|
A beleza natural de Galicia pode ser respectada polos
avances industriais
Plácido Ramón Castro
del Río
La Noche, 14 de -- de 1956.
As festas locais teñen unha estreita relación
coas actividades turísticas dunha poboación non só no que concirne ó excursionismo
da comarca senón no que se refire á atracción de forasteiros vidos de máis afastadas
terras, españolas ou estranxeiras. Por iso paréceme oportuno contribuír a este extraordinario
de La Noche dedicado ás festividades vilagarciás, con algunhas observacións relacionadas co
turismo. Sen que eu me atribúa a categoría de especialista na materia, tal vez unha longa e variada
experiencia viaxeira e un considerable coñecemento de turistas de diversos países me conceda unha
modesta autoridade para opinar sobre o tema.
É indubidable que Vilagarcía goza,
en canto ó turismo, de valiosos atractivos presentes e de aínda máis prometedoras posibilidades
futuras. Nos seus habitantes inflúe tamén poderosamente o afán de incrementa-la súa
potencia industrial. En torno a esta última cuestión, preséntase en Galicia unha controversia
que me parece un tanto absurda ou que alomenos en moitos comentarios xornalísticos se sacou do terreo do
senso común. Ninguén que o teña será quen de opoñerse a unha industrialización
axeitada ó carácter do noso país, pero tampouco unha persoa sensata deixará de comprender
que a beleza natural é unha riqueza en potencia tan valiosa coma calquera outra. Ha de procurarse que calquera
avance industrial non dane esta beleza da nosa terra, que é á vez un tesouro espiritual e material.
Non é lirismo trasnoitado –como algúns pretenden– este afán de conserva-los encantos da Natureza.
En Galicia, mesmo cun criterio meramente materialista, é perfectamente lóxico soster que o turismo,
para o cal esta beleza é unha base indispensable; pode chegar a ser unha das principais, se non o principal
entre as dúas cousas, o progreso industrial e a conservación da súa beleza. Entre elas, cun
criterio sensato, non ten por qué haber incompatibilidade.
Outra observación que me parece oportuna
é a de que o turismo galego non debe apreciarse con criterios localistas, senón harmonizando os intereses
locais cos comarcais e rexionais. Ningunha poboación, por importante que sexa, pode estructurar debidamente
as súas actividades turísticas sen relacionalas coas do país que as rodea. E en particular
Vilagarcía, que á parte dos seus valores propios posúe a grande vantaxe de atoparse situada
nunha das rutas fundamentais do turismo en Galicia, a que une a Compostela coa Toxa e logo coa costa galega máis
ó sur. E o día en que se leve a cabo a construcción da proxectada estrada do turismo ó
longo da costa da provincia coruñesa esta situación estratéxica de Vilagarcía adquirirá
aínda máis valor. O que é unha mágoa é que aínda falten os medios axeitados
de transporte para sacar pleno rendemento desta posición privilexiada. Non se esqueza que non tódolos
turistas veñen en coche de seu ou gustan das viaxes en rabaño da excursión organizada. Moitos
prefiren face-las viaxes á súa maneira, ir de un sitio a outro cando lles parece, emprender excursións
dende calquera centro que se lles faga grato. Para iso, ó meu entender, resulta imprescindible a organización
de mellores comunicacións por estrada, entre elas moi principalmente, dende o punto de vista de Vilagarcía,
un servicio estival e turístico de autocars, cómodos, rápidos e limpos –malia que o custo
da viaxe fose superior ó normal– que unisen a esta poboación con tódolos pobos situados ó
sur da ría, ata a Toxa, o Grove e a Lanzada, e enlazase con servicios similares que chegasen pola costa
á capital da provincia. Poucas rutas serían quen de ofrecer tanta e tan variada beleza ós
turistas. Pero creo que todo o mundo recoñecerá que os nosos servicios de “liña” non están
en condicións –por moitos motivos que non hai lugar para expoñer aquí– nin tampouco teñen
horarios axeitados.
P. R. Castro.
|