| A reforma das Nacións Unidas: dez claves principais |
|
Con motivo do sesenta aniversario da creación da Organización
de Nacións Unidas, o seu secretario xeral, Kofi Annan, presidirá, no cumio anual a celebrarse en
Nova York entre o 16-18 de setembro de 2005, a discusión da reforma máis profunda e decisiva do organismo
para adecualo á nova realidade mundial.
O secretario xeral, Kofi Annan, presentou, en marzo de 2005, ante a Asemblea Xeral de Nacións Unidas, un proxecto de reforma do organismo coa finalidade de adecualo ás necesidades e os retos do sistema internacional do século XXI, un contexto substancialmente diferente ao vixente nos tempos do seu nacemento, e reforzar a implicación da ONU na solución de problemas como a pobreza, a seguridade global e os dereitos humanos, contemplados na Declaración dos Obxectivos do Milenio de 2000. As propostas de reforma xa foran adiantadas por un Comité de Sabios en decembro de 2004.
Os catro vértices principais da proposta presentada por Kofi Annan en marzo de 2005 divídense en: -Estrutura: ampliación do Consello de Seguridade, reforma do Comité Económico e Social e da Comisión de Dereitos Humanos. -Desenvolvemento: redución da pobreza para o 2015, combate da corrupción, ameaza da SIDA, un novo Protocolo de Kyoto, negociacións na OMC para o 2006. -Seguridade: principio da seguridade colectiva e regulación do uso da forza (en contradición coa “doutrina Bush” sobre a guerra preventiva). -Dignidade: liberdade, estado de dereito, dereitos humanos.
Creado en decembro de 2004 por encargo do secretario xeral, o Comité de Sabios (oficialmente coñecido como Alto Comité de Personalidades Eminentes) tivo a responsabilidade de formular un documento de 101 propostas (o Alto Panel de Ameazas, Retos e Cambio) para impulsar a reforma democrática da ONU. O comité estivo presidido polo ex primeiro ministro tailandés, Anand Panyarachun, e contou coa participación de personalidades como a ex primeira ministra norueguesa, Go Harlem Bruntland, o francés Robert Badinter, o estadounidense Bent Scowcroft ou o ex primeiro ministro ruso Yevgueni Primakov.
A tentativa de reforma, que a practica totalidade de países consideran necesaria, provoca diferentes puntos de vista. De principio, EEUU oponse á ampliación do Consello de Seguridade e impulsou 750 emendas que obstaculizan o logro dos Obxectivos do Milenio e as medidas contra o cambio climático. Está, pola contra, a favor de conformar unha nova Comisión de Dereitos Humanos. Pola súa banda, India, Brasil, Alemaña, Xapón e África do Sur esperan obter un posto no Consello, contando co apoio de Francia e Gran Bretaña. China avoga polo consenso aínda que rexeita de principio as aspiracións niponas. Rusia amosa posicións flexibles que discute e negocia a escala bilateral. O dereito de veto tamén divide aos membros do Consello e os futuros aspirantes.
A fórmula proposta polo Consello de Sabios consiste en ampliar a 24 os membros permanentes e non permanentes e provoca fortes divisións internas. Cabe falar de dous proxectos: ampliar os cinco membros permanentes actuais (EEUU, Gran Bretaña, Francia, Rusia e China) a once (Alemaña, Xapón, India, Brasil, Nixeria, Exipto ou África do Sur), e 14 non permanentes rotativos cada dous anos. A segunda opción conserva a primeira pero con rotacións dos membros non permanentes cada catro anos. Outros países como Paquistán e Israel puxan pola súa inclusión por ser potencias nucleares.
O “Grupo dos Catro” está conformado por Brasil, India, Alemaña e Xapón. Son os principais aspirantes a ingresar na posible ampliación do Consello de Seguridade e avogan tamén por acceder á prerrogativa do dereito de veto.
Os casos de subornos no programa “Petróleo por Alimentos” en Iraq (1997-2003), que involucra ao entorno familiar de Kofi Annan, e as acusacións de abusos sexuais por parte de funcionarios de ACNUR e tropas de paz da ONU na República Democrática do Congo (2000), minaron a credibilidade do secretario xeral e poñen en perigo a súa autoridade e continuidade, así como a propia viabilidade do proceso de reformas. Dende Washington premeron para a remoción de Annan, quen conclúe o seu mandato no 2006. O recente informe do director do Comité de Investigación Independente do programa para Iraq e ex presidente da Reserva Federal de EEUU, Paul Volcker, criticou duramente a “mala xestión” dos 64.000 millóns de dólares destinados a esta finalidade, responsabilidade que foi aceptada polo propio Annan ante o Consello de Seguridade. Outras voces, non obstante, denuncian que se trata dunha campaña interesada en desacreditar ao propio Annan pola súa resistencia a supeditar a ONU aos intereses inmediatos da Casa Branca.
Dende o punto de vista retórico, o continente africano ven sendo unha das prioridades no debate da reforma, principalmente polas iniciativas de Tony Blair, o G-8 e Kofi Annan. Pero tamén é unha realidade que África xa fora un tema aparcado tralo 11-S e hoxe subsisten as divisións políticas en torno ao tratamento de problemas como a pobreza, a desigualdade comercial, a loita contra a SIDA e a pacificación dos conflitos.
É un asunto secundario, a pesar da crónica insuficiencia dos recursos financeiros da ONU para afrontar o elevado custe das misións de paz e dos programas de desenvolvemento. Podería ser obxecto dunha reconsideración posterior, na medida en que se estableza un acordo na estrutura e nas políticas a desenvolver.
Previo á Asemblea Xeral do 15 de setembro, no seo da ONU desenvolvese un forte pulso polo poder. Washington semella convencido da idoneidade desta ocasión para aumentar a súa hexemonía, amosándose contrario a admitir unha reforma que a limite a súa influenza e poder. Mentres, Europa e Rusia amosan ambigüidades nas súas posicións. Xapón aparte, en Asia, China e India, e tamén o mundo islámico, esperan contrarrestar a posición estadounidense. Todo este panorama augura duras negociacións e un posible fracaso do cumio, unha expectativa que dificulta a consecución dunha ONU comprometida cun século XXI, multipolar e comprometido co desenvolvemento, tal e como propón aínda un Kofi Annan abaneado polas críticas. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/09/2005 |