Guía Exterior / nº 004-04/2005 de 10 de outubro Volver a TitularesVolver a Guía Exterior
O Cumio Iberoamericano 2005: perspectivas e claves
 
 

  XV Cumio Iberoamericano, clic para aumentar
Creado en 1991 en Guadalajara, México, baixo o nome de Conferencia Iberoamericana, e co propósito de celebrar unha xuntanza anual, o Cumio Iberoamericano conta coa participación de 19 xefes de Estado e de Goberno de América Latina: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Perú, Paraguai, República Dominicana, Uruguai e Venezuela. Asemade, forman parte do foro, España e Portugal. A partir do XIV Cumio celebrado no 2004 en San José de Costa Rica, o principado de Andorra participa tamén como membro permanente.
 
Introdución

O XV Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno, a celebrar entre os días 14 e 15 de outubro de 2005 en Salamanca (España), terá como principal meta a institucionalización deste Foro (creado en 1991), a través da apertura da nova Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB, polas súas siglas en castelán), que terá a súa sede en Madrid.

Nesta oportunidade, as discusións centraranse na análise do momento de transformación política e social que está a vivir América Latina; as oportunidades que presenta este novo escenario; o reforzamento do compromiso político e social para asentar o multilateralismo, a liberdade, a xustiza social e a cooperación e o desenvolvemento. Polo tanto, o Foro Iberoamericano busca consolidarse como un espazo con identidade propia, con voz e presenza no sistema internacional, disposto a adiantar alternativas para afrontar os retos do século XXI.

O presidente español, José Luís Rodríguez Zapatero, espera tamén reforzar neste foro internacional a súa tese da Alianza de Civilizacións e vai contar coa presenza do secretario xeral de Nacións Unidas, Kofi Annan. Os compromisos adquiridos na Declaración do Milenio de 2000 serán tamén unha temática de importancia no encontro de Salamanca.



O Cumio Iberoamericano 2005, perspectivas e claves:


1) Que é o Cumio Iberoamericano e que países participan?

Creado en 1991 en Guadalajara, México, baixo o nome de Conferencia Iberoamericana, e co propósito de celebrar unha xuntanza anual, o Cumio Iberoamericano conta coa participación de 19 xefes de Estado e de Goberno de América Latina: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Perú, Paraguai, República Dominicana, Uruguai e Venezuela. Asemade, forman parte do foro, España e Portugal.

A partir do XIV Cumio celebrado no 2004 en San José de Costa Rica, o principado de Andorra participa tamén como membro permanente. Outras sedes de organización de cumios anteriores foron Madrid, Salvador de Bahía (Brasil), Cartagena de Indias (Colombia), San Carlos de Bariloche (Arxentina), Santiago e Viña del Mar (Chile), Isla de Margarita (Venezuela), Porto (Portugal), La Habana, Cidade de Panamá, Lima, Bávaro (República Dominicana) e Santa Cruz de la Sierra (Bolivia).


2) Cales son as metas da Conferencia Iberoamericana?

Dende un principio, os obxectivos centráronse na creación dun foro de consulta e concertación política co propósito de reflexionar sobre os desafíos do entorno internacional, e impulsar a cooperación, coordinación e solidariedade rexionais.

A cambiante realidade internacional dende a creación do Foro en 1991 (coa disolución do bloque soviético e como isto podería afectar a países da órbita socialista como Cuba) e, principalmente, o escenario mundial tralos atentados terroristas do 11-S de 2001, estimularon a necesidade de activar unha voz propia dende a perspectiva iberoamericana. Valores como o multilateralismo, a xustiza social, a liberdade e a cooperación ao desenvolvemento forman parte da esencia dunha Comunidade Iberoamericana co obxectivo real de constituírse nun espazo político xenuíno.

Cada cumio anual establecía obxectivos específicos a desenvolver, como a compatibilidade política, económica e cultural, a cooperación, o desenvolvemento social, a integración, a educación para o progreso e desenvolvemento, os valores democráticos e o desenvolvemento político, a globalización financeira, a mocidade e a xustiza social, Medio Ambiente e Turismo Sostibles e a inclusión social.

En resume, a actuación do Foro céntrase en tres piares fundamentais: primeiro, o respecto do dereito internacional; en segundo lugar, a obriga de solventar os conflitos e as controversias por medios pacíficos. Finalmente, a consolidación da democracia e o fortalecemento dos instrumentos para garantir o respecto dos dereitos humanos e as liberdades básicas.


3) Cales son os obxectivos e a axenda do Cumio de Salamanca?

Nesta ocasión, o encontro céntrase na “situación xeral da comunidade” prestándolle especial atención á realidade socioeconómica do conxunto, as migracións e a proxección internacional da Comunidade Iberoamericana.

Para gañar en eficacia, apúntanse dúas reformas: utilizar un método de intercambio "áxil e espontáneo" dos puntos de vista dos mandatarios, creando un verdadeiro debate sen condicionar o resultado final, e ademais proponse un novo estilo para a formulación de conclusións.

Outro apartado ten que ver con achegar os cumios ós cidadáns, coa posta en marcha de tres foros paralelos: un parlamentario, outro civil e outro empresarial. O primeiro dos foros paralelos, o I Foro Parlamentario Iberoamericano, xa tivo lugar o día 30 de setembro. Nel participaron 33 cámaras lexislativas de España, Portugal, Andorra e unha vintena de países de América Latina, co fin de trasladar as achegas ó Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno. Este I Foro, naceu con vocación de complemento permanente do cumio, dándolle unha "dimensión parlamentaria".

Na inauguración, analizarase a realidade socioeconómica da comunidade iberoamericana e os seus retos. Na segunda xornada, celebraranse sendas reunións en paralelo. Unha delas para tratar da emigración, e outra para intercambiar puntos de vista sobre a proxección internacional desta comunidade de países. De igual forma, decidiuse que os Cumios de Xefes de Estado e de Goberno concluirán cunha declaración final "concisa, breve e con mensaxes claras", que virá da man do secretario xeral.

Dentro da temática das xornadas, e no ámbito da realidade socioeconómica, analizaranse as metas conxuntas diante do reto que supoñen os Obxectivos do Milenio, a alianza contra a fame e a pobreza, e tamén se pretende marcar unha Axenda e Doutrina Iberoamericana do Desenvolvemento.


4) A institucionalización do Foro: a Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB)

Proposta polo ex presidente brasileiro Fernando H. Cardoso no XIII Cumio Iberoamericano de Santa Cruz de la Sierra en 2003, a Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB, polas súas siglas en castelán) constituirase neste Cumio de Salamanca como órgano permanente da Conferencia Iberoamericana para que os ministros dos distintos departamentos poidan intercambiar ideas e expoñer os seus problemas específicos.

O uruguaio de orixe asturiana, Enrique Iglesias, ex presidente do Banco Interamericano de Desenvolvemento, BID, foi designado por consenso dos ministros de asuntos exteriores iberoamericanos, como o primeiro secretario xeral da SEGIB, durante unha xuntanza celebrada en maio pasado en Guimaraes, Portugal.

A partir de agora, o SEGIB será o órgano de apoio institucional, técnico e administrativo da Conferencia Iberoamericana e vai ser responsable da organización dos Cumios Iberoamericanos, en estreita coordinación coa Secretaría Pro-Tempore, que viña recaendo no país organizador. A Secretaría Xeral tamén se ocupará do seguimento dos acordos acadados nos cumios, e responsabilizarase de darlle continuidade dun cumio a outro.

O obxectivo é fortalecer a cooperación rexional a través de iniciativas, programas e proxectos, onde se contribuirá á proxección internacional da Comunidade Iberoamericana dentro dos mandatos recibidos dos Xefes de Estado e de Goberno.

Por outra banda, o ministro de Asuntos Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, anunciou a participación da SEGIB na ONU con status de observador, subliñando o interese por converter esta comunidade de nacións nun espazo que vaia mais aló dunha “Commonwealth”.


5) Existe unha perspectiva propia do Foro ante os procesos de integración rexional?

A Secretaría Xeral Iberoamericana pretende impulsar a integración rexional, tanto a nivel interno na comunidade iberoamericana como cara o exterior, a través da colaboración na solución de conflitos.

Como exemplo, España, exercendo como intermediario europeo, pretende desbloquear os obstáculos que impiden o acordo de libre comercio entre a UE e o MERCOSUR, impulsando ademais conversas políticas que complementen a tendencia marcadamente comercial.

Ate o de agora, existen todo un conxunto de foros rexionais como a Comunidade Andina (CAN), o Mercado Común Centroamericano (MCCA), o Tratado de Libre Comercio de América do Norte (TLCAN), a Área de Libre Comercio das Américas (ALCA) ou a Comunidade do Caribe, que atopan por primeira vez un punto de encontro común nas Conferencias Iberoamericanas, que serven como instrumento de solución e de toma de contacto coas problemáticas particulares de cada foro rexional.

Ademais, este Foro de Salamanca ven precedido de avances en campos como a creación de redes Iberoamericanas de cooperación xudicial, gobernabilidade, converxencia de políticas sociais a nivel suramericano, turismo, educación, medio ambiente, coordinación de institucións financeiras rexionais e cooperación financeira coa UE, entre outros exemplos.


6) O Foro Iberoamericano dentro da conxuntura política en América Latina.

O Cumio de 2005 acontece no marco dun panorama político moi particular no caso latinoamericano. Á crise política interna do goberno de Lula da Silva en Brasil engádense os diversos procesos de integración suramericano (enerxéticos, culturais, comunicacionais), a transformación socio-política en Venezuela e o seu eixe estratéxico con Cuba, a constante convulsión política andina e os diletantes procesos de cambio na Arxentina, México e América central.

Neste sentido, o panorama político latinoamericano amosa unha nova correlación de poderes e un cambio na súa relación cara EEUU e a Unión Europea. A diferenza do talante conservador e neoliberal dos presidentes iberoamericanos na década dos noventa, o período 2004-05 presenta unha consolidación no avance dos procesos de cambio populares e de centro-esquerda en América do Sur, con maior énfase nos aspectos sociais e no pragmatismo económico.

O período 2005-06 será decisivo para América Latina polos diversos procesos electorais (once en total, dun xeito sucesivo) que se celebrarán en países como Colombia, Brasil, Venezuela, Perú, Nicaragua e Costa Rica. Arxentina celebrará unhas decisivas eleccións lexislativas en novembro de 2005 (todo un test para Néstor Kirchner), mentres Honduras terá presidenciais en novembro próximo. Chile e Bolivia celebrarán eleccións presidenciais en decembro de 2005. Fora do ámbito latinoamericano, Portugal irá a eleccións presidenciais en xaneiro de 2006.

Dentro da perspectiva electoral, estes procesos poden reforzar no poder a líderes como o venezolano Hugo Chávez ou o colombiano Uribe Vélez, pero presidentes como Lula da Silva ou Vicente Fox teñen ante si un panorama distinto e delicado. Casos como os de Bolivia, con Evo Morales, e Ecuador, poden levar ao poder, por vez primeira, a candidatos pertencentes ás etnias indíxenas. E en Nicaragua, o sandinismo pode retornar ao poder polo voto popular.

O panorama político latinoamericano pode variar substancialmente cando se celebre o próximo Foro Iberoamericano no 2006 en Uruguai. Polo tanto, algúns líderes rexionais poderían asistir en Salamanca á súa derradeira xuntanza neste organismo, xa sexa porque pronto rematarán o seu período constitucional e non teñen posibilidade de renovación ou ben se presente un panorama político complexo de cara á súa reelección.

Neste sentido, un recente informe do Fondo Monetario Internacional consideraba que esta axenda de eleccións presidenciais para o 2006 supoñía unha “fonte de risco” polas “incertezas políticas e económicas” que acumula como consecuencia destes procesos electorais.


7) Cal é a capacidade do Foro para resolver crises políticas e sociais?

Non existen mecanismos nin atribucións institucionais e formais dentro do Foro Iberoamericano para a resolución de situacións de crise política e social en diversos países membros. O seu carácter de órgano consultivo e impulsor de iniciativas progresistas contrasta cos mecanismos de funcionamento práctico dos organismos rexionais mais institucionalizados, como a Organización de Estados Americanos ou a Unión Europea.

Dende a súa creación en 1991, o Foro Iberoamericano non tivo a capacidade nin a facultade de actuación como órgano de mediación ou de resolución, en situacións delicadas como a crise arxentina de decembro de 2001, a convulsión socio-política na Venezuela de Chávez, a crónica inestabilidade política e social en Bolivia e Ecuador ou as crises naturais e humanitarias en América Central. Nestes casos, a resposta institucional limitouse a iniciativas particulares (gobernos, Centro Carter, ONGs) ou a organismos hemisféricos, principalmente a OEA.

No entanto, a partir de agora, coa creación da SEGIB, o Foro Iberoamericano ensambla un conxunto de intereses de organismos rexionais distintos que, harmonizándoos na mesma dirección, podería influír dun xeito positivo e mais directo, na resolución de conflitos.


8) Existe unha identidade iberoamericana?

Os elementos principais do discurso oficial presentan unha idea de identidade iberoamericana vertebrada en torno a un vasto escenario de 600 millóns de persoas, separadas polo océano Atlántico, revestidos dunhas linguas comúns (castelán e portugués), cunha historia compartida por mais de 500 anos e unha cultura configurada en torno ao “espazo común”.

Non obstante, resulta importante matizar distintas perspectivas que, comunmente, non forman parte desta uniformidade do discurso oficial. A realidade amosa un mosaico de diversas culturas e linguas indíxenas na América Latina (quechua, guaraní, aymara, etc) e herdanzas de culturas aborixes antigas (maya-azteca, inca, caribe, etc). Asemade, a presenza en Europa doutras comunidades lingüísticas e culturais como o galego, catalán, euskera e, no caso andorrano, franco-catalán, con dinámicas históricas e sociais tamén diferentes, enriquecen un espazo variado e complexo que non foi aínda tomado en conta debidamente.

 
Volver a TitularesVolver a Guía Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/10/2005
Fernando Pol


Subir