Guía Exterior / nº 005-05/2005 de 21 de outubro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
Europa en Hampton Court
 
 

  Hampton Court Palace, clic para aumentar
Baixo a presidencia británica, os xefes de Estado ou de Goberno dos 25 países membros da Unión Europea reuniranse o 27 de outubro no Hampton Court Palace, en Londres. A xuntanza só durará un día, cunha declaración final e unha conferencia de prensa. Trátase dunha reunión informal onde os medios de comunicación terán un contacto restrinxido cos xefes de Estado. Tan só as cámaras e fotógrafos invitados pola presidencia estarán presentes para dar conta da chegada, da foto de familia e da partida dos mandatarios. A reunión terá por tanto un carácter marcadamente íntimo, onde os gobernantes tratarán de avanzar nos temas de actualidade.
 
Introdución

Concibido como unha xuntanza informal de Xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea, o próximo 27 de outubro celebrarase un Consello Europeo enmarcado nunha conxuntura crítica para a Unión Europea. Esta circunstancia maniféstase en aspectos puntuais como a parálise no proceso de ratificación da Constitución Europea, os dilemas e a polarización sobre a candidatura de Turquía, a incerteza política tralas eleccións alemás, a definitiva integración dos países do Leste, as negociacións con Rusia e Ucraína, o orzamento comunitario para o período 2007-2013, os problemas de seguridade internacional (Irán, Oriente Medio), a inminente crise da gripe aviar ou a competencia comercial de China.

A presidencia rotativa británica espera impulsar unha estratexia común que permita revitalizar o proceso de construción europea, aínda que as posibilidades de logralo son escasas. Dende xullo pasado, o goberno de Tony Blair propúxose implementar, sen éxito por falta de consenso comunitario, unha serie de reformas dentro da UE, principalmente de corte economicista e en materia de seguridade pública.



Consello Europeo 2005, unha temática diversa


1) Que é un Consello Europeo de Xefes de Estado e Goberno?

A pesar da súa orixinal informalidade, o Consello Europeo é unha reunión ó mais alto nivel de Xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea, que aspira a acordar liñas de actuación ou desbloquear aqueles aspectos que dificultan a formación da política comunitaria. Creouse por primeira vez en 1974, pero foi institucionalizado en 1986, coa Acta Única Europea. Este consello é convocado e presidido polo Xefe de Estado ou de Goberno á cabeza do Consello da Unión, é dicir, da Presidencia semestral por quendas da UE.


2) Cales son as súas atribucións?

O Consello Europeo impulsa as grandes cuestións políticas relativas á construción de Europa: modificación dos Tratados, das Institucións, declaracións diplomáticas no marco da Política Exterior e de Seguridade Común, etc.

Por consenso, o Consello Europeo emite orientacións, un instrumento que indica ó Consello de Ministros e á Comisión Europea as prioridades da xestión da Unión e as súas políticas comúns; ou ben, declaracións ou resolucións, que expresan de modo solemne a posición dos Xefes de Estado ou de Goberno sobre un asunto concreto.


3) Cales son as características particulares deste Consello Europeo?

Baixo a presidencia británica, os xefes de Estado ou de Goberno dos 25 países membros da Unión Europea reuniranse o 27 de outubro no Hampton Court Palace, en Londres. A xuntanza só durará un día, cunha declaración final e unha conferencia de prensa.

Trátase dunha reunión informal onde os medios de comunicación terán un contacto restrinxido cos xefes de Estado. Tan só as cámaras e fotógrafos invitados pola presidencia estarán presentes para dar conta da chegada, da foto de familia e da partida dos mandatarios. A reunión terá por tanto un carácter marcadamente íntimo, onde os gobernantes tratarán de avanzar nos temas de actualidade.

Nesta oportunidade preténdese que sexa o máis laxo posible, sen a presión de ter que asinar acordos concretos e cunha axenda sen definir materialmente. Preténdese focalizar no que une en lugar de centrarse no que separa. A reunión dos mandatarios dos 25 países da UE é difícil de xestionar e a necesidade de consenso é asumida como unha prioridade.


4) Cal é o rol da presidencia?

A presidencia organiza o traballo do Consello e das ducias de comités –o que ven definido co nome de “comitoloxía”- que preparan o terreo para o acordo entre ministros. Cando existe desacordo, é a presidencia a que debe tentar achegar un compromiso final. A presidencia organiza dous cumios, coñecidos como Consellos Europeos semestrais, onde os Xefes de Estado e de Goberno propoñen as liñas a seguir. Nesta oportunidade, realízanse nos meses de outubro e de decembro.


5) Son factibles as prioridades da presidencia británica?

Tres eran as prioridades da presidencia rotativa británica que se inaugurou en xullo pasado: reforma económica interna na UE e do sistema do benestar social; os imperativos de seguridade e estabilidade, ante a ameaza terrorista; o rol de Europa no mundo, con especial atención á estratexia de Blair para África.

Pero a piques de rematar a súa presidencia, Londres atopase nunha situación complexa, porque non alcanzou o consenso necesario para impulsar as súas iniciativas. A tarefa de asegurar os orzamentos para 2007-2013 é unha responsabilidade directa aínda non alcanzada polo goberno de Tony Blair, logo do desacordo do cumio do pasado 16 e 17 de xuño. Aquí mestúranse o debate sobre a contribución británica e a reforma da política agrícola europea, que enfronta directamente a británicos e franceses. Neste sentido, existen marcadas diverxencias entre os principais líderes sobre o destino e utilización dese orzamento.


6) Son a Constitución europea e Turquía os principais problemas a tratar neste Consello?

O “impasse” político interno creado polo rexeitamento da Constitución Europea nos referendos francés e holandés provocou unha situación de parálise do proceso de ratificación do texto constitucional. Asemade, a apertura de negociacións con Turquía o pasado 3 de outubro, manifestou unha fenda interna na UE, especialmente polos cuestionamentos realizados por Austria e Chipre polo estado actual das condicións de acceso de Turquía.

Tralas ratificacións, sexa por vía lexislativa ou por referendo, en España, Italia, Alemaña, Luxemburgo, Letonia, Lituania, Hungría, Austria, Eslovaquia, Eslovenia e Grecia, o duro golpe para Bruxelas tralas negativas en Francia e Holanda deixa o proceso de ratificación parcialmente paralizado e nun estado de clara incerteza. Gran Bretaña esperaba someter o texto a referendo no 2006, mentres a vitoria electoral da centro-dereita en Polonia augura dificultades para a súa ratificación.

En canto a Turquía, a presidencia británica insistirá en asegurar a continuidade das negociacións con Ankara, aínda que a cuestión turca mantén divididos aos gobernos europeos. Deberá coñecerse tamén cal será a posición oficial do novo goberno de coalición alemana CDU-SPD, comandado pola demócrata-cristiá Ánxela Merkel, abertamente en contra da admisión turca. As enquisas de opinión pública amosan un sólido rexeite á admisión dun país que consideran diferente en tódolos sentidos. En todo caso, neste Consello Europeo afondarase no proceso de vixilancia das condicións de negociación.


7) As futuras admisións, terán cabida nestas conversas?

Coa finalidade de impulsar as futuras admisións, os presidentes de Romanía e Bulgaria, Traian Basescu, e Georgi Purvanov, estarán presentes no próximo Consello Europeo. Non se informou da participación do presidente croata Stjepan Mesic, país cuxa apertura de negociacións foi aprobada o pasado 3 de outubro.

En canto a Rusia, entre o 17 e o 21 de outubro realizouse en Londres a xuntanza de alto nivel entre a Unión Europea e Rusia, onde se trataron temas relativos ás relacións exteriores, como o programa nuclear iraniano, a crise no Cáucaso e Chechenia, o ingreso ruso na Organización Mundial de Comercio e os visados de inmigración.

Ucraína merece un enfoque diferente, xa que o próximo 1 de decembro realizarase en Kiev o cumio Unión Europea-Ucraína, onde se avaliarán as eventuais negociacións de admisión. O goberno de Viktor Yúshenko, sumido nunha crise interna trala remoción do seu anterior gabinete por supostos casos de corrupción, acelera os mecanismos de negociación para o ingreso do país na UE, a OTAN e a OMC, polo que estes movementos de Kiev cara Occidente preocupan directamente a Moscova.


8) Nunha perspectiva global, que outros temas existen na axenda?

A axenda deste Consello tamén tratará outras problemáticas, cunha marcada tendencia a fortalecer a visión global adoptada por Tony Blair no Cumio do Grupo dos Oito en xullo pasado. Estes temas son: o cambio climático; a pandemia da gripe das aves; o agravamento da crise migratoria e da fame en África (neste apartado, a Comisión Europea adoptou o pasado 12 de outubro unha “Estratexia para África” coa finalidade de alcanzar os Obxectivos do Milenio); a axuda humanitaria e financeira ás vítimas do terremoto en India e Paquistán e do paso do furacán “Stan” por América Central; a globalización e o comercio internacional (coa rápida emerxencia de India e China como polos competitivos); a ameaza do terrorismo internacional; e a crise en Oriente Medio, centrándose na situación iraquí e nas negociacións con Irán sobre o seu programa nuclear.


9) Existen posibilidades reais de progreso?

A posibilidade de pechar un acordo sobre os orzamentos semella altamente improbable na actualidade. Do mesmo xeito, a crise europea propiciada pola paralización nos referendos do texto constitucional (tralo “non” francés, Blair anunciou que o seu país non sometería o texto a referendo) e o incerto proceso de alargamento cara o Leste, mudaron as iniciais prioridades británicas, albiscando dificultades á hora das negociacións.

Nos aspectos orzamentais, é preciso tomar en conta que se persiste en vincular a contribución británica coa reforma dos subsidios agrarios. O Reino Unido cre que os subsidios estarían mellor gastados en educación e tecnoloxía, para incrementar a competitividade.

Asemade, o impulso que os británicos pretenden dar á liberalización dos mercados, en concreto na área dos servizos, vese dificultada pola oposición en certos países, notablemente Francia. Pola contra, Alemaña, esgotada polo longo proceso electoral, camiña con falla de criterio ata que o novo goberno se asente.

Noutros aspectos como a Política de Defensa común, aparentemente existe falta de vontade política e diverxencias en canto á orientación final.


10) Que propón a Comisión Europea?

Nos días previos á celebración deste encontro, a Comisión Europea propuxo un debate sobre o “Plan D”, unha reacción ós resultados negativos xurdidos nos referendos francés e holandés, que pretende resucitar a discusión sobre Europa propiciando unha reflexión sobre o futuro europeo, na busca dun maior diálogo coa sociedade. É un intento de gañar confianza e incorporar o apoio cidadá, rachando co desencanto e a desorientación que invade o continente.

Este plan propón a organización de debates sobre temas como o desenvolvemento económico e social europeo, a percepción da UE e o seu rol nun mundo multipolar.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/10/2005
Fernando Pol


Subir