Guía Exterior / nº 015-08/2006 de 30 de agosto Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Iraq e o xuízo a Sadam Husein
 
 

  Xuízo a Sadam Husein, clic para aumentar
O ex mandarario iraquí está sendo procesado, por segunda vez, por mor de cargos presentados na súa contra por “xenocidio e crimes contra da humanidade”, pola matanza de 100.000 kurdos na “Operación Anfal” en 1988, na que se utilizou armamento químico. Anteriormente, nun primeiro xuízo efectuado no 2005, Sadam Husein foi acusado tamén de “crimes contra da humanidade” pola matanza de 148 xiítas na localidade de Dujail en 1982. O próximo 16 de outubro deberá sentenciarse o veredicto final sobre este primeiro xuízo.
 
Introdución

O retraso ata o próximo 11 de setembro nas interpelacións sobre o xuízo que se leva a cabo ao ex presidente iraquí Sadam Husein, condiciona as dificultades do actual goberno iraquí e as súas institucións xudiciais para conciliar o seu pasado mais recente coa caótica transición da posguerra.

O xuízo a Sadam engloba moitas claves que poden ilustrar o futuro a mediano prazo para Iraq. O asunto kurdo está a tomar unha grande relevancia neste xuízo e tamén como elemento visible de importancia na configuración dun novo marco político e territorial para Iraq, dividido en disputas étnico-relixiosas entre kurdos, xiítas e sunnitas. Tamén está por determinarse ata qué punto foi relevante o anterior apoio occidental, particularmente estadounidense, ao réxime de Husein e cómo isto pode involucrar a varios dos actuais responsables da política de Washington, principalmente diante de sucesos acontecidos no pasado como a guerra Irán-Iraq.

Este xuízo supón tamén un test de grande importancia para o goberno do primeiro ministro Nouri al Maliki e o presidente Jalal Talabani, nun momento en que a situación interna de Iraq foi desprazada pola atención mundial centrada na guerra do Líbano entre o movemento Hizbulah e Israel.


Iraq: un balance do pasado para albiscar o seu futuro

1) De que se acusa a Sadam Husein?

O ex mandarario iraquí está sendo procesado, por segunda vez, por mor de cargos presentados na súa contra por “xenocidio e crimes contra da humanidade”, pola matanza de 100.000 kurdos na “Operación Anfal” en 1988, na que se utilizou armamento químico.

Anteriormente, nun primeiro xuízo efectuado no 2005, Sadam Husein foi acusado tamén de “crimes contra da humanidade” pola matanza de 148 xiítas na localidade de Dujail en 1982. O próximo 16 de outubro deberá sentenciarse o veredicto final sobre este primeiro xuízo.

En xuño de 2005, as autoridades iraquís informaron que Sadam sería acusado de 12 cargos, principalmente polo asasinato de líderes relixiosos en 1974; a matanza de kurdos en Halabja en 1988; o asasinato de líderes do clan kurdo dos Barzani en 1983; de asasinato de membros da oposición política nos derradeiros 30 anos; de exterminio contra os kurdos entre 1987 e 1988; da represión contra kurdos e xíitas en 1991 e da invasión de Kuwait en 1990.


2) Qué tribunal está encargado do xuízo?

Nomeado ad hoc desde a captura do ex ditador por parte de tropas especiais estadounidenses en decembro de 2003, o Tribunal Especial Iraquí está encargado do xuízo de Sadam Husein e os seus colaboradores. Cinco maxistrados levan a cabo o xuízo, todos eles formados no Reino Unido. Anteriormente, tres maxistrados morreron produto de atentados provocados por grupos armados iraquís, presuntos ex membros das forzas armadas e do partido Ba´ath de Sadam.


3) Ten validez este tribunal?

O Tribunal Especial Iraquí non goza da credibilidade dos avogados iraquís así como de diversos grupos de dereitos humanos, quen cuestionan a súa validez e imparcialidade. Considérase que o Tribunal non é independente, que está supeditado aos designios de Washington, cuxas forzas de seguridade custodian a Sadam Husein, e dubidan acerca da súa capacidade para rexerse por estándares xudiciais internacionais.

Tanto Amnistía Internacional como Human Rights Watch manifestaron anteriormente as súas críticas polas limitacións impostas polo Tribunal á defensa de Sadam, pola influencia política sobre o mesmo e o uso da pena de morte como posible condena. No 2003, os oficiais estadounidenses descartaron a pena de morte para Sadam e os seus colaboradores pero os sucesivos gobernos iraquís restableceron esta condena. Non entanto, o actual presidente iraquí, o kurdo Jalal Talabani, asegurou hai un ano que non asinaría unha condena de morte contra Sadam.

O principal avogado de Sadam, Jalil Dulaimi, queixouse reiteradamente do escaso acceso que ten o seu defendido á documentación entregada ao Tribunal en setembro de 2005.


4) Que outros colaboradores están acusados polo Tribunal?

Son varios os colaboradores de Sadam que tamén están baixo xuízo do tribunal. No caso da matanza dos kurdos entre 1987-1988, están acusados:

a) O primo de Sadam, Ali Hassan Majid, popularmente coñecido como “Alí o Químico”, acusado de confeccionar o xenocidio contra os kurdos en Halabja en 1988, utilizando gases químicos e axentes nerviosos.

b) O ex ministro de Defensa Sultan Hashim Ahmed.

c) O ex xefe de intelixencia Saber Abdul Aziz.

d) O ex comandante da Garda Republicana, comandante Husein Rashid al-Tikriti.

e) O ex gobernador da rexión de Nínive, Taher Muhammad al-Ani.

f) O ex comandante militar Farhan al-Jibouri.

No caso da matanza de xiítas en 1982, están acusados:

g) Barzan Ibrahim al-Tikriti, medio irmán de Sadam, ex xefe dos servizos de intelixencia e acusado de torturas e asasinatos de opositores ao réxime.

h) Taha Yassin Ramadán, ex vicepresidente e sospeitoso de conducir varias das operacións máis represivas do réxime, como a invasión de Kuwait en 1990, a matanza de xiítas en 1991 e a utilización de gas químico contra os kurdos en 1988.

i) Awad Hamad al-Bandar, ex xuíz principal da Corte Revolucionaria.

j) Abdullah Kadhem Ruaid, Mizher Abdullah Ruaid, Ali Daemm Ali e Mohammed Azawi Alí, ex integrantes do partido Ba´ath responsables da localidade de Dujail, onde se cometeron crimes contra dos xiítas.


5) Contribuirá o xuízo a pacificar Iraq?

Agás a repercusión que pode ter na comunidade sunnita, outrora hexemónica na política iraquí e que anteriormente se mobilizara con forza en contra do xuízo, este semella estar a achegar posturas entre as comunidades kurda e xiíta, as principais afectadas polo réxime de Husein. O mesmo consenso podemos atopar no actual goberno pro-occidental en Bagdad e a estratexia estadounidense no país árabe, sobre a necesidade de someter ao xuízo ao ex ditador.

Non obstante, e a pesares deste aparente consenso, resulta pouco probable que a constante violencia en Iraq finalice logo do xuízo a Sadam e os seus principais colaboradores. A confrontación interna en Iraq escápase aos parámetros deste xuízo e constitúe unha multiforme expresión de conflito contra unha ocupación militar estranxeira, como parte das rivalidades entre as comunidades étnicas e relixiosas e os movementos laicos e islamitas, e como expresión de puxas xeopolíticas rexionais, que involucran principalmente a EEUU e Irán.


6) Cales son as razóns dos constantes retrasos no xuízo?

Aínda que non é notorio, os membros do Tribunal Supremo de Iraq poden atoparse divididos en canto aos mecanismos xudiciais contra Sadam Husein e os seus principais colaboradores, así como sometidos a constantes presións políticas externas.

Desde a súa primeira comparecencia, Sadam negouse a recoñecer a validez do Tribunal, considerando que forma parte da ocupación militar ilegal estranxeira. Este elemento tamén prexudicou na continuidade do xuízo.

Os asasinatos de tres membros do Tribunal e algúns efectivos de seguridade complicaron o funcionamento do mesmo, a pesares de que o xuízo se lévase a cabo na fortaleza denominada “liña verde” no centro de Bagdad, fortemente custodiada polas tropas militares ocupantes.


7) O peso dos factores kurdo e xiíta

No mosaico étnico e relixioso iraquí e as súas repercusións políticas, as comunidades kurda e xiíta foron as mais reprimidas e excluídas na estrutura de poder imperante en Iraq co partido Ba´ath desde 1968 ata 2003.

Desde a súa chegada ao poder en 1979, Sadam Husein reforzou o poder da comunidade sunnita e, principalmente, do seu clan familiar orixinario da localidade de Tikriti. As matanzas de kurdos e xiítas, esta última a comunidade maioritaria de Iraq, conforman este espectro histórico e político que inflúe na configuración do Iraq post-Sadam.

Os factores de poder kurdo e xiíta son notorios no Iraq actual, tales son os casos da elección do líder político kurdo Jalal Talabani como presidente de Iraq en abril de 2005, e a existencia dun Estado kurdo de facto ao norte de Iraq desde 1991, nas localidades de Kirkuk e Mosul.

Paralelamente, a comunidade xiíta conforma a maior parte dos membros e partidos do actual goberno iraquí e, así mesmo, de boa parte da resistencia iraquí á ocupación militar estranxeira, principalmente ao redos do sur de Iraq (Basora, Kerbala e Naiaf). Mais constátase unha disputa de poder entre os aiatolás Mohammed al-Hakim e Muqtada al-Sadr. Así mesmo, a maior parte dos xiítas esperan conformar un Estado islámico e non laico.

No Iraq post-Sadam, non se debe esquecer a existencia de comunidades cristiás asirias e dos turcománs, así como doutras minorías que puxan polo seu recoñecemento e dereitos.


8) Que acontece coa comunidade sunnita?

O chamado “triángulo sunnita” Bagdad-Tikrit-Ramadi e a rexión de Anbar, constitúe o principal problema de seguridade tanto para o goberno iraquí como das tropas estranxeiras, pola masiva presenza de milicias armadas da resistencia iraquí e dos constantes atentados terroristas.

O actual primeiro ministro iraquí é o sunnita Nouri al-Maliki, quen conta co completo apoio estadounidense e británico. Pero a fraxilidade política e institucional dos sucesivos gobernos iraquís post-Sadam complican a viabilidade pacífica do seu goberno e da transición.

A comunidade sunnita considérase marxinada neste proceso de transición, polo que a súa puxa por manter cotas de poder, principalmente para conter a actual preponderancia xiíta, complican a política de Washington en Iraq. Aínda que os seus principais partidos e movementos políticos aceptaron formar parte dos mecanismos da transición, existen receos e frustracións a respeito da súa dinámica. O recente arresto dalgúns líderes relixiosos sunnitas corre risco de provocar un levantamento popular sunnita.

Outro factor ten que ver coa resistencia e os grupos armados, principalmente sunnitas, cun variado panorama de grupos islamitas, laicos, nacionalistas, ex membros do partido Ba´ath e da estrutura militar do réxime de Sadam e outros grupos presuntamente vinculados a Al Qaeda.


9) Como inflúe a morte de Abu Musab al Zarqawi?

Explotada dun xeito propagandístico por parte de Washington, a morte en xuño do cualificado líder de Al Qaeda en Iraq, apenas provocou unha pírrica satisfacción para o goberno de George W. Bush e a actual administración iraquí.

Zarqawi non era o principal líder da insurxencia, aínda que Washington tentou reiteradamente amosalo como tal, para vincular a súa acción terrorista con Al Qaeda e xustificar a ocupación en Iraq.

Mais non semella que a morte de Zarqawi signifique un triunfo contundente para Bush. A súa caída na popularidade en EEUU e cada vez máis rápida, cunha forte resistencia interna á guerra, mentres unha recente enquisa amosou que un terzo dos estadounidenses xa non cren que o conflito de Iraq forme parte da guerra global contra o terrorismo.


10) Camiña Iraq cara a guerra civil?

A ocupación militar estranxeira, a violencia sectaria e a incapacidade de formar gobernos estables conforman un escenario propicio para enfrontamentos armados de gran nivel e unha posible guerra civil e, mesmo, para a fragmentación territorial.

Este cóctel explosivo aumenta coa frustración social dos iraquís diante da caótica transición política, o elevado desemprego e a crise económica. Pola súa banda, son cada vez maiores as presións en Washington para retirar as súas tropas de Iraq e xa existe un eventual calendario previsto para o 2009.

A frecuente violencia entre as comunidades xiíta e sunnita conforma o principal problema interno en Iraq, tomando en conta a gran cantidade de grupos armados existentes nestas comunidades. Tamén é evidente que Iraq é un escenario da puxa xeopolítica entre EEUU e Irán. Neste sentido, a incapacidade de Washington e Londres para estabilizar a Iraq aumenta a sensación dunha situación de pre-guerra civil no país árabe.

Finalmente, a posible conformación dun Estado kurdo independente ao norte de Iraq non só aumenta a posibilidade da fractura territorial senón que crea unha elevada preocupación entre os seus veciños, principalmente Turquía, Irán e Siria, países onde a comunidade kurda tamén é significativa.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/09/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta