Guía Exterior / nº 010-03/2006 de 10 de febreiro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Irán: nova guerra en Oriente Medio?
 
 

  Seguidores de Hamás, clic para aumentar
Dende unha perspectiva legal, o réxime de Ahmadíneyad non violou preceptos internacionais sobre a construción de centrais nucleares, así como posúe lexitimidade para desenvolver un programa nuclear que, oficialmente, cataloga “para uso civil e pacífico”. (...) Segundo Hans Blix, o celebre ex inspector da ONU que denunciou o acoso anglo-estadounidense en Iraq, o réxime de Teherán podería tardar varios anos en dominar a tecnoloxía de enriquecemento de uranio que lle permita fabricar bombas atómicas. Do mesmo xeito, as instalacións nucleares iranianas están espalladas en 300 localizacións do territorio nacional, moitas delas subterráneas e protexidas contra incursións aéreas. (Foto: Celebración do 27 aniversario da Revolución islámica na Praza da Liberdade, Azadi, de Teherán. Na pancarta reza: “o uso da enerxía atómica é o noso inequívoco dereito”).
 
Introdución

Como sucedera en febreiro de 2003 co Iraq de Sadam Hussein, o programa nuclear iraniano será proximamente discutido no Consello de Seguridade de Nacións Unidas, trala aprobación desta decisión, mediante unha votación realizada o pasado 3 de febreiro entre os 35 membros da Axencia Internacional de Enerxía Atómica reunidos con carácter de urxencia en Xenebra. A crise iraniana, centrada en asuntos enerxéticos, políticos e de seguridade global, afonda a gravidade da convulsionada situación que se vive en Oriente Medio e, actualmente, entre EEUU, Europa e os países musulmáns, tralo escándalo das caricaturas do Profeta Mahoma.


Será Irán o próximo Iraq?

1) É altamente probable un ataque militar occidental contra Irán?

Unha observación comparativa da crise nuclear iraniana presenta paralelismos interesantes coa crise provocada co réxime de Sadam Hussein, aínda que o balance de poder entre os seus principais actores: EEUU, a Unión Europea (a traveso do “Grupos dos Tres”, Francia, Gran Bretaña e Alemaña), a ONU, a AIEA e Rusia, amosa diferenzas tamén significativas coa crise iraquí.

No caso de Irán, non existe unha fenda transatlántica similar á que supuxo a invasión anglo-estadounidense de Iraq. Tamén existe certo consenso na ONU respecto á necesidade de afondar a presión cara o réxime iraniano, política guiada nestes momentos por Mohammed el Baradeij, director xeral da AIEA, anteriormente crítico coa política de Washington no caso iraquí. A nivel oficial, se observa unha tendencia a esgotar os mecanismos diplomáticos, pero o escenario bélico segue a ser unha preocupante posibilidade, aínda que limitado a factores temporais e legais.


2) Existen informacións que consideran factible un ataque militar contra Irán?

Pouco despois da caída de Hussein en Bagdad, diversos analistas especularon cun posible escenario de guerra contra Irán. En xaneiro de 2005, o periodista estadounidense Seymour M. Hersh publicou no semanario The New Yorker un polémico artigo onde xa adiantaba uns supostos plans do Pentágono para invadir militarmente a Irán.

Neste sentido, un ex alto funcionario do KGB soviético, Leonid Sherbashin, certificou tamén a hipótese de Hersh, engadindo que o goberno de George W. Bush intentaba crear unha oposición interna ao réxime iraniano e alentaba unha estratexia informativa para desprestixiar a Teherán, acusándoo de albergar ambicións nucleares.

Pero a revelación de mais alto nivel provén de Scott Ritter, durante anos responsable das inspeccións de armas da ONU en Iraq. Este experto considera que EEUU xa comezou a súa guerra contra Irán, cunha campaña de atentados terroristas mediante operacións clandestinas da CIA nese país desde xuño de 2005.

Neste sentido, Ritter relaciona a utilización do grupo islamita Mujahidines do Pobo, con base en Iraq, e do Muyahidin el-Khalq, MEK, orixinario dos servizos secretos de Sadam Hussein e agora vinculado ao Departamento de Operacións da CIA, como mecanismos para fomentar estes atentados. A finais de xaneiro ocorreu un atentado mortal na localidade de Avhaz, provincia iraniana de poboación árabe e fronteiriza con Irán, o mesmo día no que o presidente Ahmadíneyad visitaba esa cidade. Outra estratexia semella ser a preparación de forzas de operacións especiais dende Acerbaixán e Paquistán para crear inestabilidade en Irán.


3) Como sería unha votación no Consello de Seguridade?

Os mecanismos de votación auguran que EEUU, Gran Bretaña e Francia votarán a favor de aplicar sancións ao réxime de Mahmud Ahmadíneyad que, eventualmente, impliquen tamén unha posible acción militar.

Pola súa banda, Rusia e China tenderían á aplicación do veto, que invalidaría as sancións económicas, principalmente porque Moscova é un dos garantes do programa iraniano de enriquecemento de uranio e China é o principal consumidor de petróleo e gas natural dese país. Dun xeito ambiguo, tanto en Moscova como en Beijing apoian o diálogo con Irán, pero tamén respaldan a política occidental de levar o problema iraniano ao seno da ONU e pedirlle a Teherán que “suspenda completamente” o seu programa nuclear.

Sen embargo, na ONU existen opcións legais e políticas limitadas para que as sancións sexan aplicadas contra Irán. Debe existir unanimidade na votación entre os cinco membros permanentes e os dez non permanentes. No caso contrario, o Consello de Seguridade tan só podería realizar unha advertencia a Irán para que reinicie as negociacións.


4) Existen ambigüidades que fomentan a proliferación nuclear?

Definitivamente, o caso iraniano revela o carácter plenamente político e non equitativo que tanto Occidente como a ONU aplican aos países con armamento nuclear, tal e como sucedera co tratamento ao réxime de Sadam Hussein en Iraq. Dous encarnizados e incómodos rivais para Occidente, coa ameaza de posuír armamento atómico.

Se ben o caso de Iraq (e proximamente o de Irán), foi discutido no Consello de Seguridade e obxecto de sancións internacionais a pesar das manipulacións estadounidenses e británicas sobre o seu inexistente arsenal de destrución masiva, na actualidade se observa como non se aplica a mesma política con países como Paquistán (único Estado musulmán con armamento atómico), India, Israel ou África do Sur. Estes países manteñen estreitas alianzas militares e estratéxicas con EEUU e Europa Occidental e, dun xeito menos visible, con Rusia e China.


5) É legal ou ilegal o programa nuclear iraniano?

Dende unha perspectiva legal, o réxime de Ahmadíneyad non violou preceptos internacionais sobre a construción de centrais nucleares, así como posúe lexitimidade para desenvolver un programa nuclear que, oficialmente, cataloga “para uso civil e pacífico”.

Durante dous anos, Irán estivo negociando o seu programa coa AIEA, cuxos expertos se dirixiron ao país para verificar o desenvolvemento das centrais nucleares, argumentando avances satisfactorios nos seus informes. A indefinición occidental e o feito de que a chegada ao poder de Ahmadíneyad en xullo pasado colocou a reactivación do programa nuclear como prioridade política, determinou o posterior peche das negociacións e a ruptura dos selos da AIEA na planta de uranio de Natanz a comezos de 2006.

Segundo Hans Blix, o celebre ex inspector da ONU que denunciou o acoso anglo-estadounidense en Iraq, o réxime de Teherán podería tardar varios anos en dominar a tecnoloxía de enriquecemento de uranio que lle permita fabricar bombas atómicas. Do mesmo xeito, as instalacións nucleares iranianas están espalladas en 300 localizacións do territorio nacional, moitas delas subterráneas e protexidas contra incursións aéreas.


6) Constitúe o Irán nuclear un perigo para a seguridade global?

Dende a perspectiva estadounidense, Irán forma parte do catalogado por Bush como “eixe do mal”, acusado de apoiar e fomentar o terrorismo internacional. Dende a revolución islámica de 1979, a ruptura de relacións entre ambos países fomentou tamén a perspectiva ameazante, para os intereses occidentais, do réxime teocrático iraniano.

Co actual goberno de Ahmadíneyad, moitos analistas consideran un retorno ás teses militantes e expansionistas da revolución islámica do aiatolá Ruhollah Khomeini. Sen embargo, existen matices, principalmente xeopolíticos, sobre a veracidade da suposta ameaza iraniana.

No centro da discusión está coñecer se existe eficacia nas políticas de non proliferación nuclear. Neste sentido, a ambigüidade occidental é manifesta e proclive a fomentar a proliferación nuclear. Como Corea do Norte, Irán constitúe outro caso conflitivo para Occidente pero diferente do que foi a puxa nuclear entre India e Paquistán en 1998 ou o fortalecemento dos programas nucleares israelís (país que non anunciou publicamente que tivera armamento nuclear) ou posibles futuras potencias como África do Sur, Brasil ou Xapón.


7) Como repercute o programa nuclear iraniano na situación en Oriente Medio?

Co actual panorama, Irán está concentrando unha interesante posición estratéxica. Inflúe na situación iraquí, a traveso da maioritaria comunidade xiíta, polo que o seu concurso resulta clave para estabilizar a fráxil transición post-Sadam que Washington e Londres esperan concretar en Iraq.

Do mesmo xeito, Teherán ten peso específico rexional pola influencia histórica que exerce en movementos políticos hoxe elixidos democraticamente, como son os casos do novo goberno palestino do partido islamita Hamas e o movemento islamita Hezbollah no Líbano. A alianza militar e política de Teherán co réxime sirio de Bashar al Asad supón tamén un escenario a tomar en conta, ante o acoso occidental cara o réxime de Damasco.

Rusia desexa manter relacións estables con Teherán para evitar unha posible infiltración iraniana en Chechenia e nas rexións e repúblicas musulmanas rusas e ex soviéticas, así como estabilizar a puxa enerxética polos recursos do Mar Caspio, onde Irán xoga un papel importante.

Para Teherán, existen tamén motivos estratéxicos que apresuran a activación do seu programa nuclear. Afganistán, Turquía, Iraq e o Golfo Pérsico, todos estes países con fronteiras físicas e marítimas con Irán, amosan unha intimidatoria presenza militar anglo-estadounidense nos seus territorios, o que se reforza coa cercaría de aliados militares occidentais como Paquistán, Acerbaixán, Uzbekistán e India.


8) A crise iraniana, revela tamén unha confrontación con Israel?

A recorrente retórica antisemita do presidente Mahmud Ahmadíneyad, instando a “borrar do mapa” a Israel, negando o Holocausto e pedindo a Alemaña e Austria un territorio para recolocar ao Estado israelí, condiciona unha situación de rivalidade entre Israel e Irán, tomando en conta que o programa nuclear iraniano forma parte do debate da campaña electoral israelí e cómo esta confrontación inflúe nos recentes cambios políticos en Oriente Medio.

Tomando como referencia o ataque contra a central nuclear iraquí de Osirek en 1981, Shaul Mofaz, ex ministro de Defensa israelí e hoxe figura política do partido Kadima, fundado polo agonizante ex primeiro ministro Ariel Sharon, declarou a finais de 2005 que a aviación israelí estaría en capacidade de atacar as centrais iranianas. Un alto oficial israelí, Dan Halutz, revelou que a distancia dende Israel ata as plantas iranianas era de “2.000 km”.

A mutua inquietude entre Israel e Irán se complementa polo feito de que, en Teherán, temen ataques israelís en tanto que o goberno de Tel Aviv, que oficialmente non recoñece que posúe armamento nuclear, non estaría limitado a sancións internacionais, aínda que non subscribira o Tratado de Non Proliferación Nuclear. Pola súa banda, Israel teme da influencia iraniana en movementos antiisraelís como Hamas e Hezbollah.

Esta escalada de confrontación tivo un momento complexo cun atentado mortal en xaneiro, perpetrado en Tel Aviv polo grupo palestino Yihad Islámica, o cal motivou unha acusación formal contra Irán e Siria, por parte do goberno israelí do primeiro ministro transitorio Ehud Olmert. Simultaneamente a este suceso, Ahmadíneyad estaba de visita en Damasco, instando a creación dunha fronte islámica unida contra Israel.


9) Existen fisuras políticas internas en Irán?

A pesar de que resulta difícil realizar unha medición exacta da opinión pública iraniana, semella unha realidade que existe un certo consenso nacional en torno á necesidade de desenvolver o programa nuclear, sexa con fins civís e pacíficos ou ben como mecanismo de defensa nacional.

Sen embargo, dentro da política iraniana, se observa unha silenciosa puxa interna entre as diferentes estruturas de poder. Ahmadíneyad é considerado unha peza clave do aiatolá Alí Khamenei, quen controla a poderosa formación militar dos “Gardiáns da Revolución” e as milicias dos “basijis”, de onde provén o actual presidente.

Pola súa banda, o rival electoral de Ahmadíneyad, o aiatolá e empresario Hashemi Rafsanjani, concentra importantes cotas de poder que obrigan a Khameni a negociar un balance entre a cúpula militar e a cúpula teocrática. O sector dos reformistas, debilitados nas derradeiras eleccións lexislativas e presidenciais, ten pouca marxe de manobra e semellan ser o único sector (quizás xunto a Rafsanjani) que busca propiciar un diálogo con Occidente.

A pesar de que a agresiva retórica e a impulsividade de Ahmadíneyad tamén ven provocando fortes debates nas elites de poder, a súa proximidade aos sectores militares lle asegura unha sólida base de poder. O sector militar dos “Gardiáns da Revolución” sufriu unha severa perda de dez dos seus mais altos oficiais, tras un accidente aéreo a principios de 2006.

Do mesmo xeito, tamén se revelan outras tensións internas. A cruzada anticorrupción de Ahmadíneyad e a súa política de repartir socialmente os recursos petroleiros provoca irritación entre as elites e a clase teocrática. Outro escenario se presenta nos terreos ideolóxico e relixioso, formulando un inédito problema de lexitimidade estatal: diversos grupos islamitas e ultraconservadores, algúns deles vinculados ao actual presidente, puxan pola distinción entre o islamismo e o republicanismo, en clara contradición coa ideoloxía oficial nacional.


10) A crise iraniana, pode provocar unha crise petroleira a gran escala?

A comezos de 2006, Ahmadíneyad revelou as potencialidades da “arma petroleira” iraniana ao declarar que, de continuar o acoso occidental contra o seu programa nuclear, se podería presentar un preocupante escenario global de encarecemento dos prezos do cru.

Irán é o segundo maior produtor petroleiro na OPEP e o posuidor do 10% das reservas mundiais probadas. O petróleo e o gas natural representan o 86% das exportacións iranianas polo que, de activarse sancións económicas contra o país e aplicarse unha restrición das exportacións petroleiras iranianas, o prezo nos mercados poderían alcanzar os $100 por barril. Na actualidade, a referencia está en 50-60 dólares.

Irán ten socios enerxéticos de importancia como China, Rusia, Xapón, India e Corea do Sur, así como aliados estratéxicos como Venezuela, cuxo goberno apoia publicamente o programa nuclear iraniano e aplica unha política de diversificación petroleira que inquieta a Washington e Europa. Se a breve crise enerxética entre Rusia e Ucraína a comezos de 2006 provocou un acelerado temor en Occidente, o contencioso iraniano podería activar unha crise de abastecemento e encarecemento de prezos, incluso complicando o futuro das reservas petroleiras para os próximos 20 anos.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/02/2006
Fernando Pol


Subir