| ·Fundación Plácido Castro |
Xustificación do nacionalismo
Plácido Ramón Castro
del Río
“Justificación del nacionalismo”.
La
Nación. Buenos Aires, 22 de maio
de 1932.
O recente movemento galego en defensa do ferrocarril
Zamora-Ourense-A Coruña, a parte de calquera aspecto político e de toda consideración técnica
arredor da citada vía, ten un profundo interese dende o punto de vista galeguista. Estimo, coincidindo coa
opinión exposta por Jesús Bal, que o movemento en si ten moita máis importancia que a cuestión
que o provocou; e creo que os seus efectos perdurarán na nosa vida política aínda despois
de terse resolto o problema da construcción do ferrocarril.
Porque non pode pasar sen ter deixado unha profunda pegada na conciencia de Galicia, unha ocasión na que,
por primeira vez en tempos recentes, a nosa terra adquiriu impulsada polos seus propios sentimentos, unha unidade
e un sentido de solidariedade que revelaron unha cohesión insospeitada. Non soamente se derrubaron as barreiras
de clase, senón que algunhas aldeas que non tiñan interese directo na construcción do ferrocarril,
e incluso varias que poderían xulgarse prexudicadas pola nova vía, se sumaron ó movemento,
facendo que este sobrepasase tódolos límites do localismo e do provincialismo para adquirir o carácter
dun levantamento de Galicia en defensa do que estimaba o seu dereito. Foi un verdadeiro plebiscito, quizais o máis
auténtico que se realizou en España; e aqueles que ocupando cargos representativos non lle prestaron
a súa adhesión, deixaron de ser, en esencia, representantes xenuínos da vontade popular.
Ó meu entender, este fenómeno do espertar galego é o máis valioso reforzo e argumento
máis irrebatible que recibiron os defensores da autonomía de Galicia. Porque se a protesta transcendeu
os límites locais, isto debese á existencia dunha conciencia de Galicia, unha ocasión en galeguidade
nos habitantes da nosa terra. Algúns homes representativos que militan en partidos ata hoxe opostos a toda
forma de descentralización fixeron, con motivo do referido movemento, declaracións favorables á
autonomía. É dicir, que os feitos os convenceron e espertaron o seu sentimento de patriotismo galego.
Por outra banda, o simpático e rechamante xesto dos habitantes de Sanabria, que se sentiron orgullosos e
enaltecidos baixo a bandeira de Galicia e que transportaron cara a Zamora os límites da súa provincia
desafiando a toda a burocracia madrileña, demostra plenamente que Galicia é algo máis ca unha
división xeográfica, que teñen os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais,
para ser unha nación sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúa.
Sen embargo, os que queren a todo transo buscar argumentos para combater o galeguismo, afirman que esta solidariedade
de Galicia soamente se conseguiu por motivos económicos, dando a entender que tódolos demais aspectos
non interesan a ninguén. Máis eu atrévome a afirmar que se consideramos tódolos aspectos
do movemento en defensa do ferrocarril, teremos que recoñecer que a súa extensión e importancia
foron debidos á existencia dunha forte emoción galega -latente nuns, consciente noutros-. A protesta
foi transcendental e eficaz porque os galegos se sentiron galegos antes que españois. E se así aconteceu,
non soamente queda plenamente xustificada a tese nacionalista, senón que se demostra o labor do galeguismo
en toda a súa pasada actuación, aínda nas súas fases máis románticas
e líricas, que a moitos se lle antollaban un mero xogo inútil e sen aplicación práctica.
Sen o labor do nacionalismo galego Galicia seguiría tan insensible como antes e tería soportado con
resignación a privación da que querían facela víctima. Pero dende agora Galicia sabe
que existe e Madrid sábeo tamén...
E non é soamente na nosa terra onde a conciencia nacional, conservada en tempos difíciles polos nacionalistas,
rexurde como un potente factor político. O recente triunfo de De Valera en Irlanda é unha proba máis
de que o sentimento patriótico é máis potente e perdurable que as razóns materiais
e económicas. Nun próximo articulo falarei deste feito tan significativo na historia dos movementos
nacionalistas.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2001