000 persoas en Iraq trala guerra de 2003 (96 soldados estadounidenses morreron entre setembro e outubro, no mes máis sanguento), causaron un efecto disuasivo tan contundente na administración Bush que xa se fala abertamente dunha retirada militar no país árabe para dentro de 18 meses.

A pesares de que Bush desacreditou publicamente este informe e identificou a retirada militar de Iraq como unha “derrota fronte aos terroristas”, a mala sensación dos estadounidenses cara a guerra de Iraq contribuirá contundentemente a unha posible derrota republicana nas lexislativas. Un 57% dos estadounidenses considera que “non paga a pena” a morte dos soldados en Iraq e son pesimistas cara a estratexia en Iraq.

As revelacións, no último libro do prestixioso xornalista Bob Woodward, sobre os erros de toma de decisións do goberno Bush na posguerra iraquí, foi tamén un factor mediático de gran contundencia para contribuír a desacreditar o labor republicano en Iraq.

Outro elemento de importancia foi a análise realizada polos servizos de intelixencia sobre a evidencia de que a invasión a Iraq fomentou unha maior actividade do terrorismo global contra EEUU e os seus aliados.

Iraq contribuíu a unha especie de división nas filas republicanas, en sectores disidentes coa política de Bush, capitalizados polo ex senador e candidato de partido John McCain, e que, probablemente, obriguen a unha modificación política a futuro dentro do partido Republicano.


6) As repercusións dos casos Foley e Abramoff

Como se Iraq non fora suficiente “arsenal” contra as esperanzas republicanas de reelección lexislativa, os recentes escándalos do ex congresista republicano Mark Foley (acusado de pederastia) e de Jack Abramoff, influínte lobbista acusado de suborno, danan considerablemente a imaxe dos republicanos, precisamente no terreo moral, un dos seus puntos de apoio electoral.

A sensación de ambos casos, ao que se debe engadir o de Tom DeLay, outro ex líder republicano no Congreso, acusado de corrupción, fomenta unha idea de “cultura da corrupción” dentro dos altos cargos do partido Republicano.

Non obstante, diversos analistas en EEUU consideran que estes escándalos non influirán nas lexislativas, tradicionalmente concentradas en asuntos locais. O director da campaña electoral republicana, Karl Rove, desestimou tamén esta posibilidade, argumentando que serán Iraq e a economía os temas de maior influencia.


7) A inmigración

A recente aprobación presidencial sobre a lexitimidade do muro fronteirizo con México e o endurecemento das leis que criminalizan aos inmigrantes ilegais, provocaron fortes protestas entre a influínte comunidade hispana e latina en EEUU, calculada en 44 millóns de persoas, cousa que pode representar un duro golpe electoral para os republicanos, concentrados nos derradeiros anos en tratar de atraer ao electorado latino.

Miles de inmigrantes, principalmente hispanos, se manifestaron en California, Estado gobernado polo republicano Arnold Schwarzenegger, contra estas leis, mentres o debate sobre a inmigración enfrontaba duramente a republicanos e demócratas no Congreso, pero sen contribuír a cómo afrontar o problema.

Para os republicanos, o tema resulta delicado, porque enfronta a dous sectores tradicionalmente votantes: os conservadores sociais, radicalmente contra a inmigración, e o lobby de negocios. Ser politicamente “antiinmigrante” resulta un peso electoral oneroso para republicanos e demócratas.


8) A economía

Os elevados prezos do petróleo ($60 o barril), produto das tensións políticas no mercado enerxético (Rusia, Venezuela, Irán), o baixo crecemento dos derradeiros anos, tralo “boom económico” da era Clinton, e o ascenso de novos mercados competitivos como China e India, está aumentando a preocupación dos norteamericanos e, indirectamente, as esperanzas do partido Demócrata en capitalizar electoralmente esta preocupación.

O boom económico anterior permitiu un gran incremento das importacións, co cal a balanza comercial estadounidense comezou a presentar fortes déficits co respecto ao resto do mundo. A pesar de que o desemprego e as taxas de inflación están baixo un nivel controlable, outro factor de preocupación para os norteamericanos é o encarecemento do mercado inmobiliario, especialmente nas zoas costeiras.


9) Que influencia terán o terrorismo e a proba nuclear norcoreana?

Dentro da problemática da Seguridade Nacional, tema primordial para a administración Bush, a proba nuclear norcoreana e a persistencia de atentados terroristas a nivel global, supoñen duros retos á súa errada estratexia de seguridade, piar básico da acción de goberno de Bush.

Mentres a administración de Bush aplicaba un paulatino endurecemento das leis de seguridade, no relativo aos interrogatorios e a tortura, existen fortes críticas políticas porque o frontal interese de Bush en Iraq permitiu a proliferación nuclear (Irán e Corea do Norte) e a acción de grupos terroristas islamitas.

A proba nuclear de Corea do Norte, estratexicamente realizada a un mes das eleccións estadounidenses, corresponde tamén ao fracaso da doutrina Bush de “guerra preventiva” e a unha necesidade dun enfoque mais multilateral da súa política exterior.


10) Unha antesala ás presidenciais de 2008?

Co presidente Bush imposibilitado para unha nova reelección, as opcións presidenciais en ambos partidos, o Republicano e o Demócrata, oscilan entre diversas candidaturas.

Por parte Demócrata, atopamos á Hillary Clinton, cuxas opcións aumentan considerablemente como a primeira muller que disputará a presidencia á Casa Blanca. As opcións de o ex vicepresidente de Bill Clinton, Al Gore, diminúen diante a figura de Hillary, quen semella ter garantido o cargo de senadora os próximos comicios lexislativos.

No bando republicano, todo parece decantarse cara a unha disputa interna entre o ex alcalde de Nova York, Rudolph Giuliani, e o senador John McCain, con visos de empate técnico.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/11/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta