![]() |
|
| -Fundación Plácido Castro | |
| Terceiro Premio de Traducción “Plácido
Castro” Intervención de Emma Lázare |
|
Corcubión, 24 de xaneiro de 2003.
E tamén quixera facer fincapé aquí, pola repercusión mediática que puidera ter, na importancia que ten a traducción para o afianzamento e a maioría de idade dunha lingua e dunha cultura. Sen traduccións das principais obras da literatura mundial, unha lingua non acada a súa consolidación, se ben o galego ten todas as condicións dunha verdadeira lingua, como a que máis, e en canto á creación literaria está á unha altura realmente excepcional. Pero a traducción significa a verdadeira madurez dun idioma. A maioría de nós coñecimos as obras cumio da literatura universal a través da súa traducción ó español. Xa é hora de que os nosos fillos, os nosos alumnos cheguen a ese coñecemento a través da nosa propia lingua. A todos nos gustaría que os nosos nenos leran, primeiro que leran, e despois que leran os seus contos desde pequenos en galego : A illa do tesouro, Moby Dick, Os tres Mosqueteiros, a Xulio Verne... E o mesmo ocorre coas obras científicas, de economía, etc... De momento contamos con algunhas dificultades adiccionais como a falta de diccionarios. Habitualmente damos o salto a través do español (eu, a miúdo a través dos diccionarios portugués-francés ou francés-portugués) Pero, en fin, eses son problemas solventables. O principal é a falta de intención, sexa das editoriais ou dos responsables políticos. Por eso é absolutamente encomiable o labor da Biblioteca Virtual que ten, agora mesmo, colgada da súa páxina web unha lista de obras literarias traducidas moi superior á de calquera editorial de libro escrito, incluso das máis importantes como Xerais ou Galaxia. Tamén é moi loable o traballo da Asociación de Traductores Galegos. A todos eles os galegos deberiamos de estarlles agradecidos. Eu síntome moi satisfeita de colaborar e de traballar pola lingua e pola cultura do noso povo. Así que, parafraseando a Cunqueiro, só me queda dicir: “Cen mil primaveras máis para a traducción en galego”. |
|
|
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/01/2004
|