Guía Exterior / nº 014-07/2006 de 14 de xullo Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Guerra total en Oriente Medio?
 
 

  Bombardeo israelí sobre Beirut, clic para aumentar
A desproporcionada agresión militar israelí, primeiro en Gaza e actualmente sobre o sur e centro do Líbano, incrementa o clima de tensión rexional a niveis alarmantes, con posibilidades de desencadear un conflito aberto entre Israel, Líbano e Siria, coa posible participación de Irán. (Foto: Bombardeo israelí sobre Beirut o 15 de xullo de 2006).
Bombardeo israelí sobre Beirut, clic para aumentar
(Foto: Impactos de proxectís israelís no interior dunha casa palestina en Beit Lahia o oito de xullo de 2006).
 
Introdución

A desproporcionada agresión militar israelí, primeiro en Gaza e actualmente sobre o sur e centro do Líbano, incrementa o clima de tensión rexional a niveis alarmantes, con posibilidades de desencadear un conflito aberto entre Israel, Líbano e Siria, coa posible participación de Irán.

Este escenario de “declaración de guerra non oficial” por parte de Israel atópase co frontal apoio estadounidense á ofensiva militar israelí. A aparente debilidade política dos países árabes e a ata agora inoperante acción da comunidade internacional, principalmente a Unión Europea, Rusia e da ONU, permite a Israel continuar coa súa estratexia de acoso a países como Líbano e Siria e a movementos islamitas como Hamas en Palestina e Hezbollah no Líbano.

A escalada da tensión Lembra unha situación similar á guerra de Yom Kippur en 1973 e a invasión israelí ao sur de Líbano en 1982, coa súa tradicional influencia no mercado enerxético, no que actualmente, se observa un alza do prezo do barril calculado en $78.


Ventos de guerra en Oriente Medio

1) A invasión israelí de Gaza: preludio dunha guerra rexional?

O secuestro do soldado israelí Gilad Shalit, acontecido a comezos de xullo, a mans de milicianos pertencentes ao movemento islamita Hamas, desencadeou unha resposta militar por parte de Israel enfocada na invasión da Franxa de Gaza, desaloxada por parte do anterior primeiro ministro israelí Ariel Sharon en agosto de 2005.

O que parecía unha estratexia de acoso definitivo contra Hamas permitiu que Israel destruíra a maior parte da infraestrutura civil en Gaza, sometera ao calvario á poboación palestina, así como a detención de decenas de militantes de Hamas, principalmente ministros, deputados e alcaldes.

A ampliación desta ofensiva en Gaza foi a que desembocou nos ataques israelís ao sur do Líbano e á súa capital Beirut, tamén utilizando o pretexto do secuestro doutros dous soldados israelís e a morte doutros oito soldados, por parte do movemento islamita Hezbollah, aliado de Hamas e apoiado por Siria e Irán. O goberno libanés pediu infrutuosamente o alto ao fogo, polo que as reaccións a esta ofensiva permiten intuír unha sensación de guerra en Oriente Medio.


2) Pódese evitar a escalada do conflito?

As iniciais reaccións da comunidade internacional non amosan sinais de resolución efectiva do conflito en marcha. EEUU declarou o seu frontal apoio ao que consideran “o lexítimo dereito de Israel a defenderse”. Mesmo Washington vetou declaracións contra de Israel no Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

Pola súa banda, a Unión Europea cualificou como “desproporcionada” a ofensiva militar israelí pero evitou realizar algún tipo de condena contra Israel. Mentres, o secretario xeral da ONU, Kofi Annan, condenou o acto militar israelí e pediu unha revitalización do proceso de negociación de paz en Oriente Medio.

Nas vésperas do cumio do G8 en San Petersburgo, agárdase que Rusia e a Unión Europea emitan unha declaración de finalización das hostilidades. Pero a actual conxuntura en Oriente Medio demostra o fracaso político do Cuarteto de Paz, composto por EEUU, Rusia, a Unión Europea e a ONU, para atopar unha vía de negociación e solución do conflito palestino-israelí e árabe-israelí.


3) Cal é a situación dentro do Líbano?

Tras anos de transición de posguerra civil e estabilidade sociopolítica, o asasinato do ex primeiro ministro Rafik Hariri a comezos de 2005 desencadeou unha revolta popular que deu como resultado o retiro militar sirio auspiciado pola ONU.

Tras meses de tensión, o goberno de Emil Lahoud atópase con grandes dificultades operativas dende a perspectiva militar, para afrontar o que parece un escenario decisivo: unha invasión terrestre do exército israelí ao país árabe.

Pola súa banda, o movemento islamita libanés xiíta Hezbollah, cunha grande fortaleza no sur do país, posúe unha efectiva capacidade operativa para afrontar unha invasión terrestre israelí e pode sacar proveito político interno desta situación diante da debilidade do goberno de Lahoud. Hezbollah non deixa de lanzar proxectís ao territorio israelí.


4) Cales serán as reaccións de Siria e Irán?

O presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad declarou que unha ofensiva militar israelí contra Siria sería “unha declaración de guerra contra o mundo musulmán”.

Pola súa banda, o réxime sirio de Bashar al Asad amosa unha incomprensible falta de reacción, probablemente disuadido pola potencialidade militar israelí, a debilidade operativa siria trala retirada do Líbano e a espera dunha reacción máis contundente do seu aliado iraniano.

Do mesmo xeito, Damasco esperaría unha maior implicación de Rusia na situación en Oriente Medio, tal e como está a desenvolver nos derradeiros meses o goberno de Putin. Moscova amosa o seu interese en constituírse como un actor primordial na rexión, tal e como se evidenciou cos recentes contactos do goberno ruso con Siria, Irán e o movemento Hamas.


5) Está o mundo árabe en capacidade de deter a ofensiva israelí?

Durante os últimos meses, o goberno exipcio de Hosni Mubarak efectuou unha activa diplomacia rexional coa finalidade de propiciar un acordo de paz entre palestinos e israelís. O resultado foi unha xuntanza en Ammán entre o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, e o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas.

Non entanto, Exipto, así como Arabia Saudita, os dous países árabes máis importantes, amosan un silencio notorio diante da actual ofensiva israelí. Tan só o ministro de Exteriores exipcio, Aboul Gheit, cualificou a acción israelí de “violación do dereito internacional”. Tampouco existe unha declaración formal por parte do goberno iraquí.

Pola súa banda, Xordania rexeitou fortemente a agresión israelí pero, anteriormente, xa tiña amosado a súa desconformidade cara o goberno palestino de Hamas, acusándoo de querer utilizar o seu territorio para posibles ataques contra Israel.

Do mesmo xeito que o Cuarteto occidental, o mundo árabe manifesta unha preocupante falta de unidade política efectiva que permita frear a ofensiva militar israelí contra Palestina e o Líbano.


6) En caso de guerra, cales serían as alianzas?

Resulta evidente que Israel contaría co total apoio político e militar por parte de EEUU, elemento disuasivo tanto para o Tsahal (Exército israelí) como para os seus veciños árabes.

Pola súa banda, Siria e Irán acudirían na axuda do movemento Hezbollah na súa contención da ofensiva militar israelí ao sur do Líbano. En caso de concretarse unha maior profundidade na cooperación militar entre Damasco e Teherán, o exército sirio podería regresar ao Líbano, diante das eventuais demandas de axuda por parte do presidente Lahoud, tradicional aliado sirio.

O apoio sirio-iraniano a Hezbollah estenderíase axiña ao palestino Hamas, co que conta con tradicionais lazos políticos, loxísticos e ideolóxicos.


7) Atópase Israel preparada para unha guerra total?

A pesares dos cálculos políticos iniciais tendentes a marcar unha lexislatura máis moderada que o seu predecesor, o goberno de Ehud Olmert segue a presentar unha marcada tendencia a enfocar a súa política rexional baixo os parámetros do estamento militar, cousa que reforza a posición dos cualificados “falcóns” da política israelí.

Neste sentido, o caso máis notorio de reacomodo cara a “liña dura” é Amir Peretz, antigo candidato laborista e actual ministro da Defensa. Como responsable da carteira militar, Peretz xustifica enfaticamente a necesidade de reinvadir Gaza e o sur do Líbano, cando na súa campaña electoral buscaba propiciar un entendemento cos palestinos e os veciños árabes.

Con todo, a efectividade e rapidez no secuestro dos soldados israelís por parte de milicianos de Hamas e Hezbollah amosa sinais de inquietude e preocupación para os altos mandos israelís, preocupados na real preparación táctica para defender os efectivos militares, xa que a pesar da súa sofisticada loxística tecnolóxica nas fronteiras en Gaza e o Líbano, no é quen de garantir a súa seguridade.


8) Ten esta crise rexional similitude coa tensión diplomática entre Irán e Occidente?

Ao tempo que acontecía a ofensiva militar israelí, en Bruxelas discutíase abertamente a necesidade de levar o asunto nuclear iraniano ao Consello de Seguridade da ONU.

En paralelo, o presidente estadounidense George W. Bush reuníase en Berlín coa chanceler alemá Ánxela Merkel, para advertir a Teherán que ”non pode ter armamento nuclear”. Diante destes comentarios, o presidente iraniano Ahmadíneyad ameazou formalmente con retirar ao seu país do Tratado de Non Proliferación Nuclear.

Coa crise nuclear iraniana en pleno desenvolvemento, pode especularse sobre unha planificada estratexia de ofensiva militar israelí contra dous aliados de Teherán como Hamas e Hezbollah para involucrar ao réxime iraniano nun conflito a grande escala e xustificar o desenvolvemento de “plans preventivos de ataque militar” israelo-estadounidense contra reactores nucleares en Irán.


9) Pode este escenario propiciar unha nova Intifada palestina?

Tal e como acontecera coa provocativa visita do ex primeiro ministro israelí Ariel Sharon á Esplanada das Mesquitas de Xerusalén en setembro de 2000, o retorno das tropas israelís a Gaza, couto sociopolítico tradicional de Hamas, aumenta as posibilidades de que unha “terceira Intifada” aconteza nos territorios palestinos.

Paralelamente, esta eventual Intifada non estaría dirixida unicamente cara Israel. O descontento e o aumento da pobreza en Gaza e Cisxordania condicionan unha situación explosiva para a Autoridade Nacional Palestina e a súa incapacidade para atopar unha solución ao latente conflito social, con consecuencias delicadas tanto para Hamas como para o partido laico Al Fatah.


10) É posible agardar maiores atentados terroristas?

Tras do atentado terrorista en Bombai, adxudicado polas autoridades indias aos movementos islamitas pro-paquistanís de Cachemira, diversas organizacións terroristas e armadas enmarcadas do mundo musulmán poden atopar un escenario idóneo para a súa actuación, xustificándoas coa actual agresión israelí en Gaza e o Líbano.

Os obxectivos terroristas serían intereses israelís e estadounidenses no exterior, aínda que ata agora ningunha organización vinculada ao “jihadismo salafista” nin a propia Al Qaeda, emitiran mensaxe algunha condenando a ofensiva israelí.

As imaxes de nenos e civís mortos polos bombardeos israelís tanto en Palestina como actualmente no Líbano, país no que a día 14 de xullo xa se superaban os 50 mortos, podería tamén propiciar unha ofensiva terrorista cara Israel, como mecanismo de resposta.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/07/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta