Guía Exterior / nº 009-02/2006 de 30 de xaneiro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
O triunfo de Hamás: desafíos e expectativas
 
 

  Seguidores de Hamás, clic para aumentar
Se Hamás persiste en manter a súa posición radical cara Israel, o principal beneficiado electoral sería o dereitista partido Likud de Binyamín Netanyahu, partidario da “liña dura” contra os grupos armados palestinos e, tamén coma Hamás, opositor dos acordos de Oslo. Polo contrario, se os primeiros pasos gobernamentais de Hamás defínense cara a moderación e o pragmatismo, o recen fundado partido Kadima e os laboristas poderían obter ganancias electorais en Israel, desprazando as opcións da “liña dura e manifestando unha inédita disposición a negociar con Hamás. (Foto: Seguidores de Hamás celebran a vitoria nas eleccións palestinas. Franxa de Gaza, 25/01/2006).
 
Introdución

A contundente e sorprendente vitoria do partido islamita Hamás nas eleccións lexislativas palestinas do 25 de xaneiro de 2006 abre unha nova etapa política nas relacións entre palestinos e israelís, contribuíndo a modificar, dun xeito vertixinoso, a política en Oriente Medio. Isto formulará unha necesaria redefinición política interna entre os palestinos e das súas relacións con Israel, EEUU, a Unión Europea e o mundo árabe-musulmán.


Os dilemas da Palestina de Hamás

1) Cara onde xirará a política de Hamás?

Tralo abrumador triunfo electoral do partido islamita, xorden diversas incógnitas e incertezas futuras para a política palestina e a paz en Oriente Medio. Oficialmente, Hamás sempre rexeitou os acordos de paz de Oslo (1994) e a inclusión política do movemento dentro das institucións da Autoridade Nacional Palestina.

Na actualidade, e trala participación electoral nos comicios municipais desde decembro de 2004 e a actual convocatoria aos comicios lexislativos, Hamás convertese no partido de goberno da ANP, o que fai prever unha variación dos seus obxectivos estratéxicos, intentando presentarse como un partido político moderno, en aras de democratizar e ingresar no espectro político palestino. Pero aínda é unha incógnita se logrará conciliar os imperativos da loita armada cos imperativos políticos de gobernar democraticamente.


2) Que escenario se presenta agora na política palestina?

A finalización da hexemonía histórica do partido Al Fatah, creado por Yasir Arafat, e o ascenso de Hamás na política palestina, presaxia momentos de cambio e definicións. Está aínda por verse se os 1,3 millóns de palestinos facultados para votar en Gaza e Cisxordania, elixiron a “vía islamita” e relixiosa manifestada por Hamás ou ben este triunfo foi consecuencia do esgotamento e a frustración da poboación palestina cara a súa dirixencia tradicional, plasmada en Al Fatah e a ANP.

Mentres Hamás formula o seu dilema entre pragmatismo e radicalización, o partido Al Fatah entra nunha fase complexa. A división xeracional entre a “vella” e a “nova garda” foi un elemento imprescindible para analizar a súa derrota electoral. Os principais líderes deste partido, como o ex primeiro ministro Ahmed Qorei, comezaron a renunciar aos seus cargos, complicando a labor do presidente Mahmud Abbas, cun liderado que sempre semellou débil e dependente da cooperación exterior. Os enfrontamentos entre simpatizantes de Hamás e Al Fatah en Ramallah, pola transferencia do poder, pode presaxiar tamén escenarios violentos, tomando en conta a multiplicidade e o descontrol dos grupos armados existentes.


3) Terá futuro a paz palestino-israelí?

A nova etapa política en Palestina non augura resultados inmediatos e satisfactorios para unha reactivación do proceso de paz, moribundo dende o fracaso do cumio de Camp David no 2000 e inexistente durante o período de goberno de Ariel Sharon (2001-2006). O actual primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, xa anunciou que non quere negociar cun Hamás no goberno, por consideralo un movemento terrorista, salvo que anuncie publicamente o seu rexeitamento da loita armada e o recoñecemento do Estado israelí. Deste xeito, en Israel activouse unha campaña de illamento internacional do novo goberno palestino.

Ismail Hanifa, un dos actuais líderes de Hamás xunto a Mahmud Zahar, xa anunciou que a paz e o recoñecemento de Israel non figura dentro das prioridades da súa axenda. Isto fai prever que Hamás estará mais concentrado, nos seus primeiros meses, en analizar a situación interna en Palestina antes de adoptar unha postura de negociación con Israel. Sen embargo, Hamás xa anunciou que analiza a posibilidade de alcanzar unha nova tregua se Israel retirase ás fronteiras de 1967.

Este escenario de indefinición non semella acabar coa violencia: a pesar de que Hamás e outros grupos palestinos respectan o acordo de cese ao fogo coa ANP e, indirectamente, con Israel desde febreiro de 2005, esta tregua rematou a comezos de xaneiro, estando pendente de renovación.


4) Que influencia terá o triunfo de Hamás nas próximas eleccións israelís?

Aínda que as enquisas palestinas e israelís presaxiaban un espectacular aumento electoral de Hamás, o feito de que este partido sexa agora o dominante na ANP modifica dramaticamente o panorama electoral israelí, para os comicios xerais do próximo 28 de marzo.

Se Hamás persiste en manter a súa posición radical cara Israel, o principal beneficiado electoral sería o dereitista partido Likud de Binyamín Netanyahu, partidario da “liña dura” contra os grupos armados palestinos e, tamén coma Hamás, opositor dos acordos de Oslo. Polo contrario, se os primeiros pasos gobernamentais de Hamás defínense cara a moderación e o pragmatismo, o recen fundado partido Kadima e os laboristas poderían obter ganancias electorais en Israel, desprazando as opcións da “liña dura e manifestando unha inédita disposición a negociar con Hamás.


5) Cales serán as relacións de Hamás con EEUU e a Unión Europea?

É posible que estas relacións se compliquen. Dende o 2003, tanto o Departamento de Estado como a Unión Europea consideran a Hamás como un “grupo terrorista” e identifican a este movemento con atentados suicidas e o fundamentalismo islámico.

Sen embargo, a actual realidade dun Hamás no goberno aumentará a presión europea e estadounidense cara o partido islamita, enfocada principalmente ao seu recoñecemento do Estado israelí e o abandono da vía violenta. Pola súa condición de principal financiador da ANP, a diplomacia europea será clave nas novas relacións de Hamás con Occidente.

Neste apartado, as declaracións oficiais do chamado “cuarteto da paz en Oriente Medio”, EEUU, a UE, a ONU e Rusia, semellan confluír na prudencia. Desde Bruxelas, os responsables da política exterior e de seguridade europea, Javier Solana e Benita Ferrero-Waldner, instaron a Hamás a abandonar as armas e recoñecer a Israel.

En Washington, onde a vitoria de Hamás supón un serio revés para a política do goberno Bush en Oriente Medio, a secretaria de Estado Condoleeza Rice enviou unha sutil mensaxe cara Hamás, considerando a incongruencia de mesturar a loita armada e o terrorismo cos obxectivos políticos dun partido elixido democraticamente. Pero a administración Bush semella mais inclinada a seguir a liña política de illamento de Hamás deseñada polo seu aliado israelí.


6) Que impacto terá a vitoria de Hamás na política de Oriente Medio?

Instalado no poder na ANP, o triunfo de Hamás confirma o inevitable ascenso dos movementos políticos islamitas na política en Oriente Medio, probablemente facilitando con isto unha apertura democrática en diversos países.

Esta tendencia tivo a súa orixe co excelente resultado electoral do partido Hezbollah nas eleccións libanesas de maio de 2005, quedando como segunda forza política nese país. As recentes eleccións en Exipto en setembro pasado confirmaron tamén o ascenso do movemento dos Irmáns Musulmáns e os seus partidos afíns, pesar de que a represión contra os seus militantes e as irregularidades electorais en Exipto confirmaron o triunfo do presidente Hosni Mubarak. Xordania é outro país con forte presenza de movementos islamitas, que poden chegar ao poder pola vía electoral.

Este novo escenario representa tamén un “balón de osíxeno” para dous réximes aliados e acosados pola presión occidental, ademais de ser abertos inimigos de Israel. Son os casos de Irán e Siria. Se ben Hamás é unha herdanza indirecta dos grupos afiliados ao Movemento dos Irmáns Musulmáns creado en Exipto en 1928, a súa alianza con Irán e Siria sempre foi patente e dinámica, recibindo financiamento e apoio loxístico dende Teherán e Damasco. Unha característica deste dato é que o xefe operativo de Hamás, Khaled Mashal, traballa desde a capital siria.


7) Cal é a orixe histórica e a estrutura interna de Hamás?

Fundado como Movemento de Resistencia Islámica, as orixes de Hamás identifícanse en Gaza, a comezos dos oitenta. Nese escenario, os movementos dos Irmáns Musulmáns en Palestina comezaron a realizar labores relixiosas, educativas e de asistencia social, ante a inexistencia dunha estrutura estatal global.

O seu fundador, o xeque Ahmed Yassin, comezou a constituír un movemento relixioso a principios dos setenta, aínda que a carta fundacional de Hamás data do 18 de agosto de 1988, no marco da primeira “Intifada” palestina. Neste documento plásmanse os seus obxectivos como defensor do Corán como modelo xurídico para un Estado palestino. Se ben non menciona implicitamente a destrución do Estado israelí, esta carta fundacional considera a Palestina un estado que abarca Gaza, Cisxordania e o actual Israel. O texto tamén inclúe a defensa da loita armada como vía para alcanzar os seus obxectivos.

O labor social de Hamás provocou un aumento da súa popularidade entre os palestinos, en detrimento do prestixio de Al Fatah e a ANP, aqueixados pola corrupción. Neste sentido, o movemento posúe escolas relixiosas, centros de caridade, hospitais e centros de formación para as mulleres, como a Universidade Islámica que funciona desde 1978.

Contrariamente ao que se pensa na opinión pública occidental, o apoio popular de Hamás non reside estritamente nas clases populares ou marxinadas de Gaza ou a Franxa Occidental. Numerosos profesionais, comerciantes e estudantes palestinos, o que se podería catalogar como unha “clase media”, votaron por Hamás nas eleccións municipais dende o 2004.

Todo isto sen esquecer o labor do brazo armado de Hamás, as Brigadas Izzadine al Qassam, comandadas por Mohamed Deif, considerado o terrorista mais buscado por Israel. Considerase que estas brigadas teñen mais de 1.000 membros e, dende 1996, comandaron as accións terroristas suicidas palestinas cara obxectivos israelís.


8) Quen son os líderes actuais de Hamás?

Dentro da política dos “asasinatos selectivos” instaurada polo ex primeiro ministro israelí Ariel Sharon, os dous líderes históricos de Hamás, o xeque Ahmed Yassin e Abdelaziz al Rantissi, foron abatidos polas forzas israelís no 2004. Este evidente “descabezamento” da cúpula de Hamás obrigou a un reacomodo entre a dirixencia e as bases populares.

A actual estrutura política de Hamás identifica ao seu cerebro político Khaled Mishal, como o seu responsable exterior. Os cabezas de lista de votación nas recentes lexislativas foron Mahmud Zahar, Ismail Haniya e Ziad Siam. Tralo asasinato do seu xefe político al Rantissi, os voceiros de Hamás evitaron dar a coñecer o nome do seu principal sucesor, pero fontes israelís consideran que Mahmud Zahar é o principal líder na actualidade.


9) Como repercute en Al Fatah a vitoria de Hamás?

Unha das características que presentaba o partido Al Fatah para as eleccións lexislativas era a marcada división interna, de signo xeracional e político, entre os dirixentes tradicionais e as novas alternativas.

A considerada “vella garda”, personificada no presidente Mahmud Abbas, o ex primeiro ministro Ahmed Qorei, ou Saeb Erekat, son os herdeiros do exilio palestino de Arafat en Tunicia nos anos oitenta e os principais acusados pola corrupción e ineficacia da ANP. Pola súa banda, a “nova garda” ten a súa orixe nos territorios ocupados de Gaza e Cisxordania durante a “Intifada” de 1987 a 1992. O seu líder mais visible é Marwan Barghouti, de 44 anos, preso en Israel dende o 2004 por instigación ao terrorismo.

Este inevitable enfrontamento xeracional condicionou as prioridades electorais de Al Fatah. A popularidade de Marwan Barghouti permitiu á dirixencia de Al Fatah inscribilo como primeiro da súa lista electoral. Outro ex membro de Al Fatah, Mustafá Barghouti, quen fora rival presidencial de Mahmud Abbas, puido concorrer como candidato independente, co apoio de Hanan Ashrawi, unha das mais coñecidas figuras políticas palestinas.

Durante a campaña, Marwan Barghouti incluso pediu unha alianza de Al Fatah con Hamás para conformar un “goberno de salvación nacional”, sendo descualificado polos líderes do partido. Tralos resultados electorais, onde Al Fatah ocupa o segundo lugar con 43 deputados contra 76 de Hamás, a “opción Barghouti” pode cobrar cada vez maior forza, obrigando a unha inevitable e urxente renovación do partido.


10) Está en crise a ANP?

A situación de crise interna en Al Fatah trasladase tamén á estrutura da Autoridade Nacional Palestina. Un recente informe do Banco Mundial considera que a ANP atopase nunha situación de bancarrota e que, no próximo mes, uns 130.000 funcionarios e membros dos servizos de seguridade poden quedar sen traballo. En Gaza e Cisxordania estimase un nivel de desemprego superior ao 50%.

A incógnita está en coñecer cómo será o labor de Hamás dentro das estruturas da ANP, cando no pasado recente este movemento atacara a lexitimidade desta institución. A presenza de Al Fatah nos órganos institucionais da ANP é moi patente, polo que o traspaso de poder pode ser traumático, aínda que Al Fatah xa anunciara que non formaría parte dun futuro goberno dominado por Hamás.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/02/2006
Fernando Pol


Subir