Guía Exterior / nº 011-04/2006 de 6 de marzo Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Conflito das celulosas entre Arxentina e Uruguai
 
 

  Instalación planta celulosa en Frai Bentos, clic para aumentar
A maior oposición á construción das dúas celulosas naceu na cidade arxentina de Gualenguaychú, situada a máis de 25 Km en liña recta do emprazamento escollido polas celulosas. Non obstante, non existe oposición significativa na cidade uruguaia de Fray Bentos, capital do departamento de Río Negro, radicada mesmo a carón das celulosas en construción. (Foto: Vista do 23 de agosto de 2005 das obras de instalación da planta de celulosa da empresa Botnia no río Uruguai, en Fray Bentos).
Instalación planta celulosa en Frai Bentos, clic para aumentar
(Foto: Acción de protesta de Greenpeace, o 14 de xaneiro de 2006, pola construción da planta de celulosa de Botnia en Fray Bentos).
 
Introdución

Os proxectos de construción de plantas de celulosa por parte das empresas Ence e Botnia nas beiras do Río Uruguai, na súa parte uruguaia, provocaron unha disputa diplomática entre os gobernos de Tabaré Vázquez e Néstor Kirchner. Dende Bos Aires realizáronse acusacións contra o goberno de Tabaré Vázquez de violación do tratado do Río Uruguai, o que provocou a reacción uruguaia, denunciando que se obstaculizaban as regras de libre comercio no contexto do MERCOSUR.

Mentres as iniciativas empresariais seguen en marcha coa instalación das papeleiras, as autoridades dos dous países, despois de analizar un esperado informe do Banco Mundial, que é cofinanciador do proxecto, acudiron aos organismos internacionais, en concreto a OEA e o Tribunal da Haia, para achegar unha solución ao conflito.

En definitiva, compre facer un esforzo por desvincular un entrañado de intereses locais, calendarios electorais, conflitos fronteirizos, populismos e consecuencias medioambientais demostrables, que se mesturan para dar unha combinación paradoxal sobre a que se asenta este conflito político-económico e medioambiental.


Unha crise provocada por Ence e Botnia

1) Cal foi o detonante da crise?

A orixe do conflito céntrase na localización das dúas industrias na beira do Río Uruguai. Esta controversia tivo como antecedentes a subscrición do acordo entre o anterior goberno uruguaio de Jorge Battle e as papeleiras e agudizouse a partires do mes de maio de 2005, coa decisión do novo goberno do Fronte Amplo en Montevideo de instalar no río Uruguai dúas fábricas de celulosas, unha da empresa finesa Botnia e outra da empresa española Ence, que conta con parte de capital galego.

A maior oposición á construción das dúas celulosas naceu na cidade arxentina de Gualenguaychú, situada a máis de 25 Km en liña recta do emprazamento escollido polas celulosas. Non obstante, non existe oposición significativa na cidade uruguaia de Fray Bentos, capital do departamento de Río Negro, radicada mesmo a carón das celulosas en construción.

As declaracións do gobernador arxentino de Entre Ríos, Jorge Busti, nas que deixaba entrever a posibilidade de que a presidencia uruguaia estivera “tocada de corrupción” foron o detonante que motivou a chamada a consultas dos respectivos embaixadores e o inicio da polémica entre os dous gobernos. Resulta sorprendente que un proxecto, como a construción dunha das maiores celulosas de América, sexa defendido vehementemente polo primeiro goberno de esquerdas uruguaio, no que están integrados socialistas, comunistas, ex-guerrilleiros tupamaros (MPP), e a esquerda radical do PPV. Pola contra sexa altamente cuestionado por un goberno arxentino que ten plantas de semellante tecnoloxía, ás que se están a construír.


2) Cal é o problema de fondo?

Arxentina acusa a Uruguai de incumprir o tratado do Río Uruguai. A súa vez, Montevideo acusa a Bos Aires de obstaculizar as regras de libre comercio estipuladas no marco legal de MERCOSUR. O tratado do Río Uruguai prevé que se un dos Estados planea levar a cabo unha acción no Río Uruguai susceptible de ser incompatible cos obxectivos propostos, incluído o medio ambiente, obrigará á realización de consultas diplomáticas conxuntas.

Así mesmo o devandito tratado estipula unha comisión para garantir o cumprimento do tratado, establecendo así mecanismos conciliatorios para o caso de conflitos. Do mesmo xeito, o tratado deixa unha vía aberta á actuación dos organismos internacionais, tales como a Corte Internacional de Xustiza da Haia.

Os intereses madeireiros levaban anos madurando en Uruguai e a empresa finesa Botnia xa tiña asinado un convenio co goberno do presidente Jorge Battle en 2004, no que se aseguraba contra posibles danos e prexuízos no caso de marcha atrás do proxecto. Un ano despois, Néstor Kirchner e Tabaré Vázquez acordaron a creación dunha comisión binacional, que fracasou tras 180 días de negociacións. Cada parte emitiu un informe unilateral coas respectivas posicións, onde Uruguai se propoñía seguir adiante co proxecto de construción das dúas papeleiras, separadas por poucos quilómetros entre elas.

ENCE e Botnia non son as únicas empresas interesadas en instalarse nun país do MERCOSUR. A celulosa sueco-finesa Stora Enso planea investir uns 3.700 millóns de dólares para instalar tres plantas en Brasil e Uruguai.


3) Cal é o impacto real das industrias?

O impacto destas industrias vai depender do uso e cantidade de cloro. O Río Uruguai é un ecosistema limpo pero os compoñentes derivados da produción de papel son escasamente biodegradables. Ademais a proximidade entre ambas instalacións fai que o problema se acentúe. A iso hai que engadirlle a problemática da contaminación do aire a través dos fumes que poden conter xofre, o que provocaría choiva aceda, así como dos cheiros que se poderían emitir.

Na actualidade existen tres tratamentos con distintos graos de repercusión no entorno: o tratamento con cloro elemental, que é o máis contaminante, denominado EC (Elemental Chlorine); o sistema Kraft, que utiliza dióxido de cloro e que reduce a cantidade de dioxinas e os vertidos de cloro ás augas (aínda que non as elimina), e finalmente, un tipo de proceso libre de cloro, TCF (Total Chlorine Free), que encarece a produción e que non será usado nin na factoría de Ence nin na de Botnia.

O sistema Kraft é o escollido para as novas instalacións coa promesa de que as augas residuais sexan tratadas “in situ” antes do seu vertido no río. Non obstante, Arxentina denuncia que, aínda que as empresas cumpren os requisitos sobre contaminantes orgánicos establecidos no Convenio de Estocolmo, este sistema non recolle as últimas tecnoloxías.


4) Cales son as demandas arxentinas?

En principio, dende Arxentina pediuse a paralización da instalación das papeleiras. Máis tarde, reclamouse que se detallen os tratamentos que se lle darán ós efluentes líquidos e ós gases que se emitan á atmosfera. Namentres, o gobernador de Entre Ríos, Jorge Busti, presentou unha denuncia por dano ambiental contra nove directivos de Botnia e Ence, ademais dunha demanda contra Uruguai diante da OEA. Posteriormente, solicitouse dende Arxentina a adopción da tecnoloxía TCF (Total Chlorine Free) que encarece nun 20% o custe final do proxecto.


5) Cales son os argumentos uruguaios?

En Uruguai, o 60% da poboación semella estar a favor da instalación das factorías. O goberno conta co apoio dos partidos, as cámaras de comercio e de industria, e da central sindical PIT-CNT. De feito, os uruguaios parecen agredidos pola actitude do país veciño e apostan por un modelo de especialización en produtos madeireiros para a exportación, onde tan só en industrias celulosas se crearían 8.000 postos de traballo e se xerarían 1.800 millóns de dólares.

Amais diso, Arxentina xa conta con fábricas da mesma ou peor tecnoloxía no seu territorio, que son cuestionadas polos ecoloxistas e residentes.


6) Cales son os condicionantes externos?

O conflito das papeleiras ven a enmarcarse dentro do complexo mundo das asimetrías rexionais e dos desequilibrios comerciais dentro do MERCOSUR, onde Uruguai e Paraguai se ven desfavorecidos diante da abrumadora presenza de Arxentina e Brasil. Por outra banda, EEUU tenta ós pequenos países con tratados de libre comercio rexionais e bilaterais, no seu intento de dividir o bloque rexional.

O Banco Mundial, que financiará parte das obras, mediou na crise para dar unha valoración dos feitos. Para Arxentina, as análises do BM pecan dun optimismo infundado e loce as súas capacidades retóricas á hora de facer unha análise pausada da situación. Ademais, o informe do BM adoece dunha serie de imprecisións, o que o empobrece o enfoque dende o punto de vista científico.


7) Que condicionantes internos existen?

Para Uruguai, a atracción dos investimentos e a creación de emprego constitúe un valor incalculable á hora de posicionarse a prol da instalación desta industrias. No caso arxentino, tanto o presidente Néstor Kirchner como o mandatario da provincia de Entre Ríos, Jorge Busti, contaban con motivacións de tipo electoral que converteron este contencioso nunha causa nacional.


8) Por que estas empresas elixen Uruguai para a súa expansión?

Segundo a empresa española ENCE, "a estabilidade política, social e económica do país, a súa política forestal e a dispoñibilidade de recursos humanos de calidade", son os incentivos que os levaron a achegarse a Uruguai para facer investimentos.

Non obstante, o parecer dos ecoloxistas é bastante diverxente e sosteñen que as celulosas europeas elixen Uruguai por ser un país onde os controis son máis laxos e existen maiores posibilidades de xerar ganancias que no continente europeo.

Dende a perspectiva das empresas, as principais razóns que se contan para escoller a beira uruguaia á hora de localizar as factorías, son a maior seguridade xurídica e un maior grao de transparencia.


9) Que propostas de solución existen?

Arxentina suxeriu o traslado de Ence e Botnia uns 40 Km ó sur do mesmo Río Uruguai, o que foi rexeitado polo Estado uruguaio e a ONG ecoloxista Greenpeace. Máis tarde, insinuouse un pacto bilateral polo que se Uruguai asumía a tecnoloxía TCF, Arxentina comprometíase a obrigar á adopción nas súas celulosas da mesma tecnoloxía nun prazo de 5 anos. Con todo, o contencioso acabou nas mans do Tribunal Internacional da Haia.

Non obstante, cada vez percíbese un maior distanciamento entre os activistas que bloquean as fronteiras e a Casa Rosada, sede do goberno arxentino. Con todo, o goberno arxentino prefire situar o conflito nas mans dos organismos internacionais, como o Tribunal da Haia, pois ninguén desexa que o conflito se prolongue e ambos países semellan preocupados pola intensidade e as repercusións do asunto.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2006
Fernando Pol


Subir