Guía Exterior / nº 012-05/2006 de 5 de abril Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Eleccións en Italia: a fin da era Berlusconi?
 
 

  Propaganda electoral, clic para aumentar
A probable fin da era Berlusconi traería complexos recambios políticos en Italia. Semella un escenario certo cun novo goberno sen maioría absoluta, que se vería na obriga de entrar nunha fase de negociacións e coalicións.
 
Introdución

Os próximos 9 e 10 de abril, 47 millóns de italianos acudirán ás urnas para decidir se Silvio Berlusconi continúa no cargo de primeiro ministro ou, se pola contra, Romano Prodi, que simboliza o retorno do centro-esquerda, accede ao palacio de goberno.

O momento semella decisivo, debido á crecente polarización política na sociedade italiana en torno aos cinco anos de goberno de Berlusconi, o período máis longo de duración dun goberno italiano tras da 2ª Guerra Mundial. Prodi posúe unha lixeira vantaxe nas enquisas, cousa que provoca unha palpable sensación de irritación nas últimas declaracións do actual primeiro ministro.

Ambos candidatos son as figuras que forxaron a política italiana do derradeiro decenio. Xa se tiñan enfrontado nas eleccións de 1996, con vitoria final para Prodi. No actual momento, os indecisos, calculados nun 20% do electorado, poderán decidir finalmente a balanza entre os dous candidatos.


Italia entre Berlusconi e Prodi

1) Cales son os principais candidatos e partidos?

O candidato gobernamental, Silvio Berlusconi, acode ás urnas baixo a plataforma da Casa da Liberdade (Casa della Libertá), de tendencia centro-dereita, e que lidera o propio partido de Berlusconi, Forza Italia. Aquí tamén se inclúen a Alianza Nacional do viceprimeiro ministro Gianfranco Fini (de tendencia neofascista aínda que ultimamente experimenta certa moderación); a Liga do Norte, do polémico Umberto Bossi (federalista e xenófoba); e a Unión dos Demócrata-Cristiáns e Centro-Demócratas, UDC, liderada polo voceiro parlamentario Ferdinando Casini.

Pola súa banda, Romano Prodi (quen, ao contrario de Berlusconi, non posúe partido propio) chega apoiado pola plataforma de centro-esquerda A Unión (L´Unione), cuxos principais partidos son a Democracia de Esquerda, de Piero Fassino e Massimo D´Alema; a Margarida, comandada polo alcalde de Roma, Francesco Rutelli; a Refundación Comunista, liderada por Fausto Bertinotti. Outra media ducia de partidos, entre os que destacan Os Verdes e os Social Demócratas, tamén forman parte desta plataforma.

Dentro da coalición gobernamental aboiaron, en diversos momentos, marcadas diferenzas entre os seus líderes, principalmente tras da retirada da UDC do goberno logo de que Berlusconi sufrira unha contundente derrota nos comicios rexionais de abril de 2005. Do mesmo xeito, existen marcadas disputas entre a UDC e a Liga do Norte e Alianza Nacional, principalmente pola similar composición sociolóxica do seu electorado.


2) Como funciona o sistema electoral italiano?

A República Italiana posúe un parlamento bicameral, consistente nunha Cámara de Deputados (630 asentos) e o Senado (315) Ambas cámaras son elixidas por sufraxio universal para un período de cinco anos. Os votantes van elixir unha coalición e listas de partidos para ambas cámaras.

O goberno de Berlusconi impulsou en decembro de 2005 unha serie de cambios no sistema electoral, dirixidos a retornar ao sistema de representación proporcional. Os críticos e opositores a Berlusconi consideran este movemento legal como unha estratexia gobernamental para asegurar unha sólida posición da súa plataforma política nas próximas eleccións lexislativas e obstaculizar unha eventual maioría opositora.

Pola súa banda, Berlusconi defende o cambio esgrimindo o argumento de que lle daría máis estabilidade para gobernar. Pero moitos analistas ven nestes cambios un posible retorno ao sistema de gobernos de curta duración, moi frecuentes na Italia das décadas pasadas.


3) A estrea do voto emigrante

Por vez primeira, nestas eleccións poderán votar os emigrantes italianos no exterior. En total, tres millóns e medio de persoas agrupadas en catro distritos electorais: América do Norte e Central: América do Sur, Europa; e África-Asia-Oceanía-Antártida.

Os italianos residentes fóra do país elixirán por correo a 12 deputados e seis senadores. A Lei 459 do 27 de decembro de 2001 establece a facultade para que os emigrantes poidan votar tanto no estranxeiro como na propia Italia, para o Parlamento ou nos referendos. No entanto, o voto por correo non se poderá realizar en 61 países, polo que deberán dirixirse a Italia no caso de que desexen votar.


4) Berlusconi e Prodi: dous estilos diferentes

Nas últimas semanas, as actitudes e comentarios de Berlusconi, de seu tradicionalmente extravagantes e provocadoras, comezaron a amosar un nivel de irritación en ascenso, probablemente provocado pola vantaxe de 4-5 puntos porcentuais de Prodi nas enquisas.

Velaí que diversos medios de comunicación e opinión comezaran a interpretar un velado nerviosismo por parte de Berlusconi, diante da posibilidade real de perder as próximas eleccións. Na TV pública, en vivo e directo, durante unha célebre entrevista, un crispado Berlusconi abandonou a sala acusando á xornalista Lucia Annuziata de “esquerdista, prexuizosa e manipuladora” cando a profesional lle fixera unha pregunta relativa ao “conflito de intereses”, relacionada cunha hipotética medida lexislativa que Prodi, prometeu aprobar en caso de gañar, para evitar a compaxinación de negocios con política. Mesma actitude tivo Berlusconi no debate en directo co seu rival Prodi.

Obsesionado por utilizar a “ameaza comunista” como leit motiv da súa campaña electoral, Berlusconi interrompeu inesperadamente unha asemblea da patronal Confindustria para acusar aos empresarios de “apoiar á esquerda”, alertando e advertindo da crise económica que provocarían. Mesmo, o medio de comunicación máis importante e influínte do país, o Corriere della Sera, xa anunciou publicamente a súa intención de posicionarse na súa contra nas próximas eleccións.

A nivel exterior, recentemente provocou un problema diplomático con Beijing ao declarar que, na China de Mao Tse Tung, “fervían aos nenos para fertilizar o campo”.

Pola súa banda, o candidato da oposición constitúe un interesante balance de sosego e serenidade contraposta á forte personalidade do seu rival electoral.

Catalogado como Il Professore, Prodi posúe unha importante carreira académica e política, que o levou a ser primeiro ministro en 1996, derrotando precisamente a Berlusconi. Posteriormente, no 2000, foi elixido como presidente da Comisión Europea, cargo na que afrontou a chegada do Euro como moeda única en dez países da UE, incluída Italia.

Desde Bruxelas, Prodi foi un dos máis enérxicos críticos da xestión de Berlusconi en Roma. Velaí que, a súa volta á política italiana no 2004 permitiu á coalición de centro-esquerda reorganizar en torno á súa figura as posibilidades electorais contra Berlusconi.


5) Italia: o momento da crise económica?

Evidentemente, a situación económica é a “estrela” da campaña electoral italiana. Un informe do 28 de marzo da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, OECD, confirmaba a situación de crise na economía italiana, cunha baixa do PIB no derradeiro cuarto trimestre do 2005, así como caídas nos niveis de consumo e investimento.

Mesmo, o informe da OECD vaticinaba que, de continuar estas tendencias económicas, Italia podería ser excluída do Grupo dos Oito, no que están as principais economías mundiais.

Segundo cifras oficiais, o PIB só medrou unha media do 0,8% desde que Berlusconi chegou ao poder en maio de 2001. O sector téxtil sofre pola forte competencia manufactureira asiática mentres o déficit orzamental se mantén a niveis europeos. Pero o alto desemprego (9%), principalmente na poboación moza, e o auxe da débeda interna, complican o panorama económico nacional.

Tanto Berlusconi como Prodi enfocan unha grande parte da súa campaña na situación económica italiana. O primeiro espera unha recuperación a través do recorte impositivo, unha redución da presión fiscal e as regulacións bancarias, facendo énfase no desenvolvemento do empobrecido sur para reactivar a economía. Pola súa banda, Prodi formula o recorte dos costos laborais para combater o desemprego, reducir unha burocracia considerada “excesiva”, loitar contra da evasión fiscal e evitar o auxe dos contratos temporais.


6) Como inflúen nas eleccións os problemas legais de Berlusconi?

O pasado 10 de marzo, a Fiscalía de Milán pediu un novo procesamento contra Berlusconi por un escándalo de “corrupción e espionaxe” contra rivais políticos, por casos acontecidos entre 1997 e 1998. Esta petición, que provocou a dimisión do ministro de Sanidade Francesco Storace, involucraba ao avogado británico David Mills (home da ministra de Cultura británica Tessa Jowell), e coincidiu co comezo da campaña electoral.

Os problemas de Berlusconi coa xustiza veñen sendo unha constante desde hai unha década. Xa antes da súa chegada ao poder por segunda vez (Berlusconi foi primeiro ministro durante sete meses no ano 1994), a xustiza italiana posuía máis de 90 demandas contra Berlusconi por corrupción, suborno a xuíces, falsa contabilidade e evasión fiscal, relativas a asuntos vinculados cos seus negocios. En total, chegaron a procesarse uns dez cargos na súa contra.

Unha vez no poder, Berlusconi logrou a súa absolución en varios casos, traballando activamente en diversas estratexias legais e políticas para conseguir a súa inocencia.


7) O imperio Berlusconi: vantaxe ou obstáculo electoral?

Considerado o home máis rico de Italia, o primeiro ministro posúe un poder empresarial e mediático como ningún outro líder político a nivel mundial.

Aos seus 69 anos, Il Cavaliere acumula unha fortuna cifrada en 12.000 millóns de dólares, principalmente grazas á súa cadea de TV privada Mediaset SpA e o seu holding financeiro Fininvest. Dono do poderoso equipo de fútbol A.C Milan, tamén posúe a editorial Mondadori SpA, a máis importante do país, así como o 63% da publicidade televisiva italiana. Igualmente, o seu irmán Paolo e a súa esposa Verónica controlan dous dos máis importantes xornais da nación. Moitos dos seus detractores consideran que Forza Italia, o seu partido fundado en 1994, funciona practicamente como un partido-empresa.

Dotado dunha evidente áurea carismática, Berlusconi imprime unha dobre imaxe de home exitoso, de vida con “glamour” e excéntrica con actitudes populistas, aínda que tipicamente arraigadas na poboación. Probablemente, todo isto forme parte da súa estratexia política para afianzar un abrumador control dos negocios e da sociedade italiana.

Mesmo, se interpreta que a súa tendencia a crispar a campaña electoral e a súa retórica demagóxica e apocalíptica pode ser unha estratexia política para polarizar ao electorado e, principalmente, modificar a opción final dos “indecisos”.


8) Que papel xoga a política exterior?

O claro e aberto apoio de Berlusconi á guerra de Iraq e a estratexia antiterrorista de Washington provocou un aumento do seu nivel de impopularidade con directas consecuencias políticas. Precisamente, e para atopar apoios electorais, Berlusconi declarou que, de gañar as eleccións, retiraría as tropas italianas de Iraq ao finalizar o 2006.

Berlusconi é considerado un dos líderes “atlantistas” dentro da Unión Europea, onde en diversos foros e reunións provocou memorables incidentes diplomáticos. Pero a súa principal (e, ao parecer, favorita) propensión se centra nas súas críticas e ataques ao Islam e ao mundo árabe.

Con frecuencia, Berlusconi declara que Occidente é unha civilización superior ao Islam. Na recente “crise das caricaturas”, o seu ministro Roberto Calderolli saíu en TV cunha camiseta portando unha caricatura de Mahoma. A reacción en Libia por este suceso provocou 20 mortos e outro escándalo diplomático.

A sensación na opinión pública italiana sobre as actuacións exteriores de Berlusconi coinciden en cualificarse de “pouco favorables” á imaxe do país, así como de ausencia dunha política clara en canto aos obxectivos. Berlusconi semella reproducir no exterior as súas extravagancias e falta de diplomacia das que fai gala en casa.


9) Ten a Igrexa católica un papel electoral importante?

Nun país cun forte sentimento católico e tradicional, todo aspirante a xefe de goberno en Italia coñece á perfección que o plácet do Vaticano e a utilización dos valores cristiáns supoñen un arma electoral practicamente decisiva para gañar eleccións. Neste sentido, tanto Berlusconi como Prodi se declaran “crentes” cristiáns.

Esta campaña non foi a excepción. Un amplo sector da centro-dereita, denominado mediaticamente os “teocons”, absorbe unha boa parte dos mitins e concentracións electorais do candidato gobernamental. Avogan pola defensa da “civilización cristiá” ante o avance do “laicismo e o progresismo que renegan das tradicións milenarias” e advirten sobre a “decadencia moral de Europa”. Para reafirmar a súa mobilización, iniciaron unha xira en tren polo país baixo o título de “Occidente Express”.

Este movemento acábase de constituír politicamente baixo o impulso do líder conservador Marcello Pera, está tan asociado á imaxe relixiosa que é denominado como o “Partido do Papa” e coincide tamén cunha determinada conxuntura internacional, tendente a interpretar os conflitos dun xeito civilizacional, especialmente entre o Occidente cristiá e o Islam.

Un dos elementos máis importantes da campaña supuxo a visita electoral ao Papa Bieito XVI. Entre o 30 e 31 de marzo, con motivo das xornadas en Roma do Partido Popular Europeo, Berlusconi tiña previsto unha visita oficial ao Papa Ratzinger, interpretada inmediatamente como unha táctica electoral.

Mentres a oposición de centro-esquerda movía a idea dunha preferencia vaticana por Berlusconi, este tivo que suspender a visita para evitar maior polémica. Do mesmo xeito, a aceptación de Berlusconi en outorgar asilo ao afgán convertido ao cristianismo ten visos de constituír unha táctica electoral.


10) Unha nova etapa na política italiana?

A probable fin da era Berlusconi traería complexos recambios políticos en Italia. Semella un escenario certo cun novo goberno sen maioría absoluta, que se vería na obriga de entrar nunha fase de negociacións e coalicións.

Quizais o reto máis importante para o novo goberno resulte ser a recuperación da confianza cidadán na súa clase política, por mor dos recentes escándalos de corrupción en altas esferas de goberno e unha sensación de banalización social e política. Un caso similar, aínda cun impacto menor, ao proceso de “Mans Limpas” na década dos noventa.

Este proceso podería completarse cunha reestruturación da política exterior italiana, no caso de vitoria de Prodi. Unha orientación máis europeísta semella o escenario máis probable.

Outro factor a observar é a reestruturación do modelo de descentralización territorial en Italia, coas directas repercusións na relación entre o Norte industrializado e rico e o Sur agrícola, economicamente máis atrasado.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/04/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta