Guía Exterior / nº 008-01/2006 de 13 de xaneiro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Principais interrogantes do 2006
 
 

  Rúa de Bagdad, clic para aumentar
A pesar da impopularidade da guerra e das dificultades da transición post-Saddam, o 2006 pode concretar unha redución discreta e pouco significativa da presenza militar anglo-estadounidense en Iraq. O secretario de Defensa, Donald Rumsfeld, anunciou un recorte de 7.000 soldados norteamericanos (dun total de 170.000) para a primavera de 2006 e unha redución de 17 a 15 unidades de combate. (Foto: Rúa de Bagdad).
 
Introdución

Novas tendencias e ameazas, agudos conflitos, numerosas interrogantes. O 2006 anúnciase como un período transitorio, de poucas certezas para a transformación do sistema internacional. EEUU, Oriente Medio, América Latina, o sudeste asiático, o relevo na ONU, serán os principais temas desa axenda que concitará o interese de gobernos e opinión pública ao longo do 2006.


Os enigmas do 2006

1) Sairán os americanos de Iraq?

A finais de 2005, comezou a evidenciarse un escenario diferente para a “estratexia da vitoria” de George W. Bush en Iraq. Unha enquisa indicaba que un 65% dos estadounidenses consideraban que a guerra en Iraq foi un erro e amosaban a súa desconfianza ante as mensaxes optimistas do seu goberno. Ao mesmo tempo, o congresista demócrata John Murtha, veterano das guerras de Corea e Vietnam e voceiro dos mandos militares, esixiu a pronta saída das tropas estadounidenses do país árabe. Mentres, o propio presidente Bush recoñeceu en 30.000 o número de civís mortos dende a invasión militar.

A pesar da impopularidade da guerra e das dificultades da transición post-Saddam, o 2006 pode concretar unha redución discreta e pouco significativa da presenza militar anglo-estadounidense en Iraq. O secretario de Defensa, Donald Rumsfeld, anunciou un recorte de 7.000 soldados norteamericanos (dun total de 170.000) para a primavera de 2006 e unha redución de 17 a 15 unidades de combate.

Pola súa banda, o primeiro ministro británico, Tony Blair, tamén declarou que este ano pode iniciarse a retirada militar británica do país árabe. Aliados de Washington e Londres, como Polonia e Ucraína, tamén discuten a retirada de tropas. Polo tanto, a redución da presencia non porá en cuestión a primacía das tropas ocupantes na loita contra a insurxencia iraquí.


2) Destronará a gripe aviar ao terrorismo como a maior preocupación global?

A epidemia causada pola expansión do virus H5NI desde Asia oriental ten na actualidade a Turquía (con 14 mortos) como o país receptor máis preocupante na propagación deste virus, comunmente denominada “gripe aviar”. Sen embargo, segundo os científicos, a pesar da súa rápida propagación global, non é sólida a posibilidade de que este virus se converta nunha epidemia xeral.

Dende finais de 2003, a Organización Mundial da Saúde, OMS, informou da morte de 76 persoas e o sacrificio de 150 millóns de aves a causa desta infección. Xunto á Comisión Europea, emprendeuse un amplo programa de prevención e investigación que está adquirindo amplitude xeográfica, chegando a Turquía, Ucraína, Romanía, Croacia, Armenia, Irán, Acerbaixán, Xeorxia, Siria, Iraq, Mongolia e Kazajstán. Os expertos consideran que o momento clave pode ser nos primeiros meses de 2006, coa inmigración das aves desde África cara os países do norte.

Este repentino brote epidémico, causado pola inexistencia de controis sanitarios ante o indiscriminado comercio das aves, está provocando unha inminente inquietude global e, nalgúns sentidos, ven opacando a ameaza do terrorismo internacional coma principal problemática para os gobernos, organismos multilaterais e ONGs. A pesar de que no 2005 rexistráronse atentados terroristas en Londres, Bali, Xordania e Exipto, a baixa intensidade na actuación do “terrorismo yihadista” internacional e a situación interna de Al Qaeda amosan sinais contraditorias e incertas para o 2006.


3) Avances ou retrocesos na proliferación nuclear?

A decisión de Irán de continuar co seu programa nuclear está a provocar, a comezos de 2006, o agravamento dos indicios dunha crise global de seguridade, similar á acontecida en Iraq no 2003. EEUU, a Unión Europea, Rusia, China, a ONU e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica, AIEA, están discutindo a gravidade do desafío iraniano, e non se descarta a utilización do Consello de Seguridade como último mecanismo de solución.

A crise iraniana forma parte dun contexto global no que tamén se inclúen Corea do Norte e outros actores. De feito, a proliferación nuclear xa non se manifesta estritamente entre Estados senón entre grupos e organizacións armadas e terroristas de carácter global, como Al Qaeda e a súa complexa estrutura. En setembro de 2005, o réxime norcoreano rexeitou un acordo de desmantelamento nuclear, compromiso adquirido ante Rusia, China, EEUU e Corea do Sur. Existen temores pola evolución das relacións entre India e Paquistán, dúas potencias nucleares con contenciosos territoriais. E a potencialidade atómica de Israel tamén crea preocupación no mundo musulmán, alentando a profundización do programa nuclear iraniano.


4) Qué camiño elixirá Belarús?

Na ex república soviética se celebrarán eleccións presidenciais o 16 de marzo, no marco dunha situación complicada para a oposición ao presidente Alexander Lukashenko. En Europa occidental e EEUU esperan que Belarús prosiga o mesmo camiño que as “revolucións” de Xeorxia e Ucraína, apoiando a caída de Lukashenko e a merma da influencia rusa no antigo espazo ex soviético. É por iso que alimentan ao movemento opositor, representado polo físico Alexander Milinkevich.

Pero as opcións de Milinkevich semellan ser escasas: primeiro, amosa debilidade ante un Lukashenko que mantén un férreo control político, principalmente cara os medios de comunicación, as ONGS e os partidos de oposición. E, segundo, a oposición presentase desunida e desanimada, polo que o escenario ucraíno en Belarús semella moi pouco probable.

Lukashenko, acusado en Occidente de ser un autócrata “estilo KGB” apoiado abertamente por Moscova, poderá postularse a un terceiro mandato (dende 1994), trala súa vitoria no referendo de 2004. Pola súa banda, a sociedade bielorrusa muda de prioridades, dando paso dunha manifesta apatía política ás esperanzas dun inesperado crecemento económico nacional.


5) Haberá Putin despois de Putin?

Unha das claves do 2005 para o hiper-presidente Vladímir Putin foi a consolidación do seu poder político, incluso imprimindo un estilo autoritario cara a oposición política, os “oligarcas” da economía, as ONGs de dereitos humanos e os medios de comunicación opositores. Isto valeulle severas críticas dende Occidente e a manifestación de inquietude e preocupación polo futuro da democracia rusa.

Neste sentido, o 2006 anuncia estratexias gobernamentais para asegurar o futuro do proxecto político de Putin. Rusia presidirá o G-8 das principais economías mundiais mentres espera ingresar formalmente na Organización Mundial de Comercio. A recente disputa gasífera entre Rusia e Ucraína revelou que Putin aspira utilizar a arma enerxética como estratexia de poder, principalmente cara Europa occidental e EEUU.

O presidente ruso outea tamén o seu futuro político cara as eleccións de 2008. Constitucionalmente está imposibilitado para unha nova reelección, polo que precisa asegurar un sucesor. Todo isto sen descartar a posibilidade dun cambio constitucional que lle permita postularse, aínda que esta opción foi descartada por el mesmo.


6) Reconciliaranse China e Xapón?

A escalada armamentista en Xapón e o crecente poderío de China augura momentos tensos na relación de poder e de seguridade no sureste asiático. O goberno de Juichiro Koizumi ven desenvolvendo unha política de reactivación do sector militar, abandonando a tradicional política pacifista nipona desde o final da II Guerra Mundial. Xapón contribuíu a enviar tropas a Iraq no 2003, a primeira intervención militar nipona no exterior trala derradeira guerra mundial.

Neste sentido, Tokio anunciou a súa intención de adoptar un sistema antimisiles para o 2010 mentres afonda a súa relación militar con EEUU e abre novas perspectivas de entendemento con Rusia. Existe un temor mutuo entre Xapón e China ante a potencialidade que cada un deles pode adquirir no sector militar. Neste sentido, e a pesar do perdón histórico de Koizumi polas atrocidades xaponesas do pasado, no 2005 se rexistrou un incidente en augas do Pacífico, ante a decisión nipona de utilizar a súa Armada para protexer a extracción de gas na illa Okinotorishima, disputada con Beijing. En China rexistráronse importantes mobilizacións antixaponesas e as diferencias por Taiwán agravan os distanciamentos. Hu Jintao aínda non visitou Xapón.

A pesar da excelente relación comercial (China constitúe o principal socio comercial xaponés), e de que ambos países queren avanzar na necesidade dunha reconciliación, a potencialidade local e global de ambos países e a difícil aproximación ao pasado recente, son factores que provocan mutua irritación e confrontación.


7) Haberá cambio de réxime en Siria?

No 2005, o réxime de Bashar al Asad atravesou por momentos delicados. As investigacións realizadas pola ONU sobre o asasinato do ex primeiro ministro libanés Rafik Hariri apuntaron aos servizos de seguridade sirios e libaneses. Antes, Damasco sufrira unha dura derrota electoral no Líbano, coa perda de influenza política nese país e a retirada (instada pola ONU) das súas forzas militares, tras 31 anos de presenza.

Mentres a ONU, Francia e EEUU reforzaban o illamento diplomático de Damasco, o suicidio do ministro de Interior, Ghazi Kanaan, e o posterior asasinato do deputado libanés, Gebran Tueni, afondaron as presións internacionais cara Siria. Por último, a dimisión do vicepresidente sirio Abdem Halim Jadam e o seu posterior exilio en París, acusando ao presidente Bashar de estar involucrado no asasinato de Hariri, provocou unha tormenta política que ameaza seriamente con desintegrar ao último goberno ba´athista na rexión, seguindo o exemplo do Iraq de Saddam.

A pesar das presións externas, é pouco probable unha intervención militar en Siria. Pero as presións seguirán o seu curso no 2006: Washington ven acusando a Siria de dar refuxio aos insurxentes sunnitas de Iraq e de manter unha forte alianza con Irán. Este ano pode presenciarse ou ben a caída do réxime de Bashar ou un inesperado xiro político neste país, con implicacións para Israel, Líbano e Palestina. Polo momento, Bashar al Asad semella apostar pola vía do patriotismo e por “pechar filas” co seu réxime, desviando a posibilidade dunha apertura.


8) Consolidarase a viraxe á esquerda en América Latina?

As dez eleccións presidenciais no continente latinoamericano serán unha das claves políticas mais importantes para o 2006. Neste sentido, a vitoria indixenista de Evo Morales en Bolivia revela esa aparente consolidación dun audaz viraxe político á esquerda, o cal debuxa escenarios complicados para a tradicional hexemonía estadounidense na rexión.

Con case absoluta certeza, cabe descontar a reelección en maio do principal aliado de Washington na rexión, o colombiano Álvaro Uribe Vélez. Igual prognóstico espera ao venezolano Hugo Chávez nas eleccións de decembro. No 2005, Chávez consolidouse como o mais frontal opositor ás políticas estadounidenses, principalmente a traveso do ALBA, así como o líder político mais activo e influínte da rexión. O 2006 pode confirmar ou non esta tendencia, principalmente pola súa posible influencia noutros movementos e partidos políticos alternativos.

Pero a atención estará concentrada nos comicios das dúas principais economías latinoamericanas: México en xullo, coa posible vitoria do centro-esquerda de Andrés Manuel López Obrador; e Brasil, en novembro, onde o presidente Lula da Silva xogase o seu futuro político tralos duros escándalos de corrupción no seu partido e a perda de popularidade da súa xestión. Outros países onde as forzas nacionalistas, de esquerda e anti-ALCA poden alcanzar o poder son Perú (abril), Nicaragua e Ecuador (outubro).

Pola súa banda, o 2006 revelará novas sobre o futuro político de Cuba. Amparado nun inesperado “boom” económico, o presidente Fidel Castro afondará na súa recente cruzada contra a corrupción coa finalidade de solidificar e asegurar unha sucesión pacífica que podería ordenar unha difícil transición en ausencia da súa carismática figura.


9) Quen substituirá a Kofi Annan?

No cumio anual da ONU en setembro elixirase ao sucesor do secretario xeral Kofi Annan para os próximos catro anos. Este nomeamento ten unha importancia capital na conxuntura actual da organización, concentrada nun amplo proceso de reforma interna pero afectada no seu funcionamento pola política unilateral anglo-estadounidense na guerra de Iraq e os escándalos de corrupción que involucran a altos funcionarios do organismo.

A substitución de Annan revelará tamén unha posible puxa política interna. Esgrimindo o principio da rotación, China, Rusia e os países africanos son partidarios da elección dun candidato asiático. Barállanse varios nomes: o vice primeiro ministro tailandés Surakiart Sathirathai, oposto á Corte Penal Internacional; o ministro de Exteriores surcoreano Ban Ki-moon; e Jayantha Dhanapala, de Sri Lanka, experto en desarme e ex embaixador en EEUU.

A Unión Europea espera tamén postular un candidato, que podería recaer na presidenta letona, Vaira Vike Freiberga, ou no ex presidente polaco, Aleksander Kwasniewski. Ambos contan co apoio estadounidense. EEUU oponse á rotación xeográfica. Washington busca un candidato acorde aos seus intereses que lle permita un maior control da prevista ampliación do decisivo Consello de Seguridade.


10) Retomará Europa o debate sobre a Constitución?

A pesar de ser ratificado en 13 países, o fracaso constitucional europeo en Francia e Holanda obrigará a unha necesaria reestruturación do proceso de integración política comunitaria para o 2006. Se ben a actual presidencia rotativa austríaca en Bruxelas propón reactivar o compromiso constitucional, as realidades políticas semellan acometer outras prioridades.

A política europea para este ano estará centrada na situación interna de Francia e Alemaña. En medio de fortes medidas legais para controlar a inmigración, a política francesa denota unha sensación de clima pre-electoral para os comicios presidenciais de 2007. Á falta de coñecer a definición no bando socialista, observase unha marcada puxa política entre o primeiro ministro Dominique de Villepin e o ministro do Interior Nicolás Sarkozy pola sucesión do presidente Jacques Chirac. No caso alemán, o novo goberno de coalición conservadora-socialista de Ánxela Merkel acometerá unha serie de retos económicos e sociais de gran importancia.

A reestruturación do orzamento comunitario aprobado en decembro amosa dificultades no tocante ás políticas de cohesión. Pola contra, preténdese a aceleración da ampliación con Romanía, Bulgaria e Croacia, prevista para o 2007, sen esquecer a Turquía. A importancia do tema enerxético, principalmente trala recente disputa entre Rusia e Ucraína, tamén ocupará a atención dos líderes europeos.


11) Cabe agardar mudanzas reais para África e na consecución dos Obxectivos do Milenio?

En xullo de 2005, durante o cumio do G-8 en Glasgow, o primeiro ministro británico Tony Blair afirmou a necesidade de dobrar a axuda económica para o 2010 en África, como parte da consecución dos Obxectivos do Milenio fixados pola ONU en 2000 e que busca erradicar a pobreza para o 2015.

Sen embargo, existen poucas probabilidades de que África forme parte da axenda de prioridades para os líderes mundiais. O continente, perennemente acosado por problemas como a pobreza, o SIDA, as crises humanitarias (a rexión sudanesa de Darfur e Burundi) e os conflitos armados (Côte d´Ivoire, Eritrea-Etiopía) tenderá a buscar o seus propios mecanismos de progreso e desenvolvemento.

Neste sentido, obsérvanse tamén cambios políticos considerables: pacificación de guerras civís (Liberia e Sudán), primeira elección dunha muller á presidencia (Ellen Johnson-Sirleaf en Liberia), e activación de sistemas de integración rexional, a traveso da Unión Africana ou por mediación persoal de líderes como o surafricano Thabo Mbeki ou o nixeriano, Olusegun Obasanjo. Pero existen poucas probabilidades dunha apertura democrática global no continente.

Como acontecemento político de importancia, no 2006 a atención estará dirixida ás eleccións presidenciais de África do Sur, a posible sucesión do presidente Mbeki e a consolidación da transición “post-apartheid”.


12) Recuperarán os demócratas o Congreso en EEUU?

O proceso electoral nas eleccións lexislativas de novembro en EEUU constitúe un verdadeiro test para a presidencia de George W. Bush e as opcións do partido Republicano para os comicios presidenciais de 2008.

Ante a baixa popularidade da xestión de Bush, produto dun 2005 repleto de escándalos, arbitrariedades e deficientes solucións políticas, o futuro Congreso estadounidense ben podería ter maior presenza dos deputados do partido Demócrata. Do mesmo xeito, o ambiente político en Washington identificará as primeiras posicións para definir, prematuramente, as posibles candidaturas presidenciais para as eleccións de 2008. O factor diferencial resulta ser a forte polarización social e política, un elemento de análise complexo para calcular as opcións electorais de demócratas e republicanos.

A estratexia de Bush de recuperar no 2006 algo do terreo perdido pasará por manter a supremacía republicana no Congreso (231 deputados contra 202) e outear un posible sucesor na candidatura do seu partido para as próximas eleccións presidenciais. Pero os demócratas poden impoñerse en distintas gobernacións estatais, alterando a actual vantaxe dos republicanos (28 contra 22), provocando así unha significativa mudanza política no próximo Congreso estadounidense que pode permitir afianzar as opcións demócratas cara os comicios do 2008, onde o partido puxa por nomear a Hillary Clinton ou manter a John Kerry.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/01/2006
Fernando Pol


Subir