Guía Exterior / nº 016-09/2006 de 30 de setembro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Brasil: catro anos máis para Lula?
 
 

  Lula da Silva, clic para aumentar
A derradeira sondaxe do Instituto Ibope considera que un 52% do electorado votaría por Lula o próximo domingo. Pola súa banda, a empresa Datafolha estima en 49% o apoio a Lula. Estes datos afirman que é altamente posible que se evite unha segunda volta, que en principio celebraríase o 29 de outubro.
 
Introdución

O próximo domingo 1 de outubro, Brasil elixirá presidente para os próximos catro anos, co actual mandatario Luis Inácio Lula da Silva postulándose para un segundo período.

A pesares de manter unha sólida proxección electoral nas enquisas, resulta unha incógnita coñecer se o electorado brasileiro pasará factura a Lula polos reiterados escándalos de corrupción no seu partido e que recentemente ameazaron a súa presidencia, coa posibilidade dun xuízo político.

A importancia estratéxica de Brasil no contexto latinoamericano e global certifica o aumento na atención da opinión pública mundial cara as eleccións do próximo domingo. Dentro da actual configuración xeopolítica hemisférica, Brasil constitúe unha peza clave e decisiva dentro dos cambios que actualmente experimenta América Latina.


Lula somete o seu futuro ás urnas

1) Que se elixe o domingo en Brasil?

Un total de 126 millóns de brasileiros están facultados para elixir o presidente da República Federativa de Brasil para o período 2007-2011, dun total de 8 candidatos. En Brasil, o voto ten carácter de obrigatoriedade.

Tamén se elixirán 27 gobernadores, 25 senadores, 513 deputados federais e 1.059 deputados estaduais. En total, uns 19.000 candidatos serán sometidos ao escrutinio popular.

Con 182 millóns de habitantes, Brasil é a terceira democracia a nivel mundial en número de habitantes, despois de EEUU e a India.


2) Afectará a Lula o escándalo do PT?

O presidente do Tribunal Supremo Electoral de Brasil, Marco Aurelio De Mello, cualificou a semana pasada o recente intento de membros do gobernante Partido dos Traballadores, PT de desprestixiar á oposición electoral, mediante un pago de 600.000 euros en subornos, como un escándalo “peor que Watergate”. O presidente do PT, Ricardo Berzoini, foi destituído a raíz destas revelacións.

Este último caso aumenta a sensación de falta de credibilidade e corrupción que ven afectando no interior do PT desde que, a comezos do 2005, se detectasen indicios de suborno por parte de lexisladores do partido gobernante a outros da oposición, para que deran o seu voto de aprobación a medidas legais do goberno Lula. Tamén existen acusacións de utilización de “diñeiro negro” por parte do PT, na campaña electoral de 2002. Estes casos provocaron no pasado recente o cesamento da cúpula dirixente do PT e a destitución do influínte director da Casa da Presidencia, José Dirceu.

O escándalo de corrupción no PT estivo a punto de provocar un “impeachment” o xuízo político contra o presidente Lula, pero nos derradeiros meses Lula logrou afastar a crise do PT da súa candidatura electoral.

A derradeira sondaxe do Instituto Ibope considera que un 52% do electorado votaría por Lula o próximo domingo. Pola súa banda, a empresa Datafolha estima en 49% o apoio a Lula. Estes datos afirman que é altamente posible que se evite unha segunda volta, que en principio celebraríase o 29 de outubro.


3) Cales son as bazas de Lula?

A fortaleza electoral de Lula focalízase en políticas efectivas, como os seus programas sociais “Fame Cero” e “Programa Familia”, que permiten a asistencia social a once millóns de familias brasileiras, e un amplo programa de alfabetización e escolarización. Con estes argumentos, Lula aínda posúe unha forte ascendencia na preferencia popular.

A marcha da economía brasileira tamén favorece as opcións de Lula, tendo en conta o alto nivel exportador, o control da inflación, a diminución do custe da vida e aumento dos investimentos estranxeiros. Neste sentido, as elites económicas son proclives a seguir confiando na opción Lula.

O carisma de Lula e o feito de que non o implicasen directamente os escándalos de corrupción do PT favorecen tamén a posibilidade dunha reelección que moitos brasileiros dan por descontando.


4) Ten Geraldo Aclkmin opcións de triunfo?

Para os adversarios electorais de Lula, non existen moitas posibilidades reais de triunfo o próximo domingo.

Deles, o mellor valorado é o ex gobernador de Sao Paulo, Geraldo Acklmin, que concorre polo Partido da Social Democracia Brasileira, PSDB, de tendencia centro-dereita e liberal, en alianza con conservador Partido do Fronte Liberal, PFL. A sondaxe de Ibope lle outorga o 33%, unha leve alza do 29% desde que en xullo comezara a campaña electoral. A enquisa de Datafolha, un 31%.

Sen carisma, pouco coñecido polo electorado pero baseando a súa opción nunha efectiva xestión administrativa, moitos votantes tradicionais do PSDB desconfían das opcións de Acklmin. As enquisas consideran que, para ter opcións a súa candidatura, necesita recortar en dez puntos porcentuais a vantaxe de Lula, tarefa case imposible a escasos días das eleccións. Paralelamente, a onda de violencia na prisión de Sao Paulo en maio pasado afectou tamén a súa imaxe.


5) É Heloísa Helena unha alternativa seria?

Outra candidatura é a de Heloísa Helena, do Partido Socialismo e Liberdade, PSOL. Unha das figuras máis representativas da esquerda brasileira, Helena foi expulsada do PT no 2003 por negarse a votar a reforma da Seguridade Social e amosar críticas á xestión gobernamental, a quen acusa de ser unha “marioneta do FMI”.

Helena arrastra varios sectores descontentos con Lula, principalmente dos movementos sociais e disidentes dentro do PT. Pero non lidera a totalidade desta frustración con Lula e, mesmo, hai quen considera a súa candidatura unha opción oportunista. Posúe un 10% da aceptación electoral, segundo a empresa Datafolha.

A comezos de setembro, Helena recibiu apoio público de intelectuais estranxeiros como Noam Chomsky, Ken Loach e James Petras, así como partidos como o español Esquerda Unida e varios pertencentes ao Foro Social Mundial, desilusionados coa xestión de Lula. Outras figuras culturais brasileiras como Caetano Veloso e Chico Buarque, semellan tamén virar o seu apoio inicial a Lula ou ben manterse ao marxe, en actitude crítica.


6) Cal é a posición dos movementos sociais?

Aínda que sen manifestar publicamente as súas preferencias políticas, dentro dos movementos sociais que apoiaron na campaña de 2002 a Lula, como o Movemento dos Sen Terra, MST e a Vía Campesiña, existen diversidade de opinións sobre apoiar a Lula ou manter unha opción crítica, sen manifestar apoio electoral.

Unha voz de peso político e social como a de Joao Pedro Stédile, un dos coordinadores nacionais do MST, manifestou que aínda confía na xestión de Lula. Pero o desencanto cara o presidente é visible en diversos movementos sociais, frustrados tamén polo alto nivel de corrupción política en todos os partidos.

Existen duras criticas nas que se acusa a Lula de ter feio unha viraxe neoliberal e paralizar os problemas urxentes como a reforma agraria. Tamén é visible a determinación de que, tomando en conta que Lula será reelixido, no seu segundo período afondarán as súas demandas con maior forza e a mobilización social.

O MST anunciou a concreción dun “proxecto de desenvolvemento nacional”, xunto ás asembleas populares especialmente vinculadas á Igrexa Católica que, en palabras de Stédile, tentará crear as “condicións para os cambios no futuro”.


7) Cal será a influencia electoral sobre a economía?

A comezos de setembro, o Fondo Monetario Internacional aprobou un préstamo de máis de 30 mil millóns de euros, como síntoma que evidenciaba a súa confianza na economía brasileira. Este é o maior préstamo outorgado polo FMI a país algún na súa historia.

En realidade, tanto o FMI como os organismos financeiros internacionais temen unha viraxe negativa na economía brasileira se as eleccións do 2 de outubro amosan unha derrota para Lula. O principal temor estriba na posibilidade dunha moratoria da débeda externa brasileira, que se achega aos 250 mil millóns de euros.

A estabilidade económica e a rixidez financeira do goberno Lula permite concretar niveis de confianza no índice risco-país para Brasil. O nivel exportador de Brasil é o máis elevado da súa historia (130.000 millóns de dólares), aumenta a súa presenza no mercado global e acaba de anunciar a súa autosuficiencia enerxética.


8) Como sería o “proxecto Lula” ata o 2010?

Brasil é un país onde o 1% da poboación acapara unha riqueza maior que a metade dos 186 millóns de brasileiros. Un 40% da súa poboación vive na pobreza mentres 14,6 millóns de brasileiros están aínda por alfabetizar.

O agudo problema da desigualdade socioeconómica e a exclusión social son retos aínda por resolver para un Lula sumamente ocupado no seu primeiro período en manter a estabilidade macroeconómica, os compromisos financeiros e a consolidación política do seu partido.

Sen obviar as fortes presións externas en materia macroeconómica, o segundo “proxecto Lula” deberá necesariamente enfocar aínda máis no factor social, tomando en conta a forte oposición crítica que vai a ter por parte dos movementos sociais desencantados coa súa xestión.

Tamén cobra importancia a resolución do problema da inseguridade persoal e o cada vez maior problema ambiental, especialmente na área do Amazonas. A súa importancia hidráulica, forestal e de seguridade rexional aumenta tanto para as multinacionais estranxeiras como para Brasilia, en duro conflito cos movementos sociais e ambientais internos.

A nivel internacional, o Brasil de Lula buscará constituírse como un protagonista activo favorecedor dun sistema multipolar. Lula é o presidente brasileiro con maiores xiras internacionais, feito que da conta da súa pretensión por asentar un papel máis global para o seu país.

Neste sentido serán evidentes as demandas brasileiras dunha ampliación do Consello de Seguridade da ONU e a súa consolidación, vía MERCOSUR, como o principal polo de poder en América do Sur.


9) Como inflúe a elección brasileira dentro do contexto latinoamericano?

Catro anos máis no poder significarán unha consolidación de Lula e o PT como os principais actores da vida política brasileira. Pero aínda está por medir este impacto na area hemisférica.

Na actual puxa polo control de areas de influencia e da constitución dunha “esquerda moderada”, Lula experimentará unha forte oposición por parte da opción revolucionaria encarnada no venezolano Hugo Chávez, quen posúe grandes simpatías dentro de Brasil, principalmente no MST e outros movementos sociais.

Esta puxa non será só ideolóxica senón de política de integración rexional, a tenor da relación de forzas entre un ALCA light e o ALBA que propón Chávez.

A estratéxica relación entre Brasil e Arxentina intentará impulsar un novo MERCOSUR. Especialmente delicada serán as relacións coa veciña Bolivia de Evo Morales, por mor dos importantes investimentos brasileiros na área enerxética. Na área andina (Perú, Ecuador), Brasil está a ser un activo protagonista, principalmente económico.

O papel de Brasil como mediador de conflitos (Haití, Colombia, Venezuela), a súa importancia na loita antidrogas e un eventual reforzamento do seu poderío militar, conformarán factores de peso para medir o impacto das eleccións brasileiras na rexión suramericana.


10) Brasil e EEUU: segundo capítulo

Por último, resulta imprescindible analizar o impacto dunha reelección de Lula dentro das relacións entre Brasil e EEUU, as dúas principais economías hemisféricas xunto a México.

A relación Washington-Brasilia foi un punto focal imprescindible para o goberno Lula e seguirá a ser unha constante nun hipotético segundo período. Un mes despois das eleccións presidenciais brasileiras se realizarán os comicios lexislativos estadounidenses, coa posible mudanza no Congreso norteamericano a favor do Partido Demócrata. Este escenario influirá nas eleccións presidenciais estadounidenses de novembro de 2008, que coincidirá coa metade do mandato do próximo presidente brasileiro.

Sexa o próximo presidente estadounidense un republicano ou un demócrata, a relación con Brasil será esencial en tres aspectos: comerciais (a reformulación do ALCA, a competencia chinesa en América do Sur); seguridade (plan antidrogas); e políticos (Brasil como país emerxente nun mundo global).

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/09/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta