Guía Exterior / nº 013-06/2006 de 26 de maio Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Tensións e definicións na rexión andina
 
 

  Hugo Chávez, Fidel Castro e Evo Morales, clic para aumentar
Entre as formulacións dos eixes xeopolíticos, o caso máis característico o constitúe a alianza entre Hugo Chávez, Evo Morales e Fidel Castro, concretada a comezos de maio no asinamento en A Habana do Tratado de Comercio dos Pobos, vinculado á Alternativa Bolivariana para América Latina e o Caribe, ALBA, deseñada por Chávez. (Foto: Hugo Chávez, Fidel Castro e Evo Morales na Habana o 29 de abril de 2006).
 
Introdución

A rexión andina está ocupando a atención da opinión pública internacional por diversos motivos: eleccións rexionais (Colombia, Perú, Ecuador), cambios políticos e convulsións sociais, medidas de nacionalización enerxética (Bolivia e Venezuela) e unha activa diplomacia “revolucionaria” (Hugo Chávez), que provoca adhesións e rexeites.

O derradeiro Cumio entre a Unión Europea e América Latina e o Caribe en Viena evidenciou a dinámica e problemática destes acontecementos. As tensións sociopolíticas, a puxa entre modelos de integración, a perda de influencia estadounidense, o tema enerxético, o ascenso do indixenismo e os problemas do narcotráfico e a guerrilla, constitúen a grandes resgos os elementos máis visibles de atención e preocupación.


Conxuntura decisiva para os países andinos

1) Pódese falar de convulsión na rexión andina?

Un extenso informe publicado en xaneiro de 2004 realizado polo think tank conservador estadounidense Council of Foreign Relations denominado “Andes 2020: Unha nova estratexia para os retos de Colombia e a rexión”, auguraba períodos de convulsión e tensión nos países andinos, debido a problemas relativos non só ao narcotráfico ou a subversión senón á inestabilidade política, á fraxilidade institucional e á fractura socioeconómica.

Enfocado en Colombia e Ecuador, o informe alertaba tamén sobre a posibilidade de que a rexión albergase determinados “Estados falidos”, con perigosas consecuencias para a seguridade rexional.

A conxuntura actual amosa síntomas específicos similares, aínda que os procesos democráticos electorais seguen a ser unha evidente realidade. Asemade do deterioro institucional, a corrupción, a desigualdade, a brecha socioeconómica..., afírmanse tamén novas alternativas políticas, como o avance do indixenismo e unha variante do “neopopulismo”, que permiten medir o alcance destes cambios.


2) Os países andinos e o Cumio Europa-América Latina

A IV Reunión de Xefes de Estado e de Goberno de América Latina e o Caribe-Unión Europea, celebrada a mediados de maio en Viena, confirmou a convulsionada conxuntura actual da rexión andina. Serva de exemplo a crise diplomática entre Perú e Venezuela diante a proximidade da segunda volta electoral peruana, que foi un inesperado tema que tiveron que afrontar os líderes europeos.

O apoio de Chávez ao candidato Ollanta Humala e as acusacións directas entre Chávez, e o presidente peruano Alejandro Toledo ou o candidato Alan García; o retiro de Venezuela da Comunidade Andina de Nacións (antigo Pacto Andino) porque Perú e Colombia negocian un Tratado de Libre Comercio, TLC, con EEUU; a controversia polo apoio de Chávez ás nacionalizacións petroleira e gasífera en Bolivia e o impacto que este factor ten en Europa, Brasil e Arxentina, foron acontecementos de primeira magnitude na xuntanza coa UE.

Apenas existiron acordos bilaterais entre ambos bloques e as crises internas entre os mandatarios andinos e latinoamericanos acrecentaron en Europa a sensación de que os cambios en América Latina apuntan a diversas direccións.


3) Modelos e eixes xeopolíticos

Debido a recentes e históricos procesos electorais e a inéditos modelos de alianzas políticas, a rexión andina ven experimentando nos últimos meses diversos cambios de enfoque, moi vinculados ás demandas internas e a concreción dunha especie de identidade propia.

Entre as formulacións dos eixes xeopolíticos, o caso máis característico o constitúe a alianza entre Hugo Chávez, Evo Morales e Fidel Castro, concretada a comezos de maio no asinamento en A Habana do Tratado de Comercio dos Pobos, vinculado á Alternativa Bolivariana para América Latina e o Caribe, ALBA, deseñada por Chávez.

Este eixe xeopolítico que inclúe aos dous países coas maiores reservas de gas natural no hemisferio occidental (Venezuela e Bolivia) marca un frontal rexeite ao Área de Libre Comercio das Américas, ALCA, e a tradicional hexemonía de Washington. Para afondar este enfoque endóxeno de integración, Chávez impulsa a concreción unha integración enerxética suramericana para o 2010 a traveso dun gasoduto dende Venezuela ata Arxentina, involucrando a Brasil, Bolivia, Uruguai e Paraguai.

Paralelamente, preséntase unha reaparición dun modelo “neopopulista”, personificado en Hugo Chavez, Evo Morales e, eventualmente Ollanta Humala, engadido á opción “revolucionaria bolivariana” de Chávez, que establece unha identificación mítica histórica con Simón Bolívar, considerado o liberador das nacións andinas contra do colonialismo español.

Resulta un tópico considerar que, no caso andino, preséntase unha marcada diferenza entre estas opcións “populistas” de esquerda a respecto dos casos da cualificada “esquerda moderada”, personificada en Lula da Silva en Brasil, Tabaré Vázquez en Uruguai ou Néstor Kirchner na Arxentina. Tópicos aparte, o denominado “viraxe á esquerda” en América do Sur maniféstase en distintas vías.


4) A Bolivia de Evo Morales

Tras da súa histórica vitoria electoral en decembro de 2005, Evo Morales comezou con forza a cumprir as promesas contidas no seu programa de goberno.

Os primeiros compases estiveron vinculados aos seus desexos de despenalizar o cultivo da folla de coca, medida que irritou a Washington pero que obtivo o apoio dos demais países andinos. Pero a súa medida de maior envergadura foi o abrupto anuncio de nacionalizar o petróleo e gas natural, instando ás empresas multinacionais a sumarse ao novo plan de investimentos deseñado polo goberno. Isto provocou unha semicrise diplomática con países como Brasil e España, os maiores investidores en Bolivia.

A repercusión internacional desta decisión de Morales fíxose evidente durante o cumio en Viena na distante relación que mantivo co presidente brasileiro Lula da Silva. Ao tempo, a estreita relación entre Evo Morales e Hugo Chávez aumenta as especulacións, dentro e fora do país, sobre a influencia do presidente venezolano nos asuntos bolivianos.

Morales tamén terá que afrontar en xullo o referendo sobre a posible autonomía territorial na rexión de Santa Cruz, rica en gas natural. Ao mesmo tempo, celebrarase outro referendo para a promulgación dunha Asemblea Constituínte, marco xurídico para un cambio profundo nas estruturas do Estado boliviano.


5) O Perú entre Ollanta Humala e Alan García

O próximo 4 de xuño se celebrará a segundo volta presidencial en Perú, definindo o sucesor do impopular Alejandro Toledo.

A disputa se enfoca entre Ollanta Humala, ex tenente coronel implicado nun intento de golpe contra o ex presidente Alberto Fujimori no 2000, e o ex presidente Alán García, quen tivera un mandato (1985-1990) marcado polas nacionalizacións, a hiperinflación e a ofensiva guerrilleira. Humala obtivo unha sorprendente vitoria na primeira volta, insuficiente para gañar con maioría absoluta.

Pero o panorama actual dista de ser tan favorable para Humala: as últimas enquisas amosan unha ampla vantaxe de García (algunhas o localizan en 12 puntos) a respecto de Humala, principalmente tras do derradeiro debate presidencial celebrado o 22 de maio. Algúns analistas, consideran que o frontal apoio de Chávez e de Evo Morales ao candidato Humala, pode ser a clave para interpretar a súa repentina baixa na intención de voto. Unha enquisa considera que o 60% dos peruanos ten unha imaxe negativa de Chávez.

O actual presidente Toledo anunciou que espera a aprobación do TLC por parte do Congreso peruano antes do 28 de xullo, cando deixe a presidencia. Esta será unha herdanza que deixa ao seu sucesor. O apoio de Toledo e, probablemente, García ao TLC tamén pode influír, a última hora, na intención de voto dos peruanos, virando cara un Humala cualificado de nacionalista, indixenista e antisistema. Paralelamente, diversos movementos autóctonos e cocaleiros están apoiando a Humala.

Na campaña electoral, os dous candidatos enfróntanse nunha dialéctica de acusacións sobre as súas presuntas vinculacións co réxime de Alberto Fujimori, o seu polémico asesor Vladimiro Montesinos e a súa actuación durante a loita antiguerrilleira contra Sendeiro Luminoso.


6) Colombia: catro anos máis de Uribe

O próximo domingo 28 de maio, Colombia irá a eleccións presidenciais coa máis que posible reelección do seu actual mandatario, Álvaro Uribe Vélez, o único aliado directo e incondicional de Washington na rexión latinoamericana.

As enquisas favorecen a un Uribe cunha estimación do 57% de popularidade. O presidente basea a súa fortaleza en certo carisma e efectividade política. O Tribunal Supremo permitiulle a finais de 2005 postularse á reelección, mediante a polémica aprobación no Congreso e o Senado dunha reforma constitucional.

A súa xestión presenta un óptimo crecemento económico, certa estabilidade social e as consecuencias da estratexia de “seguridade democrática” que se ben contribuíron a frear momentaneamente o avance da guerrilla das FARC, deixa un legado de violación de dereitos humanos, aumento de desprazados (Colombia é o segundo país do mundo en desprazados despois de Sudán) e a sensación de ausencia de Estado en determinadas rexións.

O recente e espectacular avance do candidato esquerdista Carlos Gaviria, podería complicar a reelección de Uribe e posibilitar unha segunda volta. Pero todo apunta a que o actual presidente seguirá no cargo catro anos mais. A ampliación temporal con Washington da estratexia antidrogas e antiguerrilleira denominada Plan Colombia, agora Plan Andino, ata o 2010 evidencia ese nivel de confianza en Uribe.


7) O labirinto ecuatoriano

Probablemente dos cinco países andinos, Ecuador sexa o que transmite a sensación de maior incerteza e convulsión. Desde 1997, sete presidentes ocuparon a máxima autoridade nacional, nalgúns casos a consecuencia de rebelións cívicas e militares.

O actual presidente provisional, Alfredo Palacio, no cargo tras da caída de Lucio Gutiérrez a principios de 2005, intenta marcar os pasos para celebrar eleccións presidenciais en outubro próximo. Pero a realidade amosa escenarios de forte polarización.

A comezos de abril, unha serie de masivas protestas e mobilizacións por parte de comunidades indíxenas contra a negociación do TLC e a demanda de paralización dos contratos coa multinacional Occidental Petroleum polo seu respectivo dano ecolóxico, colocaron a Palacio nunha delicada posición. Once das 22 provincias do país estiveron paralizadas pola mobilización indíxena. Simultaneamente, un ministro ecuatoriano acusou a Chávez de estar detrás das protestas indíxenas.

O goberno de Palacio estaba negociando con lentitude o TLC con Washington, temeroso de que isto provoque unha rebelión social, principalmente ante calquera eventual acción da poderosa Confederación de Nacionalidades Indíxenas, CONAIE. Pero en Washington decidiron suspender temporalmente a negociación, en protesta pola medida do goberno ecuatoriano de anular unha concesión á multinacional petroleira Occidental Petroleum, Oxy.

Esta decisión do goberno de Palacio sobre a multinacional Oxy semella unha continuación do proceso de revisión de contratos petroleiros iniciado en Venezuela e Bolivia. Pero aínda é prematuro considerar se esta onda nacionalizadora continuará en Ecuador.

De cara ás próximas eleccións presidenciais, aínda non se coñece con certeza cales serán os candidatos. Tamén se observa a aparición de diversos movementos nacionalistas e de esquerda, cualificados a si mesmos de “bolivarianos”, e que amosan a súa simpatía pola revolución de Chávez.


8) A “estrela” de Chávez e a imprevisible Venezuela

Diversos medios latinoamericanos consideraron a Hugo Chávez como “o líder rexional máis influínte no 2005”. En grande medida, a activa e expansiva “diplomacia revolucionaria bolivariana” de Chávez, fortalecida pola alza de prezos do petróleo e o descontento rexional cara EEUU, permitiu entronizalo nese pedestal.

Neste sentido, o triunfo de Morales en Bolivia é un triunfo directo de Chávez na concreción dun espazo xeopolítico que se afaste das políticas instadas dende Washington. Os procesos electorais en América Latina ao longo de 2006 proxectan tamén eses intereses de Chávez en países como Perú, Nicaragua ou México.

Paralelamente, resulta un escenario evidente o alto nivel de confrontación, ao menos desde a perspectiva retórica, entre Chávez e o presidente George W. Bush. A recente medida de Washington de suspender ou dificultar as vendas de armamento a Venezuela, os vínculos de Chávez con Cuba, Irán, Rusia e China, a súa utilización da “especialización petroleira” como instrumento dunha diplomacia expansiva, o reto do ALBA, comezan a determinar unha escalada na confrontación entre Washington e Caracas. O goberno estadounidense acusa a Chávez de ser “o principal factor de inestabilidade rexional”.

Venezuela celebrará o próximo decembro eleccións presidenciais con Chávez nunha cómoda posición para a súa reelección cara o 2012. Sólidos niveis de popularidade superiores ao 50%, absoluto control das institucións estatais, boom económico grazas ao petróleo e unha oposición dividida e fracturada, son sinais da súa fortaleza interna.

No entanto, existe certa apatía no electorado, traducido en altos niveis de abstención nas derradeiras eleccións, que afonda nunha sensación de esgotamento. Pero, independentemente desta realidade, a consolidación de Chávez permítelle calcular minuciosamente a amplitude do seu caudal político, cun carácter cada vez mais expansivo a nivel rexional.


9) EEUU e a “bomba” andina

En xaneiro de 2001, no seu discurso de toma de posesión presidencial, George W. Bush incluíu a América Latina nas súas prioridades políticas. O afondamento da democracia, o ALCA e a estratexia antidrogas apuntaban a ser as súas directrices hemisféricas.

O 11-S de 2001 mudou por completo esta perspectiva. América Latina foi relegada deste marco de prioridades a favor da loita antiterrorista e Oriente Medio. Isto provocou un efecto inmediato: as consecuentes eleccións presidenciais, especialmente en América do Sur, apuntaron á revitalización da esquerda, a integración “endóxena” e, nalgúns casos, a opcións anti-ALCA como Chávez e Evo Morales.

Na rexión andina, Washington conserva a Uribe como o seu aliado máis próximo, probablemente seguido do presidente peruano Toledo. A directa confrontación con Washington que formulan Chávez e Evo Morales e a onda expansiva que isto pode constituír obrigarán a Bush e, probablemente, ao seu sucesor, a focalizar a súa atención nunha rexión andina onde o sentimento antiestadounidense vai en aumento.

Diante dos retos que formula América Latina e, especialmente, a rexión andina, diversos círculos políticos en Washington aumentan as súas advertencias sobre cómo este escenario complicaría os intereses estadounidenses.

En novembro próximo se celebrarán eleccións lexislativas, coa consecuente mudanza no Congreso de EEUU. A supremacía republicana pode verse afectada polo avance do partido Demócrata.


10) O fin da Comunidade Andina de Nacións?

A decisión “irrevocable” do presidente Chávez de retirar a Venezuela da CAN en protesta polas negociacións do TLC por parte de Perú e Colombia con EEUU , augura certos escenarios de fractura interna rexional.

Pero os roces políticos non semellan ir da man coa realidade económica e comercial. Entre 1994 e 2005, as exportacións entre os países membros da CAN aumentaron un 160%, cunha participación dun 90% de exportacións industriais. Venezuela é, tras dos EEUU, o principal socio comercial de Colombia e o comercio bilateral entre estes dous países constitúe o 50% do marco rexional andino. A CAN formula unha plataforma excelente para que os empresarios locais poidan exportar os seus produtos a outros mercados.

Tanto Chávez como Evo Morales pediron aos gobernos de Lima e Bogotá que suspendan o TLC con Washington porque “están esnaquizando o bloque”. Non entanto, en Viena o presidente boliviano pediu a “reunificación” da CAN, a fin de superar os problemas políticos entre os seus mandatarios.

Os problemas internos da CAN tamén teñen paralelismos coas disputas internas noutro bloque de integración suramericano, MERCOSUR. Todo isto afecta á dinámica propia de integración dentro da Comunidade Suramericana de Nacións, constituída formalmente en decembro de 2004.

Se ben é certo que os problemas semellan ir vinculados a puntuais controversias políticas entre os países, os próximos cumios determinarán se a CAN deberá modificarse, reformarse ou ben substituírse por outro marco de integración.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/05/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta