Guía Exterior / nº 006-06/2005 de 25 de novembro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Montevideo, 9 de decembro 2005, XXIX Cumio Presidencial do MERCOSUR
A hora do MERCOSUR
 
 

  Sede Mercosur en Montevideo, clic para aumentar
O próximo 9 de decembro en Montevideo levarase a cabo o XXIX Cumio Presidencial do MERCOSUR, enmarcado nunha conxuntura rexional decisiva tralos resultados obtidos no Cumio Iberoamericano de Salamanca en outubro pasado e, principalmente, trala celebración do IV Cumio das Américas en Mar del Plata, a comezos de novembro. (Foto: Sede do Mercosur en Montevideo).
 
Introdución

O próximo 9 de decembro en Montevideo levarase a cabo o XXIX Cumio Presidencial do MERCOSUR, enmarcado nunha conxuntura rexional decisiva tralos resultados obtidos no Cumio Iberoamericano de Salamanca en outubro pasado e, principalmente, trala celebración do IV Cumio das Américas en Mar del Plata, a comezos de novembro.

Nesta oportunidade, o tema principal centrarase na discusión sobre a posición común en torno á Asociación de Libre Comercio das Américas, ALCA, impulsado por Washington, e a posible admisión do seu principal opositor, Venezuela, como membro pleno do MERCOSUR. O goberno de Hugo Chávez impulsa a súa propia dinámica de integración rexional, a Alternativa Bolivariana para as Américas, ALBA, que conta co total respaldo de Cuba, e intentará convencer aos gobernos de Brasil e Arxentina, principalmente, para unirse a esta estratexia e minar a expansión do ALCA. Pero existen posicións diverxentes e realidades moi disociadas, plasmadas na conclusión do Cumio das Américas, que inflúen nas posicións dos membros de MERCOSUR.

A admisión de Venezuela e a expansión dos mecanismos de relación cos países andinos potenciarían a MERCOSUR como principal mecanismo de integración na área sudamericana. Deste xeito, os líderes dos países membros intentarán tamén impulsar a Comunidade Sudamericana de Nacións, así como as relacións coa Unión Europea. O próximo Cumio da Organización Mundial do Comercio en Hong Kong, a celebrarse o 6 de decembro, tamén será materia de análise, principalmente sobre as cuestións arancelarias e a potenciación da Rolda de Doha.


Cumio de MERCOSUR 2005, os temas claves

1) Cal é o escenario hemisférico ante o Cumio de MERCOSUR?

O recen finalizado IV Cumio das Américas en Mar del Plata (Arxentina), amosou unha realidade indubidable: América Latina atopase ante unha marcada polarización en torno aos modelos de desenvolvemento socioeconómico e os mecanismos de integración rexional.

Neste sentido, o principal punto de fractura sitúase arredor da aplicación da Asociación de Libre Comercio das Américas, impulsada por EEUU, e as alternativas e demandas dos países latinoamericanos.

En Mar del Plata, o ALCA demostrou contar cunha notable presenza nos países latinoamericanos: 29 deles subscribiron ou están por subscribir, acordos de libre comercio con Washington, similares ao realizado entre México, EEUU e Canadá en 1994. Pero a súa amplitude hemisférica sufriu un determinante revés ante a oposición manifestada polos cinco países que conforman o MERCOSUR (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), ademais de Venezuela, o mais forte opositor ao ALCA e que impulsa a súa propia dinámica de integración: a Alternativa Bolivariana para as Américas, que conta co apoio total de Cuba. Entre os membros do MERCOSUR e Venezuela suman o 75% do PIB suramericano.

As discusións en torno á aplicación ou o rexeite do ALCA levou a un forte enfrontamento diplomático entre México e Venezuela. Do mesmo xeito, apenas finalizado o Cumio das Américas, o presidente George W. Bush visitou Brasil para discutir co presidente Lula da Silva, unha posible e parcial modificación dalgúns contidos do ALCA, especialmente os relativos aos subsidios agrícolas. Paralelamente, o presidente arxentino Néstor Kirchner, visitou Caracas para acordar co presidente Hugo Chávez, a construción dun gasoduto suramericano de 12.000 km, así como a compra de débeda arxentina por valor de 300 millóns de dólares.

A presumible inclusión de Venezuela como membro permanente de MERCOSUR fortalecería ao organismo en materia enerxética, mais aínda estaría por verse se a opción do ALBA defendida por Chávez, atopa simpatizantes entre os membros do MERCOSUR e os dous países asociados, Bolivia e Chile.


2) En que situación se atopa o MERCOSUR?

Existen dúas realidades ineludibles: dende a súa creación en 1991, o MERCOSUR avanza, con certa seguridade, como o principal mecanismo de integración na área sudamericana. Pero tamén é palpable a existencia de diferenzas e rivalidades puntuais entre os seus gobernantes (especialmente Brasil e Arxentina), o cal contribúe a crear un clima de incerteza sobre os seus obxectivos. Neste sentido, trátase dun debate arredor da propia identidade: ¿un área netamente comercial, ou un proceso integrador tanto político como económico?

MERCOSUR pechou no 2004 un número importante de acordos de asociación con Bolivia, Chile e o resto da Comunidade Andina (Ecuador, Colombia, Perú e Venezuela) pero aínda é prematuro considerar os seus resultados. Agora existen máis membros asociados que socios plenos, e a maioría deles xa subscribiran acordos de libre comercio con EEUU. Tamén está por verse o verdadeiro alcance do compromiso de cada membro e tamén se os resultados dos procesos de integración son paralelos ao número dos acordos subscritos.


3) Cales son os antecedentes nos últimos cumios de presidentes do MERCOSUR?

No Cumio presidencial de decembro de 2004, en Ouro Preto, Brasil, estableceuse unha profunda disputa comercial e arancelaria entre Arxentina e Brasil, aínda que avanzaron en mecanismos de contido social, como a creación do Fondo de Converxencia Estrutural para a promoción do emprego, dos dereitos humanos e a educación. Tamén se creou un Parlamento do MERCOSUR, con facultades para crear normas supranacionais.

No Cumio de xuño de 2005, concretáronse acordos como a construción dun gasoducto que partirá dende a conca peruana de Camisea, e no que participarían Chile, Arxentina, Uruguai Brasil e Perú, cun especial interese na participación de Bolivia. Tamén acordaron a creación dun Fondo para apoiar as zonas máis deprimidas da rexión, discutiuse a repercusión da febre aftosa no tocante á saúde animal e subscribiuse a Iniciativa de Asunción para a loita contra a pobreza, a través da creación dun Fondo Social Especial, e a defensa dos dereitos humanos.


4) Cales foron os avances na ultima reunión de xefes de Estado?

No XXVIII Cumio de Xefes de Estado e de Goberno de MERCOSUR, celebrado en Asunción, Paraguai, o 20 de xuño de 2005, concretárase a ampliación do proceso integrador, con instrumentos de intercambio de información entre a Secretaría e a Comisión Parlamentaria conxunta; un réxime para integración de procesos produtivos, con utilización de materiais non orixinarios dos países membros; medidas para a axilización das importacións dentro do MERCOSUR; acordos de homologación de títulos; a creación dun Fondo para a Converxencia Estrutural do MERCOSUR (FOCEM); afondouse no sistema de solución de controversias, na eliminación da dobre taxación e distribución da renda aduaneira, na incorporación da normativa do MERCOSUR ó ordenamento xurídico interno, e tamén entrou en vigor un acordo de Seguridade Social.

Outra discusión pendente é a conformación dun Parlamento do MERCOSUR, electo por sufraxio universal, ao igual que a intensificación dos esforzos para a creación de acordos de libre comercio coa Comunidade Andina, no contexto do ALADI, así como manter os encontros co Sistema de Integración Centroamericana (SICA) e a Comunidade do Caribe (CARICOM).


5) Que visións políticas da integración predominan na situación actual?

Semella claro que o debate centrase na discusión do ALCA e o fortalecemento do MERCOSUR como principal organismo de integración rexional. Pero afloran certas discrepancias: o presidente brasileiro Lula da Silva discute coa administración estadounidense unha reformulación do ALCA. Neste sentido, albiscase unha posición ambigua do presidente arxentino Néstor Kirchner, quen non ve con bos ollos o ALCA “orixinal” pero tamén apunta nunha dirección negociadora con Washington no apartado dos subsidios agrícolas.

O chanceler arxentino, Rafael Bielsa, declarou en Mar del Plata que o MERCOSUR mudaría de posición con respecto ao ALCA se Washington suprime os seus subsidios agrícolas (que este ano suman 22.470 millóns de dólares). EEUU non semella proclive a esa eliminación, salvo que a Unión Europea faga o mesmo. Do mesmo xeito, en Mar del Plata, Kirchner pediulle a Bush apoio na negociación da débeda externa arxentina co Fondo Monetario Internacional.

Uruguai e Paraguai non apoian completamente o ALCA, pero negocian con Washington tratados de investimentos cun forte impacto comercial dentro do MERCOSUR. No caso paraguaio, o seu presidente, Nicanor Duarte, subscribe acordos militares, enerxéticos e acuíferos con EEUU, como se puido apreciar trala recente visita do secretario de Estado, Donald Rumsfeld, a Asunción.

O presidente chileno Ricardo Lagos declarou en Mar del Plata que unha construción do ALCA “por bloques” pode ser unha posición mais realista. Pola súa banda, Bolivia, cuxo anterior goberno de Sánchez de Lozada xa subscribira un acordo de libre comercio con EEUU, atopase nunha encrucillada, marcada pola inestabilidade sociopolítica interna, que debería despexarse despois das eleccións de decembro.

Caso totalmente diferente é caso do venezolano Hugo Chávez, quen buscará co ingreso en MERCOSUR unha plataforma sólida onde apoiar as bases do ALBA, para definitivamente poder “enterrar o ALCA”. Chávez traballa incansablemente nunha política exterior expansiva da súa proposta de integración, vertebrada en torno ao factor enerxético (Petroandina, Petrocaribe e Petrosur), comunicativo (Telesur) e financeiro. Pero a súa alternativa reflicte tamén divisións entre os gobernos rexionais: gobernantes como o paraguaio Duarte acusaron a Chávez de querer expandir a revolución bolivariana na rexión sudamericana e de propiciar a inestabilidade rexional.

A pesar da recente crise diplomática entre os gobernos de Vicente Fox e Hugo Chávez, neste cumio de Montevideo estenderase unha invitación a México, que enviará ao seu chanceler, Raúl Derbez. O goberno de Fox foi o mais contundente aliado do ALCA, acusando incluso a Chávez do fracaso do recente Cumio das Américas.


6) Existen outras diverxencias internas?

Á tradicional rivalidade entre Brasil e Arxentina engádense outras diferenzas, como é o caso dos intereses fronteirizos entre Arxentina e Uruguai con respecto á planta de ENCE entre as provincias de Entrerríos en Arxentina e Río Negro en Uruguai, así como as actividades comerciais e de contrabando na chamada “Tripla Fronteira” de Arxentina, Paraguai e Brasil, en Cidade del Este, que viñeron a enturbar as relacións e os cumios anteriores.

A problemática da falla de mecanismos de imposición dos acordos, que permitan dirimir de maneira correcta as discrepancias, é outro dos motivos da falta de progreso na integración do MERCOSUR. Sería de salientar a importancia e o rol clave dun Tribunal de Xustiza, similar ao Tribunal Europeo de Xustiza, que permita a integración pola vía do dereito comunitario, esclarecendo o recoñecemento mutuo das normas, establecendo un mercado único e igualitario, e dictaminando sobre os contenciosos comerciais con imparcialidade.


7) Como evolucionan as relacións MERCOSUR-UE?

O pasado 18 de novembro, en Montevideo, levouse a cabo a Xuntanza de Altos Funcionarios de MERCOSUR e a Unión Europea, con resultados tanxibles, evidenciando que a relación entre ambos organismos segue indo a máis.

Nesta xuntanza, reiterouse o compromiso de concluír as negociacións birrexionais e establecer un Acordo de Asociación Interrexional que abarque cuestións políticas, económicas, comerciais e de cooperación. Outros temas foron a importancia estratéxica do diálogo político, o apoio á reforma das Nacións Unidas, dereitos humanos, política migratoria e asistencia ao desenvolvemento.

Tradicionalmente, o exemplo do modelo de integración europeo tivo unha importante influenza na estrutura organizativa do MERCOSUR. Sen embargo, entre ambos organismos existen diferenzas na comprensión dos mecanismos de intercambio comercial mundial, como se verá no próximo cumio da Organización Mundial do Comercio en Hong Kong.


8) Tratarase o tema da Comunidade Suramericana de Nacións?

Este mecanismo de integración, cuxa finalidade é constituír un área de integración global entre MERCOSUR e a Comunidade Andina de Nacións, foi impulsada en Lima en decembro de 2004. Sen embargo, un ano despois, as diferenzas en canto ao seu desenvolvemento afloran ante as realidades políticas.

Un exemplo desta disparidade foi a xuntanza en Quito, a mediados de novembro, entre os delegados dos mandos militares de Bolivia, Ecuador, Colombia, Perú e EEUU, no que se invitou a Brasil e excluíuse a Venezuela. Aquí adoptouse unha posición conxunta en canto aos entendementos militares para o combate do narcotráfico, o terrorismo e a insurxencia armada, principalmente con respecto a Colombia.

O presidente venezolano Chávez, actual presidente en exercicio da Comunidade Andina de Nacións, CAN, declarou recentemente que o seu país “non ten nada que buscar na actual Comunidade Andina” e que “o noso rumbo é o MERCOSUR”. Esta fractura evidencia dúas dinámicas, influídas polas relacións de cada país cara EEUU. Coa incerteza sobre a situación boliviana, os demais países andinos toman partido pola estratexia comercial e de seguridade establecida por Washington, mentres o grupo de MERCOSUR busca unha dinámica propia de integración.

Este escenario afecta ás perspectivas de continuidade da Comunidade Sudamericana de Nacións, a pesar de que o Cumio da CAN en Lima a mediados de ano, significara un impulso formal. Brasil e Venezuela son os principais valedores do proxecto, principalmente en materia enerxética e comercial, pero aínda non se fortaleceron os mecanismos políticos de integración.

No ámbito xeopolítico, o que se manifesta no hemisferio é unha evidente configuración de dous polos, non necesariamente diverxentes: o espazo controlado por EEUU e a cada vez maior influencia de Brasil como potencia emerxente.


9) Ten futuro o ALBA dentro do MERCOSUR?

A Alternativa Bolivariana para as Américas é, polo momento, un apelo retórico, escasamente vertebrado en aspectos concretos. Non se establece ningún compromiso aduaneiro, nin política social especifica, nin mesmo de tipo cultural. O ALBA está estreitamente vinculado ao impulso persoal que lle imprime o enérxico presidente Chávez, cunha evidente aspiración panamericana.

Asemade, Chávez xa declarara publicamente dende que chegou á presidencia en 1999, que un dos principais obxectivos da política exterior venezolana é o seu ingreso completo dentro do MERCOSUR.

A continuidade do ALBA dependerá de aspectos políticos reais. Coa excepción de Cuba, e á espera de comprobar se a opción indixenista de Evo Morales triúnfa nas próximas eleccións bolivianas, o ALBA non ten aliados hemisféricos concretos nos actuais gobernos latinoamericanos. Velaí por qué Chávez decidiu mudar de estratexia. O Cumio dos Pobos, no marco da xuntanza en Mar del Plata, foi o escenario clave para impulsar a súa alternativa entre diversos movementos sociais e políticos, coa esperanza e o obxectivo de que, nun horizonte temporal mais ou menos aceptable, poidan chegar ao poder nos seus respectivos países.

No marco do MERCOSUR, non semella seguro o apoio global ao ALBA de parte de líderes como Lula da Silva, Kirchner ou Tabaré Vázquez, cada un con intereses e prioridades distintas. Todo depende de se esta alternativa se impón ou ben se dilúe no marco estrutural e de diálogo propio do MERCOSUR.

10) Como inflúen os próximos procesos electorais rexionais neste cumio?

A complexidade e multiplicidade de procesos electorais a celebrar entre finais de 2005 e ao longo do 2006, terán incidencia directa na cantidade e calidade dos compromisos acadados para favorecer o afondamento nas políticas do MERCOSUR.

Nos próximos 18 meses levaranse a cabo 19 procesos electorais de alto nivel en América Latina. En decembro, Chile e Bolivia, os socios do MERCOSUR, van a eleccións presidenciais. A estabilidade do primeiro é notoria en comparación coa convulsión que ven vivindo Bolivia dende hai tres anos.

Do mesmo xeito, uns días antes do cumio, Venezuela celebrará eleccións lexislativas onde a posible vitoria do “chavismo” permitiralle controlar, con maioría absoluta, a Asemblea Nacional. Chávez tamén se prepara para a súa reelección en decembro de 2006.

Kirchner ven de obter un importante triunfo lexislativo na Arxentina, o cal reforza a súa hexemonía política interna de cara ás presidenciais do 2007.

Uruguai e Paraguai veñen de celebrar eleccións presidenciais no 2005, coas vitorias de Tabaré Vázquez e Nicanor Duarte. Colombia e Perú van a eleccións presidenciais, onde, no primeiro caso, a continuidade de Álvaro Uribe Vélez semella sólida mentres, no caso peruano, é visible a escasa popularidade do presidente Alejandro Toledo. En Lima, as tensións desatáronse ante o retorno do ex presidente Alberto Fujimori, e a súa detención en Chile. Na actualidade, este asunto está a provocar unha crise diplomática entre Lima e Santiago.

O caso político e electoral máis relevante é Brasil. A crise política dentro do partido do presidente Lula, parcialmente superada, revela incertezas de cara ás eleccións presidencias de outubro de 2006 e afecta á credibilidade presidencial. Lula enfronta nestes momentos unha forte presión e este estado de ánimo reflíctese nas súas opacas participacións nos derradeiros cumios de Iberoamérica e das Américas. O presidente da principal economía hemisférica tras EEUU e o motor do desenvolvemento en MERCOSUR, vai a Montevideo intentando nivelar tódalas presións e intereses.

Se a invitación de México realizase con vistas a unha futura integración, o país azteca tamén se prepara para os comicios presidencias do 2006, onde a opción de centro-esquerda de Manuel López Obrador leva as de gañar para suceder a Vicente Fox na presidencia. Isto suscita algunhas interrogantes en torno á continuidade do ALCA.


11) Será decisivo este Cumio do MERCOSUR?

Nunha conxuntura de definicións en canto ao marco estrutural dos procesos de integración hemisféricos, o XXIX Cumio de presidentes do MERCOSUR semella un momento clave para impulsar este organismo.

Esta realidade amplíase coa previsible admisión de Venezuela como membro pleno. O país coas maiores reservas hemisféricas de petróleo e gas natural e impulsor do ALBA, constitúe tamén un elemento importante á hora de definir o rumbo do MERCOSUR, porque significaría a busca dun equilibrio en relación aos grandes países como Brasil e Arxentina.

Deixando de lado as diverxencias internas entre os líderes, este cumio deberá tamén descifrar o momento de cambio político e social que está a vivir América Latina e cómo a rexión, a través destes organismos e proxectos de integración, pode participar, con voz e voto propio, no escenario internacional global e na configuración dun mundo multipolar.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/11/2005
Fernando Pol


Subir