|
Resulta dificilmente explicable o descoñecemento existente arredor da figura de Plácido Ramón
Castro del Río. Non soamente por estar vinculado a feitos de enorme transcendencia e importancia na historia
contemporánea de Galicia, senón por contar cun sistema de pensamento estructurado e tan singular
que o diferencia marcadamente dos seus coetáneos. Na súa feble proxección probablemente teña
influido o seu propio carácter, introvertido e xeralmente pouco dado ás significacións, en
especial despois do xiro que experimentou a súa vida nos anos posteriores á guerra civil. Plácido
abrazara con enorme ilusión e esperanza o compromiso galeguista, mergullándose a fondo nas actividades
do Partido e en todo aquelo que gardara relación co rexurdir de Galicia (dende as Irmandades da Fala ata
a Asociación de Escritores en Lingua Galega). A guerra civil e o trunfo franquista eliminaron de raíz
toda posibilidade de actuación política democrática e Plácido acabará por tomar
o camiño do exilio londinense dende o desterro interior de Coruxo. Durante anos soamente saberemos del a
través das colaboracións na BBC, na prensa portuguesa ou en publicacións americanas.
Un feito capital que singulariza as aportacións de Plácido Castro a Galicia e ao nacionalismo, radica
no conxunto de elementos que o relacionan coa Gran Bretaña. Moi novo comezou a cursar estudios no colexio
Scarborough, en Glasgow, con apenas seis anos (¡en 1908!). Ese primeiro periodo de formación foi decisivo
para interiorizar as ideas básicas do seu pensamento político (democracia, liberalismo e identidade,
sobre todo, identidade) ás que nunca máis renunciaría, exhibindoas cunha coherencia que non
sempre resultarán do agrado de todos.
Seguramente orientado para continuar co negocio familiar (o seu pai mantiña importantes relacións
comerciais coas Illas Británicas), Plácido, chegou ao nacionalismo a través da súa
observación, estudio e admiración polo Reino Unido. As súas Crónicas desde Londres
publicadas en El Pueblo Gallego e, despois da guerra, en O Jornal de Noticias de Porto (Aquí, Londres),
dan conta dun cabal coñecemento da vida política británica, demolendo numerosos tópicos
comúns e afondando nas súas peculiaridades, sempre con especial atención aos problemas nacionais
ou ás relacións con Europa, coa perspicacia dun agudo analista internacional.
O que primeiro advirte Plácido é que boa parte da fortaleza das Illas Británicas estriba na
súa singularización, no cultivo e defensa dunha identidade que a proxectan no mundo de forma xenuina.
E se Galicia aspira a ser, a contar no concerto dos pobos, debe recoñecerse a si mesma, recuperar e proxectar
a súa identidade. Por iso Plácido adicará especial atención a este problema, procurando
aportar o seu perfil e contornos básicos, adiantando unha construcción que se artella arredor de
dous elementos esenciais: a saudade e o celtismo, elementos inseparablemente unidos como acertou a sinalar o propio
Castelao: “dado que a saudade é un sentimento inexplicable, que ven das nosas orixes, haberá que
buscala no corpo revelado da poesía celta. Esta angueira foi comprida por Plácido R. Castro ao percorrer
o moderno lirismo poético de Escocia e de Irlanda para comparalo co noso”. Castelao recorre a Plácido
para significar que a saudade é “instinto da vida... sentimento instintivo da colectividade(1)”.
Os sinais de identidade do ser galego defineos a partir tamén do celtismo, entendido como unha forza cultural
que debe servir de complemento ó nacionalismo e por iso eixe irrenunciable dunha política exterior
de Galicia. Plácido non acostuma a falar de oídas e por iso realizará viaxes por terras de
Irlanda, para nós a nación máis interesante do mundo escribiría en Céltiga,
narrando unhas fermosas crónicas que foron publicadas en El Pueblo Gallego. Son moitas as comparacións
que se poden establecer entre Irlanda e Galicia en diversos aspectos da súa existencia. Unha delas refirese
ao florecemento, decadencia e rexurdimento da poesía(2). Tamén
aquí atopará referencias para o noso teatro e a nosa política e impulsará un excelente
labor de traducción. Galicia ten ante si asimiladas posibilidades de estreitar os lazos espirituais que
a unen a outras terras célticas de Europa, acaso chamadas aínda a dar ó mundo un novo concepto
de civilización, unha nova modalidade cultural e sentimental, afirma en 1933(3),
con condicións mesmo como para desempeñar un papel decisivo para establecer un novo paradigma que
poña freo ó materialismo e afirme a fantasía, asegura en Céltiga.
A súa ampla formación (o noso culto amigo Plácido, poderemos ler unha e outra vez nas publicacións
galeguistas cando dan conta dunha conferencia ou intervención súa), o interese pola poesía,
a pintura, o teatro, o seu humanismo profundo, facilitaralle enormemente a configuración dunha concepción
aberta e xenerosa do nacionalismo, ao que chegará animado polas súas conversas de verán con
Antón Vilar Ponte, pero convencido de que Gran Bretaña proporciona o mellor exemplo para comprender
que un país pequeno con identidade pode sobrevivir con dignidade dabondo e aportando riqueza e diversidade
ao patrimonio común universal. Non é certamente un proceso normal. O normal sería que co seu
dominio de idiomas, coa súa formación, coa súa orixe familiar e capacidade económica
dirixira as súas inquedanzas por outros derroteiros, pero Plácido manifesta dende moi novo un fondo
compromiso con Galicia e a causa da súa redención, convencido de que o nacionalismo galego non é
unha ficción idealista, senón a autentica expresion das realidades dunha Galicia que vive unha situación
colonial cun caciquismo que consolida unha situación similar á da opresión británica
sobre Irlanda nos séculos XVIII e XIX. En “Justificación del nacionalismo” asegura que “Galicia é
mais que unha división xeográfica e ten os elementos materiais e sentimentais para ser unha nación.
O sentimento patriótico é máis patente e perdurable que as razóns materiais e económicas(4)”.
A defensa da identidade non significa en Plácido forma de conservadurismo algún senón a asunción
dunha certa idea de progreso, de innovación, que non lamine eses sinais que rompen coa uniformidade. Plácido
ponnos en garda contra ese mimetismo que aniña nun extendido complexo de inferioridade que nos leva a facer
borrón e conta nova do propio para adoptar o alleo, case sempre de pior condición e calidade. Mesmo
cando reflexiona sobre a saudade, lembra que o pobo que teña saudade continuará insatisfeito e progresará.
No ámbito político, a identidade debe ser recoñecida e exaltada. Por iso, en primeiro lugar,
entende que o nacionalismo galego, máis próximo ó irlandés que ó catalán,
debe basearse na tradición e non ser reemprazado por un nacionalismo económico (non comprende por
exemplo obsesións como a de construir unha gran urbe industrial galega que, ollando para Belfast en contraste
con Dublin, destrúe a identidade). Por outra banda, o nacionalismo de Plácido non é sinónimo
inevitable de ruptura, de secesión. O nacionalismo pode ser leal nun Estado que recoñeza a pluralidade
e a acepte como un valor da convivencia. Non hai lugar para o temor. A única esperanza de fraternidade ibérica,
asegura, a única posibilidade de crear un verdadeiro patriotismo e un xenuino espiritu español integrados
pola cultura de cada pobo, reside na liberación destes pobos e a intensificación das súas
características peculiares.
Dende un punto de vista ideolóxico-político, Plácido Castro manterase fiel ás raíces
que vertebra nos primeiros anos mozos, se acaso con lixeiras inclinacións cara a esquerda nos anos trinta.
Identificase co movemento liberal e admira o réxime parlamentario, as formas democráticas, e repudia
os autoritarismos e as intolerancias. É un liberal-demócrata, antitotalitario e progresista. Incialmente
toma distancias dos laboristas, a quen considera socialmente inmaduros, se ben amosa en temas concretos, especialmente
nos sindicais, certa proximidade; pero nada quer saber de loita de clases ou de sovietismos, como tampouco de conservadurismos.
Na súa opinión, a consecución da xustiza social non pode esixir como prezo o sacrificio das
liberdades.
Nesa perspectiva, amosase moi crítico co sistema soviético, chegando a asegurar, a propósito
da ruptura anglo-rusa de 1937, que “a desaparición do comunismo é imprescindible para Europa(5)”. Non hai o máis minimo coqueteo co espiritu marxista a quen atribuirá a uniformización
do pensamento ou a manipulación das investigacións e teorías científicas para acomodalas
ó seu ideario. A finais da década dos coarenta, establecido en Londres, observa pola contra como
tanto laboristas como conservadores presentan programas políticos ambigüos e pouco diferenciados, ata
o punto de que, coa evolución do estado de benestar, pode rematar sendo un estado case socialista sen que
se den cambios violentos e cos conservadores defendendo esa legalidade establecida(6).
En Confianza no porvir asegura: “...somos moitos os que coidamos que é esencial que o grupo máis
forte do nacionalismo se declare francamente liberal en todos os sentidos, se a causa da independencia de Galicia
ha de trunfar nunha data próxima. Coidamos que así o esixe o ambiente actual de Galicia, de España
e do mundo. E así opinamos que o espíritu galego foi sempre tan fondamente liberal que incluso por
tradicionalismo ten que ser liberal o galeguismo(7)”. O fundamental dese liberalismo
é a defensa do sentido da independencia de cada individuo. Individuo, rexión e humanidade son para
Plácido os tres niveis ou categorías sociais fundamentais.
Considera a cidadanía como o principal soporte dos valores democráticos: “Só se lle poden
arrebatar os dereitos cidadáns ós pobos que nunca souberon exercelos(8)”.
Na crítica a “Las dictaduras” de Francesc Cambó, asegura que en España non pode falarse de
democracia xa que nunca existiu: os partidos están confabulados, os sistemas electoral e parlamentario son
unha ficción e o caciquismo é apoiado por todos os cidadáns... Por iso considera que a sinceridade
dos partidos vai ter mais importancia que os programas políticos e a marxinación da vida cívica
española á que se someteu a Galicia pode favorecer a emerxencia dun galeguismo non contaminado e
honesto.
Plácido confórmase como un demócrata convencido que vai pasar duras probas en anos nos que
as liberdades públicas como valores indispensables para falar dunha sociedade civilizada pasarán
serios apuros tanto en España como en Europa. Poida que tamén, seguramente, influíra nesta
inclinación o ambiente familiar, de adscripción liberal, e a súa propia orixe de clase, manifestamente
acomodada. A súa concepción da democracia afonda naturalmente nas raíces británicas:
“¿Cal das dúas tendencias é a verdadeiramente democrática? ¿A que ve a sociedade
como unha escaleira cuns chanzos sinalados con cantidades de dólares, ou a que considera a todas as súas
clases igualmente dignas e se preocupa da igualdade política de todos os seus membros?”, escribe en El Pueblo
Gallego(9) para criticar o modelo norteamericano que ofrece “como estímulo
o mandar, tendo como consecuencia lóxica que quen non logra ascender un chanzo na escala social é
un ser inferior, e facendo do diñeiro a medida da categoría social. Esta facilidade de cambiar de
clases é o que máis acentúa a existencia da diferencia de clases”, apostilla. A pesar diso
xa en 1929 vaticina que “Inglaterra e Estados Unidos terminarán por porse dacordo en cuestións como
o equilibrio militar nos océanos(10)”.
Con todo, unha vez en Galicia, chegará a colaborar con Ser, o semanario galego de esquerdas, como o autodefinía
Suárez Picallo, e progresivamente alonxase dos sectores de dereita do galeguismo. É importante destacar
tamén neste sentido a identificación co cooperativismo, que chegou a defender como fórmula
económica e social idónea para conciliar intereses a priori contrapostos, idónea para Galicia
porque nela, asegura, o colectivismo ten mais forza que o capitalismo.
Plácido, o rexionalismo mundial e o universalismo
O nacionalismo é o noso punto de contacto co mundo. En Galicia, os que teñen un espiritu
internacional e universalista son os nacionalistas; o que defende unha España unitaria é quen pretende
pechar as fronteiras a todo o universal, enfatiza(11). O nacionalismo de Plácido
é unha nova forma de unión: a verdadeira cohesión é a que teñen as asociacións
voluntarias de pobos libres e non a falsa unidade imposta por un Goberno a rexións diversas(12). Plácido cree nese rexionalismo mundial que xurde da constatación da existencia
de intereses comúns e comenta con entusiasmo, por exemplo, o feito de que sete nacións libres e democráticas
situadas en catro continentes (a Comunidade de Nacións Británicas) se reúnan en Londres para
deliberar e construir a partir da súa liberdade e independencia unha nova cohesión por medio da cooperación
económica. Por fin se entende que a concesión da liberdade é o único medio de chegar
á cooperación. Son os alicerces dun rexionalismo económico mundial baseado nun sistema de
barreiras aduaneiras que pode facer do Imperio Británico “unha grande unidade económica capaz de
competir cos Estados Unidos e cunha posible federación europea(13)”.
O universalismo é outra constante que se afirma no seu pensamento, traducido nun respecto escrupuloso por
todos, na exaltación permanente do valor da convivencia, nesa afirmación da colaboración que
podemos atopar na súa proxección xornalística (dende o Informaciones de Madrid a El Pueblo
Gallego, ou La Nación de Buenos Aires ou o Jornal de Noticias de Porto), un universalismo que partía
dunha concepción de defensa dese nacionalismo que arranca das pequenas nacións (nas súas crónicas
sempre haberá espacio para informar da evolución do nacionalismo en Escocia, Gales ou Irlanda). Aínda
que tamén tiña as súas contradiccións, como cando amosaba certa comprensión
coas actitudes imperialistas do Reino Unido nas súas colonias (a propósito da penetración
británica na China, por exemplo), comprensión máis próxima ó paternalismo cultural
que ó imperialismo económico. Galicia, sendo galega, é mais universal e ten máis personalidade
que se perde a súa identidade nun Estado español uniforme, asegura en El Pueblo Gallego(14). Nese sentido, importa destacar a súa defensa do idioma galego a propósito da
crítica dun certo cosmopolitismo que expoñía Johan Carballeira con quen mantén unha
interesante polémica. Plácido non comprende como “pode crer que a actualidade europea revela o rápido
avance do cosmopolitismo e o predominio das grandes linguas”. Na súa opinión, está agromando
certamente un novo cosmopolitismo, máis, aínda que semelle paradoxal, asegura, é un cosmopolitismo
nacionalista: “os que o senten teñen como ideal os Estados unidos do mundo, pero estiman que só se
chegará a establecer cando se estimule o verdadeiro patriotismo en cada nación, e cando estas nacións
sexan xenuínas unidades raciais e sentimentais(15)”.
Un último elemento que me gustaría salientar como eixe definidor das súas conviccións
é o pacifismo. Crítico coa pena de morte, Plácido vivirá episodios convulsos (primeira
e segunda guerra mundiais, a guerra civil, os conflictos con Irlanda, etc). O aborrecemento da guerra, estaba aínda
fresca a de 1914 e as súas secuelas, lévao a preconizar dende as súas tribunas xornalísticas,
a esixencia de responsabilidades aos políticos que desatan conflictos armados ou a instar a fiscalización
da política exterior por parte dos cidadáns como unha prolongación máis da política
interior, e a salientar a importancia de que sexan os individuos e non os Estados os suxeitos da paz. Desconfiaba
enormemente da diplomacia, “unha cousa tan delicada que non resiste a presencia da verdade”, chegou a dicir. Pero
aporta tamén outra arista do problema: “A solución dos problemas de minorías e de autonomías
é unha das estapas indispensables na loita pola pacificación do mundo ceibando os pobos que se sinten
asoballados e debilitando ao mesmo tempo os grandes Estados imperialistas(16)”.
Así, o nacionalismo, lonxe de constituir un motivo de apartamento e de división vén a ser
un axente de aproximación e de pacificación moito máis eficaz que as ideas internacionalistas,
vanas e inútiles porque ninguén as sente con convicción, afirma(17).
A mellor base para evitar a guerra é o pacifismo dos cidadáns de cada nación máis que
dos seus políticos. Plácido reivindica en 1927, por exemplo, un sistema de xustiza internacional
ao tempo que urxe un maior protagonismo cívico á hora de fiscalizar a política exterior: “Algo
cambiará se a opinión pública de cada estado dera igual importancia ós temas internacionais
que ós nacionais(18)”.
Con todos estes mimbres en avanzado estado de configuración, a comezos dos anos trinta volve a Galicia.
Ata 1936 vivirá anos dunha intensa paixón e compromiso co ideario galeguista. En 1931 pronuncia a
súa conferencia “O nacionalismo, credo moderno”, organizada polas Irmandades da Fala de A Coruña,
da que emerxe como membro directivo. Nada de tribalismo, nada de reaccionario, son as nacións pequenas as
máis idóneas para afortalar o ideal de democracia, onde mellor se pode exercitar o debate e a participación,
a maior garantía para evitar as tentacións militaristas e expansionistas. Cómpre matizar sempre
á hora de falar de nacionalismo e Plácido aposta por el como medio para a dignificación do
país, a nivel económico, político, social e cultural, e como vía para instrumentar
unha cooperación internacional respectuosa cos demáis pobos do mundo: “Un galeguismo sensato non
impedirá que esteamos sempre en contacto coa cultura europea, un contacto máis íntimo que
o que manteriamos por medio das traduccións das ideas europeas que nos presentan os pensadores madrileños”,
afirma.
Nesa etapa completa esas elaboracións intelectuais, remata a súa arquitectura conceptual básica
e ten a oportunidade de confrontar as súas ideas na política práctica. Dende as Irmandades
da Fala da Coruña pasa ao Partido Galeguista. Participa na Asemblea fundacional de Pontevedra e integrase
na súa dirección. Na II Asemblea pasa á Executiva, substituíndo a Boveda en organización,
e na III asume xa a secretaría de relacións internacionais. Participa como un máis nas homenaxes
e actos reivindicativos da época; cunha gran ilusión, se implica nas campañas políticas,
toma partido nos debates, é, en suma, un membro activo, integrante dese núcleo duro de dirección
do Partido Galeguista.
E medra progresivamente a súa comprensión da pertinencia dun movemento político de corte nacionalista,
autoorganizando aos galegos e galegas, mirando para dentro pero observando sempre atentamente canto acontece ao
seu redor. En primeiro lugar, seguindo a evolución europea do momento: a implantación en Alemaña
do nazismo, por exemplo, levalle á conclusión de que os grandes estados son máis proclives
á dictadura e ó imperialismo, adiantando que se Baviera fora independente, probablemente continuaría
sendo democrática. Ou cando analiza a intención independentista de Australia occidental e a compara
co caso galego. En ambas situacións, o centralismo é o que se mostra como reaccionario, mentres que
o nacionalismo é de esquerdas. Por outra banda, o seu desencanto a propósito dos partidos estatais
e o seu compromiso autonomista, levao a reivindicar un total desvencellamento deles, reflexionando a partir do
caso irlandés: “Irlanda só logrou avanzar cando xurdiu un partido que non interviña na política
británica, o Sinn Fein (Nós sós(19))”.
A súa fonda preparación e o dominio de idiomas levaronno á representación de Galicia
e do Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933, un fito que aínda
hoxe non superou o nacionalismo galego e sobre o que, ademáis, pasa, incomprensiblemente, con pes de lá.
Plácido desempeña un papel clave na proxección exterior do galeguismo. Entón, case
coma hoxe, unicamente os cataláns e vascos eran alguén. Plácido chegou alí coa súa
Memoria, redactada por Vicente Risco, para explicar quen eran os galegos. E Galicia foi proclamada e aceptada como
unha nación europea. Plácido entrevistouse co presidente do Parlamento suizo e do Consello da Sociedade
de Nacións. Calquera que sexa o réxime politico en que Galicia viva, a nosa terra autónoma,
ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación, afirmaría dende a súa tribuna
en El Pueblo Gallego(20).
É un feito capital na nosa historia contemporánea. No propio Sempre en Galiza, Castelao, cando comeza
a explicar porqué Galicia é unha nación, o primeiro que afirma é que esa condición
goza do recoñecemento exterior, non é algo opinable por catro galeguistas, algo que debamos demostrar
ante ninguén. Aquela participación, aquel recoñecemento, transformou a condición nacional
de Galicia en algo obvio e indiscutible. Logo, as derivas da difícil política europea do momento,
as contradiccións daquel organismo, as propias prioridades da política galega, etc, levaron ó
abismo a aquela organización coa que a partir de 1935 o Partido Galeguista reduce a súa relación,
pero a participación foi sonada e tivo a súa repercusión tanto en Galicia como en Europa.
Plácido, que sempre recoñeceu a necesidade de difundir o ideario galeguista entre os propios galegos
como imperativo para avanzar socialmente, comprendía tamén a importancia de estar fóra. En
1934, na III Asemblea do Partido Galeguista, decídese a creación da Secretaría de Relacións
Internacionais que el pasará a desempeñar como recoñecemento ó seu labor. Nesa Asemblea,
Plácido é o candidato máis votado polos delegados, por diante incluso do propio Castelao.
Plácido esbozou a armazón do que podía ser a política exterior de Galicia, apuntando
xa en 1931 os seus eixes básicos: fraternidade ibérica con bascos e cataláns (é participante
habitual nos encontros do Galeuzka), intensificación das relacións cos pobos de cultura portuguesa
de ambos os dous lados do Atlántico, estreitamento dos lazos que nos unen ás terras célticas
de Europa. Non houbo tempo histórico para levala á práctica.
A Plácido pillouno a guerra en A Coruña. Agochado na Costa da Morte, foi detido, procesado, e condenado
a oito anos de desterro a máis de 100 km de Muxía, ao pago dunha multa de 25.000 pesetas (dos anos
trinta) e a 15 anos de inhabilitación. Probablemente salvouno dunha condena maior ou quizáis da propia
morte, algunha influencia familiar, dada a posición do seu pai, quen ademais de empresario de minas fora
en tempos deputado liberal. En Vigo, cidade que elixe para cumprir coa pena de desterro, mantén o contacto
cos galeguistas, Paco del Riego, Xaime Illa (con quen fundará a editorial Sept), os Alvarez Blázquez,
se ben acusa o desánimo polo enorme revés sufrido. É o tempo da pintura, das acuarelas, dos
paseos polas praias de Coruxo, é o tempo de reorientar a súa vida persoal, de imaxinarse outra existencia.
A Londres fuxe para exercer de locutor na BBC, cun programa en castelán, en inglés e outro tamén
en galego. Sería o primeiro programa no noso idioma no mundo da radiodifusión, e nas colaboracións
volve sobre os seus temas habituais e lembranzas. Unha ollada a estes traballos, aínda por publicar, descubrennos
claramente como a vertebración das grandes liñas do seu pensamento, as súas preocupacións
e pareceres collen forza na primeira etapa.
En 1956 volve a Galicia e comeza a dar clases de inglés en Vilagarcía, no Instituto Laboral. Regresa
á prensa (Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, La Noche, El Pueblo Gallego) e aborda fundamentalmente temas
de naturaleza social e cultural, algúns deles pioneiros: o desenvolvemento do turismo, o Camiño de
Santiago, a importancia da formación, e sigue a darlle voltas á recuperación da nosa historia
e da nosa identidade (romaría viquinga de Catoira) dentro dos límites do sistema, claro está,
e participa nas tertulias literarias (Ateneo del Ullán). A posta en valor das nosas riquezas de todo tipo
estará sempre presente no seu facer. De cando en vez aporta a súa erudición en temas que van
da literatura á zooloxía ou aproveita para evidenciar o seu dominio na arte da traducción,
que sempre fará directamente ó galego, aínda que os artigos estén en castelán.
Con estes antecedentes, é claro que os méritos de Plácido Castro para figurar entre as persoalidades
máis destacadas do pensamento e da acción galeguista son máis que sobrados. Ogallá
que este centenario contribúa á dignificación da súa figura e a reivindicar o seu pensamento.
|